domingo, 25 de maio de 2014

Pedalear

Un dos incentivos que me arrincou do sofá para ir votar hoxe, era a intriga superlativa que me causaba ver á representante do Partido Pirata na mesa de Antas. 
Quería ver se levaba parche no ollo, saber de que perna coxeaba e, de paso, comprobar se a tiña de carballo, de castiñeiro ou ía en plan progre lucindo unha de pino do país.
Levei un chasco de carallo, pois non puxeron a ninguén. Como se non houbera onde escoller!. Pero nada, todo igual de anódino. Todos con cara de risa facendo chistes triviais e a mesa do xantar sen recoller nunha beira. 
Na cabina había tanta papeleta que caro me costou atopar aos meus piratas. Finalmente ensobrada a miña elección, fun con paso lixeiro para meter na rañura o meu desexo; cumprindo así o dereito cívico que me permitirá botar pestes sobre a piratería que se senta nas bancadas de Estrasburgo.
E mañá...a seguir pedaleando!

Foto: Estilosa pirata pedaleadora.

sábado, 17 de maio de 2014

Chuvia

Hoxe quero berrar baixiño para que me escoiten os xordos, e que a nosa fala enxaugue -coa sonoridade que nos é propia- os acentos de imbéciles e escuros que nin nos entenden nin fan por nos entender.
Hoxe quero buscar na despensa das ideas a ola das palabras,  para untarme na dozura da súa pronuncia.
Hoxe quero mergullarme nas letras dos nosos autores que falan de herbas pequeniñas e de árbores grandiosas.
Hoxe quero que chovan ditongos de ledicia; que veñan treboadas de substantivos para que siga salpicándonos -mil primaveras máis- esta sinfonía de corcheas verdes baixo o paraugas da lingua galega.
Hoxe quero. E mañá tamén.

Foto: Fonte das palabras.

xoves, 1 de maio de 2014

Merlo

Cando mirar para o ceo píntanos a intención de azul con pasamanería branca; cando escoitar aos paxaros remata en aloumiños para o ánimo; cando percibir o doce recendo do ar acaríñanos o pensamento; cando os dedos devecen -en convulsa tolemia- por tocar o mar de petaliños que nos enmarcan...; entón é cando xa non hai argumentos para conter a promiscuidade lingual na súa procura -con frenética lascivia- da dozura inmensa que reborda nesta hiperfloristería de sensacións a granel.
Débese a hemoalteración do maio; coa que a imaxinación -acugula de ansias por mirar tocando, ulir sentindo e gozar saboreando- convértenos a todos en merlos asubiadores.

Foto: Merlo busca Merla en maio. Razón: mazaira ullá.