luns, 27 de setembro de 2010

Cavilar

O castelo de naipes da marabilla económica esnaquizouse fai varios meses, sen trazas de mellora a curto prazo (que é como queremos as cousas agora). Durante unha tempada vendemos os becerros que ían parir unhas vacas que posteriormente abortaron , sairon marondas ou foron montadas por bois vasectomizados.
O caso é que agora temos as cortes cheas de vacas vellas, escasas de leite, sin posibilidade de preñar e os tratantes á porta preguntando polos xatos mercados con antelación.
Con este panorama cadaquén debe buscar un culpable se non quere poñer a soga no seu propio pescozo. Argumentar culpas será doado, xa que todos temos os pés mollados naquel trolleiro de ledicias e benvivir.
Porén pregúntome se, antes de entonar berros a través da microfonía da desesperación, non sería aconsellábel deterse un chisco a cavilar...

Foto: O pensador (para ser tan inactivo, está cachas de carallo)

xoves, 23 de setembro de 2010

Cabroncetes

Andamos buscando a pose axeitada para campar diante de amizades presentes e futuras; e non sempre  resulta doado lograr o escenario, a postura e maila expresión necesarias para acadar a imaxe desexada. 
Cando por fin conflúen as circusntancias , e incluso somos capaces de lograr aquela mueca que tanto nos favorece, non estamos libres de que algún factor imprevisto apareza no intre máxico da dixitalización e tumbe o intento.
Pero, como reza o dito popular, non hai feira mala. De xeito que, mentras á rapariga loira  se lle escarallou a pose protagónica -e un chisco forzada-; outro fotógrafo oportunista (moi même) logrou un casual menage à trois fotográfico absolutamente natural e imprevisto.
Pregúntome quen sería máis cabroncete dos catro: o raparigo xoguetón, a amiga pelivermella que seguiu ó calado coa sesión, a propia modelo que me cachou fotografiando o momento ou...moi même?

Foto:Catro cabroncetes

domingo, 19 de setembro de 2010

Polaina

Con mirada firme e penetrante, co ánimo ledo e a intención ben dirixida; repenicando no tamboril das intencións con recalcitrante insistencia.
Marcando o ritmo e acompasando as ideas coas baquetas da sabedoría, percutindo no coiro ben tensado pola cordaxe da razón, arrincando notas do ar para pousalas nos oidos dun público que moverá os pés e baterá as palmas.
Mais, para lograr embelesalos non abonda con coñecer a melodía e manexar o instrumento. Iso dase por feito. Tamén compre ter boa postura no corpo e sincero sorriso no semblante. Tocar con elegancia facilita a comprensión da peza.
Non é menos importante levar ben postos todos os botóns. Moi importantes os da petrina, pero tamén os das polainas!

Foto: Gaiteiro en posición de Do Maior

domingo, 12 de setembro de 2010

Xato

Xato vai en pelotas pola vida de xeito que o sol e mailo vento lle aireen alí onde máis frío ou calor teña en cada momento.
Xato remoe de noite con calmosa lentitude a herba que pastou de día, ceibo polo prado inmenso ó que non lle ve o valo; sen estrés nen premura.
Xato copula con asiduidade unha nutrida manada de rubias e morenas; e despois do envite danlle unha caldeira con fariña de millo.
Pero a Xato amólalle o piercing que non quería ter engarzado nas ventas, e non lle presta un carallo ir co dni enganchado na orella. A corda que lle amarran arredor do queixelo córtalle a circulación facial e esmágalle a barbada. Non entende para que carallo o exhiben na feira amarrado a un puto carballo mentras atura moscas e moscóns. Se ademáis a feira era de queixos, joder!

Foto: Feira do queixo de Antas. Xato "queixándose".

xoves, 9 de setembro de 2010

"Embolado"

Non me gustan nada os memes; pero esta vez hai dúas razóns de peso para participar:
O nacemento ven dado polo post número 1001 de Kaplan (palabras maiores) e a min méteme no embolado Zeltia (a miña primeira comentarista despois de 232 entradas) .
Pasemos o "trago" axiña.

Canto tempo levas como blogger?
Aínda que houbo outro intento fallido, direi que dende outubro de 2007
Como te enteiraches da existencia dos blogues?
A curiosidade un día levoume a fedellar en Blogger.
Cinco blogues que sigo diariamente ou con moita frecuencia.
Leo a miña lista de blogs sempre que vexoa actualizacións, pero sin duda non me esquecen AquamLatam , Pitima, Leoeosseus, Susana Moo e Zeltia
Es lector anónimo dalgún blogue?
Claro que son. Pero son falador e case sempre acabo por baduar algo.
Algúns autores que che acorden especial simpatía.
Hai moitos que foron concluindo este camiño, pero aquí debo citar á Lareira de Santiso, que foi o primeiro blog que visitei por un puro casual, e prendeu a chispa para a Chousa.
Con que cinco bloggers irías de esmorga?
Cinco son poucos. Ademáis gústanme os números pares...
Con que blogger pasarías unha noite de loucura sexual?
Pódese facer iso con algún blogger???. Eu pensaba que esto era cousa de escribir...
Namorácheste algunha vez dalgún blogger?
Vou respostar coma Pitima (excluindo o que di do Druida, claro!)
Estás satisfeito co teu blogue?
Estou. Se non fose así teríalle dado ó botón e listo.
Espallar este meme entre 3 e 5 blogs
É dicir, xa que me foderon a min...que siga a cousa. Pois pásollo a Paideleo, Aldabra, Xenevra e Merce. (Xa vos escoito xurar en arameo jajaja)

Foto: Bola de garabullos. Escaparate en Compostela

luns, 6 de setembro de 2010

Rumbo

Gastamos moito en manternos a flote, cando esa debería ser unha característica do casco e non ter impacto no consumo enerxético.
Pero adoitamos empregar elevadas cantidades de combustible mental para ir dende ningures ata ningunha parte e despois, cando hai que enfrontarse co mar picado, fáisenos pequena a hélice e moi cativo o timón.
Coñecer a propia eslora e o calado do mar no que bogamos axuda a manter o tempero necesario para surcar con garantías en mar aberto, ó abrigo da ría ou incluso na propia bañeira.
E tampouco pasa nada se apagamos motores cando, ocasionalmente, non temos moi claro cal é o rumbo.

Foto: Parado a toda máquina.

mércores, 1 de setembro de 2010

Terapia

Seica foron chineses os primeiros en poñer en práctica unha innovadora técnica terapéutica que ameaza con mandar ó carallo negocios de callistas, pedicuras e semellantes.
Din que consiste en meter os pés nun caldeiro cheo de peixiños que che comen literalmente as células -supostamente mortas- da epiderme.
Pois ben, veño constatar que os alevíns de troita galegos xa contactaron cos peixes chinos e coñecen o mecanismo á perfección. Está claro que esto da globalización non so chega por vías cibernéticas: tamén o debe facer por outras canles.
E xa que estamos, pregúntome se non sería viable -como terapia social- desenvolver un programa que contemple a posibilidade de mergullar neses caldeiros as masas encefálicas de determinados individuos que pululan pola codia terráquea disfrazados de persoas. Claro que para acadar o éxito terapéutico total, nestes casos, sería preciso empregar direitamente crías de piraña!

Foto: Cóxegas terapéuticas feitas por alevíns ulláns

domingo, 29 de agosto de 2010

Figura

Cando por maio era por maio, e anunciábase que ía vir a calor; decían os telexornais que chegaba o momento da operación bikini.
Agora que se vai agosto e proclámase a época de coleccionar as chorradas máis interesantes, inútiles e carísimas, seica é tempo tamén de recuperar a forma perdida. Moito debemos cargar o carro, que sempre nos andan avisando de que hai que subir os ladrairos!
Eu non sei como o fan, pero hainas que deben seguir sempre os consellos de temporada; pois véxoas a cotío esbeltas, macizas e cachondas. Tanto ten que as mire en setembro, abril ou no tempo da seitura; elas sempre levan unha esbelta e atraínte figura.
Claro que non sempre hai ocasión de verificar se tamén levan posto o xenio...

Foto: Talle esbelto.

luns, 23 de agosto de 2010

Buratos

En fotografía sempre se ten moi en conta a distancia focal, os encadres, a apertura do diafragma...
Pois nunha boa parte das cuestións vitais que nos rodean tamén resultaría moi axeitado ter en conta este tipo de parámetros para ser conscentes de que, según o ángulo de enfoque, lograremos percibir con máis ou menos intensidade o mal e o ben que nos salpica e aloumiña a cotío.
Alonxando ou achegándonos iremos percibindo con máis nitidez as lampreadas e as marabillas, as ledicias e os pesares, os praceres e as rabias. Iso sí, sempre tendo en conta que na realidade tamén miramos a través de buratos! . E non é cuestión de volverse unha topia; senón de manexar axeitadamente a telemetría.

Foto: Burato desencadrado. Vista parcial.

xoves, 19 de agosto de 2010

Deshabitado

Tecemos mil e unha marañas de ideas para acometer ilusións e proxectos. Integrando medios, optimizando recursos e adaptando escenarios.
Cada cal na súa sebe, imos espetando as propias habilidades para engarzalas nas poliñas da oportunidade, na procura reiterada, contínua e vehemente da solidez que proporciona a seguridade.
E só cando as calores de agosto queiman as follas e as coitelas tronzan as pólas, contémplase con nidia claridade a robustez do noso traballo.
Resulta curioso comprobar que para decatarnos daquelas fortalezas, son necesarias estoutras ameazas.

Foto: Niño deshabitado. Rulada criada.

sábado, 14 de agosto de 2010

Pizarrillo

Mudan os métodos pedagóxicos e varían as ferramentas empregadas. O encerado evolutivo fai necesarios novos criterios que establezan prioridades, actualizadas coa tiza da tecnoloxía.
Partindo daquela frase lapidaria de que case nada se crea, senón que todo é produto dunha transformación; a pouco que escarabellamos na realidade, axiña poderemos concluir que o único que aconteceu dende o pizarrillo ata o pen drive, foi unha sutil adaptación daquel cilíndrico artiluxio para salvalo da obsolescencia.

Foto: Equipo integrado pendente de evolución
(Con toma para impresión de chorro de tinta)

domingo, 8 de agosto de 2010

Puntuación

O meu sempre lembrado mestre Don Benedicto García, nunca deixou de insistir na importancia que a axeitada utilización dos signos de puntuación teñen na comunicación escrita. E logrou convencerme daquela ensinanza; o que non puido foi darme o quid para entender todas as perspectivas e tampouco todas as imaxes coas que a miña cámara se atopa. Velaquí un exemplo de ambas:

"Se o home soupese realmente o valor que ten a muller andaría a catro patas na súa busca".

As mulleres que lean esta frase, moi probablemente situarán a coma xusto despois da palabra muller.
Pero tamén pode que os homes a coloquen despois do verbo ten...

Foto: Casualidades artísticas

domingo, 1 de agosto de 2010

Chanclas

Estradas ateigadas de maletas, apreixadas nos seus compartimentos coma quen soba os nabos no caldeiro, circulan estes días con idénticas direccións pero en sentido contrario.
A envexa engadida á bagaxe dos que voltamos fai que a idéntica equipaxe da ida semelle non caber no mesmo habitáculo de fai un par de semáns.
E miramos con cara seria ós que veñen, mentras pensamos que a nós ninguén nos vai quitar o disfrutado e, ó fin e o cabo, eles traen os días contados...
Mentras conducimos as nosas ideas polas curvas do pensamento decatámonos de que cando empezabamos a collerlle o tranganillo ás chanclas, hai que volver coller as ferramentas da canteira. Penso que algúns (eu entre eles) deberíamos quedar para explicarlles aos recén chegados como rulan as cousas polo lugar.
E por riba de todo Mariano non pon o cinto. Seguro que o fai adrede!

Foto: Ferramentas para non queimar os pés na area

sábado, 31 de xullo de 2010

Ser

Ser galeg@ é moito máis que a casuística de nacer nun territorio. Limitalo a esta última cuestión é como definir o sangue como un líquido vermello. Sin mentir, a verdade queda moi cortiña nesa definición.
Non citar a historia que nos xunta, a lingua que nos identifica e mailo sentimento que latexa co son de Ribadeo ou do Rosal; de Cariño ou de Verín -cruzando invariablemente por Antas- ; é como obviar razón en sí mesma do existir, do ser.
E xa poden ser xacobeos cada once anos ou domingos cada sete días; que dous millóns longos de persoas somos galegas cada segundo da nosa existencia.

Voltar das vacacións a estas horas non é razón suficiente para omitir unha alusión á galeguidade que rezumaba este mes. E se mañán non é 25 de xullo outra vez, seguramente será debido a que é o primeiro de agosto. Quen dixo que non era o día de Galicia mañán tamén?

Foto: Estereotipo do ser

venres, 16 de xullo de 2010

Hórreo

Ubicación idónea, perto das laxes da aira.
Elevación precisa, na procura da aireación necesaria.
Estabilidade asegurada, mediante os materiais axeitados.
Volume acorde coa terra sementada, lección de mesura con gallardía conxugada.
E así, a salvo de fungos e humedades, dos dentes dos ratos e picos de aves; acugulo de espigas esfolladas e cheo de enerxía almacenada, trócase en despensa ben dotada que proporcionará millo vello en épocas de colleitas menos abondosas.
Pregúntome ás veces como poidemos esquecer as ensinanzas tan arraigadas, unicamente co argumento da evolución mal interpretada. Se tan só era cuestión de adaptar a filosofía do hórreo ó plan xeral de contabilidade!

Foto: Hórreo de Pambre
Música: Felicidades a todas as Carmes, Carmiñas e Carmelos (Ruxe-Ruxe)

domingo, 11 de xullo de 2010

Predicción

Nestas últimas xornadas reinan as anécdotas por riba das noticias e imperan os cotilleos sobre das realidades.
Dende a óptica periodística todos sabemos que sempre resulta menos chamativo que un can morda a un neno, que se é o propio raparigo quen lle da un mordisco a un cadelo. Pero elevar á categoría de oráculo o xantar dun polbo alemán xa ten bemoles.
Pero xa postos a facer prediccións arestora (falta media hora para que 22 machotes empecen a correr detrás do bincho de coiro chamado Jabulani en Sudáfrica) predigo que mañán ó almorzo untarei as torradas con Tulipán.
Xa poden empezar a tremer o polbo Paul, a galiña Eufemia e maila meiga das velas negras.
E que eu destas cousas sei a mitra!

Foto: Chousa mitrado.

mércores, 7 de xullo de 2010

Cúpula

Do continente africano chégannos nestes días de xullo, ademáis de ríos de tinta con noticias futbolísticas, mares isobáricos cargados de elevadas temperaturas.
Para minimizar o impacto que esta situación térmica produce no organismo, nada mellor que repoñer líquidos (a poder ser con baixas ou nulas doses alcol), e non realizar actividades con alto desgaste físico.
Como complemento refrescante, tamén vos deixo a suxerencia de que deades un paseiño baixo esta magnífica cúpula. Ollo; aínda que o entorno se preste, non trabucar termos fonéticamente cercanos...

Foto: Cúpula vexetal en Olveda (Antas de Ulla)

sábado, 3 de xullo de 2010

Cobertura

Foi necesario desplegar unha maraña de fíos para que os candís se apagasen e alumear, a golpe de kilovatio, as ennegrecidas paredes da lareira.
Aquel adianto luminoso puxo ó descuberto as múltiples carencias nas que estabamos mergullados. Pódese afirmar que a bombilla trouxo consigo o terrazo e maila fregona.
Case simultáneo, chegou o teléfono de manivela. Aquelo sí que tiña misterio: falar -aínda que fose berrando- co veciño da outra punta da vila coma se o tiveras na casa; e chamarlle conferencia se o veciño estaba na capital. Riquezas léxicas que traía o progreso.
Agora non fan falla fíos para falar cun descoñecido. Nin postes que unan as palabras. Nin berrar para que te escoiten, nin manivela para establecer comunicación. Tan so un tecladiño no que golpeas lene a xeito de picaporte universal pendurado no teu peto, para chamar a todas as portas de todas partes...
Iso sí, o que non mudou no tempo é que, antes coma hoxe, é necesario ter cobertura!

Foto: Picaporte en Vilapoupre. Cobertura asegurada.

luns, 28 de xuño de 2010

Precipicio

Unha composición accionarial ben repartida entre suavidade e dulzura. Un balance saneado e axeitadamente compensado entre a pigmentación fixa e maila polinizadora. Uns recursos propios suficientes como para agardar magníficos resultados de conquista.
Enervado pezón vexetal na cúspide da excitación. Abertos os pétalos, receptivos os pistilos, acolledores estames e firme o talo, tan so meneado pola lene brisa da tardiña verde...
Con este panorama contable, vai o paspán do insecto e asómase -nun perigoso exercicio de equilibrio- ao abismo da quebra financieira.
Mesmo semella estar a piques de lanzarse a un precipicio de pouco medidas consecuencias que supoñen unha nefasta calidade directiva e unha pésima xestión da oportunidade. E despois dirá que fai fresh banking...

Foto: Equilibrio. Agasallo de Tres Trisqueles para compartir coa Chousa

mércores, 23 de xuño de 2010

Queimada

Que os mouchos, as curuxas, os sapos a mailas bruxas sexan bós e xenerosos.
Que os demos, trasgos e diaños acouguen o seu ímpetu.
Que ningunha barriga de muller solteira sexa inútil (xa será utilizada cando se tercie!).
Que as linguas das mulleres -casadas e solteiras, con homes novos e vellos- sigan pecando per omnia saecula.
Que os corvos, as pintigas e as meigas non deixen de apelar a tronos e raios.
Dende o Centro Xeográfico de Galicia, berce do Ulla, queimaremos en augardente os malos fados, quedando así purificados...
E xuntando as forzas do ar, terra, mar e lume, brindemos sempre -aínda que sexa de xeito virtual- erguendo unha cunca de queimada.

Foto: Lume. Olliño, que -ademáis de purificar- tamén queima!

sábado, 19 de xuño de 2010

Descaro

Pouquiño a pouco ímonos mirando no espello global para copiar tendencias, asumir costumes e propagar ideas. A permeabilidade de cada quén vaise facendo máis mol na medida na que aumenta a exposición ás reiteradas mensaxes que chegan por tdt, adsl, fm e incluso un xurásico medio chamado prensa escrita.
Todos, sen excepción, disparan estímulos de todo tipo, co fin de incidir na nosa capacidade de elección, decisión e acción.
Con tantos recursos que empregan, hai que confesar que en moitas ocasións logran os obxectivos con óptimos niveis de eficacia.
Pero ás veces atópanse con individuos de rompe e racha, que non hai campaña que os penetre nin mensaxe que lles incida.
Son xente coas ideas claras e de principios firmes, que asumen a posibilidade de cascar, antes que verse influidos de xeito tan descarado. E non o fan por unha cuestión hormonal, senón por convencemento...

Foto: Ovo distinto da mesma galiña

domingo, 13 de xuño de 2010

Retagarda

Zafra para tornear barrotes, cincel para labrar pedras e agullas para tecer liño.
Seica son precisas ferramentas que evocan suplicio para amosar fermosura na porte e delicadeza na exhibición.
Porén, mentras observemos con deleite a perfección das aristas pétreas e o engarce axeitado do metal que se clava nas entrañas graníticas, protexendo o delicadísimo encaixe branco; non deberíamos obviar o lume na forxa, as chispas arrincadas á pedra nin as gotiñas de sangue que -de seguro- afloraron nos dedos feridos pola espita tecedora manexada por mans suaves...
Protexemos do exterior con sete candados o prezado lenzo; sen decatarnos que por onde máis riscos o atenazan adoita ser pola retagarda.

Foto: Mosteiro de Aciveiro. A 40 km de Antas de Ulla

mércores, 9 de xuño de 2010

Adaptación

Domados polas circustancias cotiás remexémonos con rosmonas protestas, mentras denunciamos as escasas posibilidades de estarricar os pés dentro do habitáculo que contén as nosas ledicias (moitas) e miserias (algunha tamén hai).
E patalexamos coa semántica e xesticulamos con vehemencia pedindo amplitude. Ás veces chegamos a sacar a navalla da ameaza para amosar unha capacidade agresiva que, coma a tona do leite, queda case sempre na superficie.
Tanta leria para que, chegado o caso, cando nos ceiban da cadea o único que se percibe é o ben afeitos que estabamos a aquel espazo que nos esmagaba e que agora, carentes del, corremos un serio risco de desintegración por espallamento. Podemos chamarlle perfil ou incluso intelixencia; pero en realidade so é adaptación.

Foto: E agora qué?

venres, 4 de xuño de 2010

Estratexia

O sentido da oportunidade canaliza unha boa parte do éxito emocional, afectivo e incluso empresarial. A ninguén se lle oculta que existen colateralidades -coma o azar ou a casualidade-, que están convocadas a conquerir a materialización dos obxectivos marcados; pero as probabilidades de ser rozado polo corno da fortuna (que xa podía tocarnos co deño mamiño!) son máis ben residuais.
Queda claro, polo tanto, que se fai preciso deseñar unha estudada estratexia para circular polo vieiro atinado, multiplicando de xeito exponencial aquelas nimias posibilidades.
E unha vez tecida ésta coa seda da imaxinación e cos ganduxos do saber, non vaiamos escarallar tanto esforzo intelectual cun evidente e flagrante erro posicional!.

Foto: Estratexia atinada. Ubicación errónea

domingo, 30 de maio de 2010

Tute

Seica trunfa en bastos e nesta partida de tute so levamos copas e algunha que outra espada. Ouros poucos e de escaso valor.
Con esta man non vai ser doado facer as dez últimas e de pouco nos vai servir cantar vinte en copas. Poda que non fagamos nin baza!.
As mensaxes coas que nos bombardean aluden a vindeiras partidas aínda máis complexas, ata o punto de que teñamos que xogar incluso con menos cartas...
No medio desa marabunta de mensaxes cargadas de complicacións e hostilidade, sempre convén mirarlle o lado positivo á mochila na que imos sentadiños: non parece incómoda de todo, carréxanos e ten unhas vistas caralludas. Nesa tesitura, penso que ata viría ben -en troques de tanto roñar- ceibar algúns ladridos de ledicia de cando en vez.

Foto: Mochila canina con vistas. Fotógrafo ben posicionado tamén.