venres, 29 de febreiro de 2008

Maternal

Nada supera en ledicia e agarimo ao acollemento maternal. Ese xeito de brindar un protectorado de absoluta ternura e de constitucional entrega, non atopa posible comparanza no Universo.
Incontestable exemplo de amor sin condición. Incondicional mostra de ternura sin contestación.
Mamar mimos é unha das accións máis nutritivas para a mente en crecemento [e incluso xa ben medradiña tamén]. Ese alimento intanxible pero palpable e sabedeiro, é o xoromelo da sensibilidade plantada no noso ser dende o peito maternal.

(Dise que unha nai coida oito fillos e que, ás veces, oito fillos non son quén de coidar dunha nai. Incongruencias da natureza humán!)

Foto: Añiños mamando mimos en Santa Cristina de Areas (Antas de Ulla)

mércores, 27 de febreiro de 2008

Agudeza

Clasificar en base aos éxitos ou como consecuencia de fracasos son duas formas tendenciosamente perversas de catalogar ás persoas.
Seguramente as intencionalidades, xunto coa metodoloxía empregada para acadar aquelas intencións, son máis xustas para valorar con eficacia.
Pero no mundo actual, de primacía exclusiva dos resultados, non abondan as vontades. Cómpre saber transmitir ideas, comunicar tendencias , xestionar recursos, vender productos...
Se a ese cóctel lle engadimos a premura da inmediatez, podemos obter unha estresante espiral de insatisfaccións que nos levarán a cometer abultados erros, incluso visuais.

Foto: Pseudolagarto anicado a carón do valo en Caldelas (Antas de Ulla)

mércores, 20 de febreiro de 2008

Raigame

Nacemos na indefensión máis absoluta e "maduramos" coa lentitude vertixinosa do progreso.
Pasamos do babeiro á garabata sin saber usar correctamente a servilleta; do triciclo á berlina antes de coñecer os pasos que poden dar os nosos talóns; da libreta de doble pauta ao teclado inalámbrico sin aprender o que é a caligrafía; da corredoira suficiente á circunvalación saturada...
Pendurados no Cosmos transitamos pola vida coa fortaleza dun carballo e, de xeito simultáneo, coa fraxilidade dunha herba.
Sería moi desexable que, cando menos, nunca perdamos a lembranza da nosa propia raigame.

Foto: Raices en Caldelas , na parroquia de San Xurxo, en Antas de Ulla

sábado, 16 de febreiro de 2008

Profesionalidade

Chámase "ir de flor en flor" ao feito de ter moitas noivas (ou noivos), sin quedarse con unha en concreto. Socialmente non está nada ben visto (...), e tampouco responde a un patrón conductual para a tan buscada estabilidade emocional na que seica andamos á procura.
En consecuencia poderíamos concluir que o balance da felicidade quedaría descadrado se este método fose o empregado no libro Maior da nosa vida.
Pola contra, as abellas trocaron en profesión o que para algúns podería resultar unha arela. E non suscitan celos entre as flores libadas nin provocan dor cando van á seguinte na procura da sua esencia. Por se todo isto fose pouco, colateralmente, posibilitan a polinización. Pódese pedir máis profesionalidade?
Gústame o mel.

Foto: Febreiro florido. Xardín do C.E.I.P. de Antas de Ulla

mércores, 13 de febreiro de 2008

Camiños

Hoxe a tecnoloxía repórtanos, en pantallas de cristal líquido e mediante conexión vía satélite, o itinerario a seguir polo roteiro máis curto. Incluso estima o consumo máis favorable ou o tempo a utilizar no percorrido.
Acompáñase de voz -case sempre femenina- que, con asintonía monocorde e gutural, reporta de xeito anticipado os precisos matices a seguir.
De seguro que continuarán "perfeccionando" os mecanismos para que, con tan so entrar no habitáculo, saiba a onde queremos (ou debemos) ir.
E quedarán para os museos os instintos, as voluntades... e mailos sinais de dirección...

Foto: Estrada Agolada-Melide (e despois din que tódolos camiños levan a Roma...)

sábado, 9 de febreiro de 2008

Sinais

A tendencia humana por deixar constancia da sua impronta acabou en moitos casos por considerarse como arte. Gracias a esa teima podemos hoxe interpretar moitos detalles daquel pasado no que as nosas inquedanzas eran máis vitais que artísticas.
Pregúntome se algunhas manifestacións consideradas na actualidade como artísticas, e pretendidas así polos seus autores, non serán algún día menosprezadas, vituperadas e sinxelamente consideradas como unha pura trapallada.
Tamén pode ser que se nos conceda o título de trapalleiros por non protexer coa mesura, capacidade e mínima dotación de recursos que merecen algunhas pezas únicas, mentras protexemos baixo mil candados e sofisticados sistemas de seguridade outras pedras chamadas "preciosas".
Somos así.

Foto: Petroglifos no monte de San Fiz (Antas de Ulla)

domingo, 3 de febreiro de 2008

Amantes

Despois dunha treboada gústame observar as bágoas que caen das pólas, golpeando con inusitada bravura nas follas secas do chan. Os carballos nús, húmidos e aparentemente inertes, beben na sazón que percorre o carón das suas raices. Se escoitas, ata podes oilos tragar con avidez...
E no medio do prado dous amantes esconden reciprocamente os seus pudores nun abrazo vertical, profundo, lascivo e perenne. Se miras, ata podes ver o vaivén da sua paixón...
De maneira sensual entrelazan os seus dedos elevados cara as nubes preñadas de auga que seguirá regando o seu desexo. O enrabietado aire do nordés pon a melodía a este cadro, zoando entre as xestas, erguendo as follas, musitando notas e acordes que esbaran no pentagrama cóncavo da cúpula celeste.
Se sintes, ata podes percibir como gozan no seu estático movemento...

Foto: Carballos abrazados no Cruceiro

mércores, 30 de xaneiro de 2008

Temporalidade

De xeito constante e coa precisión máis reiterada, a vida vai pasando. Un día segue a outro coa parsimoniosa rapidez dun lóstrego ralentizado.
A relatividade na duración do tempo circunscríbese en múltiples factores que teñen que ver con infinidade de puntos de vista e de acotación dese propio espazo temporal.
Así, cando somos nenos un simple curso escolar semella unha eternidade; e, pola contra, na medida en que imos cumplindo anos, percibimos como pasan pola parede da nosa vida os sucesivos calendarios con pasmosa rapidez, do mesmo xeito que as horas de pracer fuxen temerariamente raudas, contra os minutos de dor que semellan non ter fin. Acortar éstes e alongar aquelas é unha habilidade que deberíamos entrenar con máis constancia.

Foto: Perspectiva da posta de sol de xaneiro dende unha verza de Antas

venres, 25 de xaneiro de 2008

Miradas

Cantas cousas podemos expresar con unha sola mirada! . Todo un mundo comunicativo é susceptible de xurdir coa complicada sinxeleza dun xeito de mirar.
Se a elo engadimos unha escenografía e maila contextualización axeitadas, seríamos capaces de obter todo un tratado de emocións, sutilezas, desexos, inquedanzas...
É ben certo que resulta doado, incluso innato, ver (expresar); máis non sempre temos as mesmas habilidades cando se trata de mirar (interpretar).

Foto: "Gallarda" e carballo (Gallardía e fortaleza)

domingo, 20 de xaneiro de 2008

Cicatrizar

A madurez que, co paso dos anos, imos acadando configúrase non somente co devir do tempo; concorren e adiciónanse feitos, circunstancias e aprendizaxes que somatizamos de xeitos moi diferentes, que van imprimindo no folio do carácter as grafías da experiencia.
Lembramos e interiorizamos eventos positivos e felices; pero aqueles que nos resultaron negativos ou traumáticos son os que máis acaban por marcar a nosa persoalidade frente á vida.
É como se tivésemos que pasalo mal para medrar mentalmente.
Superar dificultades fainos máis fortes; ainda que tales fatalidades, en ocasións, nos deixen cicatrices.

Foto: Un carballo da parroquia de Dorra

domingo, 13 de xaneiro de 2008

Fertilidade

Cada gota de auga dos abundantes trobóns destes días é como un bico garimoso á sedenta terra que, como unha amante cargada de lascivia, déixase penetrar con alevoso frenesí.
Resulta impresionante ver a sutil ledicia das árbores de folla perenne, que en tan poucos encontros amorosos, xa locen a tonalidade verde da satisfacción.
E mentras o doce vaivén da choiva percorre en miles de caricias as follas dos acivros, do seu talo brotan ducias de orgasmos vermellos e redondiños que mañán han ser a semente que volva poboar a terra con centos de novas plantas.
Empeza a festa da fertilidade nos nosos campos.

Foto: Acivro nun xardín de Antas

mércores, 9 de xaneiro de 2008

Bágoas

Fálase de que as persoas debemos controlar (eufemismo de reprimir) non somente os instintos; se non tamén determinadas emocións. Sobre todo publicamente, seica non se debe amosar a reacción máis íntima do ser humán a través de linguaxe corporal e/ou expresivo diante de circunstancias e acontecementos que nos afectan.
Non quero entrar en valoracións de xénero, pero como exemplo ilustrativo pode valer aquelo de que "os homes non choran". Pois vaia carallada!.
Negar ese magnífico recurso de dar fluidez a emisión de sensacións emocionais mediante as bágoas é tanto como negar a natureza do ser en sí mesmo.
Ata os toxos, que no xaneiro ocultan as suas punzantes espiñas co intenso marelear da chorima, cando lles peta choran; como non vou bagoar eu que son tremendamente máis doce que un toxo!

Foto: Entre Vilapoupre en Antas, pola carretera de Alvidrón.

sábado, 5 de xaneiro de 2008

Pasarelas

O grao de sofisticación que acadou a nosa sociedade abrangue tantos ámbitos como actividades desenvolvemos. Semella que xa temos suficientemente cubertas tantas necesidades que adicámonos a rizar rizos coma quén cardaba no liño.
Pero nun dos "artes" que máis despuntamos -ó meu xuizo chegando a límites do absurdo que nin a Ionesco se lle ocurrirían- é no denominado mundo da pasarela. Famosísimas persoas que responden a uns canons da beleza enlatados e fabricados polos gurús da moda, pasean unhas creacións absolutamente ridículas e das que todos nos preguntamos; "e quen raio poñerá iso?".
E amósano en Paris, en Milán ou en Madrid diante do seu anonadado público coa mesma gallardía que fai o galo da foto na palleira de Vilasión diante das pitas do seu harem.
Manda carallo!

luns, 31 de decembro de 2007

Brindar

Dende o pudor máis absoluto que en todos aniña, cada certo tempo amosamos unha parte do noso sentir e do entorno -máis ou menos íntimo- deste xeito tan vangardista como innovador.
Encaixa á perfección neste mundo que hoxe vivimos no que respecta á inmediatez. Resulta un recurso ás veces pouco entendido e incluso en ocasións repudiado; pero ó que ninguén lle pode negar a portentosa capacidade comunicativa que ostenta.
Doutro xeito nunca tería eu a oportunidade de facer un brinde co universo enteiro como hoxe fago.
Saúde!
Foto: Resultado de deixarlle a cámara a unha fotógrafa de 9 anos o día de noitevella

venres, 28 de decembro de 2007

Inocencia

Cáese reiteradamente no erro de confundir a inocencia coa escasez de intelixencia. Nada máis lonxe.
A candidez alude á ausencia de dano e de malicia, poda que en ocasións sexa un malabarismo persoal sobre a corda da inxenuidade; pero en modo algún expresa irracionalidade ou ignorancia.
Gusto moito de facer algunha broma polo día de hoxe. Ben artellada e construida. E este ano non foi menos.
Que me perdoen as miñas víctimas, pero hai tradicións que me sinto na necesidade de manter...
A todas e cada unha delas adícolles a mimosa e intelixente mirada de Marante, o burriño do Caminero de Alvidrón.

sábado, 22 de decembro de 2007

Abundancia

Resúltame un chisco paradóxico o feito de asimilar un corno coa fortuna ou coa abundancia -en sentido positivo-. Máis ben antóxaseme relativo á forza ou á defensa, por non entrar en outro tipo de consideracións "decorativas" que ninguén desexa...
Cando as pitas de miña nai "perdían" o ovo (que non era outra cousa que non poñían no niño), seguíamolas para atoparlles a rulada de ovos; así que de casualidades pouco había.
A fortuna tampouco entende de necesidades e arrímase coa audacia, de modo que o azar nada tería que ver con ela; de xeito e maneira que teremos que seguir pensando que o mellor é ter saúde (e mirar as pedreas).
Así e todo este ano seica arrimou algún premio da Lotaría no país, polo que felicito aos agraciados ó tempo que me derreto coa envexa de non terme tocado a min a rulada de euros!.

Foto: Detalle do "Nacemento" instalado na Praza do Concello de Antas de Ulla

domingo, 16 de decembro de 2007

Receita

O Nadal supón, entre outras moitas cousas, un certo quebradeiro de cabeza para quenes teñen a responsabilidade de artellar as citas gastronómicas familiares. Ainda que se adoita reiterar menús en cada casa, non deixa de ser un motivo de inquedanza.
Que si fago isto ou aquelo, que si aquelo non lle senta ben á avoa, que si esto non o comen de boa gana os rapaces...
Pois ben; hoxe -e sin que sirva de precedente- vouvos botar unha man. Esta tarde, cando camiñaba por Vilaboa (lugar da parroquia de Antas), o marruxo autopropúxose como suxestión. Eso sí, teredes que dispor doutra cazola máis grande...e salvar os prexuizos culturais de quenes comemos case todo tipo de mamíferos.
E que ninguén vos acuse despois de dar lebre por gato!

(Foto: Filtrada con bordes engadidos)

martes, 11 de decembro de 2007

Espirais

Cando empecei a ir á escola, cada vez que pillaba un encerado por banda, debuxaba espirais ata que non daba chegado máis alto ou ata que se me acababa a pizarra por debaixo. Sempre me chamaron poderosamente a atención.
(En Antas temos zonas con petroglifos que amosan ese tipo de figuras, pero daquela eu ainda non tivera ocasión de visitalos).
Por eso tedes que entender que hoxe, mentras camiñaba por "Portos" cara Vilapoupre, detivese o meu paseo para captar a imaxe que campeaba enriba dunha vella cancela.
Evócame tantos matices que enumeralos todos faría prolixo o comentario. Por subliñar somente os que a priori poden resultar máis raros: arquitectura, dureza, harmonía e incluso musicalidade...


sábado, 8 de decembro de 2007

Buratiños

Imaxinar un mundo sin buratos; sin resquicios polos que colarse, sin xanelas polas que asomarse, sin fendeduras polas que respirar, sin orificios para desaugar...
Un mundo plano, cego. Ainda que en ocasións así semelle ser.
Son fronteira e delimitación, son intersección e comunicación.
Bicar a través deles, inhalar os dulzores osixenantes, encher a vista co espectáculo máxico da sua simple contemplación ou deslizarse na suavidade quentura de flexibles oquedades...
Todo iso e máis: incluso nacer.

(Foto: Plano dunha chousa perto do rio do Estanco)

xoves, 6 de decembro de 2007

Calma

Adoito amosar flores. Son as miñas favoritas; pero tamén son conscente de que as árbores resultan ser a expresión máis poderosa da natureza. Hoxe, as carballeiras espidas cederon o seu traxe ó chan que se cubre co lenzo vexetal que adornou as copas, e non por elo perde a sua forza.
Comparar esta imaxe con algunha rúa de calquera cidade en hora punta ou co noso lugar de traballo "moderno", resulta polo menos sarcástico. Estas suscitan premuras, estrés; aquela invita ó sosego e a calma.

(Foto: Paseando polo Campo das Antas )

martes, 4 de decembro de 2007

Vitalismo

Decir que a natureza é vitalista resulta unha redundancia.
Na Chousa estes días, cando os poucos ourizos que quedan toman a cor parda que os mimetiza coas follas secas que baixaron das alturas a render tributo á terra que lles deu a savia, cando semella que nun vistazo podemos concluir que todo está esmorente, inerte e monocromático; xurde o colorido vital.
Amodiño, sin chamar a atención, caladiña e cautelosa, a flor emerxe suaviña no medio do mar decrépito e teso de follas mortas.
Flor e froito xuntos. E logo din que non hai parellas imposibles!

(Foto: Paseando entre Quintela e Antas en decembro)

sábado, 1 de decembro de 2007

Paripé

Non lembro agora qué autor teatral dixo unha frase que, mais ou menos, anunciaba: “A vida debería ter duas esceas; unha para ensaiar e outra para actuar”. O certo é que como somente hai unha…entre ensaio e actuación imos indo. Así nos luce o pelo ás veces.
Con mais ou menos aplausos, todos imos tirando polo escenario da vida sin que apareza finalmente o desexado Director que nos ofreza o papel que agardabamos. No fondo penso que nunca nos percatamos que somos os directores, guionistas e actores da posta en escea complicada e intensa que supón a nosa propia existencia.
Ben sei que interactuan por libre outros actores que , mesmamente semellan dirixidos por outro Director e -ás veces- pertencentes a outra obra, pero ainda con esas … é o que hai; de xeito que procuramos quedar ben e seguir…”paripeando”

(Foto: Choiva tímida en decembro)

mércores, 28 de novembro de 2007

Fortaleza

Resulta imposible ó camiñante non percibir o señorío que exerce este castiñeiro da imaxe, incluso hoxe coas suas follas facendo un manto sobre o prado.
Percíbese maxestuoso e forte dende o camiño.
E cando o miramos unicamente observamos a sua esbeltez, a sua capacidade para enmarcar unha estampa magnífica. Nin se nos ocurre pensar as peripecias que tivo que pasar para chegar a onde chegou... Non ser esmagado, tronzado, pacido, arrincado, seco pola xeada...
Que ninguén chore polos avatares diarios. Que ninguén se deixe pacer, esmagar, arrincar ou tronzar!
Hai que ser fortes, carallo. Incluso cando temos as follas facendo un manto sobre o prado...

(Foto: Tarde de outono en Antas)

martes, 27 de novembro de 2007

Delicadeza

Nas avanzadas datas que estamos (xa empezan con anuncios do Nadal), e ainda temos rosas ao aire libre en pleno vigor!
Ben sei que está a ser un outono totalmente atípico, pero incluso nesa diferencia resulta cando menos sorprendente atopalas así de esplendorosas.
De seguro que ninguén se vai estrañar moito se recoñezo a miña devoción polas flores en xeneral e polas rosiñas en particular. Solo a sua visión provócame ledicia. Atráenme visualmente, deléitome na sua textura delicadísima e empalágome no seu perfume.
E non vou confesar agora as similitudes que me traen á mente, que non é horario infantil...

sábado, 24 de novembro de 2007

Transplante

En ocasións sentímonos totalmente fora de lugar, de tal xeito que desexaríamos desaparecer e o instinto pídenos pechar os ollos coa fin de fuxir desa realidade que nos resulta allea.
Con todo, ese tipo de entornos que nos resultan desagradables provocan e logran que desenvolvamos toda unha serie de habilidades para poder "manter o tipo" con unha certa elegancia.
Unha vez superadas fan que sexamos máis fortes e que disfrutemos moito máis cando estamos na "nosa salsa".
Fai un tempo púxose de moda transplantar oliveiras. Din que os traen de Jaen e seica costan unha pasta. Non os admiro en demasía, pero recoñézolles unha resistencia e valentía importantes.
Están fora do seu entorno e nestes días mustios e frios lucen unha briosidade espectacular. Estarán finxindo ou simplemente utilizan as habilidades de supervivencia?