domingo, 8 de setembro de 2013

Titulacións

Ser agricultora precisa licenciatura en astronomía para elixir ben as lúas e doutoramento en química coa fin de ter mesura no esterco. Convén saber de meteoroloxía, ter mestría no manexo dun amplo carrusel de apeiros e dominar con pericia a arte do regateo para colocar na feira global os froitos do seu agro.
Tanta orla pendurada nas paredes da lareira non é garantía de balances saneados. Unha xeada na deshora ou un trebón puntualizado poden facer de tanto título un mero papel mollado.
Por iso tampouco sobran as nocións de psicoloxía aplicada; para cando as colleitas se van ao carallo ter recursos que axuden a pasar o revés. O máis olimpicamente posible.

Foto: Agricultora olimpica nas rúas de Compostela.

9 comentarios:

Alís dixo...

Eu xa pensaba que non valía para a agricultura. Agora xa sei que son nula, mellor nin intentalo.

Faime gracia a relación entre texto e foto. Inxenio na súa máxima expresión, a non ser que sexa unha agricultora coñecida...

Bicosss

Anónimo dixo...

Ao mellor por iso as leitugas veñen embolsadas, todas as laranxas son idénticas e xa nin lembro a última vez que vin un verme saír dunha mazá.
Saúdos

Anónimo dixo...

Vese que sabes de olimpismo , pero a agricultora olímpica cazoute jejeje

J Cima D Vila dixo...

xa o dicía o meu tío que para agricultor non valía calquera, que había que saber moito máis que para funcionario ;)

Raposo dixo...

Agricultora será, pero non me ten pinta a min de teña maña no manexo do legón, a gadaña e máis a fouce. De non enrellar as patacas co arado xa nin falamos, he, he!!

Anónimo dixo...

Asómbrame como fas concordar todas e cada unha das palabras que escribes neste trociño teu.

mariajesusparadela dixo...

Pois tes razón, ainda que este ano non se pode dicir que nos "importa un pemento"...cos poucos que hai...

Merce dixo...

Oleeee ahí falaches!!!

Biquiños a moreas :)))

Paz Zeltia dixo...

Arte tes tí ho, para meter esa foto no texto e facer coma de quen que lle acae!
Moi ben.