martes, 16 de febreiro de 2010

Semente

O letargo vexetal mantén a vitalidade intacta. Onde xusto antonte había rebumbio e algarabía de follas verdes, hoxe enmudecen núas as pólas , nun xeito diferente de abrigarse da xeada ou dos ventos do nordés. Onde se agochaban as rulas dos seus predadores, agora amósanse os ósos nús da freba verde que os musculaba ostentosamente.
Malia todo este panorama, aparentemente desolador, a vida continúa fluindo con parsimoniosa e recóndita voluptuosidade leñosa. Protexida de miradas e gardando as formas pero licuándose internamente de xeito permanente.
Así, ó caladiño, todo está listo para unha nova eclosión. Axiña chegará o tempo de volver a vestirse de sensualidade palpable, agromando en cascadas de explosións cromáticas, aínda que arestora pareza que desa vitalidade anterior non queda -nin siquera- a semente.

Foto: Ovarios fértiles dun carballo de Alvidrón (Antas de Ulla)

41 comentarios:

Patty dixo...

Hola¡
Permiteme presentarme soy tatiana administradora de un directorio de blogs y webs, visité tu página y está genial, me encantaría contar con tu blog en mi sitio web y así mis visitas puedan visitarlo tambien.
Si estas de acuerdo no dudes en escribirme
tajuancha@gmail.com
Exitos con tu página.
Un beso
tatiana.

Anónimo dixo...

Espero que sexa como di, porque o ficus bonsai ten cada día máis o aspecto da árbore do enforcado; confío en que a primavera faga que agrome outra vez
(Tamén a min me entrou a tal tatiana: ten toda a pinta de ser unha fraude)

mariajesusparadela dixo...

Velahi tés, a Tatiana sementando...
Voostede e mais eu ben sabemos que estar está, ainda que durma (cun ollo aberto)

pitima dixo...

Aisss, Chousa, estás chegando a cotas de sona difíciles de superar...
Nos sei se pedirte un autógrafo antes de que non teñas tempo de atender ás vellas amigas.. jajaja

Semente é un título moi bonito e suxerente. A min me dí moito. As árbores núas sonche igual de bonitas que vestidas, recortadas contra o ceo azul intenso, ese azul que só acada o ceo cando vai un frío que pela...

El logo ver medrar ese verde, ese verde noso...

Xastamos!!

E xaverás despois coa primaveira... aissss

Eses ovarios ben poden ser testículos tamén, coa póla nos medios...

Bico nas raíces...

A palabra antispan é CELESTH...

la cocina de frabisa dixo...

Con todo el encanto que tienen todas las estaciones y el invierno es una de las que defiendo con entusiasmo, ahora mismo, clamo por la primavera.

un bico

paideleo dixo...

Gustoume o texto e a idea pero paréceme a min que a Tatiana lle ghustou máis. Xa sabes, ponte en contacto con ela e ela ponche unha ligazón, non é chachi piruli ?.
Nada, que teño envexa de non recibir un comentario tan suxerente.

Dilaida dixo...

A naturaza éche así, pero nunca dorme, agora estase a preparar para dentro de pouco mostrarse con todo o seu esplendor.
Bicos

Chousa da Alcandra dixo...

Kaplan: Que pouco me durou o caramelo, carallo!. Eu pensaba que a de nome ruso viña atraida pola miña verba florida e...lolailo: resulta que eso díllelo a todos...
Vou chorar un anaco. Desculpe que non lembre agora que o ficus vai ficar espléndido en poucas quincenas. Xa verá.

Mariajesusparadela: Sentirme acompañado do saber é toda unha ledicia; pero se ademáis quen me fai compañía é vostede...progresión xeométrica de ledicias sinto.
Temos razón, e ímola verificar moi axiña. Xa case non dan aturado por esbourar...nótaselles na cara; á que si?

Pitima: Sempre gardarei tinta no meu bolígrafo para asinar autógrafos ás "vellas" coñecidas.
E si, achégase o noso verde. Non lle falta moito. Percíbese no ar. Hai ganiñas. Moitas. Jajajaja, ti tamén as notas, á que si?.
Ben sei que puiden mudarlle as hormonas ó caraballo, pero a miña devoción suprema polo femenino fíxome ver estróxenos nesas casulas baleiras de landras/óvulos...

Tatiana: Graciñas polos desexos de éxito. Para nejocios, pásate pola canteira mañán...

Chousa da Alcandra dixo...

Frabisa: Este ano, por máis anunciado quentamento global, veu especialmente frío por estes lares. Por iso seguramente temos ganas do cambio estacional. Chegará e con él todo a carga enerxética que virá de compañía. As árbores estarán fantásticas e...as persoas tamén!!. Xa verás, xa...

Paideleo: Esta quéreme polo interés e a min, a estas alturas, xa solo me interesan as que me queren polo capital jajaja.
En todo caso, ó tempo, xa verás como non tarda en aparecer un "copy & paste" polo teu blog con idéntica proposta de ligazón.
Debo recoñecer que me pasou coma con todAs: que ó primeiro a creín... :-(

Dilaida: Ogallá tivéramos os humanos unha parte desa capacidade e desa forza que saben ter con tanta parsimonia os vexetais. Deberíamos aprender algo deles. Sempre quedos, fortes, sen facer mal, aportando fermosura, vitalidade. E, sobre todo, sin telexornais con malas noticias...

Maribel-bel dixo...

O ciclo da vida, pasando por todas as formas e momentos.(recorda o noso, vitalista ou apoucado). Unha prosa perfecta sementada. Biquiños

Susi DelaTorre dixo...

E chegará... ¿verdade?
Soño coa volta da primaveira, co sol, coas brisas cálidas ó fuxir das rúas da cidade.

Hoxe, tiven unha xornada así...

Biquiños.

A do outro lado da xanela dixo...

A pescada que non deixa de morderse a cola. Detrás do inverno sempre virá unha primavera, ó igual que despois das tormentas ven a calma (ou iso din).

Bico!

Cuspedepita dixo...

¡Ai! eu estou agardando a ver se a primavera me borra algunhas enrugas e me devolve algo de lozanía, pero...coido que iso só pasa nas especies vexetais e anque sexa "unha rosiña do cainzo", como me dicía irónicamente meu pai de pequena, moito me temo que non me ha valer de moito...

En fin, seguiremos aprendendo a bailar slow fox, que che é ben divertido o trote do raposo ;-).

Chuchos

Markesa Merteuil dixo...

Todo é cíclico, ata a vida... Hai esperanza, pero... de novo voltará o inverno... En fin... que lle imos a facer, non?

Antón de Muros dixo...

Xa chega, xa chega a primavera (digo o outono) ;-) ;-)

Unha aperta.

Antón.

Merce dixo...

E eu que agardo o intre desa explosion cromatica co meu equipiño preparado para o que poida acontecer :)

Anda xa o carpinteiro petando aqui e acolá, encantame oilo.

Biquiños

A nena do paraugas dixo...

Non digo nada. O mellor das fragas galegas son a forza dos matices verdes da primavera e do verán, o agarimo dos amarelos e vermellos do outono e o silente repouso das pólas espidas no inverno, que invitan a recollerse diante dun bo lume...
Todo un espectáculo para a vista e os sentidos.

vieira calado dixo...

Em galego?

Bem parecido com o português!

Saudações

matrioska_verde dixo...

lín este texto como si fora un poema porque para mín o é... un poema sentido e cheo de vida e sensualidade polos seus versos

ay! deixoume un regusto romántico e brandiño moi acolledor.

biquiños,

HADEX dixo...

Ben, conste que a min non me parece un panorama desolador o do inverno....un letargo simplemente. De feito a min gústame máis a paisaxe outono-invernal.....

Fíxome gracia o do ovario fértil....lembroume a cando o meu profe de bioloxía me dixera que os ovos eran la regla de las gallinas......

mariajesusparadela dixo...

Chousa, fasme rir de verdade: moito me temo que non lle vas poder cambiar as hormonas ó "cara(ba)llo".
Así xoga connosco o subconsciente...
E que saibas que o verbo florido telo, mal que lle pese á mercadotecnia. E a sabencia:¿por qué pensas se non que recunco e , sabendo que non tés entrada nova ( que o meu escritorio é moi ben mandado),volvo e volvo? Porque en ti, incluso os recontracomentarios teñen enxundia.

susana moo dixo...

Chegará. Chegará a primavera coa súa sensualidade vexetal (e animal).
Non sei quen dicía que o inverno é para medrar por dentro: as raices, as ideas, as fantasías ... e o verán para botar por fóra e darlle pleitesía ao corpiño, á parte física do asunto.

fonsilleda dixo...

Hoxe, é decir, onte falaches como un auténtico poeta, algo que eu xa sospeitaba.
Moi bonito

Bolboreteira dixo...

Qué ganiñas de que chegue a primaveira!
Xa se vai sentindo a súa proximidade como ti ben dis.
Biquiños

Ginebra dixo...

Pues va siendo hora ya de esa renovación, eclosión, voluptuosidad primaveral, sensualidad palpable, en definitiva de vida!!!!
Parece que este invierno todo hubiera muerto, pero este reposo será la antesala de una primavera inolvidable que será única cuando los cerezos se cuajen de diminutas flores blancas. Besos

vakastolas dixo...

Creo que as horas de luz xa nos avisan de que falta menos para o rebentón. Para que iso pase fai falta primeiro aturar o vento, a chuvia e a neve... para presumir hai que sufrir.

Paz Zeltia dixo...

oes, chousa,
por máis que leo e releo, non podo deixar de ver unha parábola neste texto tan fermoso que escribiches.
(é como a
bailarina que nos amosou pitima:
que ó principio só podía vela xirando á dreita, e veña á dereita)

pois igualiño,
con frases coma esta:
Malia todo este panorama, aparentemente desolador, a vida continúa fluindo con parsimoniosa e recóndita voluptuosidade(...) Protexida de miradas e gardando as formas pero licuándose internamente de xeito permanente.
Así, ó caladiño, todo está listo para unha nova eclosión (...)

bueno, non cito máis, porque todo él, todo o texto, parece estar a falar
non de árbores,
non de primaveras,
non de landras...
serei eu a licuarme por dentro,
porque veña a ver
bailando cara á dereita
as bailarinas.

a foto, ó agrandala, ábrese á vista de socate centrando a atención neses gromiños que amosan contrastando cos carapuchos baleiros, como pillado todo na súa intimidade de árbore, por un indiscreto paparazzi.
gústame

Chousa da Alcandra dixo...

Maribel-bel: E ti, que bordas con maestría os fonemas, poñéndoos a bailar muiñeiras, vas e disme esas cousas!. Non ves que me poño colorado e así, rubeando, non combino nadiña co fondo verde do meu blog??.

Lasosita: Xa verás como chega. Parece mentira que sexades tan impacientes vos: as mulleres. O que pasa, Sosiña ben salpimentada, é que hai que darlle tempo. Xustiño o que precisa; e xa verás ti como chegarán as brisas fresquiñas que todos desexamos sentir...
(Hai xornadas que mellor borralas do calendario da memoria, á que si?

A do outro lado da xanela: Certamente todo ten pinta de pescadiña mordéndose a aleta dorsal. Pero tamén se fose sempre verán non poderíamos disfrutar da neve, da friaxe que conserva, da choiva fría que penetra...Nin tampouco valorar o estourido primaveral. A variedade, incluso dende ese lado da Xanela, ten que advertirse como algo máxico. Ou non?

Cuspedepita: Dixo un tal Adolfo (xastre reconvertido a modisto opinador político) que as enrugas eran fermosas.
Sexa como fose, non contes coa primaveira en plan goma de borrar; pero xa verás como sí pode ser un lápiz xenial que che pinte a túa fermosa sonrisa con máis énfase! :-)

Markesa Merteuil: Vexo á Súa Excelencia moi alicaida. Claro, como xa pasou o entroido...
Pois anímese, que á volta de folla de calendario xa estamos en Semana Santa e, para daquela, hai que ir de procesións. Ou vostede non é devota xa?

Antón de Muros: E claro que si: para nós ven a primaveira e para vos o outono. Pois tamén tedes cousas fermosas que tirarlle a esa estación. Seguro que xa andades cansos de tanta calor. Á que si?

Merce: Non dudo de que xa estás preparada para capturar esas magníficas imaxes que vai traer a nova estación.
E, ademáis da natureza, estoupan tamén outros matices que atraen os ollos e as miradas. As humanas (eu míroas máis que ós machotes), todas tapadiñas do inverno, empezades a quitar capas de roupa e...ui, que este post ía de vexetais!!!. Fico calado.

Chousa da Alcandra dixo...

A nena do paraugas: Pois que ben falas cando non dis nada, Nena!!!.
Tal cal o dis, coa mesma semántica que empregas, así mismiño é.
Estarei atento á túa bitácora. Teño a sensación de que tamén a primaveira vai brotar nela. Enganareime?

Vieira Calado: E que, como xa dixen, na Galiza...em galego!
Sempre é un pracer recibir a súa visita pola Chousa. A cercanía das nosas linguas permite facer ese paseo por ambos cantinhos con facilidade. Benvido unha vez máis!

Aldabra: Vou grabar o teu comentario desta vez para que cando me chamen verderolo empedernido, alomenos, teñan que retirar o de "empedernido"!.
No fondo (e na cima tamén) son un bocadiño de pan. Vaaaaale, con algo de codia... ;-)

Hadex: O teu profe tamén tiña imaxinación jajaja. Deberías poñerme en contacto con él para falarlle dos óvulos fértiles dos cara(ba)llos de Antas.
(Eu tamén concordo en que esto so é un letargo caladiño, pero cheo de vida).

Mariajesusparadela: Gústame que te rías coas miñas andrómenas traizoadas polos subconsciente jajaja. Pois mira que cousa máis bonita xurdiu: misturei un machote (leñoso él) con un bo par de ovarios!. Alguén da mais?.
Canto máis volves pola Chousa, máis me gusta.

Susanamoo: Que boa interpretación esa de que agora estamos medrando por dentro e afirmando as raices para despois...chimpar para fora toda esa enerxía e potencia engaioladora.
Se collemos boas forzas agora, a primaveira será todo un primor vexetal (e animal tamén!!)

Fonsilleda: E que ultimamente estou dándolle moito ó mencía (por aquelo de axudar á dixestión, xa sabes), e lánzame os dedos polo teclado desta guisa.
Así que non é mérito meu. Eu unicamente son o carro que leva o feixe de herba na que, casualmente, había flores...
Graciñas polas tuas flores!

Bolboreteira: Claro, claro; as bolboretiñas estades todas aletargadiñas en plan crisálida e con ganas de estarricar as aliñas. Pois non te preocupes, que axiña chega o momento.

Ginebra: Fixeches que na miña mente se proxectase un mar de cerdeiras (cerezos) nese teu val cargadiño deles. Xa vexo ata as avellas polinizando e incluso podo sentir o arrecendo que chega á miña pituitaria...
Joder!, que imaxinación teño!!!.
Mandarás unha caixiña de cereixas cando maduren?

Vakastolas: Frase lapidaria que lle decía miña tía á súa filliña:"neniña, se queres estar guapa, hai que amolarse un pouco con eses zapatos de tacón...".
As horas de luz solar aumentan que da gusto (que se amole Fenosa!). Día de San Brais, hora e media mais (de luz).

Zeltia: O de paparazzi indiscreto vaime que nin pintado. O certo é que cando fotografiaba ese carballo pasaron ó meu carón varias persoas que, sin duda, pensaron que estaba tolo de remate, tirándolle fotos a cun carballo durante cinco minutos.
Ti mírasme con bos ollos e, claro, ves poesía onde so puxen unhas cantas palabras xirando (unhas veces á esquerda e outras...tamén! jajaja)

Paz Zeltia dixo...

si, sí, seguro que a túa referencia no post é puramente vexetal,
o que eu quería dicir era que se eu escribira algo así, sería unha metáfora, écheme imposible obviarlle ese significado, porque lle acai tan bennnnn!

ah! e non me estranhou nada que a tí, a bailarina, che xirara á esquerda! jajaja

(non penses tí que te miro con tan bos ollos, que xa chos teño algo tocados da presbicia!)

vintxuca dixo...

quita, quitaaa...deixa a explosión cromática e a chegada do polen que aínda non tenho ganas de sufrir moqueo, picor de olhos e cansancio...moi bonito todo pero as únicas formas sinuosas que eu vexo na primavera son as dos panos de papel e a do ferrengancho do ventolín!!E din que a sangue altera a min o que se me altera é a estamina...prefiro os esqueletos das ramas que tamén son fermosos e ademáis non enganan a ninguén con cores suxerentes nin encandelan con marabilhosos arrecendos!!!!!

A lareira de Santiso dixo...

Xa me tarda, a primavera...

Marisa dixo...

Querido Chousa, parece
que xa nos tarda a
primavera, pero ela
está ahí xa se pode
apreciar no arrecendo
das primeiras mimosas.

Biquiños

xenevra dixo...

Aproveitando o letargo vexetal é que pode presumir, sen decoro, sen recato e sen vergoña, a madeira núa, os carrabouxos ocos. Este é o seu momento, o momento da nudez, o momento da realidade primixenia, o momento de saber que existe, que é, malia todo o que logo naza para ocultala. O gromo sen agromar; os soños aínda por se realizar.

Gústame a foto con ese desenfoque ;)

fgul dixo...

Non sei se para ben ou mal, mais o tempo pasa axiña e moi decontado chega a primavera

busto.agolada dixo...

Acabo de chegar de terras do Tambre onde o eucalipto é rei das paisaxes. Que mágoa! Como se botan de menos os carballos de Antas e da Galicia Central! Mesmo así cos casulos das landras espidos, como os da foto, agardando os gromos novos que espreitan os nosos ollos con ansiedade.
Apertas e desculpas por deixar comentarios con menos frecuencia da que quixese.

Chousa da Alcandra dixo...

Zeltia: A presbicia non impide "mirar ben"; o que sí provoca é "ver mal" ;-)
E boeno, debo recoñecer que o de puramente vexetal, tratándose de min, sempre convén matizalo algo jajaja.

Vintxuca: Vaia polas ánimas!. Ben sei dos sofrimentos que pasades algunhas persoas coa sobrecarga de granciños de polen no ar. Síntocho ben; pero...o reloxo estacional non ten paradura e vai centellado cara esa estación; así que vai preparando os paniños de man para o que se achega. Atchús!

A Lareira de Santiso: Veu friaxe de carallo desta volta pola nosa Terra do Medio, si; de xeito e maneira que todos (Vintxuca el Artabria seguro que non, pobriñas) andamos desexando o cambio.
Agromará en poucas semanas. Xa se ve vir...

Marisa: Aquí non vin aínda mimosas (das vexetais; das outras...a moreas!!!) floridas. Tivemos fortísimas xeadas ata esta mesma noite, que de seguro están poñendo freno á floración. Pero pálpase cos ollos que o parto está moi próximo...

Xenevra: A natureza é unha arroutada. Nin siquera se pon un sostenciño nin un leve camisonciño para pasar as noites e, de paso, tapar un chisco a súa nudez...Nada, ela tan natural, tan de cara lavada. E que ghuapiña queda así!!!

Manuel L. Rodrigues: Non corre moito (o tempo); pero non para en ningunha estación. Está sempre en movemento e, claro, ese non deterse provoca que nos toma dianteira a pouco que nos despistemos un nadiña.
E ese camiñar (do tempo tamén) apórtanos experiencias, sabidurías, erros e...algunha que outra cana! (a nós)

Busto Agolada: E que esta nosa Terra do Medio tenche moita fermosura!!!.
Ben sei do teu pouco tempo de lecer; así que non te preocupes polas visitas ou comentarios. Hai etapas así, e temos que distribuilo como mellor se pode

Suso Lista dixo...

As cousas van e volven. Apertas

~pi dixo...

bolotas bolo

tinhas

sementes

sementinhas :)







~

Chousa da Alcandra dixo...

Suso Lista: Nós, pola contra, so imos...

~pi: As landras que onte estaban penduradas no carballo, hoxe son novo carballiños...

Anónimo dixo...

Súmome á corrente maioritaria: aquí tamén eran de coiro, case sempre a xogo coas pezas que se puñan sobra das cabezas da xugada, a xeito de "chapeos", algunhas moi ben traballadas.
Lembráchesme a estrada de Rubiá, ateigada de carros cando a vendima. Os homes a dar xabrón polos eixos e os carros a cantar teimudos. Vaia que cantaban os carros. Millor ca os outros "loros" ;))

Graciñas polo aprendido. E polas letras. Sempre enchen.

Apertas. Ollo co vento.