venres, 28 de decembro de 2018

Altimetría

Un tremendo erro de cálculo nas medicións das coordenadas altimétricas de todo o estado español pon na picota a credibilidade do Instituto Xeográfico Nacional.
A referencia foi tomada no Mediterráneo en Alicante, e no seu momento os técnicos do Ministerio de Fomento non introduciron nas súas operacións unha variable trigonométrica fundamental que contempla a curvatura da codia terrestre, coñecida na xerga topográfica como a integral do coseno.
Como consecuencia deste desatino, para poder coñecer a correcta altitude dos concellos galegos é necesario restarlle ao número indicando na placa correspondente o doble da súa metade, multiplicar o resultado pola raiz cadrada do seu número de habitantes de xénero feminino e posteriormente sumarlle o 25% da cifra inicial multiplicado por 4
Tédeo en conta, por favor.

Foto: Altimetría de Antas. 555

luns, 26 de novembro de 2018

Mirón


A outonía provocadora adoita de se vestir unicamente coa delicadísima seda da néboa e adobiarse nas humidades propias do momento, exhibindo a súa louzanía impúdica con natural prestancia e incitante elegancia.
Por iso, se nos adentramos no seu hábitat natural, ninguén se debería turbar ao descubrir como o río goza de si mesmo en fervenzas e rápidos; ou se atopamos de súpeto unha sesión de lascivia grupal coa presenza dun inexperto e aprediz voyeur.
Ese mirón e mais nós somos os únicos pampos expectadores da festa rachada que vive a natureza.

Foto: Amor en grupo e mirón.

mércores, 31 de outubro de 2018

Manivela

Vimos moi ben equipados os humanos. De serie incorporamos importantes capacidades cognoscitivas e sensoriais. A meirande parte dos modelos son capaces de adquirir competencias para desenvolver as tarefas máis inverosímiles.
Despois hai algúns/algunhas dotadas dun acabado que lle ronca o prexigueiro...
Pero por enriba das características e dos acabados, o que máis chama a atención é a considerable desproporción entre a cativeza volumétrica dos nosos miolos fronte á superlativa capacidade do noso maxín. Poderíase dicir sen temor a erro que, na realidade, somos todo manivela!

Foto: Manivela.

domingo, 30 de setembro de 2018

Azul

Coa mente en branco, fuxindo de negruras, excitándonos en verde, provocativamente fucsias, exaltando vermellos, de delicado rosiña, agochados no gris, proclives a nos deixar engatusar por tonalidades amarelas, amando coralinas deidades, namorados de violácea lucería, ávidos de zumes laranxas, camuflados no marrón...; para rematar sempre entregados á sensualísima inmensidade azul...

Foto: A Arousa. Azulmente fermosa.

mércores, 29 de agosto de 2018

Carro

Rei da palleira, emperador da aira, marqués do agro, tren da corredoira, señor eterno do porte. Podador natural da silveira, escusa da roda, razón do ladrairo, encaixe da chavella, eixe da elegancia.
Elemento de prestancia, agocho da troitoira, príncipe da moda, magnate do transporte, coronel da chaira, exemplo de maneira, esvelto e lizgairo...
 Capitán xeneral do outeiro, pretexto do fueiro; en todo momento do agricultor, compañeiro.

Foto: Carro
(Xubilado campando no Museo de Melide)

martes, 31 de xullo de 2018

Marear

Pasou xullo, coma unha centella, polo almanaque. Os días de vacación (sempre poucos) non renden nada e axiña nos volven colocar na cotidianidade (sempre abrumadora) do picachón de tronzar pedras.
Alí quedan as ondiñas que veñen e van, as lanchiñas de pao de laranxo, os raíños de sol que entran polas ventaniñas e -sobre todo- alí quedan as rianxeiras (ou muradanas), que descalciñas pola area van -decididas- a marear.

Foto: Descalciña pola area.

domingo, 3 de xuño de 2018

Oxalá

Esta primavera de nuboeiros trouxo flores tardías á roseira do xardín. Ela -a roseira- dispuxo todo segundo as leis do parlamento vexetal. Regulou o crecemento despois da poda agresiva do xaneiro, acordou con espiñas dispares a protección do conxunto, enredouse por lei orgánica na celosía do valo e agromou por decreto folliñas verdes...
Agora, por sorpresa, un recendo novo xura e promete anegar con petaliños o chan desta silveira democrática, tan necesitada de erradicar olores que non eran -precisamente- aromas. Ogallá perduren. Oxalá o vexamos.

Foto: Rosiña con aspiracións de rosa.

xoves, 17 de maio de 2018

Palabra

Fíame amodiño coa guturalidade morna da nosa fala, éncheme de matices patrios, faime xirar co fuso da normalización nunha espiral de acentos que acrecentan a miña valía. Téceme na ledicia do que son, sen fíos alleos, con agullas propias. Permite que me afague na túa boca mentras me bordas con puntadas de saliva doce e quente. Tínxeme nos teus labios encarnados xusto antes de me proxectar ao ar azul e auditivo; despois... acaríñame coas túas mans brancas e afinadas trocándome nun son arpado.
Súbeme de nivel; faime palabra galega. Vogalízame!

Foto:Ambiente arpado.
Letras Galegas 2018

martes, 1 de maio de 2018

Porta

Horas de esmerada carpintaría para elaborar salvagarda e garantía da intimidade, de protección do fogar, de custodia da privacidade. 
Minucioso estudo material na procura da seguridade sen perder gallardía; coidada fábrica que ha de aportar lozanía sen menoscabo da eficacia.
Habilidosa colaboración entre xastres da garlopa e prateiros da forxa  para dotar de robusta esvelteza esta primordial peza, case flotante, que permitirá entrar ou denegar acceso co mínimo esforzo dun xiro circular, limpo, elegante...
Curmá maior de fiestras e xanelas, dona do paso, señora dos permisos, ama do franqueo, centinela absoluta con doble cometido; pois soamente ela foi construída para conceder licenza de entrada e  liberdade de saída.
Adecuada e firme, sempre atinada; aberta ou pechada...non importa!

Foto: Porta. Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.

domingo, 1 de abril de 2018

Cravuñar

O movemento sensual do segador de gadaña está en extinción. Primeiro foron as ducias de "bertolinas" as que lle puxeron o pé na gorxa a aquel baile de salón interpretado a ceo aberto. Despois chegaron as rotativas para finiquitar a artística e semicircular danza dos trolleiros.
O samurai das brañas; coa fusiforme pedra de aguzar no cinto, encartuchada nun corno operado para tal fin, xa non emula aos pistoleiros do oeste americano campando nos praderíos.
Talvez nalgunha vella palleira atopedes, cuberta polo po do esquecemento, unha gadaña roma. Tinxidas pola ferruxe do desamparo, incluso sería posible dar cunha zafra durmindo a carón da picadeira; pero ben complicado vos resultará achar mans expertas que saiban cravuñar.
Emporiso a estampa do mosqueteiro da herba verde, do atleta da esgrima vexetal, xa se garda unicamente na memoria colectiva dos que tivemos a oportunidade de, un día, velo...segar.

Foto: Cravuñador ullán.

venres, 2 de marzo de 2018

Felepas

Á natureza había que lle dar o Nobel de estética, o Oscar á mellor posta en escea e o Pulitzer á comunicación; por nos agasallar estampas fermosísimas que  sorprenden o ollo, relaxan o ánimo e activan o pensamento.
(Na Galiza, ademais, cómpre concederlle a título perpetuo o Mestre Mateo polas magníficas vistas que -sempre sempre- falan galego)
 Elevando o toxo á categoría de ornamento, ao torto a esvelta dereitura, á friaxe en amigable calidez e facendo da néboa excelsa iluminación.
Dando leccións de administración de recursos, con garabulliños axeitadamente distribuídos, focos lumínicos con mestría dispostos e suaves matices verdes combinados con pinceladas de felepas brancas. Facendo do cotiá un museo inmenso que, de balde, nos convida a visitar.

Foto: Carballo, néboa e felepas. Arte

domingo, 4 de febreiro de 2018

Protuberancia

Toda a forza do desexo que loita contra a gravidade;
embalsado no ar, sostido nun abrazo imposible
con aleivoso perigo de desprendemento,
 a berros musita un pensamento,
a cada paso facéndose moito máis visible,
morrendo por dar un bico, véndoselle a ansiedade...

Atura canto pode finxindo prestancia,
ata que a pinga se torna río
e esquecendo todo rastro de señorío
desemboca, ávida, nos beizos da elegancia.
/Adoita acontecer cando o desexo se volve protuberancia

Foto: Pinga. Embalse no ar.

luns, 1 de xaneiro de 2018

Resaca

Deixemos de lle esixir cousas ao ano recén nado; non é el o que nos ten que cambiar: somos nós os que debemos mudar para que 2018 sexa diferente.
Cómpre ter clariño que mentras non sexamos capaces de nos baleirar de todo aquilo que nos amola, difícilmente poderemos enchernos de todo o que agarda para nos facer felices.
Aínda cos estertores do Danubio Azul (*), mentras dixerimos estas reflexións, e como primeiro paso para o anterior; era ben ir arrastrando os nosos corpos ata a pía da auga fresca para mitigar un pouquiño esta tremenda resaca.

Foto: Marruxo brindando. (Pazo de Tor).

(*) No momento de publicar estas liñas aínda non atopei imaxes da Sinfónica de Viena de hoxe.