luns, 26 de agosto de 2013

Fiestra

Verificado que non me chamo Salvador nin son de Figueres. Constatado que entre as moitas carencias que me sobran está o meu escaso xeito cos pinceis; podo considerar que foi a fortuna (tan ousada coma min) a que me levou por alí no momento oportuno para inmortalizar a figura na fiestra da Arousa. Multiplicada por catro!

Foto: Xogando a ser Dalí

domingo, 18 de agosto de 2013

Beira

Fun preguntar onde era o outro lado do río e dixéronme que era aquí; e cando aquí pregunto dinme que aló.
Coa de matices tan diferentes que hai entre unha beira e maila outra, non sei como carallo non se dan aclarado. De agora en diante xa non pregunto máis; e o outro lado do río será onde eu non estou. Axustade todos os GPS con esta anotación, por favor.

(Posteo patrocinado por L'Oreal)

Foto: Lugo visto deste lado.

venres, 9 de agosto de 2013

Falar

Para levar unha conversa con elegancia non vén nada mal ter coñecementos de encaixe. 
Ir calcetando as palabras con prestancia; fiando finiño entre entonación e intensidade, medindo os ritmos con determinados artigos, cosendo ideas con artigos determinados. E bordar matices coa mirada, transmitindo sensacións en cada puntada.
Sen esquecer xamais ningunha parte do ser; pois á hora de comunicar, todiño o corpo fala.

Foto: Fála-me

domingo, 4 de agosto de 2013

Parafusando

Para enfiar os adivais da eficacia no cu estreito da actualidade cómpre facelo con esmero, dando as voltas necesarias sobre a espiral trazada. Evitando mareos, aproveitando mareas, adaptando circunstancias...
Que despois de tanto enroscar, xa deberíamos ter clariño que a vida é unha grande porca que unicamente pode taparse de maneira conveniente co parafuso axeitado.

Foto: Parafusos para o mar.

domingo, 14 de xullo de 2013

Aire

Limpade con algo de xeito a cociña, recollede as bolsas do lixo, mirade que quede o gas pechado, tede tino coa neveira e o que queda nela; non esquezades ollar as fiestras. Case convén deixar as contras algo entornadas ou as persinanas medio baixadas...
Pechade todo e saíde!

Foto: Porta

domingo, 7 de xullo de 2013

Mudar


 Coellos tirándose ás escopetas, ladróns que persiguen policías, reos que condean xuices, políticos que contan a verdade e putas virxinais retratadas en periódicos que publican mentiras pequeniñas.

Mentras se vai configurando a ensalada de inxustizas; nos caldeiros parlamentarios non cesan de remexer un pestilente guiso de indecencias, que ferve á calor dos fogóns avernais de fondos monetarios, e zuga o salitre das augas chocas de eurogrupos podres regado con mexos apestados de bancos tan centrais como inútiles.

Con esta panorámica non fai falla ser chef para saber que é hora de mudar de menú.

Foto: Panorámica vertical.

domingo, 16 de xuño de 2013

Camiño

Nótasenos ás leguas que andamos continuamente na procura dese til que sempre nos falta, dun acento minúsculo que lle dea sentido ao fonemiña que nos representa.
Somos átonos, por moi esdrúxulos que pretendamos; así que non queda outra alternativa semántica que ser camiñantes permanentes polo carreiro gramatical. Nada grave, xa que durante o camiño podemos ir acentuándonos con acenos; así que resultará ata ameno e -de paso- parecemos máis agudiños.

Foto: Aceno acentuado.

sábado, 8 de xuño de 2013

Mexar


Criámonos rebechando, medramos rinchando e aprendemos xogando. De noviños unicamente buscamos espazos para trotar e camiños para galopar;  gardando anacos para mamar e para mexar.
As medras e mailo tempo, o único que nos traen son diferentes albardas para carrexar e algunhas fustas que probar.


Foto: Poldriñas do Castosa

martes, 28 de maio de 2013

Maruxa

Maruxa ergueuse cedo coma sempre para munguir. Antes acibou os becerros. De volta na cociña botoulle o presoiro ao leite e enxaugou con dilixencia as cuncas da cea que quedaran no vertedeiro.
Apañou un feixe de nabos para cocer o caldeiro dos porcos, eternamente pendurado da angarela. Foi á fonte por dúas sellas de auga. Pasoulle a xesta á cociña e trouxo dous brazados de leña para o allar. Acendeu a lareira. Puxo un pote con auga no trespés. Despois quitou o cinguideiro, acicalouse un chisco na palangana e saiu con présa á taberna do zapateiro mercar un litro de gas para os candís e un cuarto de pemento para o rustrido das patacas arregladas que tiña pensado facer ao xantar.
Eu viña de levar as vacas ao apastadeiro e foi nese tránsito cando cadramos. Ela non me viu porque enredouse mirando o morteiro da casa de Laxe. Arrimei a aguillada ao valado, calei a pucha cara atrás, afinquei os pés dentro dos zocos; abrinlle foco libre á mirada e graveina na miña memoria. Outra vez.

Foto: Maruxa de Sanxenxo.

xoves, 23 de maio de 2013

Tijre

Hai que ter control sobre as situacións límite. Serenidade no medio das crúas tempestades, calma cando nos arde o ánimo e saber temperar se nos enfrían as intencións. Os canons mandan ter xeitiño incluso con aqueles que nos arrincan  a picañazos a quietude. 
Pero todo ten un límite; así que de cando en vez, se nos pisan en demasía a rabuxa (eufemismo de tocarnos o carallo), tamén cómpre saber sacar as uñas e revolverse feros coma un tijre.

Foto: Tijretonciño
 (Licenza de imaxe cedida pola señorita Chousa)

venres, 17 de maio de 2013

Eixe

Timón que potencia, chavella que fixa, caderna que dirixe,  abeaca que delimita, rella que abre. Ferramenta principal que ara na gramática sementando fonemas nos regos, acugulando de sílabas os sucos, enchendo de palabras o agro, agromando con voces dulcísimas a bóveda do entendemento.
 Ti es bandeira, sinal e himno; eixe, razón e motivo. Es verbo, raíz, esencia mesma; xermolo do todo, lévedo absoluto; sal que matiza, azucre que suaviza, pimento que dá cor, herba do sabor.
Marco delimitado, soporte; liturxia íntegra de canto dicimos, manteliño de silencios, encaixe susurrado...
A través de ti, fala da ledicia, manifestamos arelas, expresamos soños e patentamos realidades. En ti, lingua galega, desembocan todos os ríos do pensamento magníficamente expresado.

 Foto: Eixe dunha bágoa duplicada. Aldea de Belesar.

domingo, 12 de maio de 2013

Ambivalencia

A capacidade humana para tecer maldades parece non ter límites. Un día si e outro tamén aparecen noticias que suscitan preguntas sobre como a nosa especie é capaz de manter a súa existencia, cando individuos da mesma cometen barbaridades que nos deixan de xeo.
Claro que non é menos certo que esa mesma capacidade, cando se orienta cara a creatividade, resulta tan magníficamente portentosa que -na simple contemplación  do seu resultado- ficamos de pedra.

Foto: Caaveiro. As pedras non falan, pero fan falar.

mércores, 1 de maio de 2013

Agulla

Moito temos que ver os humanos cun simple compás; mecanismo que se antolla moi complexo, pero que todo o segredo radica nunha agulla imantada que apunta cara algo que lle provoca atracción.
Non vou delimitar agora cal é a nosa agulla nin os nortes curvilíneos cara os que apunta; pero sí que fago un apuntamento sobre esa marabillosa imantación que pon en órbita ao campo magnético ata facer tremer á agulla, ao norte e ao resto dos puntos cardinais.

Foto: Mirador do Farelo. Apuntando cara Antas.

martes, 23 de abril de 2013

Eficacia

Insistir con exceso de vehemencia na teoría de que a liña recta marca a distancia máis curta entre dous puntos, unicamente nos pode levar a ser altamente eficaces, si; pero en desfacernos os fuciños.

Foto: Faro de Punta Candieira (a dúas horas e pico de Antas).

domingo, 14 de abril de 2013

Man

Útil de aloumiños, comandante das ferramentas, prolongación da intención, aceno de simpatías, estandarte da expresividade, doutora de infinitos males,  mestra da comunicación, educadora de condutas, vehículo de simpatías, marca identitaria,  presidenta do ser, directora xeneral de picardías...

Foto: Flor de Abril na man.

domingo, 7 de abril de 2013

Maiúscula

Existe comunicación cando emisor e receptor comparten un mesmo código.
Pode este ser xestual, sonoro, gráfico ou incluso telepático. 
E pode o receptor ver cos ollos pechados ou falar o emisor coa boca cerrada. Considérase que a mensaxe chega cando fica convenientemente interpretada.
É posible transmitir florituras, acenos ou chiscadelas; agochados con símbolos menores debuxados en maiúscula.

Foto: Ancoriña. Código de Mariñeiros.

luns, 1 de abril de 2013

Burbulla

Emplazamento pouco axeitado. Rede viaria imposible. Dudosa calidade de materiais. Vistas limitadas. Húmida. Distribución nada afortunada e deseño de puta pena. Non ten auga corrente nin luz eléctrica.Carece cuarto de baño e hai impedimentos físicos e legais para dotala del. Servizos públicos inexistentes. Dificultades rexistrais que complicarían posible financiación bancaria.
Non se vende.
Foto: Burbulla Inmobiliaria.

domingo, 24 de marzo de 2013

Tren

Dicir dinnos que somos libres. Pero lévannos en vagóns con capacidade limitada, sempre ensamblados na mesma vía, sempre xunguidos da mesma catenaria.
Cóntannos que podemos elixir, pero se así fose a condutora da miña vagoneta non había ter barba e polo carallo había ser zarabeta.
De todo canto nos contan, a metade son mentiras e o resto non son verdade. E así imos de estación en estación (cada 4 anos) continuamente enganados. 
Entre tanta vicisitude algo propicio tiñamos que atopar; así que o mellor deste tren, sen dúbida, é o chacachá.

Foto: Tren-vía.

martes, 19 de marzo de 2013

Ronsel

Mírasme e confirmas a miña propia existencia.
Puro equilibrio de grandiosidade minúscula que calceta fibras nimias en teares superiores.
Diástoles hiperbólicas que son grandiosas semellando menores.
 Por cada pestanexo teu, un brinco deste lado.
Así de complexo,  así de doado. 
 Fusión sen fisuras, que explica como un corazón pode bulir noutro peito sen ser transplantado.
Sentir que se ti me miras na noite, o ceo enteiro está iluminado.
Descubrindo, nena da branquiña mirada, que deixas no meu ser un indeleble ronsel tupidamente calcetado;
cosendo ledicias sen fíos nin dedal  para un pai absolutamente entregado.
Así de sinxelo, así de complicado.

Foto: Ollada da filla. Día do pai.

sábado, 9 de marzo de 2013

Imperio

Construiron leguas de autoestradas que conduciron a paraxes desolados. Hectómetros de papeis lexislados, para seren profusa e sistematicamente conculcados.
Teceron unha maraña de sortilexios habilmente salpicados coa liturxia do engano, incitándonos a crer que a podremia era unha constatación de madurez...
E así, pensando que iamos cara un paraíso de marabillas, vímonos -de súpeto- espetados no cumio dun imperio de tarados.

Foto: Parece, pero non é.

venres, 1 de marzo de 2013

Cúpula

Vai de sinxela pola gramática aínda que xoga na primeira división da arquitectura semántica. Fai así coma quen que non ten importancia, pero sen ela as frases quedan coxas.  Disfrázase de conxunción ou destápase coma verbo; une suxeitos, remarca atributos...
Agóchase pianiño, esvara lene, pronúnciase suave; mesmo semella non estar; pero que sería de nós sen a cópula?

Foto: Cúpula de San Pedro en Roma, a 2250 km ao Leste de Antas.

domingo, 24 de febreiro de 2013

Furado

De pouco serve un peine caralludo, se non hai quen se decate de que indo espeluzado está menos guapiño.
Esa técnica de crear primeiro o produto e despois a necesidade semella complexa; pero unha vez instaurada na cadea do pensamento, xa vai todo rodado. Ata o punto que poderás fabricar ferreganchos que dirás que son para meter na pel, e acabarán pedindo que lles fagas o furado para introducilos.
Tiñan partidos políticos e dixéronnos que eran necesarios para a democracia...

Foto: Hai que ter boas orellas para meter esas bandexas

sábado, 16 de febreiro de 2013

Ferro

Seica corren malos tempos para a lírica. Pero se botamos unha ollada ao que deixaron escrito os nosos avós axiña observamos que as realidades de cada presente sempre estiveron encetadas de eivas, complexidades e atrancos.
Vivimos atravesados polas lanzas das preocupacións que, se non existen, axiña nos ocupamos en crealas; xa que o ser humán non sabe vivir unicamente de ledicias. 
Por tal motivo gústanos enzoufarnos nas desgrazas e prestar oído á trifulca de mediocres que disparan balas de tinta coa única intención de alimentar os seus petos á conta dos nosos medos. Sempre se viviu mellor vendendo miserias que catapultando éxitos. 
Deberíamos coidarnos máis dese ruido mediático e protexer os nosos corpiños delicados. Que non somos de ferro, carallo!

Foto: Home de parafusos. Baiona

domingo, 10 de febreiro de 2013

Moteira

Dominio do espazo nun galope rectilíneo, montando no ar, fustrigando no vento; deitándose nas curvas, erguéndose no rasante, trotando polos carrís. Estrito sentido do equilibrio, con afinación na marcha e atinado tempero de cadrís.
Acougo de vontades, termando coa man o desboque da fera; acariñandoa co pe, animándoa coa mirada; sempre con tino, agarimo, traza...
Non vos hai dúbida. Quen o probou xa o sabe: os moteiros somos outra raza!

Foto: Amazona montando a pelo.

venres, 1 de febreiro de 2013

Filloas

Os tempos son chegados para que don Carnal tome posesión do almanaque gastronómico. Nestes días o escudo do país muta, dende o cáliz coa hostia e mailas sete cruces,  a un lacón flanqueado por unha ducia de chourizos engarzados en folliñas de grelos. Aquí  haberá quen diga que, en realidade, son nabizas.
Non vai ser nada doado calcular os milleiros de  tixolas que pousarán o seu cu negro no minimalista trespés, dispostas á cocción dunha masa branca a base de fariña, ovos e auga ou leite. E mentras se dilucida se son filloas, freixós, chulas, fritos, follados ou filloces; sempre haberá algún picafollas que dirá que el prefire churros.

Foto: Dúas picafollas. Entroido na Arousa.