luns, 28 de decembro de 2009

Inocencio

Despois desta temporada de escrita sobre os máis diversos temas nos que sempre salpico as miñas inquedanzas, pensamentos ou opinións; considero chegado o momento de abrirme un chisquiño a todos os meus lectores e visitantes para que saibades algo máis de quen moitos coñecedes unicamente polo alcume de Chousa.

Son fillo de emigrantes que retornaron para que eu unicamente fose made in Venezuela. Traían idea de volver deixándome ó cargo dos meus avós e dun bo fato de tios e tías -daquela- solteiras; pero xa de ben pequeno tiña eu un grande poder de convicción e logrei persuadilos de que aniñasen nesta terra que era a súa. E fíxeno a base de balbuceos babosos e algunha mirada inocente.

Fun bautizado na Igrexa de Santa María de Alvidrón. Era unha mañán fría de outono (non me lembro con claridade moi nidia, pero téñenmo contado), e Don Ramón non andivo con miramentos de augas benditas en termos nin farrapos de gaita; así que -mentras verquía a auga fría da fonte do caño pola miña cacholiña- dixo aquelas palabras que marcarían a miña vida para sempre:
Eu bautízote no nome do Pai, do Fillo e do Espíritu Santo e impóñoche por nome Inocencio.
(Pido disculpas, polo tanto, a quen até o de agora lle mentín no meu verdadeiro nome. Todos sodes intelixentes e comprenderedes a razón de tal pecata minuta...)

Foto: Inocencio algo máis grandiño. O día do meu bautizo o retratista estaba acatarrado.

martes, 22 de decembro de 2009

Pedrada

Os tempos do aforro seica son chegados.
Das enerxías renovables, non contaminantes, pouco costosas e minimamente invasoras co entorno.
Moita landaina e pouca realidade.
Falan de lámparas de baixo consumo, pero costan un pico (por non dicir algo de máis abaixo)
Anuncian enerxías limpas, pero luxan a paisaxe co seu zoar asíncrono nos montes do país. (Quero que me gusten eses muiños flacos e metálicos, pero non o dou logrado, raio!).

E vai, por riba, e coma sempre; non nos toca a lotería, tendo que conformarnos con algunha pedrea. (Ou será unha pedrada?).
Eso sí, menos mal que hoxe tamén é o día da saúde, que senón...

Foto: Aforro enerxético. Por unha cuestión hormonal dalgún animaliño

venres, 18 de decembro de 2009

Trigonometría

Pendurados na hipotenusa do pensamento sensual, tentamos fuxir pola tanxente do desapercibimento para non ser cachados polos ángulos das miradas alleas. Hai ocasións nas que acadamos a precisión logarítmica necesaria para derivar a atención cotilla que pretende saber das nosas intencións. Pero noutras resulta tan evidente a mirada para os senos, que nin siquera pasa desapercibida para calquer cateto presente no triángulo escénico, para canto máis á observada, que se limita a facer semicírculos parpadeantes.

E cando nos cachan cos ollos espetados no plano cartesiano que conforman as dúas nádigas, mentras xogamos a calcular se 3,1416 é un número ou un estado de ánimo, o único que podemos facer é deixarnos de teoremas e rendirnos á evidencia de que o que nos gusta non é a trigonometría...

Foto: Trípode. Cerramento perimétrico dun pinar en Caldelas (Antas de Ulla)

domingo, 13 de decembro de 2009

Vestixio

Impresiona saberte alicerce da industria dun país. Hoxe, que ainda amosas os restos da gallardía doutrora, vísteste de musgo verde para camuflar a desidia na que te abandoan.
Antonte vestixio dun esplendor máximo; hoxe indicio de illamento inservible.
Visita obrigada de antano; esquecemento absoluto actual. Xa non vales, xa non sirves.
Unicamente podes moer os teus recordos e facelos fariña de historias segredas...
A maquía está infravalorada e so cotiza nos mercados do romanticismo.
Sinto mágoa de pensar que cecais dentro duns anos, ó Gaiás pasaralle outro tanto...

Foto: Muiño sen muiñeira nin fariña.

mércores, 9 de decembro de 2009

Culpas

Ós seus noventa e tantos anos, a señora Dores, que vivía na Residencia de anciáns dende facía máis de 20, decidiu coller o bote no que fora xuntando uns cartiños para, chegado o Nadal, ver o xeito de se reunir coas súas dúas únicas irmás vivas, de sete que foran.
Levaba tres anos aforrando da exigüa pensión para poder darse ese capricho de xuntarse o día de Noiteboa.
Non hai palabras para describir a decepción sufrida pola señora Dores cando se decatou de que o bote desaparecera.
Tras días de decepción e rabia, que a abocaban a unha segura depresión, toma unha decisión.
Escribe unha carta na que suplica unha solución.
A carta vai dirixida a "Dios", e -resumida- dicía así:
Señor. Ti sabes que fun máis ou menos boa persoa ó longo da miña vida. Non fixen mal a ninguén e agora que tiña a ilusión de poder xuntarme, probablemente por derradeira vez, co que queda da miña familia; alguén me roubou os 600 euros que precisaba para tal menester.
Ti, se quixeras, podes amañalo. Facer un signo, darme un sinal. Estareiche eternamente agradecida, Señor. ...

E botou a carta no buzón de correos nun sobre que como enderezo e destinatario, unicamente indicaba: "Dios".
En correos hai unhas persoas adicadas a tentar direccionar aquelas cartas que teñen enderezos complicados de ler ou identificar. Esas persoas son comunmente chamadas "sabios". O sabio desta estafeta, ao ver a carta non puido evitar abrila e cando rematou a lectura, con bágoas nos ollos, deixouna sobre a súa mesa de traballo. Ó final da xornada chamou a todos os seus compañeiros antes de que marchasen, e leulles a carta.
Cando rematou, sen que mediase palabra, cada un dos presentes foi metendo a man no peto e deixando enriba da mesa do sabio cinco euros, dez, tres...Cando marcharon todos o sabio contou o recadado: 580 euros. Colleu un impreso de xiro Postal e remitiunos á Residencia a nome da señora Dores e indicando como remitente: "Dios".

Pasou o Nadal. Xa a nos últimos de xaneiro, chega unha nova carta co mesmo destinatario e idéntica caligrafía á mesa do sabio; éste case non daba aberto a carta coa emoción. Cando logrou desdobrar o papel, leu con avidez:

Grazas Señor por esta mostra da túa infinita bondade. Poda que algunha vez tivera dúbidas da túa existencia, pero agora -Señor- adicarei os días que me queden da miña vida a rezar e.... (seguía unha longa misiva cargada de emotividade e agradecemento).
Asinado: María Dores Pei Toril

Posdata: por certo!, faltaban 20 euros, pero seguro que foron os fillos de puta dos carteiros!.


Foto: Non atopei ainda a rúa do "Manda carallo". Mentras pode valer esta.

sábado, 5 de decembro de 2009

Estereotipos

Seguramente nada é definitivamente branco nin absolutamente negro. As escalas intermedias case sempre determinan moitas obviedades que, sen ser necesariamente grises, abranguen un amplo espectro cromático que define e pon de relevo cualidades das persoas.
Cando falamos de estereotipos etnográficos todos imos axiña a pendurar sambenitos que, nas máis das veces, pecan por errados, malintencionados e -sobre todo- nada definitorios.
Dise da indefinición do pobo galego, que non se sabe se sube ou se baixa; que xa veremos ou que mañán é outro día (maloserá)...
Todo acaba tendo que ver con cada condicionante que nos rodea. Dende os climáticos até os económicos.
Pero moi seguramente non somos nin moi abertos nin moi pechados. Un bo termo medio sempre permitirá que non entre un can a comer os chourizos á vez que deixará que entre a luz no celeiro e, de paso, consinta que vexamos o taconeo da veciña de camiñar ledo cando vai mercar o arroz de fora para misturar cos chícharos que xa ten na casa.

Foto: Porta de duas follas. Folla aberta e folla pechada

martes, 1 de decembro de 2009

Decembro

Chegou o mes da fartura sin trazas, dos excesos, do gasto compulsivo, das loterías que enchen petos alleos, da felicidade empaquetada en postais tiradas en caixóns esquecidos, da ledicia forzada. Dos bicos enlatados e das uvas coas súas putas carabuñas. Do licor espumoso que non se deixa beber, do turrón que escaralla os dentes, do mazapán que non comen nin os cans. A época dos agasallos reiterados e inútiles, das andrómenas...
Malia todo, decembro é o mes das celebracións entrañables, de mesas familiares, de xenerosidade sin custe, de premios cantados. De bicos cálidos, de desexos formulados en badaladas de ilusión, de doces únicos mollados en burbullas de ledicia, de lembranzas infantís, de sorpresas envoltas en papeis de cariño...
Nun mundo de desequilibrios e carente de verdade e mentira, so nos queda -como dicía o poeta- o cristal co que todo se mira.

Foto: Andrómenas sempre útiles?. En Compostela, a 80 Km de Antas de Ulla

sábado, 28 de novembro de 2009

Maloserá

Non foi por azar que este país se desenvolvese como ten acontecido nos últimos anos.
A entorna que nos rodea ten moito que ver, certamente; pero sin duda o traballo cotiá de cada unha das persoas que compoñen o entramado social de Galicia foi o que permitiu estar -cos matices que se queiran- na punta de lanza do chamado primeiro mundo.
Porén non acabo eu de encaixar doadamente ese último eslogan publicitario de Gadis. Como aqueloutros que incitan a pensar que o deixamos todo nas mans da ventura, da sorte ou da resignación (éche o que hai, vaiche boa, tarde piaches...).
Entendo que, de ter sido así, hoxe andaríamos agarrados á rabela do arado romano e mallando na aira como fai 40 anos. Considero que entregarse cos ollos pechados cara un futuro ó berro de maloserá, simple e claramente, será malo.

Foto: Malla en Mancegar, 1961. (Non me busquedes, eu non mallei aquel día)

mércores, 25 de novembro de 2009

Porco

Poda que teña connotacións pexorativas a simple denominación; pero ninguén lle fai noxos cando no seu prato se acubilla un anaco de lacón flanqueado por rubiños chourizos e marelos garabanzos enmarcados nun fondo de grelos verdes e fresquiños.
Dise que do porco cómese dende o fuciño ata o rabo (incluso pode suscitar envexa neste punto!). Probablemente non haxa bicho que mellor se aproveite.
Penso que non se fai pastel de porco pola disonancia fonética; que senón...
En Lalín fixeron exaltación artística, ademáis da consabida culinaria, deste suxerente animaliño. Eso sí, a que aporto na imaxe ten o seu recochineo na inscripción que leva no lacón, que ven dicindo -con leve erro no latinaxo- que cada quén é dono do seu destino.Hai que joderse co telediario, diría o marrán se dixese algo!


Foto: Pork-Art en Lalín. Km0; a 27 do Centro Xeográfico de Galicia

venres, 20 de novembro de 2009

Silencio

Falamos moito. E con cada palabra que ceibamos debullamos a espiga de pequenos misterios conformada polos grans que nos configuran; deixando o carolo que levamos dentro nú e baleiro de contido.
Todos opinan e todos teñen velas en funerais nos que nin tan siquera hai morto que enterrar; unicamente veñen atraidos polo bullicio propiciatorio para volver a falar, aínda sin ter nadiña que dicir.
Ogallá aprendésemos a saber estar máis en silencio e disfrutar del coa mesma devoción que lle adicamos ó ruido baduador. E quedar calmosamente calados; simplemente disfrutando da mirada, da caricia..., da comunicación sin palabras.

Foto: Reflexo calado.Sin palabras

domingo, 15 de novembro de 2009

Desniveis

Se todo fose plano andaríamos ateitiñando coa vista para ver canto máis lonxe mellor, ainda que nesa teima acabásemos cos mecanismos de enfoque dos nosos olliños (xa sei, algunhas teñen ollazos).
E prescindiríamos do esforzo na subida e descoñeceríamos a recompensa de deixarse levar pendente abaixo.
Se todo fose plano a música sería un son monocorde e apático que se escoitaría igualiño que o berro dun corvo vello.
E todo sería dereito, polo que nunca poderíamos apreciar a beleza das curvas que se debuxan ó camiñar...
Menos mal que todo é como é, aínda que ás veces para salvar certos desniveis, haxa que buscar solucións tan sinxelas como...adosar unhas escaleiras!

Foto: Desniveis en Melide, a trinta e poucos Km de Antas de Ulla

mércores, 11 de novembro de 2009

Fíase fino ultimamente. Todo ten que estar perfectamente presentado e con esmero confeccionado.
Esíxese moito a todo quisque. @ camareir@ que faga o mellor café. Axiña e sen andar con landainas. @ médic@ que non se pase un pelo á hora de diagnosticar, que como se trabuque, denuncia ó canto.
E non vou relatar agora as expectativas que na intimidade facemos sobre @s amantes, que senón perdémonos na inmensidade dos desexos...
O carallo é que o que se nos devolve a tod@s son erros, malfuncionamentos do sistema, foras de servicio, dolores de cabeza inusitados...
Hai que recoñecer que, neste mundo perfecto, todo quisque mete a pata (ou o pe). Ben sei que queremos meter (ou que lle metan) outras cousas, pero para "o outro" compre intimidade.

Foto: Ó pe da noticia en Cambados. A hora e pico de Antas de Ulla (pola autoestrada)

domingo, 8 de novembro de 2009

Gatos

Nada que ver coa canción. Nin o gato está triste, nin é un só nin tampouco azul.
Nin siquera é azul o ceo. Disque asoma borrasca intensa. Precisamente ven do lado para o que non miran os marruxos. Será casual?
Non lles vou poñer nome, que seguro que ningún dos dous quere ser o siamés. Parece que ambos teñen o cu moi ben sentado na súa parceliña de tellado e non queren facer concentración parcelaria por un quítame alá ese sillón de coiro que xa teño rabuñado ó meu gusto.
E incluso din que están dispostos a miañar con gatos doutros tellados. Seica non aprenderon que máis vale tellado coñecido que cubertas sen retellar...(Fenosa dixit)

Foto: A(s) gata(s) sobre o tellado de zinc (quente)

mércores, 4 de novembro de 2009

Ansia

Hai moitas cousas que non se aprenden en ningures. Nin na escola nin no bacharelato nin tampouco na universidade. Non queda claro se é unha transmisión xenética, nin tan siquera educacional no ámbito familiar.
É unha especie de celo que xurde por sí mesmo nun momento da vida no que, sin decatarte, apodérase de certas vontades túas e xa non te abandoa nunca máis.
Non é saber nin é intelixencia. Non se compón de normas nin é arbitraria.
Posúena ricos e pobres, homes e mulleres (mira ti!), curas e ateos, feos e guapos...
Ese besbello que te pon alerta cando é preciso, que te desperta sin necesidade de reloxo, que che encadea sen cadeas...
Ogallá sempre manteñamos alerta esa ansia que nos predispón a atención sobre das cousas que importan e que, aparentemente, pasan desapercibidas.

Foto: Neurona metálica. Ansia en estado puro

domingo, 1 de novembro de 2009

Simbiose

Menos mal que ás veces permítennos cometer erros e continuar medrando; que senón a gadaña da corrección xa nos tería tronzado as pernas a máis de un.
O segredo radica en non facer moito ruido e estorbar o mínimo. Despois tamén compre que entre no bombo o factor sorte para que a vida continue.
O resultado salta á vista. O menos forte ten que ir adaptando o seu crecemento ás imposicións que lle veñen dadas pola sua propia realidade circundante. E, co paso do tempo, a ver quen carallo se atreve a discernir quen manda na esquina sureste do cercado; se a madeira ou o metal.
Estarán amándose de xeito permanente?. A postura do carballo mesmo semella estar a piques de dar o meneo definitivo para fecundar ó ferro, pero seguramente continuarán así, disfrutando da cercanía do clímax, ata que unha esbarbadora e unha motoserra lles trunque a súa simbiótica existencia. Namentras, seguirán gozando na plenitude de cada día, sexa santo ou non.

Foto: Simbiose entre madeira e metal en Antas de Ulla.

sábado, 24 de outubro de 2009

Óptica

Reza o dito que por moitas sedas e adornos que se poña a mona, ha quedar sendo mona igualmente (adornada, pero mona).
Como contrapunto hai quen, ainda retorcido semella ergueito e coa clase e garbo innatos que lle dan as corres de xesta que a fabricaron.
Por iso din que o estilo non se pode mercar. É algo que se ten ou do que se adolece.
Así loce lozana esta cabaceira, presidindo o parlamento da aira, comandando a tribuna de escanos que ostentan os ourizos dos castiñeiros que a rodean e chiscándolle o ollo á parede leste da palleira, na que mañán proxectará a súa sombra unha hora despois no mesmo punto (este cambio de horario semella que présta mellor. A saber en que o empregades...)
A estas alturas resulta irrelevante que torza un pouco cara a dereita. Entre outras cousas porque se a miramos dende o sur, comprobaremos claramente que cara onde tende é para a esquerda...Cuestión de ópticas.

Foto: Cabaceira con millo en Albá, moi perto de Antas de Ulla

xoves, 22 de outubro de 2009

Libro

Non podo rexeitar o convite da miña veciña Alexandra Oliveira nesta proposta de sortear un libro escrito nas linguas irmás galega ou portuguesa.
A mecánica é moi semellante á empregada no que chamamos o sorteo do traste galego non fai moito tempo. En todo caso, copio o contido do enunciado no blog de Alexandra sobre o sistema:

“Cada blog escolle un libro do mundo litetario galego (entendendo por galego aquel que emprega a Lingua Galega) ou português (que en certo modo non deixa de ser unha variante do mesmo idioma). Posteriormente pasaselle o relevo aos 5 blogues que cadaquén considere para que sigan co xogo. O día 30 de Novembro deste presente 2009 todos os mantedores sortean o libro entre os comentarios da entrada. Sería interesante que cada blog escollese un autor da súa zona…”

A miña escolla é un libro que me chamou a atención no seu día polo título, e que acabou por gustarme a súa prosa sinxela e atraínte. E como o sabor tamén ten que ver co queixo; quen resulte agraciado con este libro, tamén terá un queixo da Ulloa!
Agora debo pasarlle a bola a 5 blogues. Como iso é un embolado por un lado e tamén pode cortar a iniciativa de quen o quixera facer sen ser convidado; vou deixalo á libre elección de cada quén. Eso sí; para optar a número do meu, hai que colaborar con outro libriño. Queda claro?

domingo, 18 de outubro de 2009

Pontes

Ás veces andamos na procura da soedade que nos acompañe para non sentirnos soliños.
En ocasións o silencio énchenos de ideas e de palabras que poden incluso resultar gratificantes.
Pero as máis das veces, os seres humáns buscamos o contacto, a comunicación, o entendemento.
Xa sexa para comerciar, facer a guerra ou o amor; sempre andamos tendendo pontes para acadar cercanías.
E cando unha queda anegada polo caudal da imposibilidade, mandámoslle outra enriba para alonxar o distante e materializar a a proximidade.
(A lingua tamén é unha ponte que achega ideas e fomenta o contacto. E non hai medidas para a lingua. Nin linguas grandes nin pequenas. So hai pontes de comunicación. Iso, entre outras cousas, foi o que dixemos ben clariño hoxe en Compostela uns milleiros de galeg@s. Terá asolagada a súa ponte quen ten que escoitar?; ou andará na procura da soedade para non sentirse só?)

Foto: As pontes de Portomarín.

xoves, 15 de outubro de 2009

Competencia

Non hai mellor lei de mercado que a fixada pola competencia. Se ofreces o mesmo produto, tés que ser máis hábil, mellor comercial e máis eficiente que o teu competidor para ganarlle cota de mercado. En principio quen gaña é o usuario, ainda que ti tamén precisas gañar.
O márketing axudarache, pero con igualdade de prezos e idéntica ubicación, vai ser determinante a calidade no servizo para que o cliente se decida por ti.
Unha maneira de convertir unha ameaza en oportunidade de negocio pode consistir en mimetizarte co nome do teu competidor; iso sí, sempre dándolle unha viravolta ou un matiz. E despois sempre te preguntarás o motivo polo que a xente sempre vai en cada momomento onde ve máis xente .
Pasará o mesmo no "mercado" do ligoteo?

Foto: Difícil elección.

sábado, 10 de outubro de 2009

Premios

En certas ocasións todos percibimos sorpresas que alteran a vida diaria e acaban por escarallar o pastoreo tranquilo dos brotes verdes que a impetuosa auga de outono trouxo ós nosos campos.
E resulta que temos que deixar de pacer tranquilamente para vestirnos de gala e ir recoller un premio.
Boeno, pois se hai que ir vaise. Claro que non sabemos moi ben se por arrincar herbiñas coa boquiña -eso sí, con moito arte- merecemos tanta loubanza.
A ovella do Anxeliño tivo catro años. Pensou en premiala o día do parto, pero decidiu agardar a ver se era quén de crialos axeitadamente. Claro que o Anxeliño, como é de Antas (e Antas non está en Suecia), é un sabio

Foto: Ó ba-má?. A recoller o Nobel, nenos!. Vaaaaaaaale

luns, 5 de outubro de 2009

Auga

Motivo de máis dunha liorta e centos de pleitos; por ela teñen reñido irmáns con irmáns e veciños ben avidos. Dende antigo foi motivo de complicadas obras de enxeñería para achegala aos asentamentos poboados dende os manantiais alonxados. E tamén de faraónicos diques de contención para protexerse da sua anegadora forza.
Savia que fecunda os campos e troca en vitalidade canto toca. Maná insaboro que sabe ben. Perfume xenial e inoloro que purifica e afasta os cheiros. Líquido incoloro que enriquece e matiza as policromías da vida. E lava os pensamentos e relaxa os corpos.
Recurso precioso que seguramente non valoramos pola abundancia que sempre tivemos. Benvida auga de outono!

Foto: Picho (tamén pode ser picha) en Facha (Antas de Ulla)

xoves, 1 de outubro de 2009

Escándalo

A sociedade está en plena voráxine fervescente polos acontecementos económicos que nos cuspen con periodicidade enfermiza en cada noticiario, xornal ou informativo de televisión.
Semella que os medios están unicamente pendurados do tendedeiro das miradas para aportar noticias malas, nefastas ou tráxicas. Depende da liña editorial de cada quen.
Agora racha a monotonía a multimillonaria prexubilación dun banqueiro que onte andaba pedindo coa pucha rachada nas portas do Banco de España...
E todo isto acontece, mentras nas silveiras de Antas pérdense as amoras sin que ninguén as apañe. Un escándalo.

Foto: Amor_as de Antas. Se gustades...hai self services ben distribuidos.

domingo, 27 de setembro de 2009

Fiscalidade

Seica andivemos moito de festa e agora toca recoller a mesa, lavar a louza, gardar os cubiertos e facer contas. Unha carallada!
E disque imos ter que pagar a escote (ocúrreseme mellor acepción para admirar esta palabra...), así que ide afloxando todos as carteiras.
Parece lóxico que teñamos que poñer todos; pero nós, que sempre fomos algo formiguiñas e convencéronnos de que había que ser cigarras, agora veñen coa tocata de que hai que voltar a ser formigas. E o que máis me amola é pensar que tal vez catro pillabáns sigan sendo cigarras á conta de todo o formigueiro...

Foto: Cigarra de Antas nos primeiros de outono. O verán rematou

martes, 22 de setembro de 2009

Debullando

Nesta carreira sen novas marcas, na que todo ten unha mesura comedida e parsimoniosa, sorteando sen facer barullo os atrancos que van xurdindo, o tempo transcurre de xeito tan contínuo como constante.
O relevo estacional dase o testigo nun traspaso silente e comedido. Sen presas pero sen deterse.
E mentras todo iso acontece sen necesidade da intervención do G20, nós seguimos debullando os grans das inquedanzas e ledicias no cesto da bagaxe vital, tirando os carolos na morica da experiencia simultaneada pola do esquecemento.
Empeza o outono. E as bonecas loiras con eses pelos!

Foto: "Bonecas" loiras do millo de Antas

venres, 18 de setembro de 2009

Trapalladas

Non resulta doado entender como se permite a destrucción do noso patrimonio cultural por un reiterado pecado de omisión.
Son conscente da necesidade de saber conxugar propiedade privada con interés común; pero para iso cobran quenes rexen e gobernan, carallo!
E chegados a certas tesituras somente quedan duas alternativas: ou facer que trunfe a razón ou continuar sendo un trapalleiro permanente.



Foto: Castelo de Pambre morrendo sen asistencia

sábado, 12 de setembro de 2009

Pombas

Antes eran símbolo da paz (se a cor resultaba axeitada). Incluso tiveron representación de carácter relixioso, de complicada e prolixa explicación. Pero agora din que hai cidades onde empezan a denominalas como ratos voadores.
Seguramente todo este cambio radical ten moito que ver co exceso de poboación do animaliño en cuestión.
Pasa como cos políticos. Que de ser salvadores patrios, hoxe decatámonos con claridade que unicamente utilizan o pombal que lles construimos para durmir e meter barullo. Mentras a cotío o único que fan é comer o que lles damos e, eso sí, cagar moito. Sobre todo fora do pombal.

Foto: Rajoy chegando. Zapatero observando

martes, 8 de setembro de 2009

Mercado

E neste devir continuo e reiterado (algúns din incluso que cíclico) das circunstancias económinas do libre mercado, no que impera e campea é a lei de oferta-demanda; resulta que todo estala cando a esas duas premisas fundamentais lle engadimos a ausencia de cartiños. Que son os que lle poñen o rabo ás cereixas, dende que os sistemas de troco quedaron obsoletos.
O liberalismo trouxo excedentes de producción que era preciso sacar dos almacéns; así que argallouse o sistema axeitado para ser máis agresivos na venda. Publicistas e comerciais lanzáronse como kamikaces á caza e captura do comprador. E venderon. E seica houbo quen mercou.
O carallo é que os pagos eran aplazados e agora disque non hai seguranza nos cobros.
Pero o mercado todo o amaña (seica). Se é preciso facer o pan máis pequeno, pois faise. O importante é seguir coa producción.
Por iso tamén, se hai que finxir fínxese. Eso sí; ata o xeito de finxir ten un prezo...

Foto: Rebaixas no mercado dos suspiros. Compostela

venres, 4 de setembro de 2009

Cabalgar

Hai ocasións nas que apetece cabalgar sobre o tempo e sentirte un xinete capaz de dominar cada segundo da velocidade que acada o galope da tua montura.
E picar espuela ou tirar de riendas según che pete na ocasión. Outras veces, gusta levar a fusta calada e deixar que trisque ao seu ritmo, deixándote levar...
Pero as máis das veces atrápanos o péndulo do tempo que nos leva a destra e senestra, esquecéndose -o moi cabrón- do movemento equestre por escelencia: adiante e atrás.
Ainda así, sempre da gustiño cando, alomenos, se vai montado a pelo.

Foto: Tempus fugit. Incluso en Antas

martes, 1 de setembro de 2009

Xogos

Os conceptos macroeconómicos tamén xogan á billarda.
Esto non o din os libros de economía; deducino eu despois de escoitar as últimas declaracións do Presidente do Goberno español.
A idea baséase no método da palanca, e pretende arrearlle un estourazo ao PIB, que se asenta na productividade empresarial, coa finalidade de lanzalo moi por riba do listón do déficit público. Canto máis alto e lonxe mellor (igualiño que no lema olímpico)
O carallo é que a vara coa que se pretende acadar ese récord de lanzamento está feita a base do sistema óseo-lumbar dos traballadores e traballadoras do país.
Visto o plantexamento eu case que me retiro da partida. Non sen antes propoñer unha alternativa: xogalo ó chinchimonis. E son conscente de que ainda así témolo moi jodido; xa que as nosas xogadas case sempre terán que ir con blanca ou, como moito, con unha...

Foto: Eu pido tres, e saca as que queiras, ZP!

luns, 24 de agosto de 2009

Moldeable

E xira o mundo no seu centrípeto transitar polo Universo; nunca de vagariño, sempre vago, rudo, estéril e uniformemente acelerado.
Mecanismos multiplicadores elevan a potencia da súa velocidade que ameaza con centrifugarnos os miolos nunha sorte de posta en órbita dos nosos pensamentos máis recónditos.
E ninguén chora. E ninguén mama. E todos acabamos por ser moldeables ás mans dos alfareiros que dictan os titulares de cada día.
E collemos medo cando nos queren amedrentar, e rebechamos cando a cousa vai de algarabías.
E se o torno se detén non é para aliviar o mareo. So é para meternos no forno e fixar a forma previamente elexida. E algúns ata somos decorativos! (Non teño avoas).

Foto: Alfareiro. Texto: mistura de cerámica con uvas de Gundivós (Sober)

xoves, 20 de agosto de 2009

Ornitoloxía

A física cuántica, a enxeñería nuclear e outras materias sumamente especializadas, precisan de profundísimos coñecementos matemáticos, trigonométricos e incluso dunha visión conceptual da abstracción. Un halo de superioridade circunda a quenes poden pendurar a orla de tales ciencias na solaina do seu saber.
Pero non resulta menos trivial, nin perde relevancia o feito de coñecer os nomes dos paxaros que amenizan o noso entorno cos seus cánticos afinados, guturais e melodiosos.
Non coñecen o pentagrama, pero dominan as corcheas, enchendo o ar cos seus concertos en clave de sol poñente e compás de toxo por xesta.
E ainda por riba teñen un nome que tamén resulta agradable ó oido, suscita ideas e estimula a imaxinación.
Pouco sabía eu da existencia da Papuxa montesa como ave. En realidade...non sei case nada de cousa ningunha (aprendiz de moito, experto de nada).
Pero que ninguén me negue a idoneidade desta simpática integrante da ornitoloxía patria como mellor logotipo para as novas escolas infantís, moito antes incluso ca escanada e apática pita choca azul.

Foto: Cartaz de fauna e flora. Polo visto, lonxe de San Caetano

domingo, 16 de agosto de 2009

Tempo

Corre o mundo que semella que quere chegar a ningures pero, eso sí, a toda mecha.
Hai que reducir tempos para ter máis tempo que adicarlle a investigar en como minimizar o tempo.
Por iso se fabrican coches máis veloces, que despois non poden desenvolver esas velocidades por estaren penadas. Por iso se deseñan liñas de Ave que non chega a tempo a Galiza.
Por iso hai cadeas de comida rápida (que xa manda moito carallo). Comer axiña, ir axiña, foder axiña, durmir axiña, vivir axiña...
Mentras, a natureza segue o seu curso, parsimonioso, en calma e axeitadamente acompasado. Coas presas necesarias e cos tempos precisos. E chega a tempo a cada cita. E segue chegando coa beleza e singularidade de sempre. Corre o mundo, corremos nós; ou fannos correr?. Non sería mellor ir máis amodiño para disfrutar un chisco da viaxe?.

Foto: Flor con espiñas en Antas de Ulla

mércores, 12 de agosto de 2009

Contexto

Ultimamente veñen esixíndose eficacia nos resultados e tamén eficiencia na execución das tarefas precisas para acadalos. (De pouco sirve facer un queixo caralludo se despois -posto no mercado- ninguén paga os custes que supuxo a sua elaboración).
Diante dese panorama configúrase a especialización e mailo coñecemento do producto como ferramentas imprescindibles para conxugar as duas cualidades anteditas.
Paralelamente a empresa actual afíxonos á idea de que as gasolineiras vendan condóns e que nos bancos expendan cristalerías. Todo elo en aras da denominada diversificación.
En base a elo que ninguén se sinta fora de contexto se un día o seu xefe lle pide que reme con garbo e donaire polo medio dos toxos. Ese día, alomenos, hai que tentar que as espiñas non che fodan o neopreno...

Foto: Toxos verdes en Frádegas (Antas de Ulla)

domingo, 9 de agosto de 2009

Escenarios

Á praia ou á montaña. Estereotipos de elección que evocan ben diferentes momentos á hora de encher os espazos mentais de quen toma a decisión de ir na procura do sol e da previsible masificación en contraposición de darlle máis relevancia á paisaxe, ó encontro coa natureza e con un mesmo. Fuxindo das avalanchas de xentes armadas con toallas e sombrillas en ristre, que se espetan a carón das nosas calugas deitadas e dos corpos engrasados de aceite protector.
Pero os escenarios mudan en función de variables tan pouco susceptibles de control como é a meteoroloxía. Neses casos unicamente se fai precisa unha pequena dose de adaptación.

Foto: Descoñecida adaptándose ao escenario deste verán. Praia de Louro (Muros)

mércores, 5 de agosto de 2009

Fusións

Se facemos caso das seccións económicas dos xornais destas últimas semáns, semella que as Entidades Financieiras deste país -e disque máis puntualmente as Caixas de Aforro- seica teñen que arrexuntarse para facerse máis fortes.
Esa teoría de que o grande, necesariamente, ha de ser mellor non sei moi ben de onde sae, pero insisten tanto que fan parecer que teñen razón...
O caso é que -xa que os tiros van por eses cañóns- eu estiven matinando na idea de que, para evitar traumatismos e perdas de identidade; en troques de fusións con sede en Vigo ou A Coruña, facer unha Asamblea no Centro Xeográfico de Galicia e da iniciativa que xurda unha Nova Caixa Galicia. Así deixamos que as laranxas sigan vindo de Valencia, o chotis o bailen por Madrid e nós seguimos co cimbreo sutil da muiñeira...

Foto: Caixanova caixagaliciándose, ou Caixagalicia caixanovándose?

sábado, 1 de agosto de 2009

Anchura

Por moito que medre, a miña mente declárase incompetente para asimilar e incapaz para entender a barbarie á que nos teñen afeitos a pandilla de asesinos profesionais que se escudan tras unhas siglas que so evocan morte e que tapan a cara coa bandeira da suposta independencia de non sei quen.
Resulta imposible entender como seres humáns carecen de luz que os guíe, agás a do estourido dunha bomba que pretende esmagar (e que esmaga) o corazón doutro ser humán.
E ben sei que ó falar de humanos hai que ter anchura de miras, que todos temos as nosas carencias e cometemos os nosos erros; pero e que cando se escancia vida, o importante non son as pingueiras que se derraman no chan; senón as que quedan no vaso. E quen non sexa capaz de entender iso non pode ter cabida nesta sociedade plural, rara, complicada e cargada de dudas; pero -alomenos- cun culín de cerebralidade, cousa da que eses criminais está clariño que adolecen.

Foto: Muros. Rúas estreitas, corazóns con anchura.

domingo, 26 de xullo de 2009

Denominacións

Unha das tarefas relevantes do proceso de márketing radica na denominación do producto. Tormentas de cerebros prominentes aguzan o seu inxenio e labran os seus pensamentos coa fin de sacar achas de inventiva para acadar un nome que defina con certo esmero, que resulte atraínte e que sexa foneticamente resolutivo.
Non sei que lostregazos tiveron os que tronaron para darlle nome a un dulce típico dun lugar de Cantabria; pero dende logo a denominación do producto logrou o obxectivo de que nas miñas alforxas viñese unha caixa deles que, por certo, ainda ninguén se atreveu a abrir...
Antes de que caduquen fareille un agasallo con eles ao cura de Antas, que ben mo merece.

Foto: Unha tenda en Liérganes (Cantabria). Que caixa trouxen?

venres, 17 de xullo de 2009

Buratos

Un país enteiro desbordado pola insistencia informativa dunha desgracia que non da máis de sí. Unha morea de cánidos famentos devorando un anaco de carniza. Un fato de corvos arrincando vermes no medio do esterco.
E os políticos todos conformando "comisións investigadoras" e bandadas de responsables sociais entonando cánticos que claman "depuración de responsabilidades..."
E qué carallo badúan se os responsables son eles mesmos por incompetentes e por criar un estatus no que prima a inoperancia e o absurdo máis kafkiano? (que nin Kafka imaxinou siquera).
Mentras tanto a única esnanfrada contra o muro da culpa é unha moza co título de enfermeira ainda empatenado á que non houbo quen lle axudase a conquerir a graduación que somente da a experiencia.
Non propoño que lle dean unha medalla, pero tampouco que a empareden deste xeito quenes a meteron no burato para salvar os seus propios cus de incompetentes absurdos burócratas.

Foto: Porta aberta á comprensión

domingo, 12 de xullo de 2009

Deloirar

Pecharse en demasía no propio pensamento acaba por facernos obstinados maniáticos que non ven máis aló do propio nariz. Por iso resulta refrescante a lectura, que nos aporta fluxos de ideas novas ou, cando menos, danos o pé para un novo xeito de bailar nesta muiñeira que ten pasos de jota con aires de pasodoble.
Pero con máis énfase ainda é preciso resaltar a interrelación coas persoas. Iso sí que aporta bagaxes novas e fainos sair da quietude do peitoril da propia existencia, ó tempo que nos inxecta e contamina nas propias neuronas a vitalidade que podíamos ter esmorente.
En todo caso está moi ben, faise preciso e resulta hixiénico deloirar as roupas; pero non compre esquecer que esa necesidade está solapada á de lavar e ventilar axeitadamente as propias intimidades que aquelas prendas -deloiradiñas- tapan.
Que o mesmo que nos enriquecen, o propio facemos nós cos demáis. E cheirando...non é plan.

Foto: Tendedeiro de intimidades perto de San Caetano...

martes, 7 de xullo de 2009

Cantas veces hai que dar voltas para ir dereitos, cantas é preciso facer regos tortos para acadar cales e sucos miliméticros e delimitados.
Enlizar para acadar consensos, ferver pensamentos para lograr friaxe nas ideas, espabilar conciencias coa fin única de salvagardar intencións. Conxelar accións para quentar espíritus, mazar sentimentos co rodete da coherencia para obter a manteiga da sensibilidade na ola da sabiduría...
Desatar fibelas para amarrar cos amallós da razón as fibras da nosa propia identidade.
Decir sí cun nó ben forte que nos faga ver ben ás claras que o galego é a nosa seña de identidade primixenia, inédita, común, curricular, sinxela, profunda, enraizada, doce, forte , permanentemente garimosa e particularmente sublime.
Quen non o vexa, préstolle as miñas lentes.

Foto: Nó que une dende os catro puntos. Diante del, gardar as navallas!!!

mércores, 1 de xullo de 2009

Perfección

Profundísimas marañas de fíos moven un mundo técnicamente perfecto e humanamente camiño da desorde organizada.
O que nos da cobillo, proporciona tamén desestabilidade; o que nos aporta calor acabará por enfriarnos o pensamento e aquelo que viña chamado a ser seguridade acabará por perpretar o crime perfecto.
Como pode ser posible que fai trinta anos viñeran facerlle o DNI a Maruja Souto no Cuartel da Garda Civil de Antas (a 3 Km da súa casa) e hoxe non haxa maneira de pedirlle cita on line para renovarllo (a 3 Mg do seu domicilio), xa que o seu equipo expedidor de antano seica "no existe o ha sido erroneamente tecleado"?.
( E non falo da conversa estéril coa máquina do 902, que se teño que repetir outra vez o proceso todo, esbóurame o páncreas...).
Algo vai estalar un día destes por algures. Espero que non nos salten anaquiños ós ollos, que algúns témolos moi bonitos...e ademáis sírvennos para ver!

Foto: Rotura perfecta: cristal escarallado

sábado, 27 de xuño de 2009

Conciliación

Hoxe veño con ánimo de facer apoloxía da miña abnegada entrega no meu traballo. (Dudo con vehemencia que os xefes saiban da existencia da Chousa, así que non estou na procura de medallas; unicamente me move o afán de constatar un feito).
A cousa é que, despois dunha semaniña enteira -que iso sí que é muiñada- adicado a esgazar pedras de sol a sol na canteira, hoxe tiña previsto meterlle man ó xardín co cortacesped; pero cando me puxen a roupa de faena decateime que vou ter que mercar unha desbrozadora!
Situacións como esta deixan ben ás claras a necesidade perentoria de acadar conciliación entre a vida laboral... e mailo coidado do xardín!

Foto: Xardín amontesado ou monte axardiñado?

luns, 22 de xuño de 2009

Polifacético

Espetado na beira do camiño, son sombra no verán e abrigo dos ventos no inverno. Imprimo carácter e delimito a paisaxe, camúflome destacando e descaco camuflándome. Aporto leña para cociñar os teus alimentos e proporciono vigas para sustentar os teus teitos.
Osixeno o ar, fructifico en landras a savia que me percorre as entrañas para ser alimento das aves que aniñan entre as miñas pólas.
Son autónomo. Vivo do que as propias raíces me procuran e a choiva e mailo sol me agasallan. Non choro, non pido, non percibo nada, endexamais fixen unha protesta.
E nas horas libres tamén son carteiro interino!.
Son un simple carballo. E ti, ademáis de queixarte, qué carallo fas?

Foto: Carballo carteiro en Vilane (Antas de Ulla)

mércores, 17 de xuño de 2009

Atrapada

Atrapada coma unha carracha, ameazada polas aves que surcan o aire cos seus picos en ristre e mailas rás que pululan entre os xuncos coas suas linguas retráctiles, eu sobrevoo de xeito silente exercitando as miñas aliñas cristalinas, limpas e áxiles que me proporcionan vitais movementos.
Fai menos dun minuto estivo a piques de paparme un merlo cireixeiro que cruzou centellado a rente da herba alta e verde.
Ainda ben non descansei un par de segundos pousada nun garabullo de bidueiro para que o meu corazonciño voltase a un ritmo sistólico medianamente normal; chegan dous dedos monstruosos e cáchanme sin contemplacións para -simplemente- (disque) contemplarme. E retrátame de xeito reiterado mentras me sostén entre índice e pulgar con inusitada forza.
Prego coas mans dereitas no que considero o meu derradeiro suspiro. E despois, o moi cabroncete con dedos, pregúntalle a uns transeúntes se quererei seguir voando ou se no meu espazo será mellor que voe un abellón colorado...

Foto: Libéla-me. Cabalo do demo
(Calquer semellanza coa enquisa sobre o galego na escola é un puro casual)

venres, 12 de xuño de 2009

Fertilidade

Doctas mentes traballan en laboratorios, profusamente equipados, na procura de fórmulas alternativas de producción máis rendibles e abondosas.
Agresións nimias estragan grandes e cuantiosos proxectos que producen vértixe ollando os seus orzamentos ( conste que non estou a falar de Florentino Pérez e os seus galácticos)
E de súpeto, chega a natureza e amósanos o paradigma da fertilidade logrando con éxito que a semente xermole nunha pedra. Enxeñería xenética de pasmosa arquitectura.
Manda carallo!

Foto: Antas de Ulla, onde ata as pedras son fértiles

domingo, 7 de xuño de 2009

Valor

A idea de valor que temos das cousas está sempre vencellada a unha serie de variables de moi diversa índole. Establecer os métodos axeitados e unanimemente aceptados para acotar contías e baremar calidades é unha das tarefas relevantes á hora de poder establecer un prezo.
Nada -por nimio que poida semellar- é despreciable segundo o ránking de necesidades que un grupo de consumo poida ter. Todo está catalogado con precisión milimétrica.
Establecida a equivalencia, xa so nos queda protexer o ben en función da contía; cuestión que pode resultar espiñosa e complicada. Ás veces en caixas fortes, outras baixo sete candados e algunhas cunha advertencia.

Foto: Olliño cos toxos de Laxe, que teñen dono.

mércores, 3 de xuño de 2009

Desencanto

Non deixa de resultar reincidente o escaso interés que suscitan as eleccións europeas na cidadanía. Por máis que os políticos se empeñan en facernos entender que moitas das decisións que nos afectan a cotío se toman en Bruxelas ou Estrasburgo; a sensación de lonxanía desas Institucións mistúranse coa percepción do minúsculo que pode resultar o noso voto no grandioso vincallo de urnas que se espallarán pola vasta e variopinta Europa o primeiro domingo de xuño.
Certamente para un elector de Nugallás (Centro Xeográfico de Galicia), motivarse para ir o domingo a votar, precisa algo máis que navalladas dialécticas nunha pantalla televisiva pola que van pasando cada día elefantes políticos cara o seu cimiterio particular...
A cousa ven de lonxe, pero no contexto actual o desencanto percíbese con moita máis nitidez ainda. Así e todo, votemos. O pobo que vota desunido, cecais un día, permanecerá unido.

Foto: Ficción fotográfica. Calquera semellanza coa realidade é un puro casual

domingo, 31 de maio de 2009

Esbozo

Insinuando xestos pasamos unha boa parte da vida. Cecais para ocultar outras poses menos fotoxénicas no mundo da expresividade corporal.
Deso saben moito os asesores de imaxe, que se gañan unha pasta por descubrir cal é o lado bo de cada quén, e así poder enlatar o produto para o seu consumo masivo en forma de papeleta electoral.
Mentras tanto, eu sigo considerando que todo canto nos ofrecen son meros esbozos dunha realidade inacabada, pendentes sempre do matiz final e coas imprecisións precisas para agochar o que non gusta que sexa visto. Alevosía en estado puro!

Foto: Esbozo de Chousa.

mércores, 27 de maio de 2009

Duda

Neste intre e nesta hora, mentras medio mundo está pendente dunha esfera de coiro perseguida por vintedous machotes millonarios en Roma, outro medio mundo está pensando que carallo comerá mañán. Vivimos nun mundo cargado de decisións e cheiño de dudas.
Seguramente as duas posicións son relevantes e ambas teñen unha repercusión moi sobresaínte. Non sabería cuantificar a preponderancia económica dunha e da outra; pero seguramente andarán abondosamente descompensadas. E moi probablemente non do lado que deberían, pero quen fixo as regras da economía non se lle esixía que entendese de xustiza.
(Un ano destes hei propoñer que a final da Champions League se xogue en Antas. Cando teñamos Ave en Galiza, igual tamén podemos ter un estadio futbolero que a poida albergar...)

Foto: Dudas existenciais (se tés cartos)

venres, 22 de maio de 2009

Peidiño

Acicalámonos para que nos vexan ben e, dese xeito, amosar máis seguridade; co cal verannos mellor. Un círculo vicioso que día a día tentamos manter enfundando aquela camisa que nos engaiola moito e mergullándonos no perfume que namora as propias pituitarias.
É así como saimos da casa pisando forte, coa cabeza erguida e a vista ó frente. Gastando axiña a camisa bonita e facéndonos resistentes a esa colonia que xa non somos capaces de ulir.
Pero ainda coa gravata centrada e os zapatos relucintes, seguimos a ser sabedores sempre que, de cando en vez, non hai como botar un peidiño para liberar tensións e deixarnos o corpo -por un segundo- sumamente relaxado.
E que, de tanto falar, acabamos todos padecendo aerofaxias que compre liberar. Ou non?

Foto: Canalizacións residuais non radiactivas [creo].( Antas de Ulla)