luns, 31 de marzo de 2008

Conmutación

Un proverbio árabe reza algo así como que somente hai tres cousas que non deixan pegada: un paxaro no ceo, un peixe no mar e un home nunha muller...
Pois vai ser que non se cumple a propiedade conmutativa nestas aseveracións.
Se resulta incomprensible non poder enmarcar o voo dun paxaro na liberdade do ceo e se inimaxinable semella un peixe sin o seu mar; que dicir do libro branco que somos os homes antes de que nas nosas follas escriba unha mulller?.

Foto: Illa de Arousa. Incluso visto parcialmente...deixa pegada!

luns, 24 de marzo de 2008

Velocidade

Din que o tren de alta velocidade chegará a Galiza un lustro destes. Boeno, está moi ben iso. Unhas boas comunicacións seica son augurio de progreso, desenvolvemento e civilización.
Hoxe todo ten que ser con presas, se non xa semella que non ten mérito nin valía. E, pola contra, no disfrute persoal sempre perseguimos aquelo que podemos facer de vagariño.
Compre que atopemos ese equilibrio no que as premuras e maila inmediatez se dobleguen diante da calma e o sosego. A mente dos nenos de aldea coma min, non sei se saben viaxar con alta velocidade.

Foto: Tráfico desconxestionado na "peaxe" de Vilapoupre (Antas de Ulla)

sábado, 22 de marzo de 2008

Mamá

Ti viches como eu, alimentado de ti e por ti, chegaba a este mundo rollizo e forte. Eu, impotente, so puiden contemplar como o ías abandonando débil e paseniñamente.

Nas tuas mans respirei as primeiras bocanadas dun aire vital. Nas miñas exhalaches os últimos suspiros do teu corpo canso. No teu colo dormín sonos profundos e mamei tantos mimos como fun capaz de succionar. Xenerosa ti, que satisfacías con ternura os meus egoismos.
O terrible deterioro que te foi consumindo como unha veliña non será quen de borrar todo canto me deches neses abrazos inmenos, naqueles bicos guturais, nas miradas dos teus olliños pequenos de mirada ancha, nos salaios das carencias de antano e na fachenda brillante da tua mirada por verme medrar...
Ti, acolledora sempre, segues co teu seno aberto para min. Protéxeme como sempre fixeches, mamá.

mércores, 12 de marzo de 2008

Utilidade

Cada vez con máis énfase os partidos políticos maioritarios fan pivotar o seu márketing coa recurrida suxerencia do “voto útil”. Detrás desa cortina escóndese unha monumental agresión á esencia da democracia representativa. Para quen é útil o voto?

Baixo o argumento de que cada provincia elixe aos seus representantes, en función de criterios supostamente poboacionais, finalmente acádanse paradoxas no Parlamento como que unha forza política que obtén 652.000 votos tiña 8 deputados e outra con 1.284.000 contase somente con 5. Seica son inútiles máis de medio millón de votantes desta última formación?.

E por se fose pouco aqueles representantes provinciais elexidos sométense durante catro anos á “disciplina de partido”, sen distinguirse á hora de votar se son de Lugo, de Cáceres ou de Murcia, diferenciándose unicamente se están sentados á dereita ou á esquerda do hemiciclo. Faime esto entrar nunha severa dúbida de cales votos son máis inútiles…

Compriría unha modificación do sistema electoral que contemple as listas abertas -primando así a valía persoal diante do poder partidario- e maila adecuación representativa dos votos obtidos.

Será preciso para elo unha importante presión social, xa que o establishment bipolarizador no que estamos entrando favorece precisamente aos que terían que abordar dita reforma.

Unha persoa, un voto. Sempre útil.

Foto:" Parlamento forestal" en Vilapoupre. Un espazo, un pino...

sábado, 8 de marzo de 2008

Sangue

O sangue derramado salpícanos a todos. Nada podemos entender nesa sinrazón que so atina a poñer cadáveres enriba da mesa como argumento. Sangramos todos por esa ferida que nos drena o líquido vital e que lles drena aos asasinos a pouca materia gris que se lles podía supoñer.
Quen na súa mínima cordura pode considerar viable que acadará o seu máximo obxectivo segando vidas, non pode ter o respeto de ningún dos momentáneos supervivintes (todos estamos no seu punto de mira, tan so por non pensar coma eles, non fai falla ser exconcelleiro, nin garda civil nin militar).
Con cada asasinato caban máis fonda a sua propia tumba. Con cada tumba reabren unha ferida que os alonxa e que nos anoxa, se cabe, máis do que xa nos tiñan.

Foto: Carballo tronzado