domingo, 28 de decembro de 2008

Inocente

Conta unha vella historia que cando Deus configurou os paises decidiu conceder duas virtudes a cada nacionalidade. Así acordou que os franceses fosen refinados e coidadosos, os británicos puntuais e datallistas, os alemáns traballadores e meticulosos…

Cando ceibou as virtudes dos galegos dispuxo que fosen Inocentes, intelixentes e mais do PP. Un arcanxo (penso que foi San Gabriel, que sempre se mete en todo) díxolle:

- Señor, a todos lles das somente duas virtudes e, pola contra aos galegos estás a concederlles tres; non consideras que é inxusto?

O Todopoderoso mirouno e, decatándose do seu (suposto) desliz, matizou:

- Tes razón. Por elo decido que das tres concedidas, somente poderan concordar nunha mesma persoa duas. A escoller e de xeito excluinte…


(Como podedes observar, manteño a mesma liña editorial despois de transcurrido un ano. Cando menos no que respecta ás imaxes e tamén ao lugar de nacemento dos protagonistas... Abonda con botar unha ollada ó post do 28-12-2007 para cerciorarse de elo)

Foto: Chousa fai uns anos. Obsérvese na miña inocente mirada o atisbo da intelixencia...

luns, 22 de decembro de 2008

NaViDááááá!!!

Ben sei que hai moita xente a quen esta etapa do ano lle produce rexeite, tristura e outras cousas ainda peores. A min gústame o Nadal. Si, moito terá que ver o feito de que na miña casa hai unha personiña capaz de describir estes días do xeito que leva por título este post.
Seguramente todos, cando eramos nenos a disfrutábamos doutro xeito, e hoxe todos temos que botar a alguén de menos... (ou de máis, vai ti saber!!).
Pero sexa como fose, quero -dende este ventanuquiño pequeno- transmitirvos os mellores desexos para todos e cada un dos días que faltan ata que volos volva a transmitir.

E non me sexades malpensad@s, que o añiño da foto non vai presidir a miña mesa. Simplemente foi a imaxe que máis me gustou, e que me inspira a ternura e, tamén, ese "espíritu navideño" do que ás veces se fala. Evidentemente, como non podía ser doutro xeito, é un añiño de Antas. Solo ten unha semana, pero tiñades que velo rebechar arredor da sua nai xunto cos seus tres irmáns: a encarnación da felicidade mesma.

sábado, 20 de decembro de 2008

Adrede

A pesares da miña promesa de non reincidir no xa dito (recuncar somente presta noutros menesteres que non preciso citar...), retomo parte da filosofía do post anterior no senso de que non todo se merca con cartos. Todos confluimos nesa aseveración e , en maior ou menor grao, amosamos ledicia por tal conclusión. Non sei se como forma de espelirnos a alta dependencia que deles temos, ou como rexeite do elevado índice adictivo que os cartos provocan en nos.
Certas xeneracións -nas que me vou incluir- fomos criados na austeridade duns tempos menos tecnolóxicos que, dado o caso, se fose preciso volver saberíamos (con "mono", pero saberíamos) enraizar de novo naquel xeito de vida.
Pero témonos establecido na solaina de certas comodidades con tal ensimismamento, que me pregunto se fomos capaces de transmitirlles aos nosos cachorros aquela filosofía.
Deixémonos de landainas: non o fixemos. E sería debido a que nos arrastrou a corrente ou foi adrede?

Foto: O mesmo tronco, pero diferentes pólas. Mazaira xeada de Antas

sábado, 13 de decembro de 2008

Gavelas

Teóricamente tense considerado como innecesario pero a sua vileza proporciona ao ser humano a capacidade de loita máis encarnizada nas sociedades "modernas". Máis que o amor, tanto como o sexo...(que manda carallo!). Polo que representa téñense dado soadas traizóns, cruentos asasinatos e mil xeitos de prostitución. Con él seica se poden mercar intencións, calidades, cualidades e ata pensamentos.

Gavelas de seres teñen perdido a dignidade por unha presa de moedas. Presas de moedas, fluidamente aboadas en conta corrente téñennos prendidos na canga vital da nosa cotidianidade.

Xa sei, hai cousas que non se mercan nin se pagan con diñeiro; máis cada día que pasa a canga metálica apreta con renovada enerxía os nosos febles pescozos e profundiza a nosa dependente adicción polas gavelas de billetes finamente acuñados e precariamente distribuidos.

Foto: Simplemente cartos

sábado, 6 de decembro de 2008

Lapso

Con canta sabiduría e aparente sinxela arquitectura acomete a natureza as solucións para as inclemencias da intemperie. Cal galiña de alas protectoras que acobilla á sua niñada, as follas da camelia fan de teito dos xoromeliños que un día han ser flor.
Todo está previsto e non hai lapso cando das plantas se trata.
Do outro lado estamos os humanos que imos brincando dende o lapsus calami ata o lapsus memoriae pasando polo lapsus linguae cometendo tropelías na fala (olliño, e non malinterpretar aquí).

E non vou citar o lapsus carnis; posto que nese caso poda que haxa máis intención premeditadamente alevosa...(olliño, e malinterpretar -para atinar- aquí).

Foto: Os capullos seguen intactos despois da nevada en Antas

luns, 1 de decembro de 2008

Buratos

Parécenos que precisamos dos cinco sentidos e cando os temos todos a pleno rendemento, sempre obviamos algún. A capacidade imaxinativa, xunto cos datos almacenados no disco duro que todos levamos enriba dos hombreiros, permítennos ver onde os ollos non chegan e intuir o que ignoramos.
E así nos vai. Que a realidade ás veces non ten nada que ver co imaxinado e outras veces... ainda é peor.
Con todo, ninguén de nós renunciaría a esa poderosísima ferramenta que nos permite ver máis aló dos buratos que a vida nos brinda para ollar dende a nosa quietude. Ainda sabendo que acumulamos erros, ninguén prescindiría da marabillosa capacidade humana de equivocarse.

Foto: Tragaluz, ventanuco ou buratiño?