mércores, 18 de xaneiro de 2017

Quéixateme

Son moi pillabáns os que cortan en inglés. Despois de nos munguir no Nadal, queren seguilo facendo tamén neste mes.
Embuten trolas na televisión; con anuncios reiterados noutros medios de comunicación.
Chaman por ti para ofrecerche unha cousa moi rebaixadiña; e con esa ladaíña -aos catro ventos lanzada-, fan unha feira que se troca nunha trapallada.
Non teñen o que din e non lles importa un carallo o que me interesa a min. Soamente pensan que coa moita feira van encher a súa faltriqueira.
Non lles fagas caso e merca onde precises o que realmente necesites; pero se vas algún día e percibes que xogan á trileiría, non quedes sen voz; cando menos, quéixateme!

Foto: Queixo cun 25% de rebaixa.

11 comentarios:

Pedras dixo...

Queixar queixarase o pobre queixo, ti que ben te queres! Jeje!

Zeltia dixo...

Está moi boa a alusión inglesa.
Vese que fuches de rebaixas e tiveches que pedir o libro de reclamacións.
Así se fai. Hai que protestar. A lo menos non dicir que chove!
(está moi ben o texto de chirigota retranqueira)

paideleo dixo...

Mágoa que estea eu rebaixado de queixo. Vaia pintaza que ten !.

mariola dixo...

Con ese ritmo que vai caendo tan ben...non así o que cae nas nosas espaldas, máis aguantamos o que nos boten.
biquiños chousa.

A do outro lado da xanela dixo...

Teño doce de marmelo (feito na casa, por suposto).
Facemos un intercambio?
Digo, para que as queixas vaia acompañadas

Anónimo dixo...

o queixo, con ese pan, ese viño...non che está para moita queixa :)

-Maruxinha -

Nonhaiqueixa. dixo...

Coido que deche no cravo Chousa, con esta pilla crítica e por suposto autocrítica (á indiosincrasia galaica) imaxino, porque realmente é deste xeito como adoitamos queixarnos @s galegog@s, e así nos vai!. Só o noso bandullo parece ter unha meguiña de dignidade. Como xa lembrou Zeltia aquí chove... e que lle has facer!. Máis con queixos coma os da Ulloa calquera non se queixa. Quero un 10% (unha lasquiña) dese queixo ou do contrario presentareivos unha demanda.

Chousa da Alcandra dixo...

A onde che envío la lasquiña de queixo, "Nonhaiqueixa"?

Nonhaiqueixa dixo...

A demanda era dun lote surtidiño se pode ser, porque dese... Mándamos no Castromil se che cadra e senón xa tratamos na feira de Monterroso. Mui agradecido!.

Marisa dixo...

Outra vez por aquí Chousa.


Iso é so queren vender
ainda que sexa malo
e encher a faltriqueira.
O queixo sí que está
de bo ver.

Bicos

Voz en off dixo...

Demasiada mentira na publicidá!