luns, 28 de decembro de 2009

Inocencio

Despois desta temporada de escrita sobre os máis diversos temas nos que sempre salpico as miñas inquedanzas, pensamentos ou opinións; considero chegado o momento de abrirme un chisquiño a todos os meus lectores e visitantes para que saibades algo máis de quen moitos coñecedes unicamente polo alcume de Chousa.

Son fillo de emigrantes que retornaron para que eu unicamente fose made in Venezuela. Traían idea de volver deixándome ó cargo dos meus avós e dun bo fato de tios e tías -daquela- solteiras; pero xa de ben pequeno tiña eu un grande poder de convicción e logrei persuadilos de que aniñasen nesta terra que era a súa. E fíxeno a base de balbuceos babosos e algunha mirada inocente.

Fun bautizado na Igrexa de Santa María de Alvidrón. Era unha mañán fría de outono (non me lembro con claridade moi nidia, pero téñenmo contado), e Don Ramón non andivo con miramentos de augas benditas en termos nin farrapos de gaita; así que -mentras verquía a auga fría da fonte do caño pola miña cacholiña- dixo aquelas palabras que marcarían a miña vida para sempre:
Eu bautízote no nome do Pai, do Fillo e do Espíritu Santo e impóñoche por nome Inocencio.
(Pido disculpas, polo tanto, a quen até o de agora lle mentín no meu verdadeiro nome. Todos sodes intelixentes e comprenderedes a razón de tal pecata minuta...)

Foto: Inocencio algo máis grandiño. O día do meu bautizo o retratista estaba acatarrado.

martes, 22 de decembro de 2009

Pedrada

Os tempos do aforro seica son chegados.
Das enerxías renovables, non contaminantes, pouco costosas e minimamente invasoras co entorno.
Moita landaina e pouca realidade.
Falan de lámparas de baixo consumo, pero costan un pico (por non dicir algo de máis abaixo)
Anuncian enerxías limpas, pero luxan a paisaxe co seu zoar asíncrono nos montes do país. (Quero que me gusten eses muiños flacos e metálicos, pero non o dou logrado, raio!).

E vai, por riba, e coma sempre; non nos toca a lotería, tendo que conformarnos con algunha pedrea. (Ou será unha pedrada?).
Eso sí, menos mal que hoxe tamén é o día da saúde, que senón...

Foto: Aforro enerxético. Por unha cuestión hormonal dalgún animaliño

venres, 18 de decembro de 2009

Trigonometría

Pendurados na hipotenusa do pensamento sensual, tentamos fuxir pola tanxente do desapercibimento para non ser cachados polos ángulos das miradas alleas. Hai ocasións nas que acadamos a precisión logarítmica necesaria para derivar a atención cotilla que pretende saber das nosas intencións. Pero noutras resulta tan evidente a mirada para os senos, que nin siquera pasa desapercibida para calquer cateto presente no triángulo escénico, para canto máis á observada, que se limita a facer semicírculos parpadeantes.

E cando nos cachan cos ollos espetados no plano cartesiano que conforman as dúas nádigas, mentras xogamos a calcular se 3,1416 é un número ou un estado de ánimo, o único que podemos facer é deixarnos de teoremas e rendirnos á evidencia de que o que nos gusta non é a trigonometría...

Foto: Trípode. Cerramento perimétrico dun pinar en Caldelas (Antas de Ulla)

domingo, 13 de decembro de 2009

Vestixio

Impresiona saberte alicerce da industria dun país. Hoxe, que ainda amosas os restos da gallardía doutrora, vísteste de musgo verde para camuflar a desidia na que te abandoan.
Antonte vestixio dun esplendor máximo; hoxe indicio de illamento inservible.
Visita obrigada de antano; esquecemento absoluto actual. Xa non vales, xa non sirves.
Unicamente podes moer os teus recordos e facelos fariña de historias segredas...
A maquía está infravalorada e so cotiza nos mercados do romanticismo.
Sinto mágoa de pensar que cecais dentro duns anos, ó Gaiás pasaralle outro tanto...

Foto: Muiño sen muiñeira nin fariña.

mércores, 9 de decembro de 2009

Culpas

Ós seus noventa e tantos anos, a señora Dores, que vivía na Residencia de anciáns dende facía máis de 20, decidiu coller o bote no que fora xuntando uns cartiños para, chegado o Nadal, ver o xeito de se reunir coas súas dúas únicas irmás vivas, de sete que foran.
Levaba tres anos aforrando da exigüa pensión para poder darse ese capricho de xuntarse o día de Noiteboa.
Non hai palabras para describir a decepción sufrida pola señora Dores cando se decatou de que o bote desaparecera.
Tras días de decepción e rabia, que a abocaban a unha segura depresión, toma unha decisión.
Escribe unha carta na que suplica unha solución.
A carta vai dirixida a "Dios", e -resumida- dicía así:
Señor. Ti sabes que fun máis ou menos boa persoa ó longo da miña vida. Non fixen mal a ninguén e agora que tiña a ilusión de poder xuntarme, probablemente por derradeira vez, co que queda da miña familia; alguén me roubou os 600 euros que precisaba para tal menester.
Ti, se quixeras, podes amañalo. Facer un signo, darme un sinal. Estareiche eternamente agradecida, Señor. ...

E botou a carta no buzón de correos nun sobre que como enderezo e destinatario, unicamente indicaba: "Dios".
En correos hai unhas persoas adicadas a tentar direccionar aquelas cartas que teñen enderezos complicados de ler ou identificar. Esas persoas son comunmente chamadas "sabios". O sabio desta estafeta, ao ver a carta non puido evitar abrila e cando rematou a lectura, con bágoas nos ollos, deixouna sobre a súa mesa de traballo. Ó final da xornada chamou a todos os seus compañeiros antes de que marchasen, e leulles a carta.
Cando rematou, sen que mediase palabra, cada un dos presentes foi metendo a man no peto e deixando enriba da mesa do sabio cinco euros, dez, tres...Cando marcharon todos o sabio contou o recadado: 580 euros. Colleu un impreso de xiro Postal e remitiunos á Residencia a nome da señora Dores e indicando como remitente: "Dios".

Pasou o Nadal. Xa a nos últimos de xaneiro, chega unha nova carta co mesmo destinatario e idéntica caligrafía á mesa do sabio; éste case non daba aberto a carta coa emoción. Cando logrou desdobrar o papel, leu con avidez:

Grazas Señor por esta mostra da túa infinita bondade. Poda que algunha vez tivera dúbidas da túa existencia, pero agora -Señor- adicarei os días que me queden da miña vida a rezar e.... (seguía unha longa misiva cargada de emotividade e agradecemento).
Asinado: María Dores Pei Toril

Posdata: por certo!, faltaban 20 euros, pero seguro que foron os fillos de puta dos carteiros!.


Foto: Non atopei ainda a rúa do "Manda carallo". Mentras pode valer esta.

sábado, 5 de decembro de 2009

Estereotipos

Seguramente nada é definitivamente branco nin absolutamente negro. As escalas intermedias case sempre determinan moitas obviedades que, sen ser necesariamente grises, abranguen un amplo espectro cromático que define e pon de relevo cualidades das persoas.
Cando falamos de estereotipos etnográficos todos imos axiña a pendurar sambenitos que, nas máis das veces, pecan por errados, malintencionados e -sobre todo- nada definitorios.
Dise da indefinición do pobo galego, que non se sabe se sube ou se baixa; que xa veremos ou que mañán é outro día (maloserá)...
Todo acaba tendo que ver con cada condicionante que nos rodea. Dende os climáticos até os económicos.
Pero moi seguramente non somos nin moi abertos nin moi pechados. Un bo termo medio sempre permitirá que non entre un can a comer os chourizos á vez que deixará que entre a luz no celeiro e, de paso, consinta que vexamos o taconeo da veciña de camiñar ledo cando vai mercar o arroz de fora para misturar cos chícharos que xa ten na casa.

Foto: Porta de duas follas. Folla aberta e folla pechada

martes, 1 de decembro de 2009

Decembro

Chegou o mes da fartura sin trazas, dos excesos, do gasto compulsivo, das loterías que enchen petos alleos, da felicidade empaquetada en postais tiradas en caixóns esquecidos, da ledicia forzada. Dos bicos enlatados e das uvas coas súas putas carabuñas. Do licor espumoso que non se deixa beber, do turrón que escaralla os dentes, do mazapán que non comen nin os cans. A época dos agasallos reiterados e inútiles, das andrómenas...
Malia todo, decembro é o mes das celebracións entrañables, de mesas familiares, de xenerosidade sin custe, de premios cantados. De bicos cálidos, de desexos formulados en badaladas de ilusión, de doces únicos mollados en burbullas de ledicia, de lembranzas infantís, de sorpresas envoltas en papeis de cariño...
Nun mundo de desequilibrios e carente de verdade e mentira, so nos queda -como dicía o poeta- o cristal co que todo se mira.

Foto: Andrómenas sempre útiles?. En Compostela, a 80 Km de Antas de Ulla