xoves, 10 de agosto de 2017

Suspiro

Falar, en ocasións, pode escarallar instantes fermosísimos. Cecais por iso hai momentos nos que perdemos a posibilidade de articular frases conexas. Soamente é posible a conexión de suspiros...
Aprender a calar é unha disciplina artística difícil de dominar. Saber interpretar o silencio é o segundo curso da mesma licenciatura.
Calemos moito e suspiremos máis. Motivos hainos. Razóns tamén. Chssssss
 
Foto: Suspiro atrapado.

venres, 28 de xullo de 2017

Verde

Aos nenos moito nos gusta ir á praia. Ese espazo, enzoufado de area húmida e raios uva a granel semella unha especie de terra de ninguén onde se poden perder un pouco as formas e no que os códigos civil e militar fican un tanto desvigorizados. Xa sexa polo feito de que a xente vai case núa; e tal disposición quítalles poder coercitivo para nos reprender, ou sexa por razóns que escapan á capacidade das nosas puerís entendedeiras; a cousa é que alí gozamos de licenzas zapadoras únicas.
Esta liberdade momentánea e situacional lubrica tanto en tan ben os nosos cerebriños aínda verdes, que pasamos directamente de educación infantil a másteres na construcción de castelos de marcada tendencia castrense.
A nosa febril actividade contrasta coa pachorra dos adultos, que pasan as horas en posición bélica de corpo a terra.

Foto: Balde verde e outras indumentarias cromaticamente coincidentes.

martes, 4 de xullo de 2017

Aves

Había unha vez un gorrión namorado e non correspondido, que voaba con abafo, amolado e perdido. Sen rumbo no seu compás e con desacompasada traxectoria, chiaba tristeiro con mirada aleatoria.
Tanto adoecía acobillado baixo as tellas do hórreo estremeiro, como choraba agochado entre a follaxe do castiñeiro. Penaba nas laxes da aira e sufría na palleira; ata aos corvos lles daba mágoa velo daquela maneira.
Unha mañá que polo lugar pasou unha ave fría e, fixándose na dor tan grande que o paxaro refería, achegouse ao pobre animal e explicoulle con voz caladiña que un pardal non se debe namorar nunca dunha anduriña!

Foto: Paisaxe harmónica e gorrión namorado
(Se non o vedes imaxinádeo. Ó gorrión)

sábado, 3 de xuño de 2017

Flor

 
Delicadísima pel -apenas cutícula-
fermosura intrínseca que os ollos captura
á vez que convida a entrar na fondura
do sagrario porticado, en verdade, edícula.

Sangue que arde provocando febrícula
latexo que se precipita na floral abertura,
alta costura, movementos en abreviatura;
pestaneos incontrolados abocando canícula.

Visión fermosísima, que segrega dulzor;
convite descarado, que destila fervor;
 atracción infinita
cousa  bonita!
 Todo iso (e máis) es ti, flor.
 
Foto: Rosa rosa

mércores, 17 de maio de 2017

Chorima


Outra primavera iniciada
reiterando a mesma noticia:
cando se decatarán en Galicia
que sen ti non somos nada!

Encetado de amor,
tinxido da túa pronuncia
verbalizo esta denuncia
amosando o teu esplendor.

Lingua galega; nai de pura estima;
es da miña fala adorno e aleivosía;
ti es o ser, a música, a letra e a poesía;
eu son o toxo, e ti es a chorima.

Luz do meu ollar, motivo real e aparente;
beizóns amarelas; recendos de cor
que me teñen nidia e vivamente
...encetado de amor.
 
Foto: Chorima . Toxal de amor.
-Letras galegas 2017-

Vídeo publicado por Manuel Cambón F.

luns, 1 de maio de 2017

Alfándega

Vellos romances de prisioneiros aluden ás calores que hoxe non se presentaron.
Nin se escoita a calandra, nin contesta o rousinol nesta mañá preñada de humidades e argumentos.
Con todo, as ansias voaban no entorno de incipiente fasto primaveral. Os arumes do chan traíanme lembranzas e o verdor que enmarcaba o cadro representaba á perfección os pensamentos...
Naquel escenario planteime na alfándega alegando nada que declarar, sabedor de que as miñas mans ilegais non se poden en público manifestar. 
Agardando polo visado fico contemplativo, mentras cavilo avaliativo no alixo de bicos vestidos que pretendo importar...

Foto: Ponte Mercé. Alfándega de verdor cinguido

venres, 14 de abril de 2017

Certeza

Apreixando a cunca cerebral coas mans do pensamento, escorrinlle algún soro que me deixou na tona dos miolos este sarillo que veño contar. 
De maneira reiterada escoito que nas cuestións de relevancia as mulleres sempre están no certo, fronte á constante equivocación dos homes sobre a mesma materia.
Por insistencia vehemente vouna dar por válida.
No entanto, desde o intre mesmo no que eu lle dou validez perde automáticamente eficacia. Polo mero feito de que son home; e, como tal, errado vou...

Foto: Cago, logo existo.

sábado, 1 de abril de 2017

Modernidade

Moito gosto da evolución en xeral. Case todas as cousas que nos trae aportan comodidade, gustiño e vantaxes. Caben o debate e mailo matiz, xa o sei.
Acaso podedes, sen ceibar un sospiro, imaxinar o noso mundo sen medios de transporte, sen luz eléctrica, teléfono, televisión (sen contar Tele5), ou sen YouTube? Seica sodes capaces de considerar a cotidianidade de vivir sen cociña de indución  e sen wikipedia?
Toda esa bagaxe de actualidade resúltanos imprescindible; pero nihil obstat para que pasmemos o ollo cando pasan por diante de nós a fermosura intrínseca duns pés calzados nun par de zocos disfrazados de entroido ribeirao.

Foto: Combinando.
(Feira do Viño 2017, Chantada) 

sábado, 4 de marzo de 2017

Corredor

Espazo inmenso de carreiras infantís,
 de pernas enfiadas entre os balaustres descoloridos polos veráns.
  Lugar acolledor.

Parapeto de niños de anduriña,
 secadeiro permanente de castañas, de noces e abelás.
 Das regalías todas atomizador.

Peitoril de olladas sorrintes cara a aldea nos días de festa,
 escenario de privilexiadas parolas.
 De conversas provocador.

Prolongación flotante da casa,
 bambán firme da incitante vertixe, altar interno
 e sagrario exterior.

Solaina máxica. Galería, enseña e blasón: Corredor.

Foto: Captura de lembranzas.

mércores, 1 de marzo de 2017

Ferraxe

Nexo. Conxunción copulativa, que funde pedra e madeira con simples engarces de harmonía.
Interruptor. Aparello sutil que procura a noite no día con simples xiros de aparente monotonía.
Sensual. Constante penetración en perenne simbiose de milimétrica asimetría.
Entre funcional e decorativa, ata mutar de ferro a sinxela fasquía.

Foto: Ferraxe (que non ferruxe) con carmín

domingo, 12 de febreiro de 2017

Desafinado

Entre a madeira garabullo,
do mundo insignificante; 
 estrafalario e nada elegante,
fraco a pesares do bandullo.

En miserias abundante,
en comunicación só barullo;
do labradío simple cadullo 
 e da estupidez agravante.

Respirando gas noxento,
 paso tímido e anguriante,
con gotos de abatemento.

Por este entorno abafado, 
baleiro do propio orgullo
son un piano desafinado.

Foto: Garabullo insignificante.

mércores, 18 de xaneiro de 2017

Quéixateme

Son moi pillabáns os que cortan en inglés. Despois de nos munguir no Nadal, queren seguilo facendo tamén neste mes.
Embuten trolas na televisión; con anuncios reiterados noutros medios de comunicación.
Chaman por ti para ofrecerche unha cousa moi rebaixadiña; e con esa ladaíña -aos catro ventos lanzada-, fan unha feira que se troca nunha trapallada.
Non teñen o que din e non lles importa un carallo o que me interesa a min. Soamente pensan que coa moita feira van encher a súa faltriqueira.
Non lles fagas caso e merca onde precises o que realmente necesites; pero se vas algún día e percibes que xogan á trileiría, non quedes sen voz; cando menos, quéixateme!

Foto: Queixo cun 25% de rebaixa.

sábado, 7 de xaneiro de 2017

Catividade

As palabras quédanse cativas cando hai que falar de persoas grandes.
Persoas que co seu día a día son capaces de nos demostrar que se pode ser importante sen perder a sinxeleza. Que é posible comandar a tribo sen necesidade de dar ordes.
E cando esas persoas se van, várresenos o chan de debaixo dos pés, pérdense os marcos de perto e xa non se coñecen os lindes da lonxanía. Ficamos sendo follas caídas no océano da inmensidade ao antollo dos ventos, sentindo como a corrente nos borra a propia identidade.
...
É ben posible que non se me entenda, pois cando se fala de persoas sumamente grandes, todas as palabras resultan extremadamente cativas...

Foto: Folliña cativa.