domingo, 21 de decembro de 2014

Coteno

Sempre haberá motivos para reprender á humanidade polas contínuas tolemias que contra de sí mesma perpetra. Pódese condenar pero non hai maneira de executar a sentenza, pois todos somos copartícipes da barbarie, e non hai cadeas posibles para tanto reo.
Por iso a única maneira de redimir esa culpa común é individualizando a capacidade de poñernos as pilas para darlle un pulo ás cousas que están ao noso alcance.
Provoquemos a devaluación da mala hostia imperante para que cotice á alza o sentido común; aínda que ás veces este ande polas pólas. Unicamente así a nosa árbore de Nadal non será un coteno.

Foto: Sen pólas. E non polos pelos...

luns, 15 de decembro de 2014

Calzador

Formado con lecturas que afondan en procesos de marroquinería de alto copete, tamén recibe instrucións radiadas sobre a necesidade de vender zocas a funámbulos e tacóns a coxos.
Cada día trata con malfalados compradores de zapatos que cuspen insultos contra zapateiros e salientan desconfianzas en solas, cremalleiras e amallós.
No medio, na terra de ninguén, habita imperturbábel o dependente de zapatería; armado de sorriso, ás veces de gravata,  e sempre  de calzador...
Fiel á marca sen deslealdades á clientela, calceta transaccións de botas, chinelas e calcetíns.
Cando se deita remexe no baúl das cousas sen solución, soñando con zapatillas, sandalias e outras formas de calzar; mentras pensa no sinxelo de prestar asesoría sobre vestir os pés, simplemente, a quen descalzo non queira andar.

Foto: Café cardiomórfico. Feito, unicamente, para quen o queira tomar.

luns, 8 de decembro de 2014

Inzar

É a nosa obriga coidar o herdo que ata nós chegou. O máis grande legado recibido. O ben máis prezado, a semente do que somos, a esencia mesma dun pobo, o quid dunha cultura: a lingua.
Imprescindible abrazala coma a máis doce das amantes, para que floreza leda nas conversas. Necesario mantela húmida nos nosos beizos para que -quente e vizosa- ince a nosa fala de beizóns. Soamente así seremos nós mesmos. Con certeza.

Foto: Reflexo sobre un poema de Antón Sobral
Lugar: Exposición do Culturgal 2014 (Pontevedra)
Motivo: Datos do IGE. Necesidade de preservar a lingua galega. É da nosa competencia. 

luns, 1 de decembro de 2014

Carrelo

Vestida para namorar, a natureza maquíllase de cor con tinguidura de choiva.
E vese bonita e mírase provocativa;
abaneando a súa sensualidade de quietude imperativa,
sábendose protagonista no altar do valo cos seus bodoques de noiva.
Silandeira e pícara fai proposicións de amor,
lembrando poemas lorquianos que a queren desa cor.
E acaba consumando amoríos de caramelo,
convidando ao transeúnte para que se suba ao seu carrelo...

Foto: Carriza. A icona húmida.