domingo, 17 de maio de 2020

Ser


Sempre pensando, falando, fotografiando, amando, escribindo e, por suposto, cantando... en galego!
Desta maneira configuramos, cada día, a esencia do noso propio ser.



Letras galegas 2020
 Video: A fala, de Uxía con Tanxugueiras e Faia

luns, 2 de marzo de 2020

Desbrozar

Son tempos de premuras antinatura e de absurdas pseudonecesidades que acaban por nos anubrar o ollo e asolagar a razón.
 Por iso, máis ca nunca, cómpre airear as sabas do entendemento e sacudir con firmeza as colchas do sentido, voltear o xergón das experiencias e retomar o vieiro da cadencia natural; esa autoestrada milenaria que se foi tapando coas silvas do abandono e coa broza do esquecemento.
 Desbrocemos e desterremos estas malas prácticas, e que volva ao seu cauce o entendemento. 
Amén.

Foto: Vista desbrozada.

sábado, 28 de decembro de 2019

Galegando

Nun comunicado da última hora desta mañá, Gadisa acaba de anunciar que ata a hora de peche de todos os seus hipermercados e franquicias, as persoas que fagan unha compra superior a 3 euros, vistan vaqueiros, e que se dirixan ao persoal da tenda en galego RAG; recibirán un agasallo na caixa -a elixir- entre un lote de produtos lácteos ou un kit de afeitado (margarinas nun caso e brochas no outro).
No caso de falar en galego internacional, o agasallo consistirá nunha bolsa (reciclable) con dúas talladas de bacallau. Neste caso non hai opción de elección.
Avaliarán a pronuncia e maila riqueza léxica un trío de empregados da cadea, presidido pola dirección da tenda, unha persoa de caixa e outra de reposición de liñas, actuando como secretario -con rincho pero sen voto- o cabalo do supervisor.
Con esta iniciativa, a distribuidora de alimentación paga a bula de poder seguir etiquetando todas as liñas en castelán e facer así coma quen que é galeguista.

Foto: Candidata a premio analizando produtos.

sábado, 30 de novembro de 2019

Quitamerendas

Houbo que volver sementar, porque disque a semente era tan ruín que non xermolaba. Así que xa nos vistes volvendo gradar a terra, facendo embelgas e lanzando -con mesura xenerosa- os grans á terra.
E acubillamos o sementado, ata volvemos cuitar; non vaia ser que se perda a colleita por unhas galletadas de esterco...
E miramos cada día a leira e vémola que non acaba de agromar. Que a encetan todos os males. Que se moita auga; que se pouco mineral; alabadiño que seica cargamos de semente o comarón da esquerda; arre do demo cos cadullos da dereita que nin nace neles por riba, nin deixan nacer por debaixo...
Con todo este panorama chegamos á conclusión de que, se desta non vai tampouco, imos ter que cavar ben fondo o labradío, facer borreas e mandar para o carallo a todos estes quitamerendas que nin saben nin queren encher as huchas. As nosas, claro!

Foto: merendera bulbocodium, nada nunha corredoira de Alvidrón de Outeiro.

xoves, 31 de outubro de 2019

Picouta

Coa présa da urxencia, aceleramos a velocidade que nos move nesa cadencia espiraliforme dunha cotidianidade apremiante. Semella que todo ten que estar dispoñible para onte, asumindo que aínda así chegaremos tarde á aira das esixencias na que temos que mallar mollos non seiturados con fouciños pendentes de se fraguar...
Esta recalcitrante aleivosía por apurar os procedementos levounos a pensar que se podían acelerar os resultados. E os resultados acelerados son, damas e cabaleiros, unha trapallada.
Todo o contrario do que segue acontecendo de maneira cotiá ao noso redor; así, como cada tempada, a natureza anúncianos -coa pauta axeitada- que xa é outono na Picouta.

Foto: Cara o muíño da Picouta (Antas de Ulla)

luns, 30 de setembro de 2019

Arco

Cando se escagallan os arcos non desaparecen os trunfos. As construcións son veleidades que pretenden representar historias, pero aquelas poden esmorecer; mentres que as historias perduran por sempre.
Nada pode reter a fortaleza; nin siquera a fotografía. A esencia do arco derrubado unicamente pode gardarse no enleado baúl da memoria dos que o souberon trunfante. E así será sempre transmitido. Aínda que el, o arco, non se poida lembrar a si mesmo.

Foto: Restos visibles. Poderío invisible.

xoves, 15 de agosto de 2019

Louro

Malia que o electorado foi ben clariño expresando que non quería nin bastos nin espadas, en Madrid aínda non se sabe en que trunfa; de xeito que aquí andamos, esfollando as mazarocas dunha colleita política que semella moi afectada polo caruncho.
Pola contra, en Louro todo segue fluíndo coa harmónica cadencia das mareas. Desde San Francisco ata o Espadanal, a area déixase lamber, gostosa, polo cuspe salgado do deus dos oceanos. Unha praia abrigada polo monte que lle dá nome e regada polo mar que lle dá sentido.
Un lugar idílico no que leva anos trunfando nos ouros que -colleita tras colleita- apañan con esmero as louresas pescadoras.

Foto: Laura, a loira de Louro, posiblemente pescando luras.

domingo, 4 de agosto de 2019

Diagnose

Acudía Bonifacia, preocupada, á consulta do doutor,
coa esperanza de atopar remedio ao seu estupor.

Cóntalle ao galeno a causa da preocupación,
que o seu intestino é unha contínua explosión,

e nas últimas semanas por toda actividade
o seu corpo retumba en reiterada ventosidade.

"Peideo de noite e de día, tan reiterado e seguido
que cada dous minutos hai alomenos un estourido".

"Iso si  -matiza- a pesares de vir da fondura abismal,
o mellor de todo é que nin olen nin cheiran mal".

O médico atende con expresión de seriedade
e aos poucos, dille con moi nidia claridade:

"Bonifacia, isto que ten haino que atallar;
de maneira que canto antes cómpre operar"

Pregunta Bonifacia "do cu?", poñendo voz infeliz.
Ao que responde categórico o médico: "Non; do nariz!"


Foto: A Nugalla. Famoso canzorro na Igrexa de Alvidrón (Antas de Ulla)
Texto: Recreación chousiana dun conto popular.

xoves, 25 de xullo de 2019

25

Outra das grandezas da poesía, é a súa valía para diferentes ocasións e momentos. 
Sen perder frescura e intensidade, as palabras pousan a súa acaída semántica nos espazos contextuais máis diversos.
Emporiso hoxe podo tomar prestadas as palabras que a Grande Rosalía pensou un día como eloxio a unha persoa que admiraba, para enaltecer ao seu outro amor, compartido e infindo, pola nosa nazón de Breogán. Penso que a ela non lle molestaría.
Que cada día nos ula a rosas; e que -aínda que sexa só co pensamento- sempre sexa de día!

Foto: Flor poema
25 de Xullo. Día Nacional de Galiza

sábado, 22 de xuño de 2019

Marco

Se despois da mensaxe clara da cidadanía nas pasadas eleccións xerais, os políticos de esquerda non son capaces de se poñer de acordo para conformar a maioría que resultou gañadora nas urnas, demostrarían a súa ineptitude dunha forma tan evidente como triste.
E non vale que lle choren á dereita unha mísera abstención na investidura (investibranda), nin tampouco que amaguen con repetir as eleccións, que a xente de a pé xa dixemos o que tiñamos que dicir, e se non nos escoitaron dunha vez quen carallo nos garantiza que nos vaian escoitar na seguinte...
Iso si, teñan ben claro as esquerdas duras, as medianas e mailas brandiñas que se as tres dereitiñas estiveran onde hoxe están eles, nindiós lles movía os marcos!

Foto: O marco do Marco
(Cun pé en Agolada e outro en Antas)

venres, 17 de maio de 2019

Recendo

Doce e intenso recendo da nosa fala,
fragrancia agarimosa dos meus acentos,
perfume inmenso de todos os momentos;
aroma sutil, que sinto incluso cando cala.

Fito e deslinde onde viran todos os ventos,
xeografía inédita onde o meu acougo recala;
porto de abrigo no que a voz fai escala
para erguerse en renovados argumentos.

Sentir que se todos nos collemos da man,
non hai forza nin razón en todo o firmamento
que poida torcer a grandeza do noso clan.

E vivir así esta ledicia cada momento
respirando este ar, pisando este chan,
coa lingua galega sempre no pensamento.

Foto: Recendo visual.
Letras Galegas 2019
------------------------

Con permiso de todos, as letras de hoxe quero adicar
a un novísimo futuro falante que nos veu namorar;
non é grande de tamaño, que aínda é moi pequeniño
tan só ten un mes e medio e chámase Martiño.

xoves, 18 de abril de 2019

Trémula

A auga, namais agurgullar, búscase a si mesma para se xuntar con outros milleiros de gotiñas solistas, interpretando así a melodía máis vital que coñecemos. 
Mentras interpreta tamén baila ao son da cunca que a sostén en compases imposibles de dixitar e tempos con ritmos por veces longamente acougados, por outras lenemente rápidos.
Fai música mentras contén e dá vida; e cando os meandros anchean o seu caudal abrindo o ángulo, pinta acuarelas en tonos que se mimetizan co entorno.
E nós unicamente podemos ficar mudos e absortos contemplando tanta marabilla, que nos deixa o espírito irto e a carne trémula.

Foto: Ulla pintor

domingo, 10 de marzo de 2019

Amallós

Cada xornada laboral esixe atino, belixerancia, coñecemento, determinación, empeño, fortuna, garantía, honestidade, ímpeto, lealtade, maneira, negociación, obxectivo, profesionalidade, querer, resilencia, solución, tenacidade, urxencia, vitalidade, xenio... e uns bos amallós que nos cingan elegante e axeitadamente os zocos. Porque tanto requerimento necesita, ademais de prestancia, ter os pés quentes!

Foto: Amallós vermellos.
(Feira do Viño de Chantada)

xoves, 28 de febreiro de 2019

Enclaustrados

Esvaran e patinan os nosos cerebriños nas abundantes pozas pseudoinformativas das canles cuspidoras de datos. Uns datos que, en boa medida, non valen para nada; pero que visten de cores rechamantes e adoban coa entonación da relevancia.
A mellor maneira de nos desinformar é afogarnos con gavelas e gavelas de información que nin pedimos, nin sabemos para que nos serve.
Por iso cómpre aprender a mirar/escoitar as cousas co filtro da intelixencia e procesalas coa manivela das propias necesidades. Así continuaremos coa aprendizaxe e teremos tempo para nos enclaustrar na contemplación dos encaixes que en cada momento máis nos motiven...

Foto: Claustro de encaixes. Auria.

domingo, 27 de xaneiro de 2019

Alento

Bípedos pensantes enchen de asfalto os labradíos e queiman os espazos aos que non dan chegado co formigón. Non comprenden a estratexia defensiva da nudez absoluta contra os ventos da invernía. Eles, escuramente imbéciles, non entenden de saber conter o zume. Saben, iso si, expedir precoces  certificados de defunción a golpe de macheta.
Por iso o mérito silente da natureza cobra aínda máis brío cando "resiste, chea de vida, dignidade e corazón, coa frondosa teimosía de saber que (ela) somos nós"
Soltemos o perenne macuto da estupidez e sintamos o seu alento.

Foto: Castiñeiro chousiano. Vilapoupre (Antas de Ulla)

- Tema "Alento". Luar Na Lubre. Ribeira Sacra -

venres, 28 de decembro de 2018

Altimetría

Un tremendo erro de cálculo nas medicións das coordenadas altimétricas de todo o estado español pon na picota a credibilidade do Instituto Xeográfico Nacional.
A referencia foi tomada no Mediterráneo en Alicante, e no seu momento os técnicos do Ministerio de Fomento non introduciron nas súas operacións unha variable trigonométrica fundamental que contempla a curvatura da codia terrestre, coñecida na xerga topográfica como a integral do coseno.
Como consecuencia deste desatino, para poder coñecer a correcta altitude dos concellos galegos é necesario restarlle ao número indicando na placa correspondente o doble da súa metade, multiplicar o resultado pola raiz cadrada do seu número de habitantes de xénero feminino e posteriormente sumarlle o 25% da cifra inicial multiplicado por 4
Tédeo en conta, por favor.

Foto: Altimetría de Antas. 555

luns, 26 de novembro de 2018

Mirón


A outonía provocadora adoita de se vestir unicamente coa delicadísima seda da néboa e adobiarse nas humidades propias do momento, exhibindo a súa louzanía impúdica con natural prestancia e incitante elegancia.
Por iso, se nos adentramos no seu hábitat natural, ninguén se debería turbar ao descubrir como o río goza de si mesmo en fervenzas e rápidos; ou se atopamos de súpeto unha sesión de lascivia grupal coa presenza dun inexperto e aprediz voyeur.
Ese mirón e mais nós somos os únicos pampos expectadores da festa rachada que vive a natureza.

Foto: Amor en grupo e mirón.

mércores, 31 de outubro de 2018

Manivela

Vimos moi ben equipados os humanos. De serie incorporamos importantes capacidades cognoscitivas e sensoriais. A meirande parte dos modelos son capaces de adquirir competencias para desenvolver as tarefas máis inverosímiles.
Despois hai algúns/algunhas dotadas dun acabado que lle ronca o prexigueiro...
Pero por enriba das características e dos acabados, o que máis chama a atención é a considerable desproporción entre a cativeza volumétrica dos nosos miolos fronte á superlativa capacidade do noso maxín. Poderíase dicir sen temor a erro que, na realidade, somos todo manivela!

Foto: Manivela.

domingo, 30 de setembro de 2018

Azul

Coa mente en branco, fuxindo de negruras, excitándonos en verde, provocativamente fucsias, exaltando vermellos, de delicado rosiña, agochados no gris, proclives a nos deixar engatusar por tonalidades amarelas, amando coralinas deidades, namorados de violácea lucería, ávidos de zumes laranxas, camuflados no marrón...; para rematar sempre entregados á sensualísima inmensidade azul...

Foto: A Arousa. Azulmente fermosa.

mércores, 29 de agosto de 2018

Carro

Rei da palleira, emperador da aira, marqués do agro, tren da corredoira, señor eterno do porte. Podador natural da silveira, escusa da roda, razón do ladrairo, encaixe da chavella, eixe da elegancia.
Elemento de prestancia, agocho da troitoira, príncipe da moda, magnate do transporte, coronel da chaira, exemplo de maneira, esvelto e lizgairo...
 Capitán xeneral do outeiro, pretexto do fueiro; en todo momento do agricultor, compañeiro.

Foto: Carro
(Xubilado campando no Museo de Melide)

martes, 31 de xullo de 2018

Marear

Pasou xullo, coma unha centella, polo almanaque. Os días de vacación (sempre poucos) non renden nada e axiña nos volven colocar na cotidianidade (sempre abrumadora) do picachón de tronzar pedras.
Alí quedan as ondiñas que veñen e van, as lanchiñas de pao de laranxo, os raíños de sol que entran polas ventaniñas e -sobre todo- alí quedan as rianxeiras (ou muradanas), que descalciñas pola area van -decididas- a marear.

Foto: Descalciña pola area.

domingo, 3 de xuño de 2018

Oxalá

Esta primavera de nuboeiros trouxo flores tardías á roseira do xardín. Ela -a roseira- dispuxo todo segundo as leis do parlamento vexetal. Regulou o crecemento despois da poda agresiva do xaneiro, acordou con espiñas dispares a protección do conxunto, enredouse por lei orgánica na celosía do valo e agromou por decreto folliñas verdes...
Agora, por sorpresa, un recendo novo xura e promete anegar con petaliños o chan desta silveira democrática, tan necesitada de erradicar olores que non eran -precisamente- aromas. Ogallá perduren. Oxalá o vexamos.

Foto: Rosiña con aspiracións de rosa.

xoves, 17 de maio de 2018

Palabra

Fíame amodiño coa guturalidade morna da nosa fala, éncheme de matices patrios, faime xirar co fuso da normalización nunha espiral de acentos que acrecentan a miña valía. Téceme na ledicia do que son, sen fíos alleos, con agullas propias. Permite que me afague na túa boca mentras me bordas con puntadas de saliva doce e quente. Tínxeme nos teus labios encarnados xusto antes de me proxectar ao ar azul e auditivo; despois... acaríñame coas túas mans brancas e afinadas trocándome nun son arpado.
Súbeme de nivel; faime palabra galega. Vogalízame!

Foto:Ambiente arpado.
Letras Galegas 2018

martes, 1 de maio de 2018

Porta

Horas de esmerada carpintaría para elaborar salvagarda e garantía da intimidade, de protección do fogar, de custodia da privacidade. 
Minucioso estudo material na procura da seguridade sen perder gallardía; coidada fábrica que ha de aportar lozanía sen menoscabo da eficacia.
Habilidosa colaboración entre xastres da garlopa e prateiros da forxa  para dotar de robusta esvelteza esta primordial peza, case flotante, que permitirá entrar ou denegar acceso co mínimo esforzo dun xiro circular, limpo, elegante...
Curmá maior de fiestras e xanelas, dona do paso, señora dos permisos, ama do franqueo, centinela absoluta con doble cometido; pois soamente ela foi construída para conceder licenza de entrada e  liberdade de saída.
Adecuada e firme, sempre atinada; aberta ou pechada...non importa!

Foto: Porta. Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.

domingo, 1 de abril de 2018

Cravuñar

O movemento sensual do segador de gadaña está en extinción. Primeiro foron as ducias de "bertolinas" as que lle puxeron o pé na gorxa a aquel baile de salón interpretado a ceo aberto. Despois chegaron as rotativas para finiquitar a artística e semicircular danza dos trolleiros.
O samurai das brañas; coa fusiforme pedra de aguzar no cinto, encartuchada nun corno operado para tal fin, xa non emula aos pistoleiros do oeste americano campando nos praderíos.
Talvez nalgunha vella palleira atopedes, cuberta polo po do esquecemento, unha gadaña roma. Tinxidas pola ferruxe do desamparo, incluso sería posible dar cunha zafra durmindo a carón da picadeira; pero ben complicado vos resultará achar mans expertas que saiban cravuñar.
Emporiso a estampa do mosqueteiro da herba verde, do atleta da esgrima vexetal, xa se garda unicamente na memoria colectiva dos que tivemos a oportunidade de, un día, velo...segar.

Foto: Cravuñador ullán.