domingo, 20 de febreiro de 2011

Estercar

A sucesión de tarefas que acontecen en todo ciclo productivo debe ser escrupulosamente respectada coa fin de acadar -co maior éxito posible- o obxectivo final.
Con eficiente eficacia hai que aplicar os coñecementos necesarios en cada estadio do proceso, non pasando  á fase seguinte sin que previamente esté completada a anterior. É absurdo plantexar a seitura antes da sementeira. Ou mallar antes da sega.
E así funciona.
Ata que chegaron os teóricos da economía e empezaron a introducir algúns cambios na cadea. Mercáronse fanegas de trigo antes de ser mallado. Vendéronse ferrados de fariña antes de ser moída. E todo se foi adiantando con obediciencia ás reglas dun mercado que non contaba con granizos nin xeadas. 
E así funcionou.
Pero entrou a política en escea. Hordas de traxeados, micrófono en man, entraron cos sacos abertos en labradíos e pastizais. E mudaron normas e alteraron procesos. Sabían que era preciso estercar para obter o produto, pero  non en que fase se aplicaba; así que acabaron por esparexelo enriba de pratos e manteis...
E así nos vai.

Foto: Moricos de esterco. Leira ben aproveitada.

martes, 15 de febreiro de 2011

Fachenda

Disparei unicamente dúas fotos. Estremeceuse  un chisco só coa primeira.
Erguinme e marchei. Ela miañou, con acento de Lugo, suaviño, harmonioso e ben miañado.
Volvín a vista atrás e percibín a fachenda que transmitía por miañar como miañaba. E pensei na mágoa que sinto por quen renega, ignorante, da lingua que no seu entorno se fala. Enriquecida con seseo ou con gheada; sempre con dignidade, elegancia e fermosura expresada.

Foto: Gatiña con acento. Subidón felino.

mércores, 9 de febreiro de 2011

Erecto

Esbarexer polo suco para deitarse na cal axeitada. Atopar o punto de humidade preciso para xermolar sen que te papen os grilos. Abrirse camiño pola terra. Medrar sen esquecerse de enraizar como é debido. Procurando sustento, buscando alimento; esquivando miñocas e sorteando escarabellos. Florar.
Permitir que as abellas che fagan cóxegas nos pistilos. Afroitar. Camuflarse entre o verde das follas ata ir tomando forma, eludindo os picotazos mortais de merlos famentos. Madurar.
Toda esta andaina para que un aguzado fío de metal te tronce polo medio, que che embouten con sal a ferida e,  despois dunha ducha de vinagre, que te remexan nun plato cun garfo frío e punzante.
E aínda pretenden que, con este tute, me manteña túrxido ata ser esmagado por dúas próteses dentarias dun mamífero corentón.
Que dura é a vida dun tomate, carallo!

Foto: Tomatiño cachondo.

domingo, 6 de febreiro de 2011

Picho

Mantén o ritmo a fío,  sin perder a compostura. Ou perdéndoa co vaivén do vento.
Apuntando sen punto de mira. Disparando sen gatillo. Vertendo líquido doce. Chovendo sobre mollado. Mollando a humidade, acariñando musgo e musgando os ollos sen sono. Entalándose na intimidade da terra e salpicando de rozaduras os arredores areosos.
Co temple inesgotable da súa pingueira infinita, é o aceite que mantén a iluminación sonora da catedral da chousa.

 Foto: Picho "incandescente"

martes, 1 de febreiro de 2011

Baduadores

A sua estratexia baséase na elevación da voz, misturando estridencias con alevosa reiteración. Como falan de todo sen saber de nada, agóchanse nunha contínua tronada gutural de decibelios insípidos.
Nese poleiro de confusión van consolidando (seica) a terceira forza política do estado; o que di pouco dos electores, pero moi pouquiño dos ata agora elexidos...
A este fato de baduadores, comunicadores sen licencia, asasinos da gramática e donos do mal gusto; convén lembrarlles que se lles nota ás leguas a incapacidade que teñen para discernir entre duas puntas e dous puntos.

Foto: Duas puntas.
 (Carballo pu(n)teado na Cervela -Antas de Ulla-)