mércores, 28 de novembro de 2007

Fortaleza

Resulta imposible ó camiñante non percibir o señorío que exerce este castiñeiro da imaxe, incluso hoxe coas suas follas facendo un manto sobre o prado.
Percíbese maxestuoso e forte dende o camiño.
E cando o miramos unicamente observamos a sua esbeltez, a sua capacidade para enmarcar unha estampa magnífica. Nin se nos ocurre pensar as peripecias que tivo que pasar para chegar a onde chegou... Non ser esmagado, tronzado, pacido, arrincado, seco pola xeada...
Que ninguén chore polos avatares diarios. Que ninguén se deixe pacer, esmagar, arrincar ou tronzar!
Hai que ser fortes, carallo. Incluso cando temos as follas facendo un manto sobre o prado...

(Foto: Tarde de outono en Antas)

martes, 27 de novembro de 2007

Delicadeza

Nas avanzadas datas que estamos (xa empezan con anuncios do Nadal), e ainda temos rosas ao aire libre en pleno vigor!
Ben sei que está a ser un outono totalmente atípico, pero incluso nesa diferencia resulta cando menos sorprendente atopalas así de esplendorosas.
De seguro que ninguén se vai estrañar moito se recoñezo a miña devoción polas flores en xeneral e polas rosiñas en particular. Solo a sua visión provócame ledicia. Atráenme visualmente, deléitome na sua textura delicadísima e empalágome no seu perfume.
E non vou confesar agora as similitudes que me traen á mente, que non é horario infantil...

sábado, 24 de novembro de 2007

Transplante

En ocasións sentímonos totalmente fora de lugar, de tal xeito que desexaríamos desaparecer e o instinto pídenos pechar os ollos coa fin de fuxir desa realidade que nos resulta allea.
Con todo, ese tipo de entornos que nos resultan desagradables provocan e logran que desenvolvamos toda unha serie de habilidades para poder "manter o tipo" con unha certa elegancia.
Unha vez superadas fan que sexamos máis fortes e que disfrutemos moito máis cando estamos na "nosa salsa".
Fai un tempo púxose de moda transplantar oliveiras. Din que os traen de Jaen e seica costan unha pasta. Non os admiro en demasía, pero recoñézolles unha resistencia e valentía importantes.
Están fora do seu entorno e nestes días mustios e frios lucen unha briosidade espectacular. Estarán finxindo ou simplemente utilizan as habilidades de supervivencia?

mércores, 21 de novembro de 2007

Perspectiva

Cando miramos non sempre vemos. En moitas ocasións percibimos.
A capacidade perceptiva acaba por distorsionar certos detalles da realidade que poden escarallar a mensaxe ou, se cadra, engrandecela.
Decía Machado que o ollo non se define como tal polo feito de que o poidamos ver, se non pola cualidade sinxela e complicada de que él mesmo nos pode ver.
Todo é subxectivo, incluso cando se mira con perspectiva.

(Foto: Parra, horta, hórreo...ou viceversa?)

sábado, 17 de novembro de 2007

Impacto

Cada quén emprega o seu xeito de chamar a atención dos semellantes, xa sexa para establecer lazos de amistade, comerciais ou afectivo-sexuais (ás veces varios destes obxectivos poden incluso ir misturados).
Adornámonos das mellores lencerías lingüísticas e desplegamos toda a maquillaxe de movementos coa fin de obter un resultado. No fondo buscamos impactar e causar boa impresión. Pero todos eses recursos son interpretados de xeitos moi dispares polos conxéneres e polo propio entorno, fagocitando a intencionalidade ou causando o efecto xustamente contrario ó perseguido.
A flor que sosteño na man seguramente pretendía chamar a atención de insectos que acometerían a polinización da especie; pero a atracción que causou en min supúxolle a morte prematura.
Ás veces pasa.

mércores, 14 de novembro de 2007

Eu-femismo

Está visto que os do vulgo non semellamos á realeza en nadiña. Mantémonos dende a abismal distancia cromática da hemoglobina ata as sinxelezas máis xenuinas da semántica.

O diaño me libre de frivolizar cos feitos (xa hai abondo quen se encarga dese eido), pero neste tempo de humanización da realeza, permítaseme un apunte: agora resulta que, mentras os vulgares separámonos; eles cesan temporalmente na sua convivencia.

Hai que joderse!. Ata botando peidos han ser elegantes.

(Foto: A xeada fai estragos nas miñas roseiras)

sábado, 10 de novembro de 2007

Friaxe

Cando se anica o sol, a friaxe das noitiñas deste Samartiño seco queiman con parsimonia silenciosa a delicada cutícula vexetal que ainda ten a osadía de campear a estas alturas do ano por mor da ausencia dos ventos.

Non chove e compre que o faga. A terra precisa da auga fertilizante, pero -permitídemo- eu disfruto deste panorama distinto que nos ofrece a natureza deste ano. Prometo render tributo ás choivas que han chegar, pero mentras...

xoves, 8 de novembro de 2007

Meme(nto)

Levo uns días estresado co carallo do encargo de facer esto do meme. Esto é parecido a esas vodas ás que non tés interés en ir, pero se non te chaman semella que te esqueceron e amólate.
Cando recibín o primeiro convite non tiña claro se atinaría con 8 destinatarios ós que jorobar coa carallada esta. Pouco a pouco fun recibindo invitacións dos posibles candidatos, co cal íanse autoexcluindo como posibles víctimas do meu contraataque...
A cousa é que teño que superar a leria, así que hoxe fun ó "Antas vello" a fotografiar este seto que sempre me chamou a atención e que me viña como arandela ó parafuso.
E, claro, teño que engadir 8 cousas; de modo que me vou enganchar á M de buxiños que recortou o meu veciño e que me traen á miña mente lembranzas e sensibilidades especiais. Direinas de carreira con orde aleatorio: mamá, manteca, morriña, maquía, muller, mar, maxia e mestura.

Tal e como dixen na introducción, entre as invitacións recibidas e os que xa estades involucrados no tecido este, non me queda a quen reenviarlle a arañada; con todo xa me sinto aliviado de ter cumplido o encargo.

domingo, 4 de novembro de 2007

Distorsión

As mensaxes que cada segundo recibimos do entorno, non sempre son axeitadamente procesadas polo noso entendemento. Unha mirada, un xeito de mirar ou unha expresión poden suscitar ideas e intencionalidades que nada teñen que ver coa mensaxe emitida.
Como aparellos radiofónicos mal sintonizados facemos cúmulos de datos que apilan erro tras erro en hertziana desorde.
Seguramente o máis sinxelo resulta apagar o pontenciómetro da distorsión e...simplemente ver e mirar.
Con todo o que digo, hai ocasións nas que agrada deixarnos levar...Pensar que a mirada era de lascivia e non de recriminación; que o guiño foi de complicidade e non un simple tic; que o suspiro foi de desexo e non de cansancio...

xoves, 1 de novembro de 2007

Novembro

Como quén non quere a cousa, de xeito imperturbable, o reloxo anual está a piques de situarnos nos seus derradeiros días deste ano impar.
A festividade de hoxe nunca a entendín moi ben. De neno bromeábamos co feito de que "era o noso santo" e como non había escola, sempre era benvido.
Situar un día no calendario adicado a tódolos santos seguido do día de defuntos, precisamente na época da caida da folla, dos inicios ventosos, días curtos e sombríos (ainda que este ano non sexa o caso), evoca un certo sentimento tristeiro, cargado de musgo, fumento e húmido...
Somente a natureza sabe mimetizar a sua capa vital a cada momento, pervivindo e supervivindo a cada envite.
Felicitacións para todos e todas. Xa que é o voso santo!!

(Foto: tomada en Toande -Antas de Ulla-)