sábado, 22 de febreiro de 2014

Pingueira

Unha teima calada que ninguén ve e todo o mundo disimula, fainos mudar os marcos da serenidade e derrubar os valos que cinguen o comportamento.
Unha sorte de código xenético oculto, criado unicamente para conculcar leis, burlar decretos e vulnerar estatutos...
Unha porfía vehemente por brincar sucos propios para sementar en cales alleas; obviando as derregas, alterando os lindes; pacer herbas doutros predios, mallar mollos doutras medas... 
Trátase dunha necesidade imperiosa que combina a intensidade voluptuosa dunha fervenza co sixilo sensual dunha pingueira.

Foto: Fervenza en miniatura.

sábado, 15 de febreiro de 2014

Salpicar

A présa coa que vivimos non nos deixa disfrutar,
gastando o presente cavilando
no que o futuro vai deparar.
Apurados como andamos non temos tempo para reflexionar
o duras que son as pedras, que nin poden chorar.
Correndo como imos non paramos a pensar
o alonxados que estan o picho e maila pía, 
que somente se poden salpicar.

Foto: Verde salpicado.

sábado, 8 de febreiro de 2014

Brazado

Na escola ensináronnos a discernir entre unidades de volume e de superficie. Non sen esforzo por parte da mestra, fomos capaces de comprender que era un desperdicio botar o viño nunha hectárea; ou que non tiña xeito medir en hectolitros o nabal do agro.
Sentadas aquelas bases, axiña aprendemos a calcular áreas de leiras imposibles e volumes de caldeiros inexistentes.
Pero tantas horas lectivas riscando coa tiza no encerado, non nos axudaron a saber calcular  cantos bicos caben nun cuartillo nin canta paixón se pode conter  nun brazado...

Foto: Recreo. Mutacións volumétricas en superficie axardiñada.

sábado, 1 de febreiro de 2014

Satén

Baixa das alturas coa premura da necesidade. Acouga no leito do val debuxando un camiño de sonoridade. Facéndose grande aínda sendo cativa, deslízase con mestría, avanzando sensual e provocativa. Paseniña nas tostas, barulleira nas costas; hidroxenando as beiras, osixenando as ribeiras. Lambendo as herbas con vehemencia descarada, bicando as pedras con dulzura reiterada, facendo apoloxía de que vai mollada...
E, mentras pinta de verde o escenario que a contén; ela, acuosa, rizada e presumida, adobíase -lasciva- con encaixes de satén.

Foto: Encaixe de moléculas hidroxenadas.