martes, 28 de decembro de 2010

Decisión

Vai ser unha noticia de primeira magnitude para o país. Nada até o de agora logrou enfiar con tanto xeito e atino unha decisión desta trascendencia e calado.
E foi lograda mediante un consenso total entre as forzas políticas. Os do paxaro, os da flor e mailos da estrela acadaron un acordo sin precedentes. Ídelo ver axiña en cada aldea, xa que a Orde sae no Diario Oficial hoxe.
Todos os potreros de Galicia van ser recuperados como sedes das Subdelegacións gubernamentais en cada parroquia galega!.
Estarán rexentados polo pedáneo, con rango de funcionario a tercio de xornada, e dotaranse de fax e WiFi, ademáis de auga corrente e aire acondicionado. Non se di nada de que teñan toma de terra, pero vista a boa vontade política, podemos apostar que tamén contarán con ela.
Esta decisión é unha clarísima aposta pola sostibilidade da aldea, ademáis de optimizar  recursos e pór en valor unhas estructuras sociais que estaban a piques de pasar ós museos etnográficos, e -de paso- achegan a Administración ós cidadáns.
De xeito colateral, a ninguén se lle escapa que este paquete de medidas tamén pretende recuperar dous elementos esenciais da arqueoloxía galega: o ladrillo visto e maila uralita.

Foto: Potrero. Futura delegación da Subdelegación do Goberno.

domingo, 19 de decembro de 2010

Buzón

O teléfono non anulou a figura do carteiro como transmisor de emocións e ledicias (agora só carrexa publicidade misturada con recibos bancarios, salpimentados con multas de tráfico e requerimentos fiscais). Persiste a necesidade de construir con fonemas debuxados o que coa voz podería resultar  esdrúxulamente efémero. O epistolar é o que as puntillas son á  lencería fina...Así que naceu o correo electrónico.
Suprimido o carteiro do concerto das emocións, resultaba unha obviedade prescindir dos buzóns.  E nese baipás que puxo en contacto directo ó emisor co receptor, incluiuse un cambio de denominación do recipente externalizado, frío, marelo e anguloso; pasando ó garimoso, cálido e pre-íntimo nome de "bandexiña de entrada".

Foto: Buzón torto. Demasiadas esdrúxulas?

mércores, 15 de decembro de 2010

Cebola

Deixarse levar en demasía polas emocións adoita abocarnos a conflictos de relevancia. O corpo pide certas licencias que a mente debe regular coa sabiduría da experiencia, o tino da razón e maila mesura da oportunidade.
Xa sei que é necesario sair ó recreo; pero resulta moi convinte ter  a información precisa para que a decisión sexa sempre óptima. Porén , sen caer en tópicos, faise imprescindible considerar o tamaño antes de decir que non importa.
Así que nunca se debe dicir aquelo de "contigo pan e cebola", sin saber previamente como vai ser de grande o pan...

Foto: Terra de Antas. Fertilidade contrastada nunha cebola

sábado, 11 de decembro de 2010

Argallar

Non todo está nos libros. Nin as mil maneiras de fritir un ovo, nin a realidade constatable de que un ovo so é posible fritilo dunha maneira...
Algún libro xa da conta de como non todo o colacao é soluble no leite, pero escápaselle que por iso, precisamente, algúns somos do nesquik...
Os libros axudan moito. Amósannos experiencias e ideas que outros tiveron antes, delimitando así a derrega dos pensamentos para evitarnos plaxios mentais. Por moito que as ideas non teñan volume, sí que teñen propietario/a, e para deslindalas faise preciso o rexistro escrito como proba irrefutable da súa etérea consistencia e testemuña perenne da súa existencia.
O factor común que vencella a lectores e a quen escribe, radica precisamente nunha das marabillas que (seica) temos en total exclusiva os humáns: a capacidade para argallar.

Foto: "A cabeza non para"

domingo, 5 de decembro de 2010

Truco

Cando imos conducindo amola moito que o de atrás se  achegue en demasía á nosa traseira. Non hai interés ningún en verlle a faciana polo retrovisor a quen manexa a máquina que esnifa a fumieira do noso tubo de escape.
A cousa cambia radicalmente cando somos nós os que imos detrás. Esta alteración no criterio baséase en motivacións atenuantes que xustifican o noso comportamento en cada situación: en xeneral, pola ansia que nos leva o bo control do tráfico; ou, neste caso concreto, para cerciorarnos de que realmente o taburete precisa unha man de barniz!.

Foto: E seica hai que mirar para as luces de freo. Manda truco!

mércores, 1 de decembro de 2010

Mercados

Nunca os trienios foron garantía de fortaleza para pontes e camiños; nin as marxes aceiradas evitaron intencións suicidas, nin as acotacións ben definidas aseguran o seu cumprimento.
O río marca o seu ritmo e hoxe vai revolto. Non podemos argumentar que estamos en veda, así que compre aceptar que haberá pescadores que saquen tallada. Con todo,  non é tempo de facer tostas para embalsar protestas; antes ó contrario sería boa idea abrir novos caneiros que enxauguen esta voracidade dos mercados troiteiros.
Despois xa decidiremos se facemos os peitorís ou requisamos o dereito á simple contemplación da paisaxe...que valerá cartos!

Foto: Tensións de liquidez no Corgo (Antas de Ulla).

xoves, 25 de novembro de 2010

Cores

Algunha vez xa me teño posto colorado por ter que tragar algún marrón. Fiquei branco como a cera por algunha noticia mala ou sorprendente. E deixarme negro determinadas situacións.
Tamén debo recoñecer que houbo ocasións nas que me puxen morado e quedei coma unha rosa...
Supoño que non fai falla que manifeste a miña galeguidade lembrando que a bandeira que ondea no  mástil dos meus sentimentos leva unha diagonal azul.
Recoñecendo que entre o branco e o negro hai unha variada escala de grises, vou concluir por definirme como policromático.

Foto: Van de verde (e non son holandeses!)

domingo, 21 de novembro de 2010

Ninfomanía

Ninguén quere (falo de xente co xuizo san) voltar á situación de fai 35 anos; pero tamén é certo que, sabendo que as silveiras non ían dar figos nin brevas as toxeiras, tiñamos a esperanza de que as colleitas de amoras fosen abundantes e os alecríns tivesen mellores bríos, cando o único que percibimos son as aguzadas espiñas de silvas e toxos...
Neste tempo prosperou a nova raza dos políticos e as súas máquinas de poder: os partidos. 
Axiña aprendemos que éstes poden fodernos de xeito recurrente e, por moito que pretendan facernos ver, os únicos que acadan o clímax son eles!.
Esta ninfomanía do poder partidario está abocando á sociedade a unha perigosa frixidez democrática que nos ubicará na pendente do desencanto abstencionista. E o mais jodido é que neste caso non hai autoestimulación posible, xa que a masturbación do voto en branco pode acabar por magnificar o orgasmo dos que menos desexabas...

Foto: Figos en novembro. En que partido se metería este raio de figueira?

mércores, 17 de novembro de 2010

Elección

A muller acababa de chegar ó ceo. Nin dúas horas pasaran dende que morrera no pasillo dun hospital do Sergas.
Na recepción celestial estaba San Pedro, con quén entablou axiña unha amimada conversa, súbitamente interrumpida por  uns berros  adoecidos que se escoitaban tras unha porta azul. A recén chegada fixo un xesto inquisitivo ó seu contertulio.
-Non te preocupes -tranquilízaa o home das chaves-. Chegou fai dez minutos e estanlle facendo os buratos no lombo para colocarlle as ás. Tiñamos previsto asinar un Convenio co Sergas para adiantar este trámite, pero eles seica non dan feito alá abaixo; así que non queda outra que xestionalo aquí.
Sen agochar un aire de sorpresa, axiña voltou á conversa, afeita a todo tipo de situacións tendo en conta que sempre fora usuaria da sanidade pública.
Tres minutos despois retornan os berros, pero desta vez resultaban -se cabe- aínda máis escalofriantes.
- Polos cravos de Cristo! -exclamou con certa anguria no peito- ¿e agora que raio acontece?
- Non hai de que preocuparse, muller -resposta San Pedro-. Só lle estan facendo as perforacións necesarias para instalarlle as aureolas. Nin siquera alixeirándolles o choio coa receita electrónica foron capaces de...
- Ai, de ningunha maneira -interrumpe moi decidida-. Por iso non dou pasado. Mellor voume para o inferno!.
- Pero como vas facer iso? Non ves que alí sodomizarante e abusarán de ti de xeito reiterado? - asegúralle Pedro con rictus estresado de galeno de Atención Primaria coa consulta ateigada-
- Non importa, para iso os buratos xa os teño de serie!!!

Foto: Buratos artísticos.

domingo, 14 de novembro de 2010

Ferradura

As estratexias do galope empezan cunha boa caldeirada de fariña e rematan por ter a besta ben ferrada.
A maiores diso hai que contemplar unha morea de variables. Que a albarda vaia ben firme, que as cabezadas sexan axeitadas, que o xinete non se pase coa espuela nin coa fusta...
Todo elo sen esquecer nunca que os outros cabalos non están no hipódromo co obxectivo de amolarnos a nos, senón coa intención de cruzar primeiros a meta.

Foto: Parada en boxes no Campo da Antas

martes, 9 de novembro de 2010

Ciberactúa


ProLingua, plataforma pola defensa e promoción da lingua galega, comeza unha campaña, baixo o epígrafe de ProLingua Ciberactúa. A cousa consiste no envío masivo de cartas ou mails a institucións ou empresas que discriminan claramente o galego. Neste caso comezaremos por Gas Natural que, sendo unha empresa que absorbeu á galega FENOSA, ofrece a súa web en castelán, catalán e inglés, pero non en galego.
Envía cartas ou mails ou ben chámaos por teléfono esixindo que a lingua galega tamén sexa idioma de interlocución entre a empresa e os seus clientes galegos.
  • Formas de contacto con GAS NATURAL FENOSA:
Enderezo postal: Gas Natural SDG, S.A., 2008
Plaça del Gas, 1   08003 Barcelona

Páxina web de atención ao cliente en liña

 
Enderezo electrónico gasNatural

 
Moitas grazas pola túa actuación a prol da nosa lingua!

sábado, 6 de novembro de 2010

Evento

Unha escolta de trinta mil formigas en terra e cincoenta enxamios controlando as alturas.
Alumean o camiño, amenizado por trece corais de grilos, cen ducias de vermes carpinteiros. O chan  branco está engalanado polas ás de oito mil bolboretas e salpicado de xoaniñas costureiras.
Elixires de dous millóns de follas recén caidas e musgo mollado embriagando o ar. Todo está quedo, silente, preparado para o evento: vai falar o saltón debaixo da sombrilla dun sapo.

Foto: Outono engalanado.

mércores, 3 de novembro de 2010

Pastor

Tanto nos din que hai que conservar as especies todiñas. Tanta insistencia [compartida] en que somos herdeiros dunha riqueza que debemos deixar [íntegra] en legado...
Tan reiterados avisos nesa liña eran necesarios;  pero [carallo!] a Xunta colleuno tan ó peíño da letra, que xa estou vendo cando detrás dun valado estaremos os humáns en reserva concentrada, mentras pola corredoira campa un pastor alemán con pasaporte diplomático...

Foto: Saberá ler o lobo?

luns, 1 de novembro de 2010

Solución

Xa cambiamos a hora. Agora todo irá mellor. 
Venderanse coches a mansalva e reducirase a polución. 
Imos acabar co paro e desaparecerán o déficit e maila especulación.
Xa non haberá terrorismo, transfuguismo nin opresión. Desaparecerá o mal trato, a fame e maila corrupción. E sentados no banco da ledicia observaremos que pouco esforzo nos costou.
Non sei como carallo non demos antes con esta sinxela solución!

Foto: Banco. Unha hora antes e unha hora despois

xoves, 28 de outubro de 2010

Caravilla

Todos temos segredos.
Algúns incluso resultan inconfesables. Imaxinemos por un intre que os nosos pensamentos quedasen expostos á vista e interpretación de todo aquel que nos mirase. Qué perigo!.
Menos mal que contamos co recurso da caixa forte da intimidade pechada coa caravilla da discreción.
Tras mecanismos así de sinxelos gardamos asuntos  ben complexos, ideas sumamente perversas ou puntillas levemente almidonadas.

Foto: Alta tecnoloxía en seguridade

xoves, 21 de outubro de 2010

Vincallo

Demasiadas florituras para adornar a propia flor  resulta un exceso desmedido na exaltación de quen por sí xa exalta.
Esa recalcitrante porfía nin siquera a  Ionesco lle pasou pola cabeza. Tapar con esmeraldiñas unhas esmeraldas , ocultar con feixiños de zafiros uns zafiros, atar con vincallos un vincallo...
Vestir bonitas un par de razóns axuda a matizalas, pero recargando o argumento caemos no esaxerado e rozamos o absurdo.
Que o sostén nunca vai ser máis fermoso que as sostidas, carallo!

Foto: Secreta victoria.

domingo, 17 de outubro de 2010

Perspicacia

Tendemos a pensar que existe unha única perspectiva para visualizar as situacións. Esas ideas preconcebidas inciden no xeito en que percibimos a realidade, autolimitándonos en sucesivas progresións xeométricas canto mais imos profundizando na materia da que se trate.
Tales prexuizos acaban por reducir a capacidade de análise; limitando así as conclusións ás que podíamos ter chegado.
Por iso deberíamos ter máis claro que, antes de deixarnos levar por habitualidades rutinarias, viría moi ben ampliar espectros  e redimensionar enfoques, explorando novos criterios e visualizar con agudeza dende ángulos diferentes. Ese levísimo esforzo de sagacidade enriquecerá o coñecemento, alimentará a intelixencia e, de paso, dotará de mellor cintura o músculo da perspicacia.

Foto: Pose fotográfica innovadora. Perspicacia para mirarlles as pantorrillas.

mércores, 13 de outubro de 2010

Escenografía

Despois de desfiles con cabras lexionarias e ovellas zapadoras, hai quen empeza a preguntarse se o feito de soltar pombas brancas (ou negras) nos actos castrenses non ven a ser o mesmo que agasallar preservativos ó cura da parroquia polo día do patrón (ou da patroa).
Nun acto no que a noticia son as bandeiras ausentes , as broncas e  mailos abucheos a certos tribunos, fai que me pregunte se non viría ben revisar o calendario e maila escenografía decimonónica dunha exaltación que ninguén sinte e que mesmo acaba semellando unha gran cagada (ou mexada).

Foto: Participante no desfile alixeirando a carga.

sábado, 9 de outubro de 2010

Filosofal

En pedra filosofal das audiencias convertida. Chave política advocada. Dona de frases lapidarias, tantas veces plaxiada. Como realeza do vulgo aclamada. Para nai coraxe postulada... 
O malo de tanto destripe carniceiro e absurda liturxia dun suposto periodismo que agocha en anglicismos a estupidez suprema, non radica unicamente no feito de que haxa público para esta miseria; senón en que a propia sacerdotisa desta relixión acabará sendo -no mesmo altar que hoxe a venera- inmolada.

Foto: Et super ti... edificarei a miña programación.

martes, 5 de outubro de 2010

Dentada

Seica non corren bós tempos para quen ostenta o goberno.
Na bota mediterránea, pártenlle os dentes ó seu cavaliere, ó outro lado dos Pirineos din que o que durme coa modelo meteuse nun lío que somente un payo podería facer, nas illas da súa graciosa maxestade (contará chistes?), teñen unha ensalada no goberno que nin con vinagre se aliña.
E contan que aló por Madrid seica lle deron unha dentada no corazón ó rapaz de Valladolid criado en León, por mor dunha malagueña que quería subirse a un madroño para contemplar un oso que ten unha tal Aguirre, grande de España...
Que cousas!. Sendo tan nocivo, como parece que é, pregúntome que clase de vacina se inocularían os políticos para continuar facendo paellas.

Foto: Dentellada cardíaca na mazá de Antas

venres, 1 de outubro de 2010

Par

Individuos solitarios cimbrean intencións; chiscando ollos, mollando beizos.
Expoñendo talentos, amosando posibilidades; exhibindo recursos, suxerindo aptitudes.
Tentando seducir, procurando embelesar; emitindo sinais que buscan un resultado descaradamente oculto e disimuladamente visible.
Na oscuridade do día e na lucería da noite, ese  contínuo e reiterado baile de conquista, ese desfrebe reiterado de recursos, unicamente pretende a disolución da individualidade para confluir no outro ser tentador, desexado, atraínte, ansiado...
So para evitar onanismos  bipersonais. Buscando o par.

Foto: Lascivia vexetal. Outono en Antas

luns, 27 de setembro de 2010

Cavilar

O castelo de naipes da marabilla económica esnaquizouse fai varios meses, sen trazas de mellora a curto prazo (que é como queremos as cousas agora). Durante unha tempada vendemos os becerros que ían parir unhas vacas que posteriormente abortaron , sairon marondas ou foron montadas por bois vasectomizados.
O caso é que agora temos as cortes cheas de vacas vellas, escasas de leite, sin posibilidade de preñar e os tratantes á porta preguntando polos xatos mercados con antelación.
Con este panorama cadaquén debe buscar un culpable se non quere poñer a soga no seu propio pescozo. Argumentar culpas será doado, xa que todos temos os pés mollados naquel trolleiro de ledicias e benvivir.
Porén pregúntome se, antes de entonar berros a través da microfonía da desesperación, non sería aconsellábel deterse un chisco a cavilar...

Foto: O pensador (para ser tan inactivo, está cachas de carallo)

xoves, 23 de setembro de 2010

Cabroncetes

Andamos buscando a pose axeitada para campar diante de amizades presentes e futuras; e non sempre  resulta doado lograr o escenario, a postura e maila expresión necesarias para acadar a imaxe desexada. 
Cando por fin conflúen as circusntancias , e incluso somos capaces de lograr aquela mueca que tanto nos favorece, non estamos libres de que algún factor imprevisto apareza no intre máxico da dixitalización e tumbe o intento.
Pero, como reza o dito popular, non hai feira mala. De xeito que, mentras á rapariga loira  se lle escarallou a pose protagónica -e un chisco forzada-; outro fotógrafo oportunista (moi même) logrou un casual menage à trois fotográfico absolutamente natural e imprevisto.
Pregúntome quen sería máis cabroncete dos catro: o raparigo xoguetón, a amiga pelivermella que seguiu ó calado coa sesión, a propia modelo que me cachou fotografiando o momento ou...moi même?

Foto:Catro cabroncetes

domingo, 19 de setembro de 2010

Polaina

Con mirada firme e penetrante, co ánimo ledo e a intención ben dirixida; repenicando no tamboril das intencións con recalcitrante insistencia.
Marcando o ritmo e acompasando as ideas coas baquetas da sabedoría, percutindo no coiro ben tensado pola cordaxe da razón, arrincando notas do ar para pousalas nos oidos dun público que moverá os pés e baterá as palmas.
Mais, para lograr embelesalos non abonda con coñecer a melodía e manexar o instrumento. Iso dase por feito. Tamén compre ter boa postura no corpo e sincero sorriso no semblante. Tocar con elegancia facilita a comprensión da peza.
Non é menos importante levar ben postos todos os botóns. Moi importantes os da petrina, pero tamén os das polainas!

Foto: Gaiteiro en posición de Do Maior

domingo, 12 de setembro de 2010

Xato

Xato vai en pelotas pola vida de xeito que o sol e mailo vento lle aireen alí onde máis frío ou calor teña en cada momento.
Xato remoe de noite con calmosa lentitude a herba que pastou de día, ceibo polo prado inmenso ó que non lle ve o valo; sen estrés nen premura.
Xato copula con asiduidade unha nutrida manada de rubias e morenas; e despois do envite danlle unha caldeira con fariña de millo.
Pero a Xato amólalle o piercing que non quería ter engarzado nas ventas, e non lle presta un carallo ir co dni enganchado na orella. A corda que lle amarran arredor do queixelo córtalle a circulación facial e esmágalle a barbada. Non entende para que carallo o exhiben na feira amarrado a un puto carballo mentras atura moscas e moscóns. Se ademáis a feira era de queixos, joder!

Foto: Feira do queixo de Antas. Xato "queixándose".

xoves, 9 de setembro de 2010

"Embolado"

Non me gustan nada os memes; pero esta vez hai dúas razóns de peso para participar:
O nacemento ven dado polo post número 1001 de Kaplan (palabras maiores) e a min méteme no embolado Zeltia (a miña primeira comentarista despois de 232 entradas) .
Pasemos o "trago" axiña.

Canto tempo levas como blogger?
Aínda que houbo outro intento fallido, direi que dende outubro de 2007
Como te enteiraches da existencia dos blogues?
A curiosidade un día levoume a fedellar en Blogger.
Cinco blogues que sigo diariamente ou con moita frecuencia.
Leo a miña lista de blogs sempre que vexoa actualizacións, pero sin duda non me esquecen AquamLatam , Pitima, Leoeosseus, Susana Moo e Zeltia
Es lector anónimo dalgún blogue?
Claro que son. Pero son falador e case sempre acabo por baduar algo.
Algúns autores que che acorden especial simpatía.
Hai moitos que foron concluindo este camiño, pero aquí debo citar á Lareira de Santiso, que foi o primeiro blog que visitei por un puro casual, e prendeu a chispa para a Chousa.
Con que cinco bloggers irías de esmorga?
Cinco son poucos. Ademáis gústanme os números pares...
Con que blogger pasarías unha noite de loucura sexual?
Pódese facer iso con algún blogger???. Eu pensaba que esto era cousa de escribir...
Namorácheste algunha vez dalgún blogger?
Vou respostar coma Pitima (excluindo o que di do Druida, claro!)
Estás satisfeito co teu blogue?
Estou. Se non fose así teríalle dado ó botón e listo.
Espallar este meme entre 3 e 5 blogs
É dicir, xa que me foderon a min...que siga a cousa. Pois pásollo a Paideleo, Aldabra, Xenevra e Merce. (Xa vos escoito xurar en arameo jajaja)

Foto: Bola de garabullos. Escaparate en Compostela

luns, 6 de setembro de 2010

Rumbo

Gastamos moito en manternos a flote, cando esa debería ser unha característica do casco e non ter impacto no consumo enerxético.
Pero adoitamos empregar elevadas cantidades de combustible mental para ir dende ningures ata ningunha parte e despois, cando hai que enfrontarse co mar picado, fáisenos pequena a hélice e moi cativo o timón.
Coñecer a propia eslora e o calado do mar no que bogamos axuda a manter o tempero necesario para surcar con garantías en mar aberto, ó abrigo da ría ou incluso na propia bañeira.
E tampouco pasa nada se apagamos motores cando, ocasionalmente, non temos moi claro cal é o rumbo.

Foto: Parado a toda máquina.

mércores, 1 de setembro de 2010

Terapia

Seica foron chineses os primeiros en poñer en práctica unha innovadora técnica terapéutica que ameaza con mandar ó carallo negocios de callistas, pedicuras e semellantes.
Din que consiste en meter os pés nun caldeiro cheo de peixiños que che comen literalmente as células -supostamente mortas- da epiderme.
Pois ben, veño constatar que os alevíns de troita galegos xa contactaron cos peixes chinos e coñecen o mecanismo á perfección. Está claro que esto da globalización non so chega por vías cibernéticas: tamén o debe facer por outras canles.
E xa que estamos, pregúntome se non sería viable -como terapia social- desenvolver un programa que contemple a posibilidade de mergullar neses caldeiros as masas encefálicas de determinados individuos que pululan pola codia terráquea disfrazados de persoas. Claro que para acadar o éxito terapéutico total, nestes casos, sería preciso empregar direitamente crías de piraña!

Foto: Cóxegas terapéuticas feitas por alevíns ulláns

domingo, 29 de agosto de 2010

Figura

Cando por maio era por maio, e anunciábase que ía vir a calor; decían os telexornais que chegaba o momento da operación bikini.
Agora que se vai agosto e proclámase a época de coleccionar as chorradas máis interesantes, inútiles e carísimas, seica é tempo tamén de recuperar a forma perdida. Moito debemos cargar o carro, que sempre nos andan avisando de que hai que subir os ladrairos!
Eu non sei como o fan, pero hainas que deben seguir sempre os consellos de temporada; pois véxoas a cotío esbeltas, macizas e cachondas. Tanto ten que as mire en setembro, abril ou no tempo da seitura; elas sempre levan unha esbelta e atraínte figura.
Claro que non sempre hai ocasión de verificar se tamén levan posto o xenio...

Foto: Talle esbelto.

luns, 23 de agosto de 2010

Buratos

En fotografía sempre se ten moi en conta a distancia focal, os encadres, a apertura do diafragma...
Pois nunha boa parte das cuestións vitais que nos rodean tamén resultaría moi axeitado ter en conta este tipo de parámetros para ser conscentes de que, según o ángulo de enfoque, lograremos percibir con máis ou menos intensidade o mal e o ben que nos salpica e aloumiña a cotío.
Alonxando ou achegándonos iremos percibindo con máis nitidez as lampreadas e as marabillas, as ledicias e os pesares, os praceres e as rabias. Iso sí, sempre tendo en conta que na realidade tamén miramos a través de buratos! . E non é cuestión de volverse unha topia; senón de manexar axeitadamente a telemetría.

Foto: Burato desencadrado. Vista parcial.

xoves, 19 de agosto de 2010

Deshabitado

Tecemos mil e unha marañas de ideas para acometer ilusións e proxectos. Integrando medios, optimizando recursos e adaptando escenarios.
Cada cal na súa sebe, imos espetando as propias habilidades para engarzalas nas poliñas da oportunidade, na procura reiterada, contínua e vehemente da solidez que proporciona a seguridade.
E só cando as calores de agosto queiman as follas e as coitelas tronzan as pólas, contémplase con nidia claridade a robustez do noso traballo.
Resulta curioso comprobar que para decatarnos daquelas fortalezas, son necesarias estoutras ameazas.

Foto: Niño deshabitado. Rulada criada.

sábado, 14 de agosto de 2010

Pizarrillo

Mudan os métodos pedagóxicos e varían as ferramentas empregadas. O encerado evolutivo fai necesarios novos criterios que establezan prioridades, actualizadas coa tiza da tecnoloxía.
Partindo daquela frase lapidaria de que case nada se crea, senón que todo é produto dunha transformación; a pouco que escarabellamos na realidade, axiña poderemos concluir que o único que aconteceu dende o pizarrillo ata o pen drive, foi unha sutil adaptación daquel cilíndrico artiluxio para salvalo da obsolescencia.

Foto: Equipo integrado pendente de evolución
(Con toma para impresión de chorro de tinta)

domingo, 8 de agosto de 2010

Puntuación

O meu sempre lembrado mestre Don Benedicto García, nunca deixou de insistir na importancia que a axeitada utilización dos signos de puntuación teñen na comunicación escrita. E logrou convencerme daquela ensinanza; o que non puido foi darme o quid para entender todas as perspectivas e tampouco todas as imaxes coas que a miña cámara se atopa. Velaquí un exemplo de ambas:

"Se o home soupese realmente o valor que ten a muller andaría a catro patas na súa busca".

As mulleres que lean esta frase, moi probablemente situarán a coma xusto despois da palabra muller.
Pero tamén pode que os homes a coloquen despois do verbo ten...

Foto: Casualidades artísticas

domingo, 1 de agosto de 2010

Chanclas

Estradas ateigadas de maletas, apreixadas nos seus compartimentos coma quen soba os nabos no caldeiro, circulan estes días con idénticas direccións pero en sentido contrario.
A envexa engadida á bagaxe dos que voltamos fai que a idéntica equipaxe da ida semelle non caber no mesmo habitáculo de fai un par de semáns.
E miramos con cara seria ós que veñen, mentras pensamos que a nós ninguén nos vai quitar o disfrutado e, ó fin e o cabo, eles traen os días contados...
Mentras conducimos as nosas ideas polas curvas do pensamento decatámonos de que cando empezabamos a collerlle o tranganillo ás chanclas, hai que volver coller as ferramentas da canteira. Penso que algúns (eu entre eles) deberíamos quedar para explicarlles aos recén chegados como rulan as cousas polo lugar.
E por riba de todo Mariano non pon o cinto. Seguro que o fai adrede!

Foto: Ferramentas para non queimar os pés na area

sábado, 31 de xullo de 2010

Ser

Ser galeg@ é moito máis que a casuística de nacer nun territorio. Limitalo a esta última cuestión é como definir o sangue como un líquido vermello. Sin mentir, a verdade queda moi cortiña nesa definición.
Non citar a historia que nos xunta, a lingua que nos identifica e mailo sentimento que latexa co son de Ribadeo ou do Rosal; de Cariño ou de Verín -cruzando invariablemente por Antas- ; é como obviar razón en sí mesma do existir, do ser.
E xa poden ser xacobeos cada once anos ou domingos cada sete días; que dous millóns longos de persoas somos galegas cada segundo da nosa existencia.

Voltar das vacacións a estas horas non é razón suficiente para omitir unha alusión á galeguidade que rezumaba este mes. E se mañán non é 25 de xullo outra vez, seguramente será debido a que é o primeiro de agosto. Quen dixo que non era o día de Galicia mañán tamén?

Foto: Estereotipo do ser

venres, 16 de xullo de 2010

Hórreo

Ubicación idónea, perto das laxes da aira.
Elevación precisa, na procura da aireación necesaria.
Estabilidade asegurada, mediante os materiais axeitados.
Volume acorde coa terra sementada, lección de mesura con gallardía conxugada.
E así, a salvo de fungos e humedades, dos dentes dos ratos e picos de aves; acugulo de espigas esfolladas e cheo de enerxía almacenada, trócase en despensa ben dotada que proporcionará millo vello en épocas de colleitas menos abondosas.
Pregúntome ás veces como poidemos esquecer as ensinanzas tan arraigadas, unicamente co argumento da evolución mal interpretada. Se tan só era cuestión de adaptar a filosofía do hórreo ó plan xeral de contabilidade!

Foto: Hórreo de Pambre
Música: Felicidades a todas as Carmes, Carmiñas e Carmelos (Ruxe-Ruxe)

domingo, 11 de xullo de 2010

Predicción

Nestas últimas xornadas reinan as anécdotas por riba das noticias e imperan os cotilleos sobre das realidades.
Dende a óptica periodística todos sabemos que sempre resulta menos chamativo que un can morda a un neno, que se é o propio raparigo quen lle da un mordisco a un cadelo. Pero elevar á categoría de oráculo o xantar dun polbo alemán xa ten bemoles.
Pero xa postos a facer prediccións arestora (falta media hora para que 22 machotes empecen a correr detrás do bincho de coiro chamado Jabulani en Sudáfrica) predigo que mañán ó almorzo untarei as torradas con Tulipán.
Xa poden empezar a tremer o polbo Paul, a galiña Eufemia e maila meiga das velas negras.
E que eu destas cousas sei a mitra!

Foto: Chousa mitrado.

mércores, 7 de xullo de 2010

Cúpula

Do continente africano chégannos nestes días de xullo, ademáis de ríos de tinta con noticias futbolísticas, mares isobáricos cargados de elevadas temperaturas.
Para minimizar o impacto que esta situación térmica produce no organismo, nada mellor que repoñer líquidos (a poder ser con baixas ou nulas doses alcol), e non realizar actividades con alto desgaste físico.
Como complemento refrescante, tamén vos deixo a suxerencia de que deades un paseiño baixo esta magnífica cúpula. Ollo; aínda que o entorno se preste, non trabucar termos fonéticamente cercanos...

Foto: Cúpula vexetal en Olveda (Antas de Ulla)

sábado, 3 de xullo de 2010

Cobertura

Foi necesario desplegar unha maraña de fíos para que os candís se apagasen e alumear, a golpe de kilovatio, as ennegrecidas paredes da lareira.
Aquel adianto luminoso puxo ó descuberto as múltiples carencias nas que estabamos mergullados. Pódese afirmar que a bombilla trouxo consigo o terrazo e maila fregona.
Case simultáneo, chegou o teléfono de manivela. Aquelo sí que tiña misterio: falar -aínda que fose berrando- co veciño da outra punta da vila coma se o tiveras na casa; e chamarlle conferencia se o veciño estaba na capital. Riquezas léxicas que traía o progreso.
Agora non fan falla fíos para falar cun descoñecido. Nin postes que unan as palabras. Nin berrar para que te escoiten, nin manivela para establecer comunicación. Tan so un tecladiño no que golpeas lene a xeito de picaporte universal pendurado no teu peto, para chamar a todas as portas de todas partes...
Iso sí, o que non mudou no tempo é que, antes coma hoxe, é necesario ter cobertura!

Foto: Picaporte en Vilapoupre. Cobertura asegurada.

luns, 28 de xuño de 2010

Precipicio

Unha composición accionarial ben repartida entre suavidade e dulzura. Un balance saneado e axeitadamente compensado entre a pigmentación fixa e maila polinizadora. Uns recursos propios suficientes como para agardar magníficos resultados de conquista.
Enervado pezón vexetal na cúspide da excitación. Abertos os pétalos, receptivos os pistilos, acolledores estames e firme o talo, tan so meneado pola lene brisa da tardiña verde...
Con este panorama contable, vai o paspán do insecto e asómase -nun perigoso exercicio de equilibrio- ao abismo da quebra financieira.
Mesmo semella estar a piques de lanzarse a un precipicio de pouco medidas consecuencias que supoñen unha nefasta calidade directiva e unha pésima xestión da oportunidade. E despois dirá que fai fresh banking...

Foto: Equilibrio. Agasallo de Tres Trisqueles para compartir coa Chousa

mércores, 23 de xuño de 2010

Queimada

Que os mouchos, as curuxas, os sapos a mailas bruxas sexan bós e xenerosos.
Que os demos, trasgos e diaños acouguen o seu ímpetu.
Que ningunha barriga de muller solteira sexa inútil (xa será utilizada cando se tercie!).
Que as linguas das mulleres -casadas e solteiras, con homes novos e vellos- sigan pecando per omnia saecula.
Que os corvos, as pintigas e as meigas non deixen de apelar a tronos e raios.
Dende o Centro Xeográfico de Galicia, berce do Ulla, queimaremos en augardente os malos fados, quedando así purificados...
E xuntando as forzas do ar, terra, mar e lume, brindemos sempre -aínda que sexa de xeito virtual- erguendo unha cunca de queimada.

Foto: Lume. Olliño, que -ademáis de purificar- tamén queima!

sábado, 19 de xuño de 2010

Descaro

Pouquiño a pouco ímonos mirando no espello global para copiar tendencias, asumir costumes e propagar ideas. A permeabilidade de cada quén vaise facendo máis mol na medida na que aumenta a exposición ás reiteradas mensaxes que chegan por tdt, adsl, fm e incluso un xurásico medio chamado prensa escrita.
Todos, sen excepción, disparan estímulos de todo tipo, co fin de incidir na nosa capacidade de elección, decisión e acción.
Con tantos recursos que empregan, hai que confesar que en moitas ocasións logran os obxectivos con óptimos niveis de eficacia.
Pero ás veces atópanse con individuos de rompe e racha, que non hai campaña que os penetre nin mensaxe que lles incida.
Son xente coas ideas claras e de principios firmes, que asumen a posibilidade de cascar, antes que verse influidos de xeito tan descarado. E non o fan por unha cuestión hormonal, senón por convencemento...

Foto: Ovo distinto da mesma galiña

domingo, 13 de xuño de 2010

Retagarda

Zafra para tornear barrotes, cincel para labrar pedras e agullas para tecer liño.
Seica son precisas ferramentas que evocan suplicio para amosar fermosura na porte e delicadeza na exhibición.
Porén, mentras observemos con deleite a perfección das aristas pétreas e o engarce axeitado do metal que se clava nas entrañas graníticas, protexendo o delicadísimo encaixe branco; non deberíamos obviar o lume na forxa, as chispas arrincadas á pedra nin as gotiñas de sangue que -de seguro- afloraron nos dedos feridos pola espita tecedora manexada por mans suaves...
Protexemos do exterior con sete candados o prezado lenzo; sen decatarnos que por onde máis riscos o atenazan adoita ser pola retagarda.

Foto: Mosteiro de Aciveiro. A 40 km de Antas de Ulla

mércores, 9 de xuño de 2010

Adaptación

Domados polas circustancias cotiás remexémonos con rosmonas protestas, mentras denunciamos as escasas posibilidades de estarricar os pés dentro do habitáculo que contén as nosas ledicias (moitas) e miserias (algunha tamén hai).
E patalexamos coa semántica e xesticulamos con vehemencia pedindo amplitude. Ás veces chegamos a sacar a navalla da ameaza para amosar unha capacidade agresiva que, coma a tona do leite, queda case sempre na superficie.
Tanta leria para que, chegado o caso, cando nos ceiban da cadea o único que se percibe é o ben afeitos que estabamos a aquel espazo que nos esmagaba e que agora, carentes del, corremos un serio risco de desintegración por espallamento. Podemos chamarlle perfil ou incluso intelixencia; pero en realidade so é adaptación.

Foto: E agora qué?

venres, 4 de xuño de 2010

Estratexia

O sentido da oportunidade canaliza unha boa parte do éxito emocional, afectivo e incluso empresarial. A ninguén se lle oculta que existen colateralidades -coma o azar ou a casualidade-, que están convocadas a conquerir a materialización dos obxectivos marcados; pero as probabilidades de ser rozado polo corno da fortuna (que xa podía tocarnos co deño mamiño!) son máis ben residuais.
Queda claro, polo tanto, que se fai preciso deseñar unha estudada estratexia para circular polo vieiro atinado, multiplicando de xeito exponencial aquelas nimias posibilidades.
E unha vez tecida ésta coa seda da imaxinación e cos ganduxos do saber, non vaiamos escarallar tanto esforzo intelectual cun evidente e flagrante erro posicional!.

Foto: Estratexia atinada. Ubicación errónea

domingo, 30 de maio de 2010

Tute

Seica trunfa en bastos e nesta partida de tute so levamos copas e algunha que outra espada. Ouros poucos e de escaso valor.
Con esta man non vai ser doado facer as dez últimas e de pouco nos vai servir cantar vinte en copas. Poda que non fagamos nin baza!.
As mensaxes coas que nos bombardean aluden a vindeiras partidas aínda máis complexas, ata o punto de que teñamos que xogar incluso con menos cartas...
No medio desa marabunta de mensaxes cargadas de complicacións e hostilidade, sempre convén mirarlle o lado positivo á mochila na que imos sentadiños: non parece incómoda de todo, carréxanos e ten unhas vistas caralludas. Nesa tesitura, penso que ata viría ben -en troques de tanto roñar- ceibar algúns ladridos de ledicia de cando en vez.

Foto: Mochila canina con vistas. Fotógrafo ben posicionado tamén.

domingo, 23 de maio de 2010

Froito

Sen recortes nin estrés, sen regulamentos especiais nin plans de axuste. Sen necesidade de "inxeccións de liquidez", nin de fusións .
Amodiño, como se fan as cousas que precisan o tempero do seu tempo, van transformando os nutrintes en folliñas novas paridas dende os gromos silentes.
Convocando despois á polinización dende o convite rechamante das súas saias de pétalos policromáticos; e ser necesariamente desfloradas , amosando que da terra oscura xurde o froito verde que mañán madurará pendurado -incluso- da póla máis feble.
Canta lección de balde. E que pouca atención lle prestamos!.

Foto: Sistema de producción racional. Ameixeira do meu xardín.

luns, 17 de maio de 2010

Letras

Non deixa de ser unha mágoa que o día das Letras galegas teña que convertirse nunha xornada reivindicativa da lingua propia do país.
É como se para celebrar que gozamos de boa saúde imos ó médico a que nos faga unha receita. Como poñer o lume por riba da tixola (flambeos aparte), repartir viño dunha taza para as xerras individuais, amasar o pan despois de cocido...
Nunca seremos nós sen antes aceptar o que somos.
En realidade esto que digo aquí é o comentario do texto que escribín para hoxe. Atoparédelo en comentarios. Son así de irreverente.

Foto: Letra da miña roseira. (Día das Letras galegas 2010)

mércores, 12 de maio de 2010

Recorte

E veñen ventos do norte, que fenden polo medio das isobaras os intentos de formación anticiclónica.
Pensabamos que era pleno verán e non da chegado a primaveira.
Estalan disparos de recortes e tocan trompetas de conxelacións salariais.
Viñamos moi afeitos a meter a quinta -ou case avanzar en punto morto- e agora costa moito ir a ceacú.
Absolutamente convencidos de que o noso sangue era de cánidos con pedigree; e, de socato, -cando iamos coa chulería que empezaba a caracterizarnos- decatámonos que somos meros cans de palleiro. Que dura é a pedra deste trono, carallo!

Foto: Pedigree sempre: en Chanel ou diante do Cemar

domingo, 9 de maio de 2010

Moedas

O Ibex sufriu unha severa corrección por mor de faladorías sobre a fraxilidade económica do país. Coméntase polos comaróns financieiros que o euro anda de capa caída dende que se destapou a caixa dos tronos grega. Disque hai temor de contaxio por outras silveiras que pagan coa mesma amora.
E á libra seica lle sentou coma un tiro que non se saiba con claridade quen vai gobernar naquel praderío. Con estes deslindes debería telo niquelado o dólar. Pois tampouco. Din que un rapaz escribiu mal unha letra na pizarra e puxo en xaque todos os predios do tableiro de Wall Street.
Con todo, eu veño traer unha mensaxe de calma ós mercados. Pasei por Funsín, na parroquia de Árbol, e vin que o "Rubio" estaba calmo. Non o percibín preocupado. Lambía na "Morena" sen darlle relevancia nin á volatilidade bursátil nin á debilidade financieira . De como recibía os lametóns ela non fai falla dicir nada. Xa se ve: escarranchada.

Foto: Dólar lambendo na Libra. O Euro devece. O Yen pace.