martes, 12 de xaneiro de 2016

Narciso

Hai moita mediocridade.
Menos mal que tamén estamos os que reunimos case todas as virtudes. As físicas e as metafísicas.
Sabemos estar e trunfar coas ausencias. Mestres das palabras e doutores dos silencios. Guapos, ben dotados incluso para non amar. Listos e intelixentes, ben feitos e riquiños (ao alcance de moi poucos bichos).
Claro que é imposible telo todo. Somos conscentes.
 Eu, por exemplo, non teño avoas.

Foto: Chapeu.

venres, 1 de xaneiro de 2016

Salto

Millóns de moleculas ledas precipítanse na fervenciña. Antes acicaláronse para o evento serpenteando áxiles entre as pedras do leito, lambéndoas en remuíños de sensualidade, falándolles sibilinas e mollándoas cunha cadencia sinfónica de recurrentes vehemencias.
As silvas das beiras renden honores a tan alporizada cabalaría, acompañándoas ata o granítico e vulvar bordo verde da verea acuosa. Non lles queda outra que caer con elas ao abismiño, ficando penduradas a xeito de grilandas traídas para adornar tanta algarabía.
Ao caer ruxen espléndidas e lixeiras, vestidas de encaixe branco, mollando canto tocan e salpicando alí onde non poden chegar.
Apenas unhas ondas nas penas do chan que golpean con estrondo redondo, para pouquiño a pouco metamorfosear novamente ás súas orixes: auga.
Auga que segue percorrendo coma antes do salto xa viña percorrendo.
Bo percorrido teña ata a vindeira ruxida!

Foto: Fervenciña (Santiso - Antas de Ulla)