sábado, 14 de marzo de 2015

Candidata

Na corte vaise levando porque todas imos ó que imos: remoer e durmir, despois de que nos muxan con xeitiño ou nos mamen sen sopexar en demasía. Que no inverno a mamite é máis doada que o gordo da lotaría.
Pero ir pacer xa é outro cantar. Todas pensan que saben o camiño, vense raíñas da corredoira e marquesas da estivada. E todas queren mandar, claro. Porque ir diante, ademais de afastarte do aguillón, fai que te sintas lideresa da manada. Líbrate de ulirlle o cu á que te precede e, cando volves, es a primeira en meter o fociño na fonte para coller auga clara...
Así que eu, despois de probar herba doutro presebe, volvo con esperanza; e preséntome como candidata.

Foto: Catel electoral da Gallarda

9 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Ten a seguridade de que eu votaba á Gallarda e botaba á esperanza

A.C. dixo...

A tua candidata debería gañar. Vaia porte que ten
Deitacheste no chan para facer esa foto? Es terrible Chousa
Biquiños

peke dixo...

Caghiná. Non se me ocorre nada gracioso. :(

Chousa da Alcandra dixo...

Non te preocupes Peke; que a Gallarda sabe que provoca esas situacións...

Ginebra dixo...

Me parece más mansa como candidata que la Aguirre, para empezar, y me inspira más confianza, ¡fíjate!
Besos:))
p.d. ¡eres total!

Raposo dixo...

A Gallarda fai honor o seu nome. Tamén maneiras de lideresa, é fotoxénica. Seguramente sabe cales son os lameiros que teñen a herba máis xeitosa, e onde están as mellores leiras de nabos.
Conta pois co meu voto!!

paideleo dixo...

Pior non nos iría votando pola Gallarda ou calquera outro rumiante.

mariola dixo...

E seguramente gañaríamos votando á Gallarda.
Apúntome!
bicos chousa.

Politólogo. dixo...

Disque os famosos e roteiros 'touros de Osborne' andan desmoralizados (algúns incluso están a tratamento) e piden o exilio en terras salmantinas despois de saber da irrupción da Gallarda na vida social da nosa terra.