domingo, 28 de setembro de 2008

Osadía

Contan que a ignorancia é moi osada, seguramente por non ser quén de analizar as consecuencias nin o alcance dos actos que realiza.
Sin deixar de recomendar prudencia e mesura, tamén compre recoñecer que sin arroutes de osadía de cando en vez...deixaríamos de percibir unha boa parte do que nos rodea.

Andaba eu na procura dunha foto do insecto, agardando que se pousase nunha folla de mazaira e...voilà; mira ti onde se veu meter!

Foto: Algunha manicura na sala?

domingo, 21 de setembro de 2008

Técnica

Nos entornos pedagóxicos do márketing dise que o experto nesa materia non necesariamente ten que ser un comercial, pero que ámbolos dous profesionais se complementan.
O experto en márketing non vende; simplemente entretén e distrae ó cliente para que o comercial lle coloque o producto. As técnicas empregadas para esa distracción poden ser múltiples e moi variadamente inxeniosas.
Que vos parece se vos digo que na farmacia do escaparate fotografiado querían impulsar a venda dunha marca de alimentos infantís? . Como "dano colateral" se incrementan as vendas de caixiñas azuis...tampouco pasa nada!

Foto: Moreas (non mareas) de condóns en Burela (Cedida por V. da B. )

venres, 12 de setembro de 2008

Mesura

Agora todo o mundo recoñece que o ciclo económico nos está levando pola senda do retroceso e das dificultades.
Antonte todo eran chamadas a consumir, incluso por riba das propias posibilidades; onte falaban de moderación e cautela e hoxe aluden claramente á necesidade de controlar os gastos, incluso os necesarios.
Semella que estabamos nunha festa con xoldra e algarabía e metémonos nun sepelio de córpore in sepulto
Ultimamente parece que non hai termo medio.
Unha verdadeira mágoa, pois se sachamos un chisco no nabal da nosa memoria, axiña lembraremos que a mesura debía presidir cada unha das nosas accións.
Por iso hai que ter tino coas solucións, para que éstas non acaben por ser o problema.

Foto: Xa non temos ratos!

sábado, 6 de setembro de 2008

Discreción

Nunca vin a unha femia de lagarto alegre de cascos.
Abundando máis na observación, eu diría que son exemplo de discreción e recato. E por riba disque son animais de sangue fría; o cal lles debería aportar ainda máis cobertura nese plano.
Por iso non atino a comprender a teima humana de guindar sambenitos con marcados matices de caracter sexual, baseados nos animais.
Debería ser unha virtude que a alguén lle chamasen lagarta. Debería ter o sentido de muller áxil de movementos, silenciosa no desplazamento e absolutamente integrada no hábitat sin buscar o realce. Xustiño o contrario do que se pretende a quen tal calificativo se lle outorga (agás tal vez a alusión de "movemento áxil", pero non precisamente usado para o desprazamento...)

Foto: Unha lagarta de Antas de Ulla

luns, 1 de setembro de 2008

Intensidade

En ocasións sufrimos deslumbramentos frontais de tal magnitude, que nos deixan cos ollos lostregando por un anaco, sin que o nervio óptico sexa capaz de enviar sinais coherentes ó cerebro.
Unha morea de sempre renovadas e algunas veces case descoñecidas sensacións bolborotea por algures, resultando imposible precisar a ubicación.
Coa intensidade in crescendo, inúndanos un entusiasmado afán de embelesamento, atracción e desexo de seguir mirando para os pétalos abertos e deslumbrantes.
Ainda sin esquecer que ten raices, pode ser sublime a contemplación da flor.
E mentras me asbstraio nese estado, case ascético-místico, da contemplación pregúntome; qué pensará a flor?

Foto: Flor de agosto en Antas de Ulla