domingo, 28 de marzo de 2010

Rumores

O entramado social no que estamos inmersos conleva moitas obrigas, supón moitos esforzos e precisa de moita cintura para ser capaz de xestionar todas as cuestións que van xurdindo na cotidianidade.
Pouco peso específico ten a formación académica -hai moito burro cargado de libros- nin a posición social do individuo ou individua (Aído dixit) para salvar, con posibilidades exitosas, o "que dirán".
Basicamente pódese enfrontar a cuestión de dous xeitos: aplicando o lema olímpico; é dicir, pasando; ou argumentando.
En calquera caso, sempre debe quedar ben claro que as dificultades engadidas que debemos sortear non adoitan ser as realidades, senón os rumores.
I é que a todos, como á muller do César, non nos abonda con ser honrados; senón que ademáis temos que parecelo.

Foto: Escaparate en Portomarín. Din que hai un home anicado diante del...

martes, 23 de marzo de 2010

Pistolas

Pode ser que estes primeiros pétalos non acaden o cumio da madurez. Ata é posible que ningún insecto sexa capaz de facer tremer os pistilos para arrincarlles a semente polinizadora. Aínda virán xeadas que estrangularán o seu delicadísimo cáliz para trocalos en inertes proxectos de froita madura.
Secasí, non hai quen lles quite o mérito de ser a infantería de vangarda dun exército que xa se anuncia victorioso nunha batalla sen disparos, nunha guerra sen artillería, nun conflicto sen enemigos.
E, a pesar de todos os pesares, esta ha ser a primeira das outras novecentas noventa e nove que virán faladas en galego.
A pesares das pistolas cargadas con balas de perversa munición, a pesares de valedores descargados do máis mínimo valor...

Foto: Infantería de pétalos invadindo Antas de Ulla

sábado, 20 de marzo de 2010

Furtivas

















Mirando de esguello non se disfruta da panorámica coa mesma intensidade. Claro que hai ocasións nas que compre disimular por dous posibles motivos: para que non se decate a observada ou co fin de que pase inadvertido para quen mira que miras...
Tanto axuste de pupilas conleva riscos de desenfoques que non che permitan ver como se menea a dorna na cima das augas, ou os matices verdes do bikini que viste a camelia. E que o ollo humano é moi preciso; pero vai montado no corpo da "cámara" sen protección nin filtros.
Eso sí; nestas miradas furtivas hai ocasións nas que él mismo tenta instalar o trípode...

Foto: Olladas cara o mar de Arousa. (Ela no se ve...)

martes, 16 de marzo de 2010

Falso

Chimpan alquitrán na corredoira e chámanlle autoestrada.
Idolatrar deuses de cartón-pedra xa forma parte da cotidianidade e non alporiza conciencias nin dispara alarmas cívicas. Cando choven miserias alleas, semella que escampan as propias. E nesa roda infernal acaban sendo miserables os días enxoitos...
Non hai tempo para ternuras nin saloucos; ata a sopa é mellor de sobre. Xa ven co sabor incorporado. Baixa en graxas e con pouca sal. No prospecto non di que tampouco trae mimos; pero xa o sabemos.
De verdade so quedan algunhas miradas, que non todas. Unha boa parte son máis falsas que os billetes de oito euros.

Foto: Pedra falsa mirando herbas artificiais.

mércores, 10 de marzo de 2010

Voar

Unha das teimas do ser humano foi, dende sempre, emular as accións dos animais. Aprendemos deles certas artes de caza, camuflaxe, defensa, supervivencia e incluso elegancia.
Grazas á nosa intelixencia, que nos proporciona unha posición dominante sobre o resto das especies ( e aquí falo moi xenericamente, xa que hai a quen lle da varias voltas calquera alacrán, rata ou mandril), incluso chegamos a domalos. Así podemos achegarnos a máis datos sobre os seus comportamentos e pautas de actuación, coa fin de extraer conclusións que nos reporten facetas para aprender; ou lograr desa doma uns obxectivos aproveitables no noso beneficio directo.
Iniciada por Ícaro, unha das habilidades sin duda máis perseguida foi acadar a capacidade de voar.
Aínda que hai veces, que -sabendo facelo- é moito mellor quedar pousado. Ou non?

Foto: Cabárceno (a 500 km de Antas de Ulla). Voando en círculos

sábado, 6 de marzo de 2010

Valía

Perdemos tanto tempo en elexir a partitura, que case sempre chegamos tarde ó concerto.
E co vestido outro tanto. Tal vez resulte demasiado chamativo o vermello, pero e que o gris é tan pouco rechamante... E a ver agora que sombra de ollos resultará axeitada. Polos cravos de Cristo!, que aínda non barnicei os beizos!.
Importa moito sentirnos ben enfundados na textura téxtil, para esconder con sutil elegancia aquelas fases da partitura que, por outra banda, estamos desexando amosar noutros intres. A sinfonía da seducción está cargada de instrumentos. O complicado é lograr despois que todos soen afinadiños, no compás axeitado e coa vivacidade necesaria. E como corolario, que os demáis saiban que carallo estás tocando...
Como contrapunto, a natureza; que sin tantas lerias acada cumios molto vivaces sen despeinarse. Será unicamente porque ela o vale?

Foto: Sinfonía de pedras en hórreo maior para carballo e musgo verde