mércores, 26 de xaneiro de 2011

Caixas

Están no punto de mira e parece que a cacería non vai cesar ata abatelas. Actualmente semellan as culpables de todos os males e, polo tanto, son  o destino focalizado de todas as iras.
Chámame poderosamente a atención este rápido e vertixinoso tránsito que as levou dende modosiños Montepíos ata o frívolo estatus de putas do sistema financieiro.
Nin antes tan santas nin agora tan casquivanas!.  E  se non xa veremos, cando o fume dos cañóns que lles disparan se disipe,  se a fagocitación destas Entidades será unha solución para a cidadanía ou  constituirá un novo epígrafe de beneficios para os que hoxe están -detrás da artillería- apostados. Apostamos?.

Foto: Lixo reciclábel. Supostamente.

luns, 24 de xaneiro de 2011

Sede

Había quen pensaba que, cando poidese, ía ser o pintor que tinxiría de azul a nosa vida. E que o faría ben (hai xente para todo). Que era o máis idóneo para sacar as castañas do lume coa eficiencia da eficacia necesaria nestes mares abertos.
Había quen pensaba así; pero agora sabemos que unicamente é un paxaro sedento.

Foto: Paxaro con sede.

mércores, 19 de xaneiro de 2011

Manco

Suso quedou sumamente tristeiro e deprimido dende que perdera un brazo naquel accidente. Con él perdeu tamén a fame, o sono e as ganas de leria.
Un día 10, na  feira de Antas, viu a unha persoa  á que lle faltaban os dous brazos rebechando pola rúa e amosando un aparente estado de ánimo lúdico e festeiro, contoneándose como se bailase música moderna. Pensou que se él estaba tan decaído faltándolle un, como raio era posible que aqueloutro home, sin os dous, andivera dando pinchos pola vida.
Buscou a maneira de achegarse a él, non sin dificultade debido á ausencia de paradura do manco bilateral. Cando o logrou díxolle:
- Oiches oh. Estando eu tan amolado pola falta dunha  extremidade; como carallo logras ti este estado de ánimo tan ledo carecendo dos dous?
- Estado de ledicia? -respostou o interpelado con evidentes signos de mal xenio e escaso acougo-. Que cona vou ter bo ánimo; o que pasa é que me pica o cu que nin diola, e non vexo xeito de rañalo!

Foto:Dous buratos

sábado, 15 de xaneiro de 2011

Espiñas

Estercados por raíces vellas e regados polo resío doce deste xaneiro mollado e negociador; medran gavelas de toxos verdes.
Toxos que serán rozados por fouciños negros co fío aguzado no esmeril da intención e suxeitos por forquitos que sofren nas súas gallas envites sen malicia (dinlles danos colaterais agora).
Xardín montés enclavado entre pedras dun valo ergueito á man, pechado con cancela de ferralla; vestida con gravata metálica de aceiro alemán anoada cun candado francés.
Seica vai ser esta unha boa colleita de espiñas. Digo eu que no toxal algún alecrín mareliño locerá...

Foto: Cancela con gravata.

domingo, 9 de xaneiro de 2011

Auga

Riqueza dos pobres que fertiliza hidroxenando. Sen liortas cando chega en vertical, xa que para todos, equitativa, flúe e como amante desbocado penetra. Serrón de dirección única que tronza. Inchando ríos, invadindo prados, anegando chousas, superando pontes, arrastrando pólas, carrexando latexos...
Palpable frenesí de caricias espumosas, envites impetuosos de mimos incontibles no leito fluvial.
E, despois do seu galope acuoso e osixenante, pediranos perdón preñando todo de vida, facéndonos saber que sin ela nin siquera poderíamos disfrutar o dulcísimo arrecendo a terra mollada.

Foto: Pontepedriña coutada. Prioridade para a auga.

xoves, 6 de xaneiro de 2011

Seguridade

A través das institucións mundiais, participamos cos nosos cartiños na protección antimisís da galaxia, destinamos fondos para operacións Atalanta, cubrímonos os lombos mediante exércitos comunitarios.
Temos batallóns de gardas civís e policías estatais, autonómicas e locais e non imos contar a seguridade privada que vixía o garaxe dos apeiros do tractor.
Dotamos a porta con chave de sete estalos e quince puntos de penetración. Conexión a central de seguridade 24 horas...
E todo iste esforzo na seguridade vai ó carallo na noite do 5 de xaneiro, permitindo o acceso ós nosos fogares a uns tipos con perruca textil, capa barateira e coroa de cartón pintado, que aluden á maxia para  xustificar a súa omnipresencia.
Como nos foda un, a ver que raio argumentamos no atestado!

Foto: Individuo visto por Antas de Ulla o día 5 a iso das 19:00 horas

domingo, 2 de xaneiro de 2011

Brinco

Tivemos que atravesar fanfarrias, facer balances mal pechados e esmagar semente de uva na boca. E agora tocan os propósitos enmendadores feitos con semblante serio e rictus convencido, que han corrixir pautas comportamentais pouco axeitadas, hábitos alimentarios deliciosos pero médicamente proscritos, retomar coleccións imposibles...
Pero os que estirpamos a semente ás uvas, non facemos balances, nin temos propósitos enmendadores, e pensamos seguir frecuentando os mesmos templos gastronómicos, e non coleccionamos máis que débedas...so nos queda lembrar que o cambio de ano non é mais que un brinco ben dado. Iso sí con aire de muiñeira!

Foto: Nena de Antas brincando en Arousa