xoves, 15 de agosto de 2019

Louro

Malia que o electorado foi ben clariño expresando que non quería nin bastos nin espadas, en Madrid aínda non se sabe en que trunfa; de xeito que aquí andamos, esfollando as mazarocas dunha colleita política que semella moi afectada polo caruncho.
Pola contra, en Louro todo segue fluíndo coa harmónica cadencia das mareas. Desde San Francisco ata o Espadanal, a area déixase lamber, gostosa, polo cuspe salgado do deus dos oceanos. Unha praia abrigada polo monte que lle dá nome e regada polo mar que lle dá sentido.
Un lugar idílico no que leva anos trunfando nos ouros que -colleita tras colleita- apañan con esmero as louresas pescadoras.

Foto: Laura, a loira de Louro, posiblemente pescando luras.

domingo, 4 de agosto de 2019

Diagnose

Acudía Bonifacia, preocupada, á consulta do doutor,
coa esperanza de atopar remedio ao seu estupor.

Cóntalle ao galeno a causa da preocupación,
que o seu intestino é unha contínua explosión,

e nas últimas semanas por toda actividade
o seu corpo retumba en reiterada ventosidade.

"Peideo de noite e de día, tan reiterado e seguido
que cada dous minutos hai alomenos un estourido".

"Iso si  -matiza- a pesares de vir da fondura abismal,
o mellor de todo é que nin olen nin cheiran mal".

O médico atende con expresión de seriedade
e aos poucos, dille con moi nidia claridade:

"Bonifacia, isto que ten haino que atallar;
de maneira que canto antes cómpre operar"

Pregunta Bonifacia "do cu?", poñendo voz infeliz.
Ao que responde categórico o médico: "Non; do nariz!"


Foto: A Nugalla. Famoso canzorro na Igrexa de Alvidrón (Antas de Ulla)
Texto: Recreación chousiana dun conto popular.

xoves, 25 de xullo de 2019

25

Outra das grandezas da poesía, é a súa valía para diferentes ocasións e momentos. 
Sen perder frescura e intensidade, as palabras pousan a súa acaída semántica nos espazos contextuais máis diversos.
Emporiso hoxe podo tomar prestadas as palabras que a Grande Rosalía pensou un día como eloxio a unha persoa que admiraba, para enaltecer ao seu outro amor, compartido e infindo, pola nosa nazón de Breogán. Penso que a ela non lle molestaría.
Que cada día nos ula a rosas; e que -aínda que sexa só co pensamento- sempre sexa de día!

Foto: Flor poema
25 de Xullo. Día Nacional de Galiza

sábado, 22 de xuño de 2019

Marco

Se despois da mensaxe clara da cidadanía nas pasadas eleccións xerais, os políticos de esquerda non son capaces de se poñer de acordo para conformar a maioría que resultou gañadora nas urnas, demostrarían a súa ineptitude dunha forma tan evidente como triste.
E non vale que lle choren á dereita unha mísera abstención na investidura (investibranda), nin tampouco que amaguen con repetir as eleccións, que a xente de a pé xa dixemos o que tiñamos que dicir, e se non nos escoitaron dunha vez quen carallo nos garantiza que nos vaian escoitar na seguinte...
Iso si, teñan ben claro as esquerdas duras, as medianas e mailas brandiñas que se as tres dereitiñas estiveran onde hoxe están eles, nindiós lles movía os marcos!

Foto: O marco do Marco
(Cun pé en Agolada e outro en Antas)

venres, 17 de maio de 2019

Recendo

Doce e intenso recendo da nosa fala,
fragrancia agarimosa dos meus acentos,
perfume inmenso de todos os momentos;
aroma sutil, que sinto incluso cando cala.

Fito e deslinde onde viran todos os ventos,
xeografía inédita onde o meu acougo recala;
porto de abrigo no que a voz fai escala
para erguerse en renovados argumentos.

Sentir que se todos nos collemos da man,
non hai forza nin razón en todo o firmamento
que poida torcer a grandeza do noso clan.

E vivir así esta ledicia cada momento
respirando este ar, pisando este chan,
coa lingua galega sempre no pensamento.

Foto: Recendo visual.
Letras Galegas 2019
------------------------

Con permiso de todos, as letras de hoxe quero adicar
a un novísimo futuro falante que nos veu namorar;
non é grande de tamaño, que aínda é moi pequeniño
tan só ten un mes e medio e chámase Martiño.

xoves, 18 de abril de 2019

Trémula

A auga, namais agurgullar, búscase a si mesma para se xuntar con outros milleiros de gotiñas solistas, interpretando así a melodía máis vital que coñecemos. 
Mentras interpreta tamén baila ao son da cunca que a sostén en compases imposibles de dixitar e tempos con ritmos por veces longamente acougados, por outras lenemente rápidos.
Fai música mentras contén e dá vida; e cando os meandros anchean o seu caudal abrindo o ángulo, pinta acuarelas en tonos que se mimetizan co entorno.
E nós unicamente podemos ficar mudos e absortos contemplando tanta marabilla, que nos deixa o espírito irto e a carne trémula.

Foto: Ulla pintor

domingo, 10 de marzo de 2019

Amallós

Cada xornada laboral esixe atino, belixerancia, coñecemento, determinación, empeño, fortuna, garantía, honestidade, ímpeto, lealtade, maneira, negociación, obxectivo, profesionalidade, querer, resilencia, solución, tenacidade, urxencia, vitalidade, xenio... e uns bos amallós que nos cingan elegante e axeitadamente os zocos. Porque tanto requerimento necesita, ademais de prestancia, ter os pés quentes!

Foto: Amallós vermellos.
(Feira do Viño de Chantada)

xoves, 28 de febreiro de 2019

Enclaustrados

Esvaran e patinan os nosos cerebriños nas abundantes pozas pseudoinformativas das canles cuspidoras de datos. Uns datos que, en boa medida, non valen para nada; pero que visten de cores rechamantes e adoban coa entonación da relevancia.
A mellor maneira de nos desinformar é afogarnos con gavelas e gavelas de información que nin pedimos, nin sabemos para que nos serve.
Por iso cómpre aprender a mirar/escoitar as cousas co filtro da intelixencia e procesalas coa manivela das propias necesidades. Así continuaremos coa aprendizaxe e teremos tempo para nos enclaustrar na contemplación dos encaixes que en cada momento máis nos motiven...

Foto: Claustro de encaixes. Auria.

domingo, 27 de xaneiro de 2019

Alento

Bípedos pensantes enchen de asfalto os labradíos e queiman os espazos aos que non dan chegado co formigón. Non comprenden a estratexia defensiva da nudez absoluta contra os ventos da invernía. Eles, escuramente imbéciles, non entenden de saber conter o zume. Saben, iso si, expedir precoces  certificados de defunción a golpe de macheta.
Por iso o mérito silente da natureza cobra aínda máis brío cando "resiste, chea de vida, dignidade e corazón, coa frondosa teimosía de saber que (ela) somos nós"
Soltemos o perenne macuto da estupidez e sintamos o seu alento.

Foto: Castiñeiro chousiano. Vilapoupre (Antas de Ulla)

- Tema "Alento". Luar Na Lubre. Ribeira Sacra -