xoves, 1 de abril de 2010

Terra

Unidos á terra por un xen superior. Xunguidos nun matrimonio indisoluble; no cal él ama co sacho e mailo arado, fendendo as súas entrañas coa delicadeza que permite a rabela, trazando milimétricos sucos de paixón e debuxando devasas de ternura. Mimándoa co esterco que nacía baixo os seus propios pés, abríndoa en amorosas cales ávidas da semente escollida.
Enmarcada en valos de verdadeira artesanía, regada con esmero nas horas ditadas pola lúa que ilumina as embelgas peiteadas coa grade unida ó sulín das caricias...
E dese amor recíproco; ela, sempre activa colleita tras colleita, correspondía a tanta entrega co froito amable, puro, almidonado, proteico, doce, saboroso e necesario; transformando en manteiga branca a herba verde, acugulando de vida huchas e artesas...
Amantes fieis o labrego de antano coa súa terra.

Foto: Acceso á viña. Terra da uva, nai do viño.

30 comentarios:

xenevra dixo...

Nace da terra e volve a ela. terra nai, terra amante, terra dos meus ollos, sabor a terra na boca regada por océanos. Terra que medra nas mans, libre, ergueita, orgullosa. Terra sen fin onde se escondeu o fin da terra.

Como non amala docemente e apertala cos brazos, se ela somos nós.

Non sei se quería que chegase abril, maldito Sabina, pero chegou...

Chousa da Alcandra dixo...

Deixa que veña abril, permítelle ser antesala de maio. Que, nin siquera Sabina, che roube o mes de abril, o mes no que se contan os anos, o mes das augas mil, das terras molladas e das primaveras atronadoras. Xa verás como si.
Benvida á Chousa neste mes de abril, Xenevra.

Andrea Breq dixo...

Tenía ganas de "escuchar" lo que tenías que decir...
He venido a dejarte una buena noche, un beso de entrada la madrugada y el placer de leerte ... ése me lo llevo.

A.

A nena do paraugas dixo...

Logo de lerte, non semellas ser malévolo.
O que expresas con esta linguaxe tan poética é algo que no meu Refuxio xa non se ve habitualmente.
Quedamos catro náufragos, rescatados do asfalto os fins de semana, que imos facendo os semilleiros dos pementos e tomates e colocámolos na galería, para que xermolen ao agarimo da calefacción central. Logo, chegado o seu tempo, dámosllos á Terra para que continúe o seu labor. Pero labregos e labregas verdadeiras, xa non quedan. E ás veces semella que pouco a pouco as nosas xentes van perdendo as raíces e o apego aos sucos. Non me estraña que logo se perda tamén o amor pola Lingua.
O asfalto non deixa botar raíces!

fonsilleda dixo...

Xa che dixen noutra ocasión que eras un poeta. Un poeta reflexivo e que tamén fai de testemuña, denunciando. Sentes respecto para comentar o que fan outros e ti déixasnos unha terra que é "a nai de todas as terras".
Grazas por escribir do xeito que o fas.
Por mostrar do xeito que o fas.
Bonita fotografía
Bicos

Chousa da Alcandra dixo...

Sempre é un pracer que unha magnífica costureira de palabras veña á Chousa, aínda que sexa de madrugada (trasnoitadora!). Por iso Andrea, volve cando queiras. (E traendo bicos...non é so un desexo que veñas: é unha petición! jajaja).

Parezo malévolo ás veces Nena do paraugas; pero sonche un santiño en peregrinación polo blogomillo :-)
Tamén no meu Refuxio quedan poucos labregos "casados" coa Terra. Hoxe todo está máis prostituido no altar da productividade. Na actualidade non hai apegos ó medio, só os resultados i estes...son pura mercadoría. Por iso o meu post está en pretérito.

Mimádesme moito Fonsilleda. Procurarei mergullarme nas palabras que me adicas so un anaquiño. Non vaia ser que acaba por creelo de todo!!!.(Un amigo meu describe cunha moi coñecida ordinariez o trato tan mimoso que nos damos entre blogueiros ;-) )
Tento reflectir o que vin que vivían a xeneración previa a nós. Cardar as palabras que fenecen por non ter nadiña que describir. Como neno de aldea síntome na obriga. E ademáis...gústame

Chousa da Alcandra dixo...

Pero quedamos nós para ser testemuñas da súa existencia Rula.
Esa xungla podémola afastar un anaquiño para transmitir o que foi, como foi e a fermosura daquel mutualismo amoroso entre home/muller e Terra.
Benvido sexa abril das augas mil! (co permiso de xenevra, que non lle ten moito cariño)

fonsilleda dixo...

E namentres, non sei os demais, pero eu recordo ou aprendo.
¡Ah! e non todo é sempre mimo, sobre todo de balde.

mariajesusparadela dixo...

Non todo está perdido. Hai xente coma ti: bendito sexas.

irene dixo...

Esa preciosa tierra mimada por los labradores, espero que no llegue algún día en que las uvas las fabriquen con máquinas, "cosas veredes".
Curiosas escaleritas para subir a las viñas, me encanta la foto.
Biquiños, Chousa.

A nena do paraugas dixo...

Agora case todo parece pretérito e quizais por quedar algunhas que estamos nese tempo pretérito, vexamos a prostitución das cousas, en aras da produtividade, coma algo natural.
Sen ir máis lonxe, ata este medio é pouco menos ca unha prostitución da comunicación, desa que debía ser cara a cara, dando a posibilidade de estudar os rasgos e expresións de quen comunica para así poder deducir o fondo da mensaxe. Ti estás aí, eu estou aquí. Compartimos algúns pareceres pero non podemos vernos o rostro cando nos comunicanicamos, entón parte da comunicación pérdese.
Iso é o que penso que pasa coa Terra. Estamos nela, pero non estamos, pois só metendo a diario as mans e o espíritu nela poderemos ser quen de percibir a súa esencia e transmitila.
Hoxendía queda pouca xente coa determinación suficiente para casar coa Terra, como tamén queda pouca que comunique cara a cara.

Chousa da Alcandra dixo...

Volver aprender tamén é un exercicio magnífico. A min pásame cando visito o teu blog Fonsilleda. Ala, que me vou poñer tenro e vánseme derreter as técolas!!!

Derretidiño de todo Mariajesusparadela. Así non hai quen poda comer carne en día de vixilia, carallo! jajaja.
(Confeso que son moito máis de peixe que de carne).
Pouco podo facer eu con tantos carros, xugos, canizas, arados...na palleira. Son pouca xugada para tanto apeiro.

Este medio, alomenos, permite a interacción Nena do paraugas. Xa sei que adolece de moitos matices, pero...sen él, nin ti nin eu estaríamos agora baduando. En todo caso concordo en que como "a pelo" non hai nada.

Anónimo dixo...

Raio de Chousa, fas que lle quite o polvo ó diccionario hahaha. Como sigas así vas acabar na RAE no sillón representativo do blogomillo.
Bicos. A.C.

Chousa da Alcandra dixo...

Ó paso que imos, Irene, acabaranse por fabricar en laboratorio ata os suspiros!. Confío en que tarden moito en lograr vendérnolos como válidos, xa que facer...farase. Hoxe xa non hai quen mime a terra. Seica non é rendible, e hoxe todo o que non fai gozar ou non produce cartos, xa sabes o que se lle fai.
(Prégoche disculpas por non incluir resposta en tempo ó teu comentario, pero un gazapo de Blogger fíxome "saltalo" :-( )
Un bico

Marisa dixo...

Vivimos pegados a terra,
a pena é que nin todos
a queren como se merece,
ela danos todo canto nas
súas entrañas se agocha
debemos saber corresponder.

Bicos e apertas.

HADEX dixo...

Moi fermoso ese teu post, Chousa. A nai terra, a que temos que coidar moito xa que está chea de feridas e de nós , os virus máis perigosos.....

paidovento dixo...

A simbiose coa terra, sempre presente na nosa cultura e no noso ser. "A nosa terra", "a terra nai", "a terriña".
Como se despedían os da xeración Nós:
Saúde e Terra.

vieira calado dixo...

Amiga!

Venho simplesmente desejar-lhe

BOA PÁSCOA!

Bjs

Anónimo dixo...

Fermoso post, cheo de saudade. Un día desaparecerán os labregos que (aínda) recoñecemos, e por completo cederán o lugar á xenética e o deseño dos froitos. Lástima

vintxuca dixo...

É unha relación preciosa, un amorío forte e duradeiro, agora si Chousa, non se desvelan as intimidades de parelha por moi fermosas e sensuais que podan chegar a ser..hehehe!!!! Unha aperta dende o outro lado do espelho!

Zeltia dixo...

Os labregos, [entendendo por labregos ós que vivían de traballar a terra e ter despois a colleita] non estou eu moi segura de que visen a cousa dun xeito tan romántico como tí o describes...
(pero a primavera é o que tén:
fai que á algunhas persoas lle aparezan alerxias
e a outras se lles acentúe a vena romántica)
:9
(porque falas dos labores do campo dun xeito moi poético)
pero, ademáis da composición literaria que fas neste post e que todo o mundo che gaba,
para mín tén un engadido (non sei se buscado adrede)
que é o máis interesante de todo:
que poidamos aprender ou relembrar certas palabras que hoxendía,
ó non seren xa utilizadas, perderanse, sen dudalo. Perderanse.
Irán parar ós museos das palabras, coma foron parar ós museos etnográficos tantos aparellos de labranza, só nunhas cantas décadas.

eu fun buscar dúas das palabras que utilizas:
devasa e embelga que, ésta última, polo visto, dise igualmente en castelán.

xenevra dixo...

Nun grupo de fotos polo que ando, puxeron como tema para o segunte concurso "o amor" (a explicación fpoi a chegada da primavera ¿??). Eu decidón saír coa cámara, ver se podo roubarche a idea desta entrada (co teu permiso) e como atope un labrego sachando... terei a foto gañadora, de certo. Hai acaso amor máis profundo, máis real, máis necesario e necesitado que aquel de quen non pode existir sen o outro?

Bolboreteira dixo...

Qué fermosa histria de amor e que ben relatada.Emocionante!
Xenial cama sempre Chousa!
Bicos

Chousa da Alcandra dixo...

Algunhas veces os pés despégansenos algo da terra, Marisa jajaja.E tamén con tanto asfalto pois xa sabes aquelo de que "ollos que non ven..."

Somos víricamente moi agresivos Hadex; e cando ela da con antídoto, tornámonos en bacterias malignas para seguir agredíndoa. Dixo J.L.Sampedro que se non aprendemos (no coidado da terra) pola razón, acabaremos por facelo mediante a catástrofe.

Moi ben traido o comentario Paidovento. A nosa cultura sempre identificou a Terra co Lar. Seguramente segue a ser así aínda hoxe, pero talvez non sexa tan visible a simboloxía.
Quero pensalo así, alomenos.

Sexa cal sexa o motivo da túa visita, Vieira Calado, é vostede moi benvido á Chousa.
Reitero tamén as felicitacións da Pascoa para todos os irmaos ó sur da "raia".
(E somente un levísimo matiz: lémbrolle que son amigo seu, non amiga :-) )

Poda que sexa lei de vida evolutiva Kaplan (que o dudo un chisco); pero se eles teñen que desaparacer en pro desa evolución; penso que tamén é tarefa nosa ser fedatarios da súa existencia, dos seus desvelos, da súa loita e do seu propio ser. Non si?

Boeno, Vintxuca; ti ben sabes que eses amoríos dos labregos coa terra estaban cantados.
Acaso non se lles vía a eles na cara o amor por ela?. Eu penso que incluso lles mola que o contase. Non che parece?.
(Vaaaale, algo cotilla sí que son; pero...que lle imos facer!)

Fixeches unha mención que me gustou moito Zeltia. Eso de "museo das palabras" é unha denominación ben fermosa.
Non sei se serei digno de tanta cousa, pero non podo evitar que me guste.
E xa sei que vos fago traballar co diccionario, pero tamén así quitádeslle un pouco de lixo; ou non?

É lícito coller inspiración de onde se tercie Xenevra. Eu puxen as viñas, debido a que "se tecía" moi ben co post anterior...jajaja. En todo caso, como gañes ese concurso; quero o meu xusto 50%!!!!

Faise o que se pode Bolboreteira. Teño boas fontes nas que beber da didáctica. Xa sei que non chego nin de lonxe a alumno aventaxado; pero poñer póñolle moito interese. Que conste!

Harmonía dixo...

O texto, unha fermosa "oda en prosa" de exaltación á terriña e admiración polo traballo do labrego. Unha auténtica histotia de amor!

Carlosm dixo...

Mui poético, sim. E moi bonito tambem. Pero já te vejo vir. No anterior post falabas de que murmuraban as tuas vizinhas, e agora neste amósasnos as vinhas. No seguinte porás a foto do crego??? hahahaha
Apertas da Pascoa.Carlosm

Ginebra dixo...

Es un escrito delicado y tierno. Me gustó esa relación del labriego y su tierra para explicar el amor. Es una metáfora preciosa, Chousa. Besos

Chousa da Alcandra dixo...

Auténtica e verdadeira, Harmonía. Seguramente un chisquiño musicalizada pola miña parte, pero -xa postos a facer un pasteliño-, que menos que empregar un pouco a crema pasteleira!!.

Tés o sentido moi aguzado Carlosm. Pois xa veremos se no próximo sae o crego ou mudamos de tema de xeito relevante.
Sexa como fose, tomo nota de que me les entre liñas tamén.

As metáforas son un valioso útil para comunicar Ginebra. Poda que eu sexa un chisquiño recalcitrante no seu uso; pero misturadiñas con doses de retranca e un airiño de picardía, imos colocando no ar palabras que están fuxindo da nosa cotidianidade por non ter xa que describir.

---

Entrados no mes de abril, imos continuar a singladura mudando temas e traendo materias novas. Igualiño que as árbores, que están agochadiñas -as que poden- para que a temperatura suba un chisco, a fin de traernos follas novas que descubir, gozar e fotografiar.
Para aqueles/las que rematen as vacacións, pois moito ánimo na reincorporación, e para os que continuamos a bingo, pois...a seguir disfrutando!

Paz Zeltia dixo...

és ben malo oh!
vaia maneira de pasarmos polas narices que tí non tés que ir traballar e nós si...
pero deixa, que a todo porco lle chega o seu samartiño...
y quien ria el último que tire la primera piedra :-)

matrioska_verde dixo...

¡que amoroso te me poñeches, chousa!
da gusto lerte, home,en medio de sucos de paixón, devasas de ternura e amorosas cales...

ay!

biquiños,