domingo, 27 de outubro de 2013

Nádegas

A ver se co aforro enerxético tan importantísimo que imos lograr por mor destes absurdos cambios horarios, podo permitirme volver pagar catrocentos cincuenta céntimos (tres mil reás) por unha caña no Gijón.
Que me atenda o camareiro de chaqueta branca con galóns de almirante e andar tranquilo de avezado grumete.
Ben sei que nin hábito  nin abadía fan ao fraile; pero a min aquel lugar inspírame. Non sei se polo ar que fala en pretérito, se polas litografías con nádegas ben debuxadas dunha femia que me volven ao presente. O certo é que no futuro quero volver.

Foto: O meu primeiro libro. Busco editor

12 comentarios:

susana moo dixo...

Pois aceptaba -se me invitases- a unha caña no Gijón. Pero só se me invitases, que eu non deixo catrocentos cincuenta reás nun grolo de cervexa, por moi fermosas nádegas que por alí paseen.
Bicos rácanos.

pitima dixo...

Ah, pois, se existisen as viaxes no tempo, ti que para que cres que volverían os que puidesen...
bufs...
bufs...
Mediño. Se unha hora nos desbarata tanto... imaxina...
Bicos de onte, e aínda frescos!

Uol Free dixo...

Un bo lugar para comenzar esa empresa.
Apertas!

Merce dixo...

Non me digas que non trouxeches nin unha sola foto...

;)

Alís dixo...

Non é mal presente si a el te levan unhas nádegas de femia.
Imaxino que ó Café Gijón fáltalle agora o fume do tabaco, perdendo parte da súa atmósfera tradicional. Claro que peor é a falta de parte dos seus contertulios habituais.

Bicoss

Paz Zeltia dixo...

pois para ser nunha cafetería de tanta solera, e na Capital, inda non foi unha caña tan cara!
(Inda estou cabreada por os trescentos cincuenta que paguei eu por un mal rioja e unha tapa de tortilla sin ovos de verdade nun barrio humilde da Coruña,nunha calle detrás dos novos xulgados!)


inter nos: para facer un libro has ter que escribir algunha frase máis, inda que esa sexa cojonuda

paideleo dixo...

Presente, futuro,pasado...todos están no aire e nas nádegas.
Non aforremos e estraghemos os cartos todiños !.

Antón de Muros dixo...

Pois terei que ir ao Paseo de Recoletos para tomar un café e perder a miña ollada polo lugar sen pensar no tempo ;-)

Apertas.

Antón.

mariola dixo...

Eu tamén iba do boa gana, sentarse na mesa e ir observando esas litografías que dis facendo fincapé nas nádegas tan ben postiñas- sei que hoxe non era de poñer a foto porque o libro é máis importante, verdade? e deleitar o padal cunha caña ben tirada.
bicos chousa.


Anónimo dixo...

Eu convido!
Bicos xenerosos

Marisa dixo...

Un bo lugar para inspirarse
poida que aínda ronde por alí
algunha musa de Valle-Inclán.

Moitísima sorte co teu primeiro libro.

Unha aperta grande.

Chousa da Alcandra dixo...

Teño que matizar.
O meu primeiro libro é xustamente iso que vedes na foto: tres liñas nunha servilleta do Café Gijón.

Sigo sendo o canteiro de sempre. A ver se me ides perder o respecto, carallo!