venres, 28 de decembro de 2012

Valados

Tivo que ser a Deputación de Lugo a que lle puxo o rabo ás cereixas acometendo unha iniciativa pioneira na conservación e posta en valor do patrimonio.
Na comisión de Goberno desta noitiña pasada vén de pór en marcha un plan de coidados e adecentamento xeral de toda expresión arquitectónica popular e tradicional galega. Atinadamente empezarase polos valados.
O Organismo supramunicipal habilitará unha partida orzamentaria destinada á concesión de axudas para adquisición de ferramentas e apeiros de limpeza das cercas. Os receptores das subvencións espetarán -en lugar ben visible- cada trinta-corenta pasos, estacas de formigón que sosterán unha chapa galvanizada co logotipo do citado Organismo (se o Concello de turno colabora, poderase espetar tamén outra estaca máis pequena co escudo municipal e incluso co nome do alcalde).

Foto: Apeiros da Excelentísima Deputación Provincial

martes, 25 de decembro de 2012

Ilícito

"A miña vida estivo chea de desgrazas, moitas das cales xamais sucederon"
(René Descartes)
 
Que a propia existencia se encha de ledicias (das lícitas e ilícitas tamén), aínda que algunhas acontezan unicamente na imaxinación, pode constituirse nun obxectivo sumamente interesante para non chegar a porto excesivamente lastrados.
Bo Nadal para toda a tripulación desta nave tan tola como esférica.

Foto: Autorretrato. Muiño do Corgo (Antas de Ulla)

domingo, 16 de decembro de 2012

Tabardo

O ruido das queixas polos tempos que corren parece que pretende afogar o murmurio das panxoliñas. Pero non vos é nada. A maquinaria da ilusión infantil (lembrade que eu son un neno) xa se puxo en marcha e, paseniñamente, van chegando as datas da maxia pendurada en acivros ou portaliños en miniatura.
E fixádevos se anda a cousa cerquiña, que xa pillei a Papá Noel probando o que de seguro será un agasallo. Ben sei que non o parece, pero iso é porque está de medio lado, non lle escoitades a súa risa de mandar parar as vacas; e -ademais- fáltalle poñer por riba o seu tabardo vermello.

Foto: E se cadra chámase Noel-ia.

domingo, 9 de decembro de 2012

Follaxe

Achegándose a invernía, a natureza xoga con noites de branco satén.
Deslízase suaviña entre as herbas finas nunha caricia dulce, paseniña, sutil e penetrante; para interpretar unha melodía de friaxes con mil e un matices que arrincarán suspiros e provocarán salaios. 
Dos desmáns urdidos coa luz da lúa, unicamente nos deixan restos dun fermoso encaixe perdido entre a follaxe...

Foto: Folla xeada.

sábado, 1 de decembro de 2012

Albarda

Eramos pura sangue de alto copete correndo en hipódromos fachendosos. Tiñamos cortellos cheos de comodidades con pesebres ateigados de herba seca. Ás veces deixábannos rebechar polo curral, nun alarde de liberdade. E pregúntábannos aos poucos se queríamos mellor levar hostias coa fusta ou que nos espetasen a espora nas frebas. Tiñamos unha fluida comunicación entre o arre e mailo xo!.
E mira ti por onde fóisenos xear a mirada cando nos decatamos que aquela prenda que  vestíamos tan garbosamente non era unha lucida capa; senón unha simple albarda.

Foto: Reflexionando no prado.

luns, 26 de novembro de 2012

Axexar

Estou en condicións de afirmar que os Neandertais xa utilizaban os buratiños e reganduxas das cavernas para fisgar. E seino simplemente por pura observación comportamental dos seus parentes actuais, que seguimos mantendo viva aquela vella teima de fisgar e axexar. 
Houbo un tempo no que consideraba que tal querencia  espreitadora viña dada por unha especial atracción cromosómica polos buratos; pero esa hipótese escarallóuseme cando observei o trunfo do facebook.

Foto: Furado de medio punto. Muiño do Corgo (Antas de Ulla)

sábado, 17 de novembro de 2012

Pateira

Da sementeira á meda, despois á tulla, transformación no muiño para vir levedar na artesa.  O zea mays, secale cereale ou o triticum aestivum chegaban á mesa pasando polas mesmas mans; demostrando que nosos avós, carentes de altas tecnoloxías, manexaban unha autosuficiencia que hoxe poría os pelos de punta ás grandes cadeas de alimentación.
En todo aquel alarde das capacidades, acadaban a excelencia coa xestión dos resíduos. Nada era lixo, todo resultaba útil. Para o aproveitamento da palla facían palleiros; e para manter o forno coma unha patena, dotábanos de pateira.
Moito ruido debe facer a tecnoloxía para permitirnos esquecer tanta sabiduría en tan pouco espazo de tempo.

Foto: Factoría panificadora. Alvidrón de Outeiro (Antas de Ulla)

xoves, 8 de novembro de 2012

Maquía

Pódense calcetar nobelos de fantasía con espitas de mentira; fiar con fusos de pedra liño nunca sementado. Pódense moer fanegas de gran sen madurar en muiños de fume; cocer pan sen amasar en artesas que xamais foron construídas. Vender quen non ten a quen non pode pagar; cobrar futuros en tempos pretéritos, enfiar agullas sen punta con fíos de charamela para coser mandís de ar...
Deber non se debía, pero facer fíxose; así que agora toca pagar ferrado por maquía. 

Foto: Bebé castiñeiro. Nacendo e aprendendo.

xoves, 1 de novembro de 2012

Zarrotes

Paseniñamente, sin facer ruido, buscando sitio entre as folliñas mortas que lles dan acubillo, van agromando caladiños dende o chan pardo e vivo. 
Mestúranse descaradamente co verde en alardes de poderío, mentras salpican a corredoira con puntos de picardía.
Bodoquiños brancos, figuras arbóreas en miniatura; son, en realidade, ideas da natureza con casca mamiña.

Foto: Zarrotiños en Alvidrón de Outeiro (Antas de Ulla)


venres, 19 de outubro de 2012

Bomba

Se almorzamos recortes sociais, xantamos novas cargas impositivas e ceamos listas de espera inasumibles, non pode sorprender que acabemos por excretar mala hostia e regurxitar decisións de voto profundamente meditadas.
Esa rutina de maldades tamén é a causante de que, cando contemplamos un fermoso bodegón de fina cantería con delicados adornos de lencería floral,  unicamente percibamos a inquedanza de ver -no medio e medio da estampa- unha ameazante e xigantesca bomba. Excesiva artillería para tanta fermosura.

Foto: Fina lencería floral. Cambados

domingo, 7 de outubro de 2012

Taconeo

No acelerón que lle deron ao mundo fai uns anos, as poleas transmisoras saltaron dos seus eixos e fóisenos de revolucións. Pasamos de mirar se as pitas tiñan o ovo meténdolles o dedo no cu a imprimirlle na casca un código de barras; de falar trivialidades cos veciños dende a solaina a pendurar intimidades a golpe de teclado no facebook...
Saltámonos un paso intermedio no terreo evolutivo que nos rabizou algunhas fases imprescindibles na aprendizaxe vital. E non é que nosas avoas non saiban indicarnos como se taconea; é que pretendemos taconear con bailarinas e acabará por resentirse o calcañar.

Foto: Taconeo silente. Rúa de Compostela.

luns, 1 de outubro de 2012

Rabeno

Non roubou (non sabe), non dixo mentiras (é sincero), non ten promesas pendentes de cumprir (non promete: fai), non quebrou balances (matematicamente certo), non renega da súa linguaxe (nin se lle ocorre ladrar para dicir un miau), non escindiu a súa estirpe (adica as súas capacidades a outras lerias)...
Moito antes da xornada de reflexión; antes incluso de iniciar o carrusel de trangalladas que se aveciña -comunmente coñecido como campaña electoral-; eu xa teño decidido cal é o meu candidato. Xa sei que é rabeno; pero as carencias dos outros empezan onde acaban as do meu.

Foto: Cartaz  electoral.

domingo, 16 de setembro de 2012

Arquitectura


Anos de entrenamento para o dominio do compás, lustros de aprendizaxes en cálculos de resistencias imposibles, vidas enteiras de planficación para deseñar harmoniosos entornos que non manquen a mirada. 
Todo ese esforzo grandioso para que despois chegue unha jabata con deportivas de goma e gafas de pasta, que supere tan doadamente anos de estudo do volume cunha pose que non oculta a súa esvelta arquitectura; simplemente pousando o seu cu morno na pedra dura.
Con tales distraccións a ver quen carallo atende ao estudo do urbanismo!

Foto: Agardando en A Guarda

martes, 11 de setembro de 2012

Recreo

Soan trompetas e claríns. Afíanse lápices e búscanse rotuladores novos para debuxar vellos corazóns de plastilina.
En tendedeiros cargadiños de Mimosín ondean mandilóns azuis de cadriños brancos, dispostos para impartir pedagoxías con tizas de cores.
E, no medio do fragor da batalla, os nenos de Primaria debatémonos entre o bulebule de saber se á mestra do ano pasado lle medrou a coleta, ou o temor por se tamén  nos van amolar cun recorte no recreo.

Foto: Entrenando para o recreo.

sábado, 1 de setembro de 2012

Oración

Riciño noso que estás na cabeza, 
encaracolado sexa o teu nome.
Veña a nós esa feitura;
e fágase a túa espiral, tanto á dereita como á esquerda.
Perdoa as nosas ansias por acariñarte,
como nós che perdoamos as cóxegas que nos provocas.
Déixanos caer na tentación de admirarte, 
e líbranos dos alisamentos.
Amén.

Foto: Nena dos rizos.

domingo, 26 de agosto de 2012

Alimento

Indispensable sintetizar as proteinas, vitaminas e outras substancias que -case de xeito exclusivo- extraemos dos alimentos que manducamos por vía oral, con posterior evacuación dos resíduos polas canles destinadas aos efectos.
Pero deslizarse a canchapernas dun cabaliño do demo que nos leva -en galope silente- entre o ar maino de agosto, para contemplar xuntos postais vivintes coma a que mirades...tamén alimenta, incluso por vía cutánea. Neste caso absórvese todiño. Non hai resíduos. Enerxía limpa!

Foto: Cabaliño do demo (inclinado), e máis eu (sobre a pedra); recargándonos.

luns, 20 de agosto de 2012

Remoer

Adoptamos maneiras para gustar, xeitos de caer ben; posturas para resultar sexis, condutas para semellar intelixentes, agradables, interesantes e atraíntes. Vestímonos con fíos tecidos nos teares máis existosos da aldea globalizada. Refregamos os pelexos propios en augas alleas para sorprender pituitarias con recendos excitantes. Facemos así coma quen que non cagamos nin botamos peidos,  non temos cera nas orellas, bosta nos miolos nin cagallas na intención...
Para inmortalizar ese babel das fantasías, retratámonos coa nosa mellor sonrisa profidén. E facémolo unicamente para impresionar;  pois o que nos pide o corpo é -simplemente- remoer.

Foto: O soño da miña dentista.

domingo, 12 de agosto de 2012

Sinfonía

Tensando cordas, quentando mans, axeitando mentes, coutando salaios,  buscando equilibrios. Establecendo pautas, termando pentagramas, relaxando pensamentos, afinando ideas.
Todo está listo para percibir, dende o mellor escenario, o concerto da natureza que interpreta a sinfonía do verde. 

Foto: Música de cámara en Antas de Ulla

mércores, 1 de agosto de 2012

Vacacións

Sempre considerei unha crueldade eses programas baseados en acoller nenos (maioritariamente) africanos durante unhas cantas semanas, para despois devolvelos para sempre á crua realidade do seu mundo sin medios nin posibilidades. Defendía eu (inxenuo) que a proposta ideal era enviar aos nosos infantes a aquelas latitudes para que aprendesen a valorar o que aquí menosprezan.
Pero agora veño caendo na conta que iso que fan cos miúdos africanos lévano facendo con nós durante toda a vida. Déixannos atisbar durante unhas semaniñas o que é realmente a vida, para despois espetarnos na realidade sin cocer. Ao noso programa, en troques de acollida, chámanlle vacacións.

Foto: Estado natural do ser humán

sábado, 14 de xullo de 2012

Collón

Hai singulares que nunca van sós. Un necesario complemento para acadar identidade. Un singular pluralizado que enche a frase, anega o suxeito e matiza o predicado; case prescindindo do verbo, e sin necesidade de cualificativos acada significado.
Presunción de tamaño como símbolo de valentía; sinalar ubicación como mostra de poderío; a simple alusión pretende un alarde de forza e supremacía.
O vulgo dilles collóns, pero a elitista clase política chámalle maioría absoluta.
En base a ela, mentras cuspen aplausos coas extremidades superiores, entre dentes musitan con cara de noxo: que se fodan os esmagados. Ademáis de poñer de manifesto a escasa educación do hemiciclo, queda claro que lles importamos un collón.

Foto: Zoco grande.

domingo, 8 de xullo de 2012

Perendengues

Un exército de economistas aflorou da facultade das alcantarillas para interpretar balances, analizar contas de resultados e pronosticar quebras.
Fuchican nas feridas nunha sorte de sadismo baduador que avanza en xeométrica progresión. Non veñen prescribir (que non saben), tan só diagnostican pavor sen límites e abismos ilimitados.
O asunto non ten pinta de parar até que alguén colla polos colares á estupidez reinante e se aplique a darlle un bo apretón nos perendengues. Mentras non apareza ese atisbo de cordura apreixadora, continuaremos neste magnífico estado de acolloamento xeneralizado.
Foto: Un par.

domingo, 1 de xullo de 2012

Remuíño

Viaxamos acotados pola angostura do leito que nos leva, inexorábel, cara o mar no que todos os manriques desembocamos ("a estas alturas do regato xa todos sabemos que os catro puntos cardinais son tres: norte e sur")
Claro que durante a viaxe podemos permitirnos curriscar entre unha beira e maila outra, provocando burbulliñas; ou incluso, ás veces, logramos encaracolarnos nun riciño acuoso que nos mergulla en sutís mareos de dulzura. A esa cabriola das ledicias, na que moemos de xeito reiterado as ilusións e mailas intencións de voltar río arriba, chamámoslle -garimosamente- remuíño.

Foto: Remuiño a carón do muíño, en O Corgo (Antas de Ulla)

mércores, 27 de xuño de 2012

Falaremos



Da gusto poder dar parabéns. Pero hai ocasións nas que un parabenízase con só mirar...Ogallá que estas virguerías tan ben feitas non fiquen unicamente niso: en virguerías.

martes, 12 de xuño de 2012

Respecto

Non vén nada mal atopar mensaxes que nos couten o irrespectuoso mal rollo, e que poñan freo a tanta xenreira perenne que poboa mentes e ánimos.
Acotar a dimensión das realidades para non fender máis leña da que precise o noso allar, semella un vieiro a reconsiderar. Que ultimamente cúspese en demasía nas mesmas caras; e case todas as caras merecen algún respecto.

Foto: Mensaxe da árbore. Lisboa

xoves, 7 de xuño de 2012

Tolemia

Na cascada de desvaríos, que entre todos fomos construindo, baleiramos de contido o esencial para encharcarnos no supérfluo. Fixemos do inciso teorema, do relativo absolutismo e as calmas trocámolas por premuras.
E asi, no medio de tanta infección de tolemias, ficamos alumando nos montes,  mentres agora temos as aulas a escuras...

Foto: Iluminaria da tolemia. 

venres, 1 de xuño de 2012

Mimo

Dar mimos vainos reportar a moi grata confusión de non saber con claridade se os damos ou os recibimos.
Cando o mero feito contemplativo se troca en pura ledicia, resulta sumamente complexo discernir se quen acaricia non é  realmente o acariciado.

Foto: Acariñando mimos


sábado, 26 de maio de 2012

Ameaza

Interpretando o barullo cotiá que se escoita en tertulias radiotelevisivas ou titulares de xornal, queda clariño que somos a infantería desarmada dunha terceira guerra non declarada. 
Xa sei que non se ven tanques esmagadores nin metralletas cuspindo plomo; pero que alguén me diga se non é unha crueldade vivir o día a día con milleiros de ameazadoras tizonas damoclianas suspendidas do arco celeste; mentras baixo os pés suben a temperatura para que nos vaiamos fritindo na nosa propia ensulla.

Foto: Ameaza escrita.Inculta, pero efectiva.

xoves, 17 de maio de 2012

Vixía

Vía das mensaxes, canle de pensamentos, pentagrama fonético de dulzuras intercaladas, reflexo do sentir, soporte da tenrura pronunciada, atril de aloumiños imaxinados. A ti apelo cando imaxino, en ti acougo cando me alporizo, de ti me sirvo para chorar, ler, dicir, calar... Lingua que brincas na lingua, mentras me salpicas de frescura, abrígame na amorosiña pronuncia de salaios que se albiscan na túa semántica e permite que argallemos como ser á vez viaxantes e vixiantes da túa propia existencia. (Día das Letras Galegas, 2012).

Foto: Reflexo. A Picouta (Antas de Ulla)

domingo, 13 de maio de 2012

Reciclaxe

Os dereitos laborais conquistados pola clase traballadora despois de moitos anos de loita negociada; estanse indo ao carallo semana a semana, en menos do que canta un ministro.
Escudándose en argumentos de escasa validez pero de crúa efectividade, fusilan servizos, segan salarios e tronzan postos de traballo. Paralelamente, e a golpe de decreto, argallan novas cargas impositivas coa mesma  dilixencia coa que incrementan as existentes.
E, por riba, teñen a dureza de face suficiente como para pretender facernos ver que cada vez que nos amolan (hoxe veño eu amorosiño coa sintaxe), unicamente nos están brindando a magnífica oportunidade dunha reciclaxe.

Foto: Oficinista reciclado por Decreto real.

domingo, 6 de maio de 2012

Caldo

Da forza calórica que agatuña dende o ras da lareira, fungan milleiros de muxicas cara a cambota; para rematar en ringleiras de charamelas paracaidistas que tinxen de prateado o allar. Do recanto xurde -maxestuosa- a angarela, lucindo gramalleira tintineante e reixa. Prisioneiras mudas e recatadas, gardan loito perenne por centos de cepos e rachos sacrificados sobre a pedra maior en longas noites de xeada...
Pero tanta enxeñería ficaría infrautilizada se non fósemos capaces de descubrir as marabillas da mestura, nadando na superficialidade de cocer solo patacas; cando -coa mesma enerxía e base tecnolóxicas- podemos acadar o cumio culinario facendo un excelente, saboroso e completo caldo. Con unto incluido.

Foto: Argallando mesturas musicais. Con cachondeo incluido.

martes, 1 de maio de 2012

Choio

Cando o ferreiro da forma a un labor de forxa; calcula, mide, quenta e moldea. O froito do seu traballo ten un prezo ao que hai que engadir os custes de produción e mailos de materia prima. Sumados impostos (aquí todo cristo sabe mamar) o ferregancho atopa dono que o adicará á tarefa para a que foi concebido.
E ata que o ferro fenda a súa historia económica remata.
Remata se o ferreiro non se nos mete na SGAE; que nese caso, cada vez que alguén nos arrole a aldraba virán detrás os sgaeiros a tocarnos as bisagras e arrolarnos a carteira. É como se o ferreiro tivera produción única pero cobros en cadea (seguir mamando aeternum). Isto sí que é un choio e non angazar na folla!

Foto: Armela inocente.

luns, 23 de abril de 2012

Políglotas

Moito se afanaba don Victoriano en facernos ver as vantaxes de coñecer idiomas. Por iso nos facía rezar en francés ao comezo de cada clase (de xurar en arameo xa nos encargabamos nós cando poñía as notas). 
Axiña soubemos que o inglés tiña máis futuro; xusto cando nos decatamos que o chinés viña pisando forte...
Con este galimatías, menos mal que nos queda a sabiduría popular para permitirnos ser políglotas. Incluso eludindo o pago de sobretaxa universitaria.

Foto: Fonética aplicada. Lección 1

venres, 20 de abril de 2012

Brinde

Nestes tempos de eufemismos baratos que nos falan de reformas, cando en realidade o que acometen son machetazos na liña de flotación do sistemas educativo, sanitario, laboral... Tempos de palabras lenes e baleiras pronunciadas por políticos de carteiras cheas e caras pétreas. Tempos nos que os cidadáns de a pé temos que cobrar menos, traballar máis, pagar mais impostos, recibir menos servizos sociais e -para coroar a monarquía do absurdo- coa calderilla que nos quede, debemos aplicala a reactivar a economía. 
E mentras chove polas nosas cabezas, eles seguen protexidos cos paraugas das exencións e parapetados cos impermeables dos privilexios...
Chegados a este punto, para envainar ánimos e acougar intencións; propoño un brinde co elixir da imaxe. Pero como eu vou estar ocupado traballando, pagando e reactivando...que brinden eles!

Foto: Licor para políticos nefastos.

mércores, 11 de abril de 2012

Ulla

Por máis que o Ministerio de Fomento diga, presuposte ou predique; Machado tiña razón: os camiños fanse ao andar. Noutro caso solo son cicatrices de alquitrán sobre a sensible codia terráquea.
Nesa mesma verdade do mestre tamén cabe o feito de que en Antas todos os camiños, carreiros e atallos -semánticos e xeográficos- desembocan, por forza, no Ulla. De xeito e maneira que case podemos afirmar que en Antas non poderás entrar sin o Ulla ter que cruzar (ou pronunciar).

Foto: Tanto ten.

venres, 6 de abril de 2012

Librando

E cando a luz abre en canal a realidade nada minimiza as intensidades nin acouga salaios. Todo o contrario. As arritmias toman cariz de normalidade e o corazón multiplícase en sístoles de xenerosidade para dar resposta a tanta demanda.
As pálpebras bagoan e non aturan; pero aturan e bagoan.
Namentras , na retina, un millón de mensaxes van e veñen en puro desenfreno demostrativo da batalla que dentro dos miolos se está librando.

Foto: Abril tamén.

domingo, 1 de abril de 2012

Libando

Entre acougos e salaios arrincamos follas a un almanaque de docilidades e asperezas; a través do que continuaremos na procura das ledicias agochadas en curvas perigosas con ángulos cegos e círculos viciosos.
Unha vez franqueado o pórtico; coas pálpebras entornadas, ficaremos nunha quietude inqueda, sentíndonos acollidos por columnatas de pétalos e alimentados por pistilos de dulzura que provocan tremores inmedibles por escalas coñecidas, sementando confusión sobre quen liba e quen expele...

Foto: Libando en abril.

sábado, 24 de marzo de 2012

Convicción

Devoción na mirada, interés na expresión, cercanía na postura e calidez  alevosa no rictus facial...
A linguaxe corporal tamén comunica moitísimo; así que en ocasións resulta axeitado desplegar ese recurso silente para  acadar obxectivos moi ambiciosos.
Claramente interpretado o código é cando o receptor da mensaxe empeza a musgar os ollos e distender a mente, ficando únicamente coa firme convicción de que o único que pode ser mellor que un bico...son dous!

Foto: Por partida doble, en Caldelas (Antas de Ulla)

venres, 16 de marzo de 2012

Balancear

Manifestantes insultóns, con dereitos laborais recortados, incitan a policías de sueldo rebaixado; periódicos no fío da creba ensáñanse con empresas de balances pouco saneados; sanitarios liquidados sofren cada día ataques de doentes infectados; alumnos desmotivados cúspenlle a mestres con horario prolongado.
Diante deste meteórico crescendo de mala hostia xeneralizada, alguén debe erguer axiña un pano branco que propicie algo de calma; baixarnos do carro de combate no que imos a cotío enrolados e balancear algo máis o cu para que se nos inflame algo menos a cachola.

Foto: Asento antiestrés recomendado.

sábado, 10 de marzo de 2012

Lectura

Poucas cousas hai que estimulen a intelixencia e deixen voar a imaxinación sin límites como a lectura. Inserir nos nenos o vicio lector é a chave que lles permitirá abrir as portas do saber, das ledicias e da propia formación como persoas. Por iso compre aguzar moito o fío da pedagoxía para sabelos levar polo río da formación a fin de que aprendan xogando (e xoguen aprendendo) os miles de mundos por descubrir que se agochan nos libros; e que lles permitirán acadar mares de sabiduría.


Aplaudo ata coas orellas á comunidade educativa do Colexio de Antas de Ulla (da que sempre me sinto parte) por esta lección maxistral de como se fai unha virguería.

domingo, 4 de marzo de 2012

Veleno

Non é o mesmo poñer día para sulfatar as patacas que para decretar a reforma do mercado laboral; pero como en toda decisión faise preciso un mínimo acto de reflexión previa. Analizar o bo estado da sulfatadora e as previsións de choiva resultan dous elementos moi a ter en conta á hora de atacar ó escarabello, pero tamén conviría dotarse dunha máscara que nos protexa cando estamos aplicando o veleno. Non vaia ser que o aire, moi traidor él, no lo meta polos fuciños e acabemos nós coa pata estarricada.
Tomade exemplo do lexislativo e mirade que ben aplican o sulfato das medidas laborais cara os escarabelliños que andamos sempre ó rego, sen risco algún de que tales toxicidades lles salpiquen siquera as empatenadas blindaxes dos seus privilexios.

Foto: Marchamo de calidade parlamentar

martes, 28 de febreiro de 2012

Gravando

Hoxe non abonda con miralo. Hai que gravalo. O que non se grava non existe. E, claro, ó reducir tanto o campo de visión sempre se perden detalles e matices de singular relevancia que non fuxirían á máquina perfecta do ollo conectado a un cerebro traballador.
Parece mentira que nos resulte imprescindible gardar nun caixonciño metálico anaquiños da realidade que pasa enteira por diante de nós en vivo e en directo, para mirala despois diferida, resesa e minimizada.

Foto: Minimizando en rosa na Arousa.

martes, 14 de febreiro de 2012

Cu(s)pido

Campando polas chairas, agochándose tralos soutos, rodeando montes, cabalgando por pastizais e arrasando labradíos. Un rapaciño nú e con cara anxelical anda facendo o perello con aparente impunidade.
Fuxido da gardería do Olimpo, onde xogaba cun arco imaxinario a lanzar frechas inexistentes; advirten as autoridades que esa arma metamorfoseou, e agora os dardos que o raparigo cuspe a esgalla por ese arco das maxias, ao encetarse nos corazóns, fan mudar a razón e mailos pensamentos nunha sorte de ledicias alucinatorias con pintas de sensacións ascéticas. 
Contan que ese cuspe atravesa escudos de rexeitamento e corazas de protección con doada facilidade; así que tede coidadiño (se queredes) de non pasar polo seu punto de mira (se podedes). Sabede que o Sergas non cubre (tampouco) esta doenza, nin hai fármacos axeitados para aliviar a sintomatoloxía que presenta.

Foto: Cupido a piques de cuspir

martes, 7 de febreiro de 2012

Adaptación

Adaptarse é o segredo. Despois da acomodación todo ven engadido. O carallo é mentras non se logra acadar esa tregua necesaria entre a intención e maila realidade.
Cando se chega a aquel nivel de autoaceptación, o tear que levamos dentro empeza a producir a grande escala, logrando elevados niveis de eficaz eficiencia no desenvolvemento vital.
E pouco nos importará saber que imos coa barriga a rastro se temos consciencia de que levamos a cabeza ergueita.

Foto: Lagarto arnao, Señor de Pambre

mércores, 1 de febreiro de 2012

Entroido

Deberíades planificar uns días de vacacións para o entroido, e vir por Antas en tales datas. Non ides coñecer a ninguén, que imos todos disfrazados.
O Ulla vai de Támesis e o Farelo está empeñado en vestirse de Everest. O queixo vai ser delicadísimo caviar e o pan dulce de maná amasado en artesas de diamante.
Xa hai quen dí que, no fondo, todo muda para non cambiar o que xa é toda a roda do ano.

Foto: Portugalízate

martes, 24 de xaneiro de 2012

Infinitivos

Xa non hai quen se lembre do angazo nin da picaña, que hoxe a folla seica non sirve nin para estercar.
E non sabemos onde quedou a gadaña nin a pedra de afiar; nin o sulín e a caniza, o forquito, o fouciño, a zafra e mailo martelo de cravuñar.
Quitáronnos da man a rabela do arado e puxéronnos un teléfono con radar; e pensamos -inocentes- que habíamos ser capaces de ver sin mirar. Saímonos do itinerario que non soupemos trazar, axudados por torpes lexisladores que únicamente sabían subvencionar.
Agora solo pensan en novas maneiras de arrecadar; chámanlles reformas e veñen envoltas en multas e taxas que teremos que pagar. Xa non quedan xerundios nin participios que conxugar...

Foto: Camiño infinitivo que convida a camiñar.

mércores, 18 de xaneiro de 2012

Muxir

A desmedida ansia por xenerar transaccións económicas nun mercado famento e absolutamente imposible de satisfacer (ninfomanía mercantil), criou a posibilidade operar con produtos que aínda non existían. E houbo quen os vendeu e, curiosamente, quen os mercase tamén. A feira do inexistente circulaba a todo trapo pola vía do absurdo ata que descarrilou.
Agora parece que todos sabían que non é de cordos comerciar co leite antes de muxir; pero sigue a liorta por dilucidar culpables: quen comprou o que non había ou quen vendeu o que non tiña. O que sí parece claro é que catro tetos non son un grupo lácteo, e onte cotizaba á alza esa idea...

Foto: A Toura,  empresa láctea en cernes.

martes, 10 de xaneiro de 2012

Ferraxes

Sempre suscitaron en min unha fonda curiosidade as musas que soplan a creatividade para a esculpir pinturas musicais, ou para encetar pensamentos entre fíos, letras ou lenzos.
Vai ser por iso que creo entender aos gurús do deseño de lencería femenina cando miran ao románico para  enfiar a agulla e coser puntillas de finísimos encaixes destinados a franquear entradas de pórticos de gloria...
Claro que sempre haberá quen vexa únicamente toscos ferraxes.

Foto: Porta das Donas do Vilar

venres, 6 de xaneiro de 2012

Sella

Fáiseme grande a mensaxe e resúltame inmenso o contido que agroma nos meus miolos.
A grandeza dos discursos tamén se mide polo atinado dos silencios.
E, mentras tanto, sin deixar de carrexar as augas do saber en sellas  labradas co coitelo da honestidade. Sin cortes, sin fisuras.
Saber calar ou calar sabendo, templando gaitas e afinando oidos...
Debíamos fixarnos máis nos grandes e ilustres que, incluso cando marchan, pechan a porta amodiño.

Foto: Foto da foto - Sellas

domingo, 1 de xaneiro de 2012

Galope

Sin demasiados cambios no entorno (os paxaros siguen voando e as miñocas fozando), preséntasenos diante outra etapa da que non falaron nada ben. Pero seremos donos do noso propio paseo, que ninguén no lo escaralle.
Tomaremos a montura coa mesma dilixencia de antano, tendo clariño que tamén cando nos ladren será a confirmación de que avanzamos con xeito...
Unhas veces ó paso e outras triscando, unhas a pé e outras dacabalo. Picando espuelas e apretando as cinchas para incitar trotes e fustigar galopes, sin esquecernos nunca de levar a montura ben ferrada das catro patas e procurando manter un axeitado equilibrio entre elegancia  e dominio; aínda sabendo que -por máis dunha vez- haberá que caer da burra!

Foto: Mimando ó ano novo. Algunha potra teremos...