xoves, 31 de xullo de 2008

Derrega

Resulta curioso que nun país no que a auga sempre veu do ceo, sin moita máis complicación, acaeceran liortas de moitísima relevancia polos dereitos de rego. Complicados turnos non sempre acotados polos días ou meses, se non polas lúas, unidos ás sucesivas partixas sobre predios cada vez máis pequenos e minifundistas, teñen rematado en verdadeiras traxedias entre consanguíneos, colaterias, veciños e Administracións.
Avogados e asimilados levaron as suas talladas por mediar en conflictos de augas e deslindes nun país no que, unha vasta extensión, estaba a comaróns , valados, sebes e silveiras.
Pero hoxe siguen vixentes os marcos que colocaron a pulso homes que non coñeceron o descanso, que se guiaban pola altura do sol para delimitar os seus horarios vitais e que, cando levaban o seus corpos cansos a cear detrás da lareira unha cunca de leite con pan de millo, a terra que labraban cada xornada seguía pegada ós seus zocos, á pana dos seus pantalóns , ó texido epitelial das suas mans e perimetralmente presente nas suas mentes.
Resulta curioso, pero comprensible, que as derregas fosen a fronteira a defender diante do invasor, xa fose irmán, cuñado, veciño ou brazo administrativo.

Foto: Derrega entre Pontevedra e Lugo no Marco-Ludeiro (Antas de Ulla)

luns, 28 de xullo de 2008

Civismo

Lembro que nas primeiras nocións de informática de programación que escoitei, decíase que o ordenador era un auténtico burranzán ó que era preciso ir dando todas as instruccións pasiño a pasiño de xeito que soupera executalas correctamente.
De tal sorte que non se podía dar unha orde que supuxese un mínimo avance na acción, sen que antes non se lle dese a inmediatamente anterior, so pena de caer nun bucle ou simplemente que a acción non se realizase.
Algo de pailáns nos debe quedar aos humanos no córtex, cando compre seguir lembrándonos as normas mínimas de convivencia e de civismo. O que non sei é como sabemos conducir audis e bemeuves sin que anteriormente nos ensinaran a lavarnos os dentes...

Foto: Hai que ghardala e mexar na intimidade oh

venres, 25 de xullo de 2008

Patria


Coa fachenda de sentirnos fillos da Galicia nai que hoxe celebra o seu día e percibindo que o azul e o branco son as verdadeiras cores dos nosos corazóns, quero expresar unha vez máis a miña ledicia de sentirme galego. Hoxe e tamén os outros 364 días de cada ano!


--oOo--

En pé! Irmáns!

En pé, sereos,

a limpa frente erguida,

envoltos na brancura

da luz que cai de riba,

o corazón aberto

a toda verba amiga,

e nunha man a fouce

e noutra man a oliva,

arredor da bandeira azul e branca,

arredor da bandeira de Galicia,

cantémo-lo dereito a libre nova vida!

Validos de treidores

a noite da Frouseira

á patria escravizaron

uns reises de Castela.

Comestas polo tempo,

xa afloxan as cadeas…

Irmáns asoballados

de xentes extranxeiras,

ergámo-la bandeira azul e branca!

e ó pé da enseña da nazón galega

cantémo-lo dereito a libertar a Terra!

Irmáns no amor á Suevia

de lexendaria historia,

en pé! en pé dispostos

a non morrer sin loita!

O día do Medulio

con sangue quente e roxa

mercámo-lo dereito

á libre honrada chouza!

Xa está ó vento a bandeira azul e branca!

A oliva nunha man, a fouce noutra,

berremos alto e forte:

“A nosa terra é nosa!”


Ramón Cabanillas

Foto. As miñas bandeiras: Antas de Galicia

martes, 22 de xullo de 2008

Misturas

A pasada fin de semana lin un artigo nun diario galego que, baixo o mesmo epígrafe, falaba dunha ponencia-marco sobre a regulación dos órganos de goberno das Caixas de Aforro galegas e tamén sobre a necesidade de darlle un marco legal á prostitución.
Cando un periodista consagrado fusiona eses dous temas é que seguramente hai conexión entre eles. Será que considera que os Consellos de Administración das Caixas teñen certos matices en común coas casas nas que se exerce o oficio máis vello do mundo?; ou cecais estima que nos chamados clubes de carretera podería prestarse un servizo adicional relacionado coa dispensación de efectivo?
Pasados uns días ainda persisto en debullar as motivacións de tal mistura. Se cadra tamén foi debido a unha simple confusión do rótulo dun caixeiro automático co neón azulado do último bar de copas...

Foto: Ou arre ou xo. Sinais en Santa Cristina de Areas (Antas de Ulla)

sábado, 12 de xullo de 2008

Optimismo

O mundo empresarial estuda con recalcitrante énfase o xeito de optimizar os seus recursos coa fin de acadar mellores resultados e rendibilidades sen acometer novas inversións e reducindo os custes.
É como se co mesmo paquete de deterxente pretendésemos lavar máis roupa moito máis sucia en menos tempo e reducindo o consumo de auga.
Solución: meterlle caña á lavadora.
Os traballadores somos a lavadora das empresas. Agora, para minimizar o impacto da crisis nas suas contas de resultados, falan de poñernos a lavar durante 65 horas semanais. Sin engadir deterxente nin suavizante e coa esixencia dun centrifugado máis intenso.
Parecía que todo ía ben e mira ti; para que logo digan que hai que ser optimistas.

Foto: Profecía ou advertencia?

sábado, 5 de xullo de 2008

Trivialidades

Gozamos de tantos privilexios e rodéannos tantos agasallos que ás veces esquécenos disfrutalos co vigor e coa entrega que sería aconsellable.
Ocupámonos en demasía na construcción da ponte e despois non temos tempo de cruzar por ela, de asomarnos ao peitoril para contemplar como a auga flue paseniña baixo os nosos pes secos.
Trabucamos con terca reiteración cales son as finalidades e cales os medios para acadalas. Valoramos en exceso a moeda de curso legal mentras simultaneamos a devaluación do realmente importante.
Deberíamos mergullarnos con máis asiduidade nas cuestións sinxelas que, curiosamente, adoitan ser de balde e cecais por elo non acadan o aprecio que se lles debe na nosa escala. Consideradas triviais; esas pequenas cousas son as que nos cargan de enerxía e reinventan cada día o noso motivo vital.

Foto: O son da auga. Sinfonía gratuita