sábado, 30 de novembro de 2019

Quitamerendas

Houbo que volver sementar, porque disque a semente era tan ruín que non xermolaba. Así que xa nos vistes volvendo gradar a terra, facendo embelgas e lanzando -con mesura xenerosa- os grans á terra.
E acubillamos o sementado, ata volvemos cuitar; non vaia ser que se perda a colleita por unhas galletadas de esterco...
E miramos cada día a leira e vémola que non acaba de agromar. Que a encetan todos os males. Que se moita auga; que se pouco mineral; alabadiño que seica cargamos de semente o comarón da esquerda; arre do demo cos cadullos da dereita que nin nace neles por riba, nin deixan nacer por debaixo...
Con todo este panorama chegamos á conclusión de que, se desta non vai tampouco, imos ter que cavar ben fondo o labradío, facer borreas e mandar para o carallo a todos estes quitamerendas que nin saben nin queren encher as huchas. As nosas, claro!

Foto: merendera bulbocodium, nada nunha corredoira de Alvidrón de Outeiro.

2 comentarios:

Alís dixo...


Non lembro moito, porque dende o colexio que non miro iso, pero seica ás veces hai que queimar o campo e asumir as perdas para despois poder sementar e ter unha mellor colleita.

Tamén pode ser que estou contaxiada polo que pasou (e pasa) por aquí nas últimas semanas.

Bicosss

Anónimo dixo...

Pois a miña maneira de mandalos po carallo será non volver sementar e que quede todo a selva.