Amosando publicacións coa etiqueta Lingua. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lingua. Amosar todas as publicacións

xoves, 17 de maio de 2018

Palabra

Fíame amodiño coa guturalidade morna da nosa fala, éncheme de matices patrios, faime xirar co fuso da normalización nunha espiral de acentos que acrecentan a miña valía. Téceme na ledicia do que son, sen fíos alleos, con agullas propias. Permite que me afague na túa boca mentras me bordas con puntadas de saliva doce e quente. Tínxeme nos teus labios encarnados xusto antes de me proxectar ao ar azul e auditivo; despois... acaríñame coas túas mans brancas e afinadas trocándome nun son arpado.
Súbeme de nivel; faime palabra galega. Vogalízame!

Foto:Ambiente arpado.
Letras Galegas 2018

sábado, 13 de outubro de 2007

Lingua galega

Veño de ler unha noticia en GZnacion que me fixo pasar da perplexidade ó asombro.
Citando como fonte a Mesa pola Normalización, disque dende o ano 1992 até hoxendía, a lingua galega pasou de ser a inicial do 60% dos galegos a tan solo o 20%. Absolutamente demoledor.
Quero supoñer que hai algún erro agochado nas enquisas, tanto na de 1992 como na recentemente feita. Din que a estadística seméllase aos bikinis, xa que son tanto máis interesantes polo que ocultan como polo que amosan... Con todo, non deixa de resultar un dato preocupante.
Tremendo toque de atención para as autoridades lingüísticas galegas, xa que semella que as cidades -que concentran a meirande parte da poboación- son as máis castelanparlantes, por máis concentración presupostaria que nelas se faga. Algo falla. En algo estamos a fallar todos se estas cifras se aproximan á realidade.