Cada vez con máis énfase os partidos políticos maioritarios fan pivotar o seu márketing coa recurrida suxerencia do “voto útil”. Detrás desa cortina escóndese unha monumental agresión á esencia da democracia representativa. Para quen é útil o voto?
Baixo o argumento de que cada provincia elixe aos seus representantes, en función de criterios supostamente poboacionais, finalmente acádanse paradoxas no Parlamento como que unha forza política que obtén 652.000 votos tiña 8 deputados e outra con 1.284.000 contase somente con 5. Seica son inútiles máis de medio millón de votantes desta última formación?.
E por se fose pouco aqueles representantes provinciais elexidos sométense durante catro anos á “disciplina de partido”, sen distinguirse á hora de votar se son de Lugo, de Cáceres ou de Murcia, diferenciándose unicamente se están sentados á dereita ou á esquerda do hemiciclo. Faime esto entrar nunha severa dúbida de cales votos son máis inútiles…
Compriría unha modificación do sistema electoral que contemple as listas abertas -primando así a valía persoal diante do poder partidario- e maila adecuación representativa dos votos obtidos.
Será preciso para elo unha importante presión social, xa que o establishment bipolarizador no que estamos entrando favorece precisamente aos que terían que abordar dita reforma.
Unha persoa, un voto. Sempre útil.
Foto:" Parlamento forestal" en Vilapoupre. Un espazo, un pino...