domingo, 10 de setembro de 2017

Carne

Na catequese de don Ramón todos tiñamos claro que o demo era un inimigo tremendo. Os que levabamos asistindo varios domingos, incluso asimilabamos que o mundo tamén podía ser malo; sobre todo ao pensar nun mundo alleo, lonxano (máis aló da parroquia de Alvidrón ou das limítrofes, vaia).
O que a min non me collía na cachola era que a carne fose inimiga da alma.
Don Ramón nunca nos aclarou se se trataba da de touciño ou a de coello estofado. Por momentos parecíame que tiña que ser a de polo. Porque ás magras de xamón non lles vía maldade por ningures!.
O delicado pero tupido pano da inocencia non me permitía atisbar que se referían á carne branquiña e suave de Amparito...
Estes esforzos meditativos levábanme a considerar que por non saber xa estaba pecando; así que teríame que achegar a un confesionario para recibir o perdón. Iso sí, non ía ser coherente contar coa absolución dun presbítero que comese moita carne precisamente; tiña que me confesar cun cura delgadiño.

Foto: Confesionario slim fit