domingo, 1 de abril de 2018

Cravuñar

O movemento sensual do segador de gadaña está en extinción. Primeiro foron as ducias de "bertolinas" as que lle puxeron o pé na gorxa a aquel baile de salón interpretado a ceo aberto. Despois chegaron as rotativas para finiquitar a artística e semicircular danza dos trolleiros.
O samurai das brañas; coa fusiforme pedra de aguzar no cinto, encartuchada nun corno operado para tal fin, xa non emula aos pistoleiros do oeste americano campando nos praderíos.
Talvez nalgunha vella palleira atopedes, cuberta polo po do esquecemento, unha gadaña roma. Tinxidas pola ferruxe do desamparo, incluso sería posible dar cunha zafra durmindo a carón da picadeira; pero ben complicado vos resultará achar mans expertas que saiban cravuñar.
Emporiso a estampa do mosqueteiro da herba verde, do atleta da esgrima vexetal, xa se garda unicamente na memoria colectiva dos que tivemos a oportunidade de, un día, velo...segar.

Foto: Cravuñador ullán.