domingo, 24 de marzo de 2013

Tren

Dicir dinnos que somos libres. Pero lévannos en vagóns con capacidade limitada, sempre ensamblados na mesma vía, sempre xunguidos da mesma catenaria.
Cóntannos que podemos elixir, pero se así fose a condutora da miña vagoneta non había ter barba e polo carallo había ser zarabeta.
De todo canto nos contan, a metade son mentiras e o resto non son verdade. E así imos de estación en estación (cada 4 anos) continuamente enganados. 
Entre tanta vicisitude algo propicio tiñamos que atopar; así que o mellor deste tren, sen dúbida, é o chacachá.

Foto: Tren-vía.

martes, 19 de marzo de 2013

Ronsel

Mírasme e confirmas a miña propia existencia.
Puro equilibrio de grandiosidade minúscula que calceta fibras nimias en teares superiores.
Diástoles hiperbólicas que son grandiosas semellando menores.
 Por cada pestanexo teu, un brinco deste lado.
Así de complexo,  así de doado. 
 Fusión sen fisuras, que explica como un corazón pode bulir noutro peito sen ser transplantado.
Sentir que se ti me miras na noite, o ceo enteiro está iluminado.
Descubrindo, nena da branquiña mirada, que deixas no meu ser un indeleble ronsel tupidamente calcetado;
cosendo ledicias sen fíos nin dedal  para un pai absolutamente entregado.
Así de sinxelo, así de complicado.

Foto: Ollada da filla. Día do pai.

sábado, 9 de marzo de 2013

Imperio

Construiron leguas de autoestradas que conduciron a paraxes desolados. Hectómetros de papeis lexislados, para seren profusa e sistematicamente conculcados.
Teceron unha maraña de sortilexios habilmente salpicados coa liturxia do engano, incitándonos a crer que a podremia era unha constatación de madurez...
E así, pensando que iamos cara un paraíso de marabillas, vímonos -de súpeto- espetados no cumio dun imperio de tarados.

Foto: Parece, pero non é.

venres, 1 de marzo de 2013

Cúpula

Vai de sinxela pola gramática aínda que xoga na primeira división da arquitectura semántica. Fai así coma quen que non ten importancia, pero sen ela as frases quedan coxas.  Disfrázase de conxunción ou destápase coma verbo; une suxeitos, remarca atributos...
Agóchase pianiño, esvara lene, pronúnciase suave; mesmo semella non estar; pero que sería de nós sen a cópula?

Foto: Cúpula de San Pedro en Roma, a 2250 km ao Leste de Antas.