domingo, 21 de decembro de 2014

Coteno

Sempre haberá motivos para reprender á humanidade polas contínuas tolemias que contra de sí mesma perpetra. Pódese condenar pero non hai maneira de executar a sentenza, pois todos somos copartícipes da barbarie, e non hai cadeas posibles para tanto reo.
Por iso a única maneira de redimir esa culpa común é individualizando a capacidade de poñernos as pilas para darlle un pulo ás cousas que están ao noso alcance.
Provoquemos a devaluación da mala hostia imperante para que cotice á alza o sentido común; aínda que ás veces este ande polas pólas. Unicamente así a nosa árbore de Nadal non será un coteno.

Foto: Sen pólas. E non polos pelos...

luns, 15 de decembro de 2014

Calzador

Formado con lecturas que afondan en procesos de marroquinería de alto copete, tamén recibe instrucións radiadas sobre a necesidade de vender zocas a funámbulos e tacóns a coxos.
Cada día trata con malfalados compradores de zapatos que cuspen insultos contra zapateiros e salientan desconfianzas en solas, cremalleiras e amallós.
No medio, na terra de ninguén, habita imperturbábel o dependente de zapatería; armado de sorriso, ás veces de gravata,  e sempre  de calzador...
Fiel á marca sen deslealdades á clientela, calceta transaccións de botas, chinelas e calcetíns.
Cando se deita remexe no baúl das cousas sen solución, soñando con zapatillas, sandalias e outras formas de calzar; mentras pensa no sinxelo de prestar asesoría sobre vestir os pés, simplemente, a quen descalzo non queira andar.

Foto: Café cardiomórfico. Feito, unicamente, para quen o queira tomar.

luns, 8 de decembro de 2014

Inzar

É a nosa obriga coidar o herdo que ata nós chegou. O máis grande legado recibido. O ben máis prezado, a semente do que somos, a esencia mesma dun pobo, o quid dunha cultura: a lingua.
Imprescindible abrazala coma a máis doce das amantes, para que floreza leda nas conversas. Necesario mantela húmida nos nosos beizos para que -quente e vizosa- ince a nosa fala de beizóns. Soamente así seremos nós mesmos. Con certeza.

Foto: Reflexo sobre un poema de Antón Sobral
Lugar: Exposición do Culturgal 2014 (Pontevedra)
Motivo: Datos do IGE. Necesidade de preservar a lingua galega. É da nosa competencia. 

luns, 1 de decembro de 2014

Carrelo

Vestida para namorar, a natureza maquíllase de cor con tinguidura de choiva.
E vese bonita e mírase provocativa;
abaneando a súa sensualidade de quietude imperativa,
sábendose protagonista no altar do valo cos seus bodoques de noiva.
Silandeira e pícara fai proposicións de amor,
lembrando poemas lorquianos que a queren desa cor.
E acaba consumando amoríos de caramelo,
convidando ao transeúnte para que se suba ao seu carrelo...

Foto: Carriza. A icona húmida.

venres, 21 de novembro de 2014

Granel (a)

Hai quen atura o ritmo frenético deste correr para ir ata ningures, quen sabe modular con eficacia os efectos nocivos de tanta sucesión de trapalladas que van na procura da estupidez.
Incluso hai quen é capaz de non ulir a podremia que se instala nos seus bigotes.
Pero á maioría, de cando en vez, non nos queda máis remedio que volver á consulta de psiquiatría, e pedir que nos prescriban alprazolam visual a granel.

Foto: Botica sensitiva.

domingo, 16 de novembro de 2014

Fa

Intérprete de todas as sinfonías, 
de todos os bicos pentagrama;
afinando dozuras de moita fama,
dona leda de sorrisos e ironías.
Es ti, nena de ollos doces,  
que temperas o vento axitando a calma.
Escouchas sons creando voces;
fiando notas de nobelos de la,
que rozan o corpo e aloumiñan a alma.
 Dixitando para o sol en clave de fa.

Foto: Concerto para mi(n) na cima do Fa(relo).

domingo, 9 de novembro de 2014

Extensible

Foi un frechazo. Gustámonos a primeira vista. Ningún dos dous estabamos preparados para coutar aquela paixón que xurdiu de súpeto entre nós.
Fiquei máis pampo que os partidos políticos coa última enquisa do CIS.
Entón fuches ti quen deu o primero paso. E o segundo.
Achegácheste á solaina do teu pazo de fidalguía verde; e, sen mediar palabra, deixáchesme claras as túas intencións. 
Eu, atónito e confundido, unicamente puiden estender a miña man para recibirte. Horas despois, non fago máis que pensar na maneira de darlle cabida... a tanto amor.

Foto: Amor extensible.

sábado, 1 de novembro de 2014

Follas

Nas aulas de trigonometría -cando o alumnado marcha- os triángulos cobran vida, e senos e hipotenusas brindan con tanxentes en bacanais de sensualísima harmonía. 
Seica houbo quen escoitou a un polígono trilateral mentras esta confesión a outra figura xeométrica lle facía:
 Enchárcaseme o pensamento coa mera alusión imaxinativa; e nesa poza circunstancial as follas que se desprenden do meu maxín, non son máis que recurrentes envites cara o teu vértice das ledicias...

Foto: Follas na poza.  

luns, 27 de outubro de 2014

Botas

Chegou sen que me decatase. Non sei onde podía ter eu os ollos postos para non vela apearse do vehículo que a transportaba.
Cando mirei xa estaba tecendo puntos de cruz nunha caixiña de costura tan pequena como a agulla que empregaba.
 Debíalle gustar o que tecía,
 pois cada tres ou catro puntos que daba,
 luminosa e abertamente sorría,
á vez que con graza unha perna abaneaba.
E marchei aparvado, sen saber que miniaturiña urdía;  se veu en coche, motorizada, ou  talvez gallopando polo empedrado, naquelas botas azuis montada.

Foto: Bicicleta rosa aparcada.

domingo, 19 de outubro de 2014

Capitanas

Dobreces témolas todos, 
rechamantes ou non tanto;
nimas ou superiores,
familiares ou adquiridas.
Soldadas á personalidade
latexan de xeito perenne;
silentes unhas veces,
dolosamente patentes outras.

En formación de ataque, as brigadas do pentagrama lanzan dardos en clave de sol e disparan misís de tres por catro. Parapetándose con escudos de corcheas, avanzando con destreza entre fusas e bemoles, conquistan o obxectivo a base dunha artillería musicalizada.
Mentras fan todo iso non esquecen mirar de reollo ao comandante, manteñen a atención na melodía, dixitan con elegancia; e, sen sairse da escala, desfilan como capitanas.

Foto: Escola-Banda de Música de Antas de Ulla (Retagarda de flautistas).

domingo, 12 de outubro de 2014

Xaculatoria

 - Ave María Purísima
- Sen pecado concebida. Canto tempo hai que non te confesas, filla?
- Descantá que non veño señor cura.
- E como é iso?
- Ocúpame moito tempo ler o DOG e mailo BOE,  as directivas da UE, as cotizacións do Ibex35 e mailas fluctuacións dólar/euro...
- Tes que vir escoitar a Palabra de Deus para salvar a túa alma.
- Pero a min gústanme as palabras dos homes. E ademais xa vexo Sálvame...
- Filla...ese non é o camiño. Debes reorientar a túa vida para que cando o Señor te chame poidas presentar o teu baúl ben cheo...
- Xa, señor cura; pero eu non formei parte da cúpula de Bankia e a miña tarxeta é, simplemente, azul.
- Ego te absolvo a peccatis tuis...
- Señor cura; falta a penitencia.
-  Boh, por faltar tamén che faltan propósito de enmenda e centímetros na saia; pero estendémonos moito no post; así que de momento rézame xaculatorias, desenchufa a televisión e volve por aquí en vida, que xa terei operativo un TPV para tarxetas azuis.

Foto: Vidreira de Santo André de Teixido.

domingo, 5 de outubro de 2014

Nómades

Non teñen establecemento fixo.
Elas vanse sen previo aviso,  levando consigo toda unha bagaxe de curvaturas con magnéticas xeometrías.
E deixan tras de sí levísimas testemuñas da súa estadía. Apenas algún elemento piloso enroscado nun chan cargado de risas picantes que ule a crema solar mesturada con intencións inconfesables.
Ás nómades da praia cústalles desprazarse e camiñan con nugalla. Elas non o saben (ou si); pero, ademais de transportar os seus útiles de sedución, carrexan ducias de córneas masculinas adheridas a algunha das pezas dos seus bikinis.

Foto: Nómades dun deserto superpoboado.

mércores, 1 de outubro de 2014

Ventar

Asomados á solaina do maxín, no peitoril dos pensamentos; resulta moi doado comprender que  (de cando en vez) vén moi ben mandar calar todos os ruidos para volver sentir as propias sensibilidades. 
E ventar polas ventás do ser a harmonía coa que se sostén a  natureza nun mundo que, a través dos telexornais, unicamente semella que se escagalla.

Foto: Desembalsando olladas. Sobrecedo (Taboada)

domingo, 21 de setembro de 2014

Unanimidade


A auga segue correndo coma fai dez anos, preñando de verdor cinguido a capa do país, enchendo o ar de sons e recendos que nos son propios.
Mais; que sería daquel consenso de setembro do 2004 cando no Parlamento galego se aprobou por unanimidade un Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que ía garantir, conseguir, introducir, promover e dotar?. Levaríao a corrente?
Aquela promesa feita ao pobo galego non soamente deixou de correr. Puxéronlle diques, construiron tostas, trabaron caneiros e trouxeron outras augas para regar o que ela xa regaba; ata facer dela unha nimiedade impresa en papel mollado.
Por iso non é tanto pedir se esiximos que se cumpra a palabra dada. Non é tanto se esiximos que se defenda a esencia de ser o que somos: galegas e galegos. E quen sinta vergoña de tal condición, pode embarcarse cara outras augas e deixarse levar pola corrente.

Foto: Fragas do Eume.
Imaxe do pé: ProLingua.gal

martes, 16 de setembro de 2014

Recato

Esta teimuda tendencia por andar trotando a cotío sobre unha inmensa baldosa, exhibindo pudores e gardando recatos, acabará por diagnosticarse perniciosa para a ilegalidade vixente.
Mentras non se aborda tal disposición conviña que fósemos algo máis naturais, aínda que tal comportamento supoña a quebra encadeada de todas as firmas de lencería.
A perda sería terrible, pero así teríamos algo importante que volver refundar.

Foto: Pólas impúdicas. Futuras modelos de Pleasurements?

domingo, 7 de setembro de 2014

Campá

Empoleiradas en altas torres ou incrustadas en elevadas espadanas de fina e adornada cantería, as campás buscaban achegar os seus sons aos máis alonxados da contorna para que ninguén poidera non darse por avisado das horas litúrxicas.
E así chegaron ata os tempos do whatsapp, no que seguen campando con elegancia e gallardía.
Para animalas e sacarlles novos bríos, moitas veces me teño preguntado -escoitando como laian anunciando defuntos- se non poderíamos facelas repenicar xubilosas cando no lugar nace unha criatura.

Foto: Campá de Freixo (A Fonsagrada), lista para anunciar un parto.

luns, 1 de setembro de 2014

Tellado

Nunca saberemos quen desfruta máis; se o vento acariñando as follas, ou as follas sentíndose acariñadas. Por non saber non sabemos se é o vento o que percibe aloumiños, e por cada folliña é agarimado.
Descoñecemos o que é ser auga nin sabemos o que goza unha tella mollada. Se é mellor agardar que cheguen as choivas e notar as cales até os sucos mergulladas; ou precipitarse en vertical para esmorecer gozando nun tobogán de ondiñas calcetado.
Nunca saberemos se é máis gozoso ser vento, folla, pingueira ou tellado.

Foto: Tobogán de ondiñas.

sábado, 23 de agosto de 2014

Cruces

"Pode unha fotografía superar a un deseño, como documento; mais eu aseguro que os meus deseños son fideliños e que ao facelos comunicáronme un coñecemento da materia que sería inaicesible ao siso dun simple fotógrafo"

Non sei se a moza da fotografía coñece esta reflexión de Castelao no limiar de "As cruces de pedra na Galiza"; pero estou convencido de que se el poidera ver esta imaxe pasaríalle o mesmiño que a este simple fotógrafo: tamén se quedaría de pedra. Agora, facendo caso ao mestre, vou tentar deseñala para que me comunique coñecemento da súa materia...

Foto: Cruceiro de carne na Galiza.

domingo, 17 de agosto de 2014

Síncope

 Todo está medido. As cordas tensadas, o arco listo para fretalas e arrincarlles -a base dun vaivén  infinito de caricias- os gozos reiterados da melodía.
Marcando os tempos que van no pentagrama, atentísimos ao compás, pendientes da harmonía; tendo coidado cos silencios;  calcetando fusas, tecendo arpexos...
A resonancia é perfecta, o instrumento axeitadamente acoplado. O público entregado.
No medio da interpretación, entre tanta marabilla, ninguén se decata que o corazón da violoncellista ficou sincopado.

Foto: Interpretando a Tchaikovsky en Antas (FestiUlloa2014)
(A última liña é unha ficción relatada por este blogueiro que gosta de xogar coas palabras)

domingo, 10 de agosto de 2014

Catedral

Nesta terra  que maximiza o incensario ata o grao de botafumeiro; na que os camiños acadan a maiúscula no singular. Onde o verde rebecha incansable ata convertirse en esencia mesma que se respira e se mama.
País onde o rexente do muiño tórnase feminino para poder bailalo; espazo estelar fermosísimo que destila as bágoas da montaña coas que fai conxuros curadores.
Aquí, onde somos capaces de facer embelgas na ría, foi onde o mar quixo espetar a sede da súa  única Catedral.
.
Foto: Virxa da Barca. Muxía.

venres, 1 de agosto de 2014

Ralentí

Cando a visibilidade só posibilita velocidades de baixos desenvolvementos; é a ocasión máis propicia para relaxar os pedais, colocar a transmisión en punto morto e permitirlle ao motor revolucións calmosiñas.
Son excelentes momentos para que as carrocerías tomen o protagonismo da quietude, mentras debaixo da delicada epiderme metálica do capó escóitase namais o lene latexo da carburación ao ralentí.
E que o mundo siga rotando. Se lle peta.

Foto: A gusto no agosto.

domingo, 13 de xullo de 2014

Entropía

Na actualidade informativa resulta sumamente complicado acadar niveis de excelencia periodística. 
A autodescualificación que promoven algúns medios do audiovisual non o pon nada doado para que os verdadeiros profesionais, cunha man no peito, poidan desenvolver o seu traballo con rigor.
Se a este caos lle engadimos o batifondo que aportan os entrevistados que non din o que pensan ou non pensan o que din; queda clariño que ás reporteiras actuais, para desenvolverse nesta entropía mediática con profesionalidade, unicamente lles queda empregar novos recursos que permitan acadar resultados óptimos.
Un deles é facer as preguntas do revés, para que así saia algo do dereito.

Foto: Reporteira 7.0

domingo, 6 de xullo de 2014

Xata

Houbo un tempo no que era, practicamente, da familia. Vivía baixo o mesmo teito e aportaba singular relevancia á economía familiar.
Din que do porco aprovéitase todo; pero nada se desperdiciaba de min. Nin o leite, prezado tesouro alimento da casa; nin a bosta, imprescindible nutriente da terra. Sen esquecer o meu potencial motriz turrando de carros e arados...
O progreso trouxo outras pintas á estabulación. Agora non traballo, múnguenme de pascuas en ramos e non todos os da familia coñecen o meu nome. Son de aquí, chámome Xata e vou a clase de zumba para manter a elasticidade. 

Foto: Xata adestrando unha coreografía.

martes, 1 de xullo de 2014

Eufonía

Cando se quere é posible crear sen agredir; abonda con alinear intención e maestría  para acadar o sublime.
Pódense construir rañaceos moi altos; pero a realidade demostra que a verdadeira altura atópase en cotas máis baixiñas.
Sen mancar os oídos, aledando ao tacto e creando verdadeiras eufonías visuais para deleite do bo gusto.

Foto: Pazo da Inspiración. Trasalba (Ourense)

domingo, 22 de xuño de 2014

Nogueira

A forza da oralidade radica case sempre na intensidade coa que as palabras se vocalizan, a tonalidade coa que se expresan e maila paixón inserida na súa pronuncia.
Na expresión oral non hai tantos atadallos gramaticais, permitíndolle á semantica licencias que lle dan potencia á vez que abren vieiros para novos significados.
Por estas razóns, cando na casa de meu avó se alude á maxestuosa árbore que preside a aira e domina o curro, non se di da mesma maneira que se escribe. Ela é, de toda a vida,  Anogueira.

Foto: Juglans regia de cas Dionisio.

domingo, 15 de xuño de 2014

Abismo

Hai un abismo tan inmenso entre o público e mailo privado, que dá medo comprobar como aquel se afunde na súa propia ingravidez inoperante de búsqueda do mínimo esforzo; mentras estoutro  afúndenos a todos na súa incesante, ninfomaníaca e exclusiva búsqueda do máximo beneficio.
Ambos modelos poden convivir; pero sen esquecer que hai servizos que nunca deberían ser privados e outros teñen que ser públicos. Facelo posible é cousa de todos: usuarios, funcionariado e outros artistas do fluvial. Deberíamos ter clariño que se nos quitan o río...deixa de haber dúas beiras!

Foto: Dúas beiras.

domingo, 8 de xuño de 2014

Viceversa

As máquinas máis perfectas necesitan filtros para impedir que lles entren perturbacións nas entrañas. Alí onde o combustible e mailo ar se xuntan coa chispa para que o pistón, acoplado e lubricado no cilindro, non pare de subir e baixar; desencadeando así un vaivén infinito de bielas que transforman o lume en movemento. E viceversa.
Por iso non vos debía estrañar que algunhas leven un filtro diante dos ollos para evitar -neste caso- a ignición instantánea somente coa súa mirada. E viceversa.

Foto: Filtros de miradas emitidas. E viceversa

domingo, 1 de xuño de 2014

Estrafalario

As cousas, incluso as boas, necesitan un tempo para ilas incorporando con algo de xeito á vida diaria. 
E aquí pasamos de mandar recados a mandar WhatsApps nun espazo cósmico moi reducido. É como se aos neandertais lles chega de súpeto a bisagra de bolboreta ou o grifo monomando.
A rapidez coa que nos está asolagando a tecnoloxía non nos permite xestionar cun mínimo de sentido o patrimonio recibido; e pasamos de ser donos invisibles dunha marabilla herdada a exhibirnos como propietarios franquiciados dunha serie de  trapalladas estrafalarias.

Foto: CocaCola na corredoira. Trapalladas a granel.

domingo, 25 de maio de 2014

Pedalear

Un dos incentivos que me arrincou do sofá para ir votar hoxe, era a intriga superlativa que me causaba ver á representante do Partido Pirata na mesa de Antas. 
Quería ver se levaba parche no ollo, saber de que perna coxeaba e, de paso, comprobar se a tiña de carballo, de castiñeiro ou ía en plan progre lucindo unha de pino do país.
Levei un chasco de carallo, pois non puxeron a ninguén. Como se non houbera onde escoller!. Pero nada, todo igual de anódino. Todos con cara de risa facendo chistes triviais e a mesa do xantar sen recoller nunha beira. 
Na cabina había tanta papeleta que caro me costou atopar aos meus piratas. Finalmente ensobrada a miña elección, fun con paso lixeiro para meter na rañura o meu desexo; cumprindo así o dereito cívico que me permitirá botar pestes sobre a piratería que se senta nas bancadas de Estrasburgo.
E mañá...a seguir pedaleando!

Foto: Estilosa pirata pedaleadora.

sábado, 17 de maio de 2014

Chuvia

Hoxe quero berrar baixiño para que me escoiten os xordos, e que a nosa fala enxaugue -coa sonoridade que nos é propia- os acentos de imbéciles e escuros que nin nos entenden nin fan por nos entender.
Hoxe quero buscar na despensa das ideas a ola das palabras,  para untarme na dozura da súa pronuncia.
Hoxe quero mergullarme nas letras dos nosos autores que falan de herbas pequeniñas e de árbores grandiosas.
Hoxe quero que chovan ditongos de ledicia; que veñan treboadas de substantivos para que siga salpicándonos -mil primaveras máis- esta sinfonía de corcheas verdes baixo o paraugas da lingua galega.
Hoxe quero. E mañá tamén.

Foto: Fonte das palabras.

xoves, 1 de maio de 2014

Merlo

Cando mirar para o ceo píntanos a intención de azul con pasamanería branca; cando escoitar aos paxaros remata en aloumiños para o ánimo; cando percibir o doce recendo do ar acaríñanos o pensamento; cando os dedos devecen -en convulsa tolemia- por tocar o mar de petaliños que nos enmarcan...; entón é cando xa non hai argumentos para conter a promiscuidade lingual na súa procura -con frenética lascivia- da dozura inmensa que reborda nesta hiperfloristería de sensacións a granel.
Débese a hemoalteración do maio; coa que a imaxinación -acugula de ansias por mirar tocando, ulir sentindo e gozar saboreando- convértenos a todos en merlos asubiadores.

Foto: Merlo busca Merla en maio. Razón: mazaira ullá.

martes, 22 de abril de 2014

Cromaticamente

Nun entorno dominado polo verde, que ten por bandeira un inmenso branco atravesado de  rotundidade azul;  hai que ter moita confianza no talo para campar así de garbosa nun medio tan cromaticamente hostil.
Agora dise personalidade; pero antes, cando ao fertilizante lle chamabamos esterco, diríamos: aí a tés, con dous pares! (de pétalos).
Por iso costa entender como con dúas pernas tan ben postas, acovarda desta maneira a algunhas (persoas) ter que volver á cotidianidade dun mundo cromaticamente afín

Foto: Directora xeral. Chulería na Ribeira.

xoves, 17 de abril de 2014

Paixón

Son tempos da sanidade enferma de tanto remendo, do ensino coxo por tanta carencia, das atencións sociais desatendidas, das estradas feridas por mil rabuñaduras con máis dun trienio.
Na época da austeridade para os gobernados por opulentos gobernantes dá gusto ver como os que mandan amosan ese coidado paternal que tanta falta nos fai; e nesta Santa Semana redobran os seus esforzos poñendo en marcha máis helicópteros sancionadores.
Iso é pura paixón...polas nosas carteiras!

Foto: Dixitadoras de rigoroso loito polos euros (e puntos) perdidos.

domingo, 13 de abril de 2014

Confidencias

Que o MEC dite políticas erráticas  nas que ora son un santo, ora son mesmo diaño... xa nos ten afeitos.
Que o BE mire para outro lado cando a súa obriga única consiste en coidar que non meta os pés na lama cando levo os zapatos do domingo, é unha carallada
Que o BCE non faga máis que emitir directivas baleiras de contido, forma parte da comedia
Que o FMI rañe a cabeza cando se decata das miñas tolerías consentidas, xa non sorprende a ninguén
A pesares de tanto desleixo;  que ti veñas onda min con camiñar decidido, te me arrimes descaradamente -sen perderme a mirada mentras dixitas intimidades- entregándome o teu PIN nos primeiros tecleos e agardas con ansia as miñas respostas posta na punta dos pés...non ten prezo!

Foto: Dixitando confidencias.

domingo, 6 de abril de 2014

Atallar

Unha pedra no camiño pode resultar un obstáculo infranqueábel, unha dificultade imposible, o final da andadura. E habelas hainas, abofé. Unhas postas e outras impostas. Algunhas buscadas e outras casualmente atopadas.
Hai camiñantes que esnafran incisimos e molares diante de tales pedernais, morrendo no chanto toda posibilidade de acadar máis camiño. Pero hainos que logran convertir o impedimento nunha excelente oportunidade para lucirse con caracoliños de elegancia, atallando por velocidade no lugar onde outros deixaron os dentes. 
Tanto cando pensamos que podemos franquear o atranco como cando non, estamos no certo. Cuestión, polo tanto, de actitude mental. Ricémonos, pois!

Foto: Rizo do rio. Elegancia encacolada.

martes, 1 de abril de 2014

Musgo

Andamos tan absortos nas trivialidades diarias, que por momentos corremos o risco de esquecer o realmente importante.
Inquietámonos en grao superlativo polo ar que nos alporiza o pelo, e rillámonos os miolos na procura inmediata dun peite que corrixa a desgraza pilosa; mentras amosamos un fondo desleixo pola desorde monumental que levamos dentro da cabeza.
Por iso conviña para esta primavera (e para as mil seguintes!), empezar por decatarnos que somos un garabullo con musgo. Básicamente coa fin de evitar que tanta banalidade nos leve a determinar que somos musgo cun garabullo dentro!

Foto: Reminiscencias do outono. Muiño da Picouta (Antas de Ulla)

sábado, 29 de marzo de 2014

Regaña

Fendedura eterna de imantadas polaridades, cráter infinito de todo tipo de lavas.
Redonceces duplicadas en debuxo de semicirculares figuras; que amosan á vez que agochan, que potencian ao tempo que disimulan; que turran, incitan e provocan. Xenuíno esbozo mamario.
Nobre retagarda epidérmica que non se cita pero que a todos atrae. Fina separación que polos ollos clama, delicada greta que por mans alleas continuamente chama.
Domicilio do cu. Buzón do perineo: excelentísima regaña!

Foto: Fende-dura

sábado, 22 de marzo de 2014

Idoneidade

Un individuo só está ben; aínda que axiña resulta triste, pobre, escaso, anódino. 
A parella empeza con bo pé, pero remata zugando a individualidade de cada un dos compoñentes para arrincarlles a esencia propia.
O grupo familiar acubilla, protexe, coida e dá calor; ata que se incorporan obrigas imposibles envoltas en fastos baleiros de contido que, por riba, tes que pagar.
Os amigos son un refuxio marabilloso mentres non cansas de levalos á casa borrachos coma calazas, carentes de esencia propia, tristes e anódinos; enfermos de soidade dende que romperon coa súa ex por non dar aturado fastos sen contido...
Cómpre un complexo proceso evolutivo para decatarse de que a idoneidade radica no trío.

Foto: Relación triangular no prado. Lambendo a perfección.

venres, 14 de marzo de 2014

Ladaíña

Regalía cutánea, ceboliña dos desexos, manancial da exuberancia, cumio de escaladas, destino das olladas, garavanzo do pracer, xema das luminosidades, devezo exquisito, ansia infinita, encaixe epitelial, punto singular, diérese sublime, matiz da convexidade, incandescencia solapada, bodoquiño excelso, devoción carnal , belisco perenne, galano visual, ledicia de amantes, gloria de lactantes, cúpula sensual...Ora pro nobis!
Ladaíña ás mamilas.

 Foto: Mamila cameliana (Somente a camelia aceptou posar...)

domingo, 9 de marzo de 2014

Espello

Hai días nos que é mellor non mirarse ao espello. Ese cabrón cristalino é capaz de amosarche a crúa realidade sen que lle estalen as fibras dunha diplomacia da que carece. E despois do impacto el queda tan longamente ancho pendurado na parede, encastrado no marco que un día lle puxeron. Sen inmutarse e mutando a novas imaxes. Sen fender aínda que ofenda. 
Logo de deixarte na máis fonda das miserias, el  é capaz de rír co río mentras xogan a ver quen reflicte con máis nitidez a superficialidade...

Foto: Autofoto no espello [Selfie]. Juapo juapo non son; pero teño un musjazo...

sábado, 1 de marzo de 2014

Extraterrestres

Tan grande capacidade de síntese posue o saber popular que é capaz de condensar en pouquiñas palabras o que podería ser un extenso tratado:
"Catro cousas quere o amo do criado que o serve: tarde á cama, erguerse cedo; comer pouco e estar alegre".
Vendo o que se dicía e o que acontece, queda clariño que a vixencia dese saber non ten data de caducidade. Os amos pensaban e pensan que os traballadores somos auténticos extaterrestres!

Foto: Zapato terrícola e máis E.T.
 

sábado, 22 de febreiro de 2014

Pingueira

Unha teima calada que ninguén ve e todo o mundo disimula, fainos mudar os marcos da serenidade e derrubar os valos que cinguen o comportamento.
Unha sorte de código xenético oculto, criado unicamente para conculcar leis, burlar decretos e vulnerar estatutos...
Unha porfía vehemente por brincar sucos propios para sementar en cales alleas; obviando as derregas, alterando os lindes; pacer herbas doutros predios, mallar mollos doutras medas... 
Trátase dunha necesidade imperiosa que combina a intensidade voluptuosa dunha fervenza co sixilo sensual dunha pingueira.

Foto: Fervenza en miniatura.

sábado, 15 de febreiro de 2014

Salpicar

A présa coa que vivimos non nos deixa disfrutar,
gastando o presente cavilando
no que o futuro vai deparar.
Apurados como andamos non temos tempo para reflexionar
o duras que son as pedras, que nin poden chorar.
Correndo como imos non paramos a pensar
o alonxados que estan o picho e maila pía, 
que somente se poden salpicar.

Foto: Verde salpicado.

sábado, 8 de febreiro de 2014

Brazado

Na escola ensináronnos a discernir entre unidades de volume e de superficie. Non sen esforzo por parte da mestra, fomos capaces de comprender que era un desperdicio botar o viño nunha hectárea; ou que non tiña xeito medir en hectolitros o nabal do agro.
Sentadas aquelas bases, axiña aprendemos a calcular áreas de leiras imposibles e volumes de caldeiros inexistentes.
Pero tantas horas lectivas riscando coa tiza no encerado, non nos axudaron a saber calcular  cantos bicos caben nun cuartillo nin canta paixón se pode conter  nun brazado...

Foto: Recreo. Mutacións volumétricas en superficie axardiñada.

sábado, 1 de febreiro de 2014

Satén

Baixa das alturas coa premura da necesidade. Acouga no leito do val debuxando un camiño de sonoridade. Facéndose grande aínda sendo cativa, deslízase con mestría, avanzando sensual e provocativa. Paseniña nas tostas, barulleira nas costas; hidroxenando as beiras, osixenando as ribeiras. Lambendo as herbas con vehemencia descarada, bicando as pedras con dulzura reiterada, facendo apoloxía de que vai mollada...
E, mentras pinta de verde o escenario que a contén; ela, acuosa, rizada e presumida, adobíase -lasciva- con encaixes de satén.

Foto: Encaixe de moléculas hidroxenadas.

domingo, 26 de xaneiro de 2014

Presuntos


Chegamos a un punto no que aqueles que semellaban ser referentes da nosa sociedade, móvense unicamente en dúas cordas: ou presuntos ou presuntuosos! 
E o máis fodido desta leria é que aos primeiros pagámoslles nós o avogado e aos segundos corrémoslles cos gastos suntuarios.
Se non fora porque nos dá a risa, era para chorar.

Foto: Xogando a ser pino. Alardeando no pinar.

sábado, 18 de xaneiro de 2014

Óxido

Comandantes con bigotiño pariron zarabetos que aluman ministros de xustiza con trazas de adiantados, pero que se destapan cangrexos cerebrais.
Colectivos oligárquicos que rouban ilusións a cara descuberta, trafican con dereitos e ocultan as pegadas con luvas brancas; mentras fuxen escoltados por tricornios acharoados.
Instituciós prostituidas e santuarios profanados, donos dunha rulada de ovos sen galadura...
Está claro: oxidóusenos a democracia.
Cando empezamos co esmeril?

Foto: Evidencia corrosiva.

domingo, 12 de xaneiro de 2014

Mando

Ser seica somos vivíparos; pero ultimamente reproducímonos de maneira tan esporádica que un xa pensa se esa querencia humana por estomballarse continuamente no sofá non terá algo que ver coa incubación...
E mentras no Seregueti continúa a loita encarnizada e asasina pola transmisión xenética; este menda, alleo ao mundo, sábese dominante unicamente porque manda no mando.

Foto: Último grito. Inclue tecla de reproducción.

mércores, 1 de xaneiro de 2014

Sedela

Aínda sentindo os ruídos de copas que estalan, do tecleo reiterado de palabras doces acompañadas de imaxes picantes, de uvas vasectomizadas devoradas ao son metálico de badaladas que non chamaban á misa; voltamos  aos aparellos da normalidade. 
Volverá ser o mar bravo o que nos chimpe na cara salpicaduras de realidades e haberá algún anzol rebuldeiro que se nos espete nos dedos.
Iso si; seguiremos percibindo a ledicia cada vez que sintamos que se nos tensa a sedela.

Foto: Peixaría con barra libre. Boa pesca para o 2014!