luns, 28 de xuño de 2010

Precipicio

Unha composición accionarial ben repartida entre suavidade e dulzura. Un balance saneado e axeitadamente compensado entre a pigmentación fixa e maila polinizadora. Uns recursos propios suficientes como para agardar magníficos resultados de conquista.
Enervado pezón vexetal na cúspide da excitación. Abertos os pétalos, receptivos os pistilos, acolledores estames e firme o talo, tan so meneado pola lene brisa da tardiña verde...
Con este panorama contable, vai o paspán do insecto e asómase -nun perigoso exercicio de equilibrio- ao abismo da quebra financieira.
Mesmo semella estar a piques de lanzarse a un precipicio de pouco medidas consecuencias que supoñen unha nefasta calidade directiva e unha pésima xestión da oportunidade. E despois dirá que fai fresh banking...

Foto: Equilibrio. Agasallo de Tres Trisqueles para compartir coa Chousa

mércores, 23 de xuño de 2010

Queimada

Que os mouchos, as curuxas, os sapos a mailas bruxas sexan bós e xenerosos.
Que os demos, trasgos e diaños acouguen o seu ímpetu.
Que ningunha barriga de muller solteira sexa inútil (xa será utilizada cando se tercie!).
Que as linguas das mulleres -casadas e solteiras, con homes novos e vellos- sigan pecando per omnia saecula.
Que os corvos, as pintigas e as meigas non deixen de apelar a tronos e raios.
Dende o Centro Xeográfico de Galicia, berce do Ulla, queimaremos en augardente os malos fados, quedando así purificados...
E xuntando as forzas do ar, terra, mar e lume, brindemos sempre -aínda que sexa de xeito virtual- erguendo unha cunca de queimada.

Foto: Lume. Olliño, que -ademáis de purificar- tamén queima!

sábado, 19 de xuño de 2010

Descaro

Pouquiño a pouco ímonos mirando no espello global para copiar tendencias, asumir costumes e propagar ideas. A permeabilidade de cada quén vaise facendo máis mol na medida na que aumenta a exposición ás reiteradas mensaxes que chegan por tdt, adsl, fm e incluso un xurásico medio chamado prensa escrita.
Todos, sen excepción, disparan estímulos de todo tipo, co fin de incidir na nosa capacidade de elección, decisión e acción.
Con tantos recursos que empregan, hai que confesar que en moitas ocasións logran os obxectivos con óptimos niveis de eficacia.
Pero ás veces atópanse con individuos de rompe e racha, que non hai campaña que os penetre nin mensaxe que lles incida.
Son xente coas ideas claras e de principios firmes, que asumen a posibilidade de cascar, antes que verse influidos de xeito tan descarado. E non o fan por unha cuestión hormonal, senón por convencemento...

Foto: Ovo distinto da mesma galiña

domingo, 13 de xuño de 2010

Retagarda

Zafra para tornear barrotes, cincel para labrar pedras e agullas para tecer liño.
Seica son precisas ferramentas que evocan suplicio para amosar fermosura na porte e delicadeza na exhibición.
Porén, mentras observemos con deleite a perfección das aristas pétreas e o engarce axeitado do metal que se clava nas entrañas graníticas, protexendo o delicadísimo encaixe branco; non deberíamos obviar o lume na forxa, as chispas arrincadas á pedra nin as gotiñas de sangue que -de seguro- afloraron nos dedos feridos pola espita tecedora manexada por mans suaves...
Protexemos do exterior con sete candados o prezado lenzo; sen decatarnos que por onde máis riscos o atenazan adoita ser pola retagarda.

Foto: Mosteiro de Aciveiro. A 40 km de Antas de Ulla

mércores, 9 de xuño de 2010

Adaptación

Domados polas circustancias cotiás remexémonos con rosmonas protestas, mentras denunciamos as escasas posibilidades de estarricar os pés dentro do habitáculo que contén as nosas ledicias (moitas) e miserias (algunha tamén hai).
E patalexamos coa semántica e xesticulamos con vehemencia pedindo amplitude. Ás veces chegamos a sacar a navalla da ameaza para amosar unha capacidade agresiva que, coma a tona do leite, queda case sempre na superficie.
Tanta leria para que, chegado o caso, cando nos ceiban da cadea o único que se percibe é o ben afeitos que estabamos a aquel espazo que nos esmagaba e que agora, carentes del, corremos un serio risco de desintegración por espallamento. Podemos chamarlle perfil ou incluso intelixencia; pero en realidade so é adaptación.

Foto: E agora qué?

venres, 4 de xuño de 2010

Estratexia

O sentido da oportunidade canaliza unha boa parte do éxito emocional, afectivo e incluso empresarial. A ninguén se lle oculta que existen colateralidades -coma o azar ou a casualidade-, que están convocadas a conquerir a materialización dos obxectivos marcados; pero as probabilidades de ser rozado polo corno da fortuna (que xa podía tocarnos co deño mamiño!) son máis ben residuais.
Queda claro, polo tanto, que se fai preciso deseñar unha estudada estratexia para circular polo vieiro atinado, multiplicando de xeito exponencial aquelas nimias posibilidades.
E unha vez tecida ésta coa seda da imaxinación e cos ganduxos do saber, non vaiamos escarallar tanto esforzo intelectual cun evidente e flagrante erro posicional!.

Foto: Estratexia atinada. Ubicación errónea