mércores, 28 de decembro de 2011

Morteiros

A Consellería de Educación ven de por en marcha o denominado "Proxecto Morteiros", que consiste no aproveitamento dos terreos que rodean os Centros educativos co fin de mellorar o autoabastecemento de materias primas para os comedores escolares.
A iniciativa porase en marcha de xeito paulatino, comezando a súa aplicación á volta das vacacións do Nadal.
Os mestres a cargo dos comedores escolares serán os responsables directos dos cuartillos, da ferramenta e de todo o relacionado coa semente e sistemas de rega.
Do almacén, tratamento e distribución do esterco encargarase direitamente o Xefe Provincial de Educación.
Os Directores dos centros serán os que leven o mando na decisión de fondura dos regos (altura de suco), así como da apertura das aveacas (anchura da cal).
Todo o Claustro participará nas labores de recolección, debullado e limpeza, baixo a supervisión cuatrimestral dun coordenador de ciclo, que será o encargado de asentar puntualmente no Xade cada gran sementado ou recolectado, para o seu ulterior control por parte da Consellería.
A iniciativa publicarase no DOG nos primeiros días do novo ano.

Foto: Labradío sin labrar.

PostEdición: Con todo o meu cariño e recoñecemento

sábado, 24 de decembro de 2011

Compás

E despois de singladuras por augas embravecidas, tornados  de vertixe e mar de fondo tempestuoso; acadamos no calendario días ó abrigo do porto mainiño para enfriar motores e amarrar ilusións.
Que nas vindeiras mareas nos deixemos guiar sempre polo compás da intelixencia e maila estreliña da intuición, sin esquecernos nunca de izar as velas da imaxinación.
Os meus desexos de lóstregos de ledicia e maremotos de calma para toda a flota.

Foto: Punto de amarre.

venres, 16 de decembro de 2011

Tentación

Non sei como anda todo quisque tan alporizado polo desliz  cometido -supostamente- por xente tan principal.
Somos tan falsos coma as mangas dun chaleco á hora de censurar os desmáns dos outros coellos, cando ben sabemos que, se non houbera gaiolas coartadoras nin valos que as preservasen, había ser ben complicado para as verzas chegar á pota do caldo. Podedes bater palmas ou tirarme areas, pero algunha razón levo...

Foto: Tentación na feira do 10 en Antas. 

mércores, 7 de decembro de 2011

Rizos

Para malabares as virguerías creadas polos canteiros, que peinan con esmerada sutileza os rizos de pedra; encaracolando a intención co pensamento  nunha trenza de sensacións que lles outorga a licencia para subir ata o faiado da imaxinación. E todo isto, únicamente, deslizando o cincel da mirada nunha sucesión de delicadas caricias...
Foto: Rizos peinadiños en Compostela.

sábado, 3 de decembro de 2011

Pechadura

O saber ocupa lugar; pero aínda así é moi conveniente dotar a artesa cerebral dos fermentos necesarios para amasar as intencións e levedar os pensamentos, co fin de enviar as mensaxes no seu punto de cocción axeitado. Nin a codela queimada, nin o miolo crú.
O descoñecemento dos códigos, ben por carencias lectivas anteriores ou ben por actual sobreexposición a Telecinco, pode levarnos a erros tan profundos como o de non discernir na fonética unha pechadura dunha picha dura. E a cousa cambia de carallo!

Foto: Pechos de ferro

domingo, 27 de novembro de 2011

Espantallo

Esto de botar raigaña no morteiro dos vicios foi un tremendo erro. Pero sin ela decían que non había maneira de realizar a fotosíntese, por moita luz solar que incidira nos cloroplastos esfamiados; así que vendemos os ideais e hipotecamos a vontade. Aquelas licencias trouxeron este noxo por vernos así: chantados e a velas vir. 
Neste punto, un xa non sabe se o máis fodido é ter as canelas enterradas no barrizal da decadencia, ou saberse guiados por un fato de inertes espantallos que padecen idénticos males.

Foto: Líder de masas en plena acción.

martes, 22 de novembro de 2011

Moncloa

Por moi bonito que poida aparentar, eso de que che asignen residencia oficial ten que ser un encordio. 
Aínda que o tilden de pazo e o adornen con escudos e bandeiras, non deixa de ser un espazo no que te arrecantan por unha tempada. Ata semella que foses un infestado que necesariamente ten que afastarse do resto da sociedade. Ou cando a asignan é por iso?

Foto: Moncloiña en A Guarda


venres, 18 de novembro de 2011

Outono

Atinado enfoque de luz que reverbera ledicias de espiñas mamiñas e que tinxe de marelo o ar coa mesma potencia visual coa que adorna o chan de percusións sutís en cada paso. 
Cancela de invernías húmidas, fiestra de cálidos veráns; incluso pechada deixas entrar, e sin abrirte permites saír.

Foto: Camiño de Portos (Antas de Ulla)

venres, 11 de novembro de 2011

Prima

Manda carallo coa prima dese tal Risco, da que falan todos os xornais. Debe ser unha lercha de moito coidado, xa que ten erguida a media Europa e moi excitado ó resto do mundo.
No medio de tanto alporizamento, pregúntome se non lles viría ben (a ergueitos e a lerchas) un anaquiño de acougo que lles permita un revolcón de tranquilidade. Para tal fin, nada mellor que empezar con un escenario axeitado como preludio introductorio á calma.

Foto: Revolcón de tranquilidade. Posible escenario inductor.

sábado, 5 de novembro de 2011

Pan

Ser de Antas comporta moitas ledicias, algunhas marabillas e certos privilexios que a todo ullán/ullá nos gusta compartir (dicimos que non se goza plenamente ata que se ve disfrutar a quen nos rodea). Por iso, nesta terra do bo pan, tamén sabemos aprezar as boas fornadas que se cocen noutros fornos.
Mólame hoxe misturar a nosa masa coa de Cea para levedar un pan con sabor a lingua: disfrutádeo tanto coma min, por favor

A Lingua sabe a Pan from cpivirxedasaleta on Vimeo.

Magnífico traballo do Colexio Virxe da Saleta de Cea. Rebuxos de palabras para tod@s!

martes, 1 de novembro de 2011

Cazadores

A omnívora fame dos cazadores porta arma repetidora e licencia para adaptar a lei ó calibre das súas escopetas. Agochados na distancia do sillón, protexidos pola densa follaxe do poder e fortemente pertrechados de variada munición lexislativa, buscan algunha víctima que se poña diante do seu punto de mira fiscalizador.
As mais das veces traballan en equipo -aínda que rivalicen polo título de mentireiro cum laude-; e mentras un colorado tírache unhas faragulliñas para que as busques no fondo do estanque; o azul baleirache o cargador  pola retagarda!

Foto: Feliz día de todos os Patos.

venres, 28 de outubro de 2011

Proporción

Non sempre se atopa. Non sempre se da.
Teima de expertos e manía de profanos; difícil arte o de conxugar espazo e dimensión. Profundidade e largor, altura e perspectiva. Sin mancar na mirada, sin ferir a imaxinación. Agradando á vista e recreando a intención.
Buscada por mestres, procurada por doutores. Admiración de filósofos, obsesión de arquitectos.
Cecais por iso teñen moito mérito, e son moi aprezados, os encaixes harmónicos da proporción.

Foto: Simetría da proporción. Casiña, árbore e tacón.

sábado, 22 de outubro de 2011

Albedrío

Falan de austeridade por todos os cardinais, pero os mensaxeiros comunícanse dende o mesmo púlpito cargado de pedrería e postín de antano; polo que a eficacia do transmitido esvaece entre a dúbida e mailo cabreo.
Cando o que se nos transmite (con ánimo de suxerencia, intención de consello ou imperativa necesidade); convén que o recado veña en compañía do aleccionador exemplo do emisor. Sin descoidar o código nin o soporte.
Noutro caso mellor deixar ó libre albedrío; para evitar o efecto contrario, suscitar enfado, provocar desconfianza ou simple cachondeo.

Foto: Lávate que estou sucio

xoves, 20 de outubro de 2011

Zorionak

Cando non importan os códigos o único realmente relevante é a mensaxe. Cando as espiñas que rodean o obxectivo abren paso para acadar o froito...
Sin esquecer nadiña, pero mirando cara diante, é o momento de empezar a sorrir neste inicio da fin.
Na ledicia que me produce, fico sin palabras. Unicamente agroma ó meu pensar un desexo a repartir entre tod@s, sin que ninguén o apropie, sin que ninguén o desmereza: zorionak!


Foto: O froito está maduro.Felicitémonos.

sábado, 15 de outubro de 2011

Nádegas

Seguramente o futurista presente mire moi por riba do ombreiro ó pasado actual; pero xa se lle baixarán os fumes cando chegue a súa hora.
E daquela veremos se é posible ver coa mesma elegancia e nitidez a través dun muiño de vento o holograma do chip que levaremos todos atado ás nádegas para aproveitar a enerxía dun peido; iluminando con él todas as aldeas que se ubican entre os faros Silleiro e Fisterra, e exportando o excedente para a calefacción dos parlamentos británico, francés e alemán.

Foto: Gallardía espida, en primeiro plano.

luns, 10 de outubro de 2011

Cemento

Os fundadores da máis delicada filosofía taoista mexaríanse visitando a nosa terra. E faríano axiña se houbese quen lles servise un albariño, un mencía ou untando un queixo da Ulloa nun rebuxo de pan de Antas...
En calquera caso, aínda que viñesen en plan de xexún absoluto, aquí poderían constatar como se esfurricaba a súa teoría dos cinco elementos á volta dun pestaneo. Sin dúbida a eles faltoulles un que os nosos enxeñeiros de corredoira dominan con arte maquiavélico: o cemento!

Foto: Sacrilexio volumétrico.

mércores, 5 de outubro de 2011

Gaita

No medio de tanto furabolos metendo ruido cos platillos, de tanto percusionista desafinado arreando martillazos no pandeiro e de tanto mequetrefre sin baquetas tocándonos os timbais; hai ocasións  nas que se fai absolutamente imprescindible fuxir de tanta artillería de pólvora mollada empezando por un bo achuchón e rematando por compartir un solo de gaita en boa compañía.

Foto: Atinada colocación casual.

sábado, 1 de outubro de 2011

Filosofando

Un porco celta díxolle a un marrau retinto extremeño, mentras fozaban no esterco: 
- Onte escoiteille decir ó burro do patrón que a diferencia básica entre a intelixencia e maila estupidez  radica en que a intelixencia ten límites.
- Manda carallo, retrucou o retinto remoendo unha landra.
Ficaron calados un anaco dándolle ó fociño, e despois foron rañar a barriga a un dos tres semáforos que hai en Monterroso, outorgándolle así ao elemento urbán o maior grao de utilidade do semestre. (Nos 6 meses anteriores seica se pousara unha pega marxa nun deles para botar unha cagadiña).

Foto:Efecto nefasto do semáforo

venres, 23 de setembro de 2011

Golo

Antonte a abundancia financiábase co sobrante do que non tiñamos e, se fose preciso, sempre se podía botar man do saco das carencias para continuar nadando na piscina do exceso.
De súpeto, a alguén se lle ocurriu prender a luz e descubrimos que non era auga o líquido no que nos bañabamos... Naturalmente o primeiro que se fixo foi buscar un culpable; pero había tantos que incluso existía risco de acabar incriminados. Entón abriuse o mecanismo último de defensa: cabrearse con todo o que se menea e poñer cara de mala hostia co que está quedo.
Como non imos facer nada ó decatarnos que o corno da fortuna que nos espetaron estaba golo, e ficar así  coa propia fantasía ós pés dos cabalos?

Foto: Pazo de Raxoi. Perspectiva actual

domingo, 18 de setembro de 2011

Ferruxe

Por pudor tapamos partes corpóreas que perfectamente podían permanecer expostas sin problema aparente. Paralelamente espímonos por medio da palabra, paseniñamente sin pretendelo.
Con este panorama non pode sorprender que os pobres metais, desprovistos dese privilexio expresivo, pretendan arrouparse por medio dunha pertinente pátina de ferruxe.

Foto: Escultura (detalle), de Fermin del Amo.

venres, 9 de setembro de 2011

Proa

Nin tan feos como na foto do DNI, nin tan guapos como no perfil do facebook; e tampouco tan intelixentes como nas frases lapidarias do twitter. Somos o que somos, e mailas circunstancias que en cada intre nos rodean; incluidos cortes de pelo desafortunados ou indesexables fracturas cutáneas por picadura mosquiteira que derivan en antiestéticas elevacións cutáneas...
Pode quedar ben ter unha pinga de audacia premeditada; pero incluir no Curriculum Vitae ser o mellor piñeiro da zarra, cando somos o único; eleva a proa á categoría de aleivosa arrogancia.

Foto: Pino con proa liderando os carpazos.

luns, 5 de setembro de 2011

Pequeno

Carecían de ferramentas que hoxe consideramos primeira necesidade. A maquinaria que supuxera máis aló da roda e da tracción animal era pouco máis que pura imaxinería. Pero tiñan dúas virtudes hoxe definitivamente extintas no ser humán: paciencia  e tempo.
E con aqueles vimbios fixeron cestos que hoxe semella estresante a sola idea de como argallar o carrexo de tanta pedra. A saber o que terían feito os nosos antergos se poideran enviala por bluetooth.

Foto: Castelo de Pambre. Pequeno exemplo de grandeza.

xoves, 1 de setembro de 2011

Escote

Cantas veces temos a evidente sensación de que dúas mans son poucas polo múltiple convite de tocar; de que resulta case ferinte que ambos ollos teñan que unificar direccionalidade cando hai tanto que mirar; de ter unicamente unha boca con tanto raudal salivar; de ter tan pouca epiderme con tanto que rozar. E dentro rebechando cen cabalos desbocados que resultan imposibles de domar...
Doado, polo tanto, que -diante de tanta fermosura- os escoitedes algunha vez rinchar.

Foto: Portomarín, con escote xeneroso e minisaia provocativa.

domingo, 28 de agosto de 2011

Comungar

A curia política non para de remexer na procura dunha homilía creible para un modelo social que lles deu farturas sin esforzo. Modifican evanxeos, mudan de parecer durante o ofertorio e ata semella que acadan consensos despois da consagración. Todo para seguir no altar misando, tendo as chaves do sagrario e ser eles os que reparten as hostias...
Pero o máis perverso desta relixión é que -fieis ou infieis- estamos nesta misa, e mentras os presbíteros baduadores non logran atopar acougo nos mesmos sillóns dende os que agora pretenden administrar a miseria, a nós tócanos seguir comungando.

Foto: Sagradas  formas preparadas.

xoves, 18 de agosto de 2011

Arciprestemóbil

Mentras medio mundo estala en dolorosos espasmos de recortes sociais, froito de desmáns estrepitosos e nefasta xestión dos recursos. Mentras  se funden na desesperación os mercados bursátiles (feiras yupis nas que se vende o leite da becerra non nacida); en Antas andamos preparando a visita da máxima autoridade eclesiástica da Ulloa.
Aínda non está definido o percorrido final, pero xa falamos co cabo da Benemérita para coutar atravesados (a estas cousas sempre ven alguén de fóra) e tamén lle temos listo o arcirprestemóbil

Foto:  Prototipo con cesta conexeira e bandeira foránea.

domingo, 14 de agosto de 2011

Demasiado

Demasiado estresados por un exceso de motivos. Demasiada presión laboral, demasiado agobio polo desemprego, demasiado Rubalcaba sentado, demasiado Rajoy en San Xenxo...
Debeu ser por ese exceso adverbial no que nos vimos bañando polo que a concelleira de cultura coruñesa meteu a lingua na ola das papas e, despois de oito días, aínda lle sigue fervendo.
Trabucouse de xeito estrepitoso. Sen paliativos nin eximentes. Por moito que ela se empeñe, non se pode ser demasiado galeg@; eso sí: ser galeg@ é demasiado!

Foto: Demasiado fucsia?. Non, atinada cor

luns, 8 de agosto de 2011

Confianza

Os gobernos de medio mundo andan enleados na aplicación, uns con máis rigor que outros, de medidas encamiñadas a tentar recuperar as ratios económicas perdidas.
Ogallá se decaten axiña de que o necesario é lograr contaminar á sociedade con bonos de seguridade, accións de esperanza e pagarés de ánimo. A economía está sobrada de vendedores de fume e sumamente carenciada de confianza.
De pouco sirve que nos digan as virguerías que se poden facer pilotando un Ferrari, se o que temos é un Seiscentos.

Foto: Confiando no chimpín.

xoves, 4 de agosto de 2011

Turbar

Hai moitas cousas boas polo mundo adiante. Xa sei que é para non facerme caso. Os telexornais, a prensa escrita, a falada (e algunha pensada tamén) non permiten dar moito creto ó que digo.
Pero teño razóns para afirmalo. E para mostra un botón: fixádevos na imaxe totalmente de balde que se pon diante dos vosos ollos. Mirade ben, disfrutádea e decídeme se non logra turbarvos. Incluso máis...

 Foto: Se atopades o botón da miña camisa..avisade!

luns, 1 de agosto de 2011

Zoco

Un fato de descoñecidos séntase ultimamente á nosa mesa sin que mediase convite nin presentación; pero xa parece que son da familia.
A "prima de riesgo" e mailos "mercados" son os máis habituais, pero tamén pululan as "axencias de rating", a "deuda soberana" e mailos "axustes". Remexen por debaixo da mesa botando as gadoupas para chimpar un rebuxo de pan ou desestabilizarnos a xerra do viño.
Con este panorama na cociña, considero prioritario abrigar os miolos para protexer a intelixencia; así que nada mellor que empezar polo primeiro: levar os pés ben calzados.

Foto: Zoco Pétreo.

martes, 26 de xullo de 2011

Mar

Fermosura de litoral que baña as rochas de pedernal e lambe con igual floritura as finísimas partículas de area. Despensa de famentos, lacena de farturas, artesa de reservas. Vieiro de namorados, camiño de labores, estrada de canteiros das olas, de labradores do peixe, de enxeñeiros do salitre ...
Ti, noso mar, cumio de deleites contemplativos, excelsa solaina da costa preñada de riqueza vital e visual, que nutre e alimenta a mente e mailo espírito; amósate maino para reterte neste salaio.
(E se algunha terrícola te invade á beiriña, mariscándote,...mellor que mellor!)

Foto: Mariscando. Ou non..

venres, 22 de xullo de 2011

Ulir

Hai quen alardea de ter seis, pero cos cinco ben afinados xa podemos licuar ledicias. Pode haber preferencias para definir liderazgos; pero non resulta doado -sin botalo á pesca pillota- a elección de cal prescindir.
Un gusto tocar delicadísimos encaixes admirados en golosa visualización previa, que van provocando latexos nun bambeo excitante que se poboa de pinceladas arrecendosas, tan lúbricas como lascivas. Un equipo que pedalea en equilibrada comandita na procura da satisfacción total, do cumio elevado, do éxtase sublime...
Si, ten eivas; pero son mínimas: a ver a quen carallo lle importa non saber a que ulen as nubes!

Foto: Ulindo o mar. Azul e salgado

luns, 18 de xullo de 2011

Paciencia

Moito tempo se gasta na procura do que non se da atopado; e outras veces, así como quen non quere a cousa, aparece sin que supoña esforzo de localización.
Non hai nada peor que sexan as premuras as que nos meten présa, xa que neses casos hai moitas posibilidades de non dar pez con bola.
Sin defender a pasividade absoluta, decántome por deixar claro que en moitas ocasións convén mergullarse na paciencia para que sexa o pez o que da na bola.

Foto: Con cebo natural.

venres, 1 de xullo de 2011

Folgar

Operación saída. Ímonos todos. Fuximos. Marchamos. Rachamos coa monotonía na procura da retención. Aparcamos a pucha da indignación para calarnos o pucho da indiferencia. Durante unhas xornadas esquecémonos de Grecia, que xa non fai gracia, e collemos o coche que nos ausente de rescates, salvamentos e inxeccións de liquidez.
Por un par de semanas imos esquecernos do que hai que lembrar, folgar despois de non facer nada. E todo elo fora do fogar. Que cousas!

Foto: Collendo o coche

domingo, 26 de xuño de 2011

Damas

Grandes, pequenos; útiles, de mero adorno; sinxelos, sofisticados; de deseño, de desdeño; de top copete, de top manta; de coiro, de lona; de luxo, de diario...Todos despertan un inusitado interés masculino polo que levará dentro a súa dona. Diplomáticas posturas e mala educación incontrolada campeou en miradas desbocadas cara interiores prohibidos.
Ata que chegou o vangardista deseño e quixo deixarnos os ollos coma platos revirando o de dentro para fora. E roubounos a imaxinación, pero convidou o interés por xogar unha partida ás damas...

Foto: De-seño(ras). Loxicamente, algúns non son retornables...

xoves, 23 de xuño de 2011

Destetar

Cortarlle toda ligazón coa súa nai cando aínda ten o embigo emocional en carne viva é máis que unha crueldade.
Pero ten que ser. Non hai outra. A nai seica está preñada dun gato pardo que a rondaba dende fai varias lúas, e xa non o quería. Non había leite, nin ganas de amamantalo.
Pensei que cecais o FMI, en colaboración da UE, poderían rescatalo; pero seica non hai epígrafe previsto para gatos prematuramente destetados; así que -dende fai poucos días- na Chousa temos unha refuxiada.

Foto: Veu co eclipse. Lúa (mira que como sexa gato...)

domingo, 19 de xuño de 2011

Sacrificio

O cincel máxico da natureza trócase en batuta sublime que interpreta, en harmoniosa sinfonía, a máis doce e cautivadora melodía da seducción.
A fermosura do conxunto comporta o sacrificio necesario de partes que, semellando pleitesía nunha primeira ollada, acadan protagonismo segundo vai profundizando a análise. 
Ogallá todos os músicos da banda mundial souperan baixar así os seus instrumentos cando no pentagrama da historia non hai notas para eles. 

Foto: Concerto floral. Auditorio: un xardín de Antas de Ulla.

martes, 14 de xuño de 2011

Guiar

A capacidade de liderazgo non sempre se demostra indo diante do grupo, tapando as alternativas e ocultando as potencialidades.
Guiar comporta un coñecemento individualizado do colectivo, deixando fluir iniciativas e permitindo a toma de decisións. Esta estratexia -ademáis de reportarnos maior comodidade no exercicio do mando-  logrará un equipo eficaz, que gañará en autoestima por chegar ó prado con apenas un par de levísimas directrices.

Foto: Guiando con empatía. Excelencia na dirección.

venres, 10 de xuño de 2011

Difícil

Cando hai intención, algunhas doses de maña negociadora e unhas pingas de elasticidade mental; case sempre se atopa a maneira de achegar posturas, para penetrar nas ledicias dos acordos. Acádase así un bambeo sutil e fluído que deriva en compromisos asinados.
Parece que a patronal e mailos sindicatos non foron capaces de atopar ese vieiro da intelixencia, aducindo lonxanías e dificultades insalvables.
Mal. Moi mal. Cousas máis complicadas fixéronse nun Simca1000. E tamén (seica) era difícil. Qué carallo!

Foto: Habitáculo negociador móbil. E se probaran nel?

domingo, 5 de xuño de 2011

Estacións

Se desta non cae o Pulitzer blogueiro vai ser polos peliños. Cacheinas xuntas na Alameda compostelá. E o mellor de todo foi que nin se decataron. Un roubado en toda regla. Tentárao por Antas, pero xa se sabe que nas vilas o persoal fíxase máis en todo e non resulta doado. Nas cidades (ou vilas grandeiras) a xente anda moi despistada e todo se relaxa con suma facilidade. Non hai máis que ver os resultados das últimas municipais...
Das catro chamoume poderosamente a atención a nugalla que amosa Primavera, e un certo despendole na vestimenta da señorita Outono. Madía leva -pensei- en coller tantos catarros. Polo demáis Invernía estaba moi na súa liña e Verán preparada no banquiño para dar o relevo á durminte nas vésperas de San Xoán.

Foto: As de Vivaldi facendo dun banco o seu pentagrama.

mércores, 1 de xuño de 2011

Calcetar

Se che din que si; non te fíes de todo. Se che din que non, poda que haxa unha posibilidade. Cando din xa veremos, a cousa tende a ser unha negativa aplazada; e se apelan a ter que pensalo, xa te podes dar por jodido.
No xenuino fiar da semántica hai un serio risco de ficar enrocado na ceremonia  da confusión dun fuso xiratorio que non permite discernir se traballamos liño ou lá.
Por iso non é recomendable deixarse guiar por un único sentido; xa que -chegados a este punto da calceta- resulta moi útil considerar que case nada é o que parece.

Foto: Croando en bronce.

mércores, 25 de maio de 2011

Capullos

A todos nos resulta moi doado asimilar as cercanías dos humáns cos animais. E non vou ser eu quen desautorice as documentadas teorías que nos levan a montar un surtido zoolóxico -con moi pouco esforzo imaxinativo- a base unicamente de bípedos sapiens.
Pero a min fascíname a descuberta que veño observando, con reiteración nestes días, en analoxías co reino vexetal.
Pode resultar impactante nun primeiro pensamento; pero estou convencido de que a ninguén se lle escapa a escasa habilidade que moitos humanos teñen para lograr pasar de gromo a flor (o que chega), sin antes ser uns auténticos capullos...

Foto: Mañán será un capullo.

venres, 20 de maio de 2011

Cagadas

O banco está cagado. Esta é unha obviedade tanxible e visualizable. Asumida esta realidade podemos optar por varias solucións:
- Esquecernos que o moble foi pensado para sentarnos e considerar que é un recolledor de cagadas.
- Crear as prazas de funcionario limpador de cagadas (serían tres turnos, con vacacións, moscosos e baixas por lumbalxias e alerxias propias do desempeño...4 postos de traballo).
- Levar unha folliña de períodico para sentarnos. Sempre é mellor sentar na merda resesa, impresa o día anterior, que na fresca recen cagada.
- Mudar o banco de sitio, buscando cagadas novas.
- Meter o banco nunha caixa, asumindo o risco de acabar por non saber qué era caixa, banco ou merda.
En todo caso, viría ben considerar se facemos algo. Xa sexa co banco, coa merda, cos paxaros ou co parque enteiro.

Foto: Botellón ornitolóxico. Restos

martes, 17 de maio de 2011

Lingua

Emerxes da nube dos meus miolos, flues doce e garimosa balanceándote nas cordas vogais ata mergullarte no meu cuspe salino para acentuarte na curvatura dos beizos, sacándote para fora e invadindo de máxica fermosura o son do ar que me rodea. Cumio da metamorfose dunha idea que xa é palabra. En galego pensada, en galego dita, en galego escriturada, esculpida, pintada ou musicalizada.
E unha vez pronunciada, nin anclada nin a deriva, sigue sempre rulando dende o país dos mil ríos polo mundo dos mil mares. Provocándome ledicias por terte, por saberte, por pronunciarte, por escoitarte, por amarte. Nesa espiral prepositiva faste viva, presente, real, esdrúxula; sabendo que compartes unicamente coa terra que piso e coa muller que me deu o ser, o nobilísimo e venerable título que ninguén mais ostentará nunca para min: nai.

Foto: Que rule mil primaveiras máis, e despois xa falaremos!

domingo, 8 de maio de 2011

Pacer

Antes de que a herba verde se volva branco leite interveñen unha morea de procesos que se escapan ó ollo humán. Esta transformación química necesita como desencadeante inicial  unha acción que practica tamén a prensa diariamente: botar a lingua a pacer.
Claro que a prensa non pretende encher de leite os seus cochos para que outros se alimenten. Neste caso dase unha deglución sin remoído, e o seu pastoreo lingual responde a outros intereses moito máis complexos -que escapan ó entendemento humán- e que, iso sí, lle permitan seguir mamando do teto...

Foto: A Rubia preparando a edición de mañán en Vilapoupre (Antas de Ulla).

xoves, 5 de maio de 2011

Equilibrio(des)

Estamos feitos a base dunha amálgama de eivas e virtudes que, unha vez fermentadas co lévedo da experiencia , acaban por configurar  a persoalidade.
Conviña non exceder para ningures, tentando atopar ese punto harmónico que, de paso que nos alonxa de ser pánfilos, tampouco nos achegue á soberbia.
Polo xeneral os políticos durante a campaña están nunha esquina, e despois das eleccións pasan co papo enchido para a contraria. Por iso sempre viven nun  equidistante e perpetuo desequilibrio que os aciba do resto da cidadanía.

Foto: Nin anxos nin demos, senón todo o contrario.

domingo, 1 de maio de 2011

Enerxía

Por desgraza para o país, tivo que acontecer des que Fenosa deixou de ser do noroeste; pero a descuberta non ten comparanza posible na historia empresarial.
Damas e cabaleiros, agora xa sabemos que nin hidráulica nin eólica nin solar nin xeotérmica nin biomasa nin azul nin verde;   o futuro limpo, renovable e inesgotable está na enerxía celestial!. Mira que somos pailáns carallo; que no lo dixera ben claro: Ego Sum Lux Mundi. E nós  coa teima de fozar para buscar petróleo, a porfía de sachar para embalsar ou  a zuna da alquimia para radiactivar...
Agora falta por saber se os Bispados pasarán a depender de GasNatural ou viceversa. No primeiro caso; estarán os cregos encargados de ler os contadores da luz?

Foto: Cruceiro productor en Trascastro, na derrega entre Antas e Agolada

venres, 22 de abril de 2011

Relevante

Cóntase que a Praza do Obradoiro é o lugar dos catro pecados, xa que un individuo situado na intersección das teóricas diagonais iría ceibando un arrecarallo según fose mirando cara o Hostal, Raxoi, Fonseca ou a propia Catedral.
Efectivamente hai ocasións nas que, tendo tanta importancia todo o que te rodea, resulta complexo discernir que é o relevante. Curiosamente a pomba sobre o peitoril de Westminster Bridge teno claro. Nin o London Eye, nin o Big Ben, nin farrapos de gaita: ela óllame a min.

Foto: (E penso que non sabía que son de Antas...)

luns, 18 de abril de 2011

ONU

Moitas misións polo mundo enteiro no afán dunha orde pactada. Infinitas necesidades non cubertas e milleiros de accións humanitarias pendentes de dotar con recursos de mínimos.
Complexa e dificultosa tramitación en cada envío de tropas de paz pertrechadas coa razón das ametralladoras e mailos argumentos das pistolas automáticas.
Pregúntome se, en troques de algunhas encomendas de dudosa eficacia,  non viría ben -por aquelo de complementar axeitadamente- enviarlle á moza da foto un casco azul?

Foto: Roubado (cachado)  na Illa da Arousa

venres, 8 de abril de 2011

Espelido

O mariscal Montgomery era  moi homenaxeado despois de derrotar a Rommel na batalla de África, durante a S.G.M. Co papo enchido, Montgomery rematou o seu discurso durante un evento de moito copete para papaleisóns (propio de  Marineda City, vamos!) dicindo:
- No fumo, no bebo, no fornico y soy un héroe.
O primeiro Ministro, Winston Churchill, que seica era moi aleuto, retrucou:
- Eu fumo, bebo,doulle ó  fornicio; e son o xefe del.

Foto: Maneiras de liderar.

luns, 4 de abril de 2011

Ceacú

E seica non chega o tempo a nada, que hai que andar a todo correr para non ir a ningures. Que de tanta celeridade imos pillarnos a nos mesmos sin ter aínda nacido. 
E nesa olimpiada da tolemia, hai veces nas que semella que o cumio da velocidade unicamente se  pode acadar indo a ceacú, sempre que haxa  -iso sí- posibilidade de adiantamento.

Foto: Entradas á namela con posibilidade de adiantar pola cancela.

venres, 1 de abril de 2011

Trapallada

A liturxia da trapallada está chea de ceremonias hipócritas disfrazadas de diplomacia. Agroman feixes de cabestros que se visten de oligarcas, de sarxentos chusqueiros con oropeis do xeneralato. Prima o fraude, impera o postizo. Falséase ata a mentira, adórnase o esterco con emplatados de alta cociña…
Con tanta mediocridade, estou convencido de que  hoxe Pitágoras tería dificultades para acotar a lonxitude do lado máis longo deste triángulo sin vértices. E non sería pola súa falta de inxenio; a complicación radica no exceso de catetos.

Foto: Trigonometría fotográfica en Ourense.