sábado, 26 de marzo de 2011

Asalar

Despois das friaxes da invernía, logo da reiteración nas treboadas ventosas de novembro e das neves purificadoras do nadal; asómase con timidez a primaveira.
E chega lucindo louzanía, facendo ostentación da súa picardía floral, das súas humidades latentes e do seu poderío cromáticamente engaiolador.
Preséntase amodiño, como facéndose de rogar, como asalando...

Foto: Xardín en Lalín. Tirámonos ás reboladas?

domingo, 20 de marzo de 2011

Resolución

Despois de que o mundo contemplase, con atónita e pasmosa insistencia, como o libio de labia trasnoitada masacraba con misís a un pobo armado con balas de razóns; tomouse a decisión de intervir.
Por moi xustas que sexan as razóns que levan a esas decisións, sempre sinto un calafrío que me percorre a espiñela de xeito paralizante. E teño o convencemento de que a persoa responsble de pulsar as teclas que confirman a orde de ataque tamén sinte a mesma sensación. Aínda que ela teña o respaldo dunha Resolución de nacións unidas.

Foto: Consola de mando. Cueiros para Gadafi

luns, 14 de marzo de 2011

Escaparate

Nos tempos que corren seica hai que aforrar ata aforrando (Cela xa deixou clariñas as diferenzas entre infinitivos e xerundios).
Nesa teima obsesiva de contención do gasto, non sei para que carallo derrochamos tanto en cosmética facial, cando abundan os exemplos  que descubren a retagarda como un singular e magnífico escaparate de insinuantes interioridades que presaxian a excelencia...


Foto: Sobre un cartaz de "Artesanía de Galicia", foto de Chousa da Alcandra

mércores, 9 de marzo de 2011

Xeonllos

Diante do desolador panorama que ofrecen os políticos do País, do Estado, da U.E... (tanto os que gobernan como os que amagan con querer gobernar);  hoxe escoitei unha interesante proposta:
- "Había que levalos a todos (ós políticos) para a praia e que se adentrasen no mar ata que a auga lles dese polos xeonllos".
- Para que refrescasen os  pés? -preguntou un canteiro aprendiz-
- Non; os pés precisamente poñérllelos cara riba...

Foto: Facendo pinos en Louro. Verán 2010

sábado, 5 de marzo de 2011

Egua

Calzada con alto nivel, lucindo cascos coidados e ferraduras niqueladas que golpean o chan poñendo acentos en cada pasada, quitando suspiros en cada galopada.
Ataviada con correas de sensualidade e cinguidas medias de encaixe con suxerentes ligas apreixadas.
Avanzando con donaire e magnífica caligrafía; debuxando no ar milleiros de figuras cargadas de semántica, pasmando a todo o hipódromo con cada pisada.
Non é diésel nin gasolina. Non depende da cotización do crú nin do custe do refinado. Incorpora dirección asistida, teito solar e peche centralizado. Que ben se vai de paseo na miña egua montado!

Foto: Pisando forte

martes, 1 de marzo de 2011

110

Ir amodo non sempre é garantía de aforro, nin aporta total seguridade en determinadas situacións. Sen ir máis lonxe, o lema olímpico fala de "máis rápido" para acadar os laureis do éxito; e cando nos persiguen trinta lobos famentos, como pretendamos facernos abandeirados do slow food ó volante, imos aviados.
Con sentidiño e leves doses de cordura podemos concluir que hai obviedades que non precisan decretos.
Claro que, se o que pretenden é solo fodernos a golpe de decreto, ten pinta de que o vaian conseguir, disfrazando neste entroido os sinais das autoestradas. A ver agora quen carallo couta os caballos costa abaixo...

Foto: Camiño de carro. Velocidade controlada pola realidade (Frádegas- Antas de Ulla)