luns, 26 de novembro de 2012

Axexar

Estou en condicións de afirmar que os Neandertais xa utilizaban os buratiños e reganduxas das cavernas para fisgar. E seino simplemente por pura observación comportamental dos seus parentes actuais, que seguimos mantendo viva aquela vella teima de fisgar e axexar. 
Houbo un tempo no que consideraba que tal querencia  espreitadora viña dada por unha especial atracción cromosómica polos buratos; pero esa hipótese escarallóuseme cando observei o trunfo do facebook.

Foto: Furado de medio punto. Muiño do Corgo (Antas de Ulla)

sábado, 17 de novembro de 2012

Pateira

Da sementeira á meda, despois á tulla, transformación no muiño para vir levedar na artesa.  O zea mays, secale cereale ou o triticum aestivum chegaban á mesa pasando polas mesmas mans; demostrando que nosos avós, carentes de altas tecnoloxías, manexaban unha autosuficiencia que hoxe poría os pelos de punta ás grandes cadeas de alimentación.
En todo aquel alarde das capacidades, acadaban a excelencia coa xestión dos resíduos. Nada era lixo, todo resultaba útil. Para o aproveitamento da palla facían palleiros; e para manter o forno coma unha patena, dotábanos de pateira.
Moito ruido debe facer a tecnoloxía para permitirnos esquecer tanta sabiduría en tan pouco espazo de tempo.

Foto: Factoría panificadora. Alvidrón de Outeiro (Antas de Ulla)

xoves, 8 de novembro de 2012

Maquía

Pódense calcetar nobelos de fantasía con espitas de mentira; fiar con fusos de pedra liño nunca sementado. Pódense moer fanegas de gran sen madurar en muiños de fume; cocer pan sen amasar en artesas que xamais foron construídas. Vender quen non ten a quen non pode pagar; cobrar futuros en tempos pretéritos, enfiar agullas sen punta con fíos de charamela para coser mandís de ar...
Deber non se debía, pero facer fíxose; así que agora toca pagar ferrado por maquía. 

Foto: Bebé castiñeiro. Nacendo e aprendendo.

xoves, 1 de novembro de 2012

Zarrotes

Paseniñamente, sin facer ruido, buscando sitio entre as folliñas mortas que lles dan acubillo, van agromando caladiños dende o chan pardo e vivo. 
Mestúranse descaradamente co verde en alardes de poderío, mentras salpican a corredoira con puntos de picardía.
Bodoquiños brancos, figuras arbóreas en miniatura; son, en realidade, ideas da natureza con casca mamiña.

Foto: Zarrotiños en Alvidrón de Outeiro (Antas de Ulla)


venres, 19 de outubro de 2012

Bomba

Se almorzamos recortes sociais, xantamos novas cargas impositivas e ceamos listas de espera inasumibles, non pode sorprender que acabemos por excretar mala hostia e regurxitar decisións de voto profundamente meditadas.
Esa rutina de maldades tamén é a causante de que, cando contemplamos un fermoso bodegón de fina cantería con delicados adornos de lencería floral,  unicamente percibamos a inquedanza de ver -no medio e medio da estampa- unha ameazante e xigantesca bomba. Excesiva artillería para tanta fermosura.

Foto: Fina lencería floral. Cambados

domingo, 7 de outubro de 2012

Taconeo

No acelerón que lle deron ao mundo fai uns anos, as poleas transmisoras saltaron dos seus eixos e fóisenos de revolucións. Pasamos de mirar se as pitas tiñan o ovo meténdolles o dedo no cu a imprimirlle na casca un código de barras; de falar trivialidades cos veciños dende a solaina a pendurar intimidades a golpe de teclado no facebook...
Saltámonos un paso intermedio no terreo evolutivo que nos rabizou algunhas fases imprescindibles na aprendizaxe vital. E non é que nosas avoas non saiban indicarnos como se taconea; é que pretendemos taconear con bailarinas e acabará por resentirse o calcañar.

Foto: Taconeo silente. Rúa de Compostela.

luns, 1 de outubro de 2012

Rabeno

Non roubou (non sabe), non dixo mentiras (é sincero), non ten promesas pendentes de cumprir (non promete: fai), non quebrou balances (matematicamente certo), non renega da súa linguaxe (nin se lle ocorre ladrar para dicir un miau), non escindiu a súa estirpe (adica as súas capacidades a outras lerias)...
Moito antes da xornada de reflexión; antes incluso de iniciar o carrusel de trangalladas que se aveciña -comunmente coñecido como campaña electoral-; eu xa teño decidido cal é o meu candidato. Xa sei que é rabeno; pero as carencias dos outros empezan onde acaban as do meu.

Foto: Cartaz  electoral.

domingo, 16 de setembro de 2012

Arquitectura


Anos de entrenamento para o dominio do compás, lustros de aprendizaxes en cálculos de resistencias imposibles, vidas enteiras de planficación para deseñar harmoniosos entornos que non manquen a mirada. 
Todo ese esforzo grandioso para que despois chegue unha jabata con deportivas de goma e gafas de pasta, que supere tan doadamente anos de estudo do volume cunha pose que non oculta a súa esvelta arquitectura; simplemente pousando o seu cu morno na pedra dura.
Con tales distraccións a ver quen carallo atende ao estudo do urbanismo!

Foto: Agardando en A Guarda

martes, 11 de setembro de 2012

Recreo

Soan trompetas e claríns. Afíanse lápices e búscanse rotuladores novos para debuxar vellos corazóns de plastilina.
En tendedeiros cargadiños de Mimosín ondean mandilóns azuis de cadriños brancos, dispostos para impartir pedagoxías con tizas de cores.
E, no medio do fragor da batalla, os nenos de Primaria debatémonos entre o bulebule de saber se á mestra do ano pasado lle medrou a coleta, ou o temor por se tamén  nos van amolar cun recorte no recreo.

Foto: Entrenando para o recreo.

sábado, 1 de setembro de 2012

Oración

Riciño noso que estás na cabeza, 
encaracolado sexa o teu nome.
Veña a nós esa feitura;
e fágase a túa espiral, tanto á dereita como á esquerda.
Perdoa as nosas ansias por acariñarte,
como nós che perdoamos as cóxegas que nos provocas.
Déixanos caer na tentación de admirarte, 
e líbranos dos alisamentos.
Amén.

Foto: Nena dos rizos.

domingo, 26 de agosto de 2012

Alimento

Indispensable sintetizar as proteinas, vitaminas e outras substancias que -case de xeito exclusivo- extraemos dos alimentos que manducamos por vía oral, con posterior evacuación dos resíduos polas canles destinadas aos efectos.
Pero deslizarse a canchapernas dun cabaliño do demo que nos leva -en galope silente- entre o ar maino de agosto, para contemplar xuntos postais vivintes coma a que mirades...tamén alimenta, incluso por vía cutánea. Neste caso absórvese todiño. Non hai resíduos. Enerxía limpa!

Foto: Cabaliño do demo (inclinado), e máis eu (sobre a pedra); recargándonos.

luns, 20 de agosto de 2012

Remoer

Adoptamos maneiras para gustar, xeitos de caer ben; posturas para resultar sexis, condutas para semellar intelixentes, agradables, interesantes e atraíntes. Vestímonos con fíos tecidos nos teares máis existosos da aldea globalizada. Refregamos os pelexos propios en augas alleas para sorprender pituitarias con recendos excitantes. Facemos así coma quen que non cagamos nin botamos peidos,  non temos cera nas orellas, bosta nos miolos nin cagallas na intención...
Para inmortalizar ese babel das fantasías, retratámonos coa nosa mellor sonrisa profidén. E facémolo unicamente para impresionar;  pois o que nos pide o corpo é -simplemente- remoer.

Foto: O soño da miña dentista.

domingo, 12 de agosto de 2012

Sinfonía

Tensando cordas, quentando mans, axeitando mentes, coutando salaios,  buscando equilibrios. Establecendo pautas, termando pentagramas, relaxando pensamentos, afinando ideas.
Todo está listo para percibir, dende o mellor escenario, o concerto da natureza que interpreta a sinfonía do verde. 

Foto: Música de cámara en Antas de Ulla

mércores, 1 de agosto de 2012

Vacacións

Sempre considerei unha crueldade eses programas baseados en acoller nenos (maioritariamente) africanos durante unhas cantas semanas, para despois devolvelos para sempre á crua realidade do seu mundo sin medios nin posibilidades. Defendía eu (inxenuo) que a proposta ideal era enviar aos nosos infantes a aquelas latitudes para que aprendesen a valorar o que aquí menosprezan.
Pero agora veño caendo na conta que iso que fan cos miúdos africanos lévano facendo con nós durante toda a vida. Déixannos atisbar durante unhas semaniñas o que é realmente a vida, para despois espetarnos na realidade sin cocer. Ao noso programa, en troques de acollida, chámanlle vacacións.

Foto: Estado natural do ser humán

sábado, 14 de xullo de 2012

Collón

Hai singulares que nunca van sós. Un necesario complemento para acadar identidade. Un singular pluralizado que enche a frase, anega o suxeito e matiza o predicado; case prescindindo do verbo, e sin necesidade de cualificativos acada significado.
Presunción de tamaño como símbolo de valentía; sinalar ubicación como mostra de poderío; a simple alusión pretende un alarde de forza e supremacía.
O vulgo dilles collóns, pero a elitista clase política chámalle maioría absoluta.
En base a ela, mentras cuspen aplausos coas extremidades superiores, entre dentes musitan con cara de noxo: que se fodan os esmagados. Ademáis de poñer de manifesto a escasa educación do hemiciclo, queda claro que lles importamos un collón.

Foto: Zoco grande.

domingo, 8 de xullo de 2012

Perendengues

Un exército de economistas aflorou da facultade das alcantarillas para interpretar balances, analizar contas de resultados e pronosticar quebras.
Fuchican nas feridas nunha sorte de sadismo baduador que avanza en xeométrica progresión. Non veñen prescribir (que non saben), tan só diagnostican pavor sen límites e abismos ilimitados.
O asunto non ten pinta de parar até que alguén colla polos colares á estupidez reinante e se aplique a darlle un bo apretón nos perendengues. Mentras non apareza ese atisbo de cordura apreixadora, continuaremos neste magnífico estado de acolloamento xeneralizado.
Foto: Un par.

domingo, 1 de xullo de 2012

Remuíño

Viaxamos acotados pola angostura do leito que nos leva, inexorábel, cara o mar no que todos os manriques desembocamos ("a estas alturas do regato xa todos sabemos que os catro puntos cardinais son tres: norte e sur")
Claro que durante a viaxe podemos permitirnos curriscar entre unha beira e maila outra, provocando burbulliñas; ou incluso, ás veces, logramos encaracolarnos nun riciño acuoso que nos mergulla en sutís mareos de dulzura. A esa cabriola das ledicias, na que moemos de xeito reiterado as ilusións e mailas intencións de voltar río arriba, chamámoslle -garimosamente- remuíño.

Foto: Remuiño a carón do muíño, en O Corgo (Antas de Ulla)

mércores, 27 de xuño de 2012

Falaremos



Da gusto poder dar parabéns. Pero hai ocasións nas que un parabenízase con só mirar...Ogallá que estas virguerías tan ben feitas non fiquen unicamente niso: en virguerías.

martes, 12 de xuño de 2012

Respecto

Non vén nada mal atopar mensaxes que nos couten o irrespectuoso mal rollo, e que poñan freo a tanta xenreira perenne que poboa mentes e ánimos.
Acotar a dimensión das realidades para non fender máis leña da que precise o noso allar, semella un vieiro a reconsiderar. Que ultimamente cúspese en demasía nas mesmas caras; e case todas as caras merecen algún respecto.

Foto: Mensaxe da árbore. Lisboa

xoves, 7 de xuño de 2012

Tolemia

Na cascada de desvaríos, que entre todos fomos construindo, baleiramos de contido o esencial para encharcarnos no supérfluo. Fixemos do inciso teorema, do relativo absolutismo e as calmas trocámolas por premuras.
E asi, no medio de tanta infección de tolemias, ficamos alumando nos montes,  mentres agora temos as aulas a escuras...

Foto: Iluminaria da tolemia. 

venres, 1 de xuño de 2012

Mimo

Dar mimos vainos reportar a moi grata confusión de non saber con claridade se os damos ou os recibimos.
Cando o mero feito contemplativo se troca en pura ledicia, resulta sumamente complexo discernir se quen acaricia non é  realmente o acariciado.

Foto: Acariñando mimos


sábado, 26 de maio de 2012

Ameaza

Interpretando o barullo cotiá que se escoita en tertulias radiotelevisivas ou titulares de xornal, queda clariño que somos a infantería desarmada dunha terceira guerra non declarada. 
Xa sei que non se ven tanques esmagadores nin metralletas cuspindo plomo; pero que alguén me diga se non é unha crueldade vivir o día a día con milleiros de ameazadoras tizonas damoclianas suspendidas do arco celeste; mentras baixo os pés suben a temperatura para que nos vaiamos fritindo na nosa propia ensulla.

Foto: Ameaza escrita.Inculta, pero efectiva.

xoves, 17 de maio de 2012

Vixía

Vía das mensaxes, canle de pensamentos, pentagrama fonético de dulzuras intercaladas, reflexo do sentir, soporte da tenrura pronunciada, atril de aloumiños imaxinados. A ti apelo cando imaxino, en ti acougo cando me alporizo, de ti me sirvo para chorar, ler, dicir, calar... Lingua que brincas na lingua, mentras me salpicas de frescura, abrígame na amorosiña pronuncia de salaios que se albiscan na túa semántica e permite que argallemos como ser á vez viaxantes e vixiantes da túa propia existencia. (Día das Letras Galegas, 2012).

Post-edición: Días despois da publicación, unhas amizades do blogomillo musicalizaron este texto desta maneira.

Foto: Reflexo. A Picouta (Antas de Ulla)

domingo, 13 de maio de 2012

Reciclaxe

Os dereitos laborais conquistados pola clase traballadora despois de moitos anos de loita negociada; estanse indo ao carallo semana a semana, en menos do que canta un ministro.
Escudándose en argumentos de escasa validez pero de crúa efectividade, fusilan servizos, segan salarios e tronzan postos de traballo. Paralelamente, e a golpe de decreto, argallan novas cargas impositivas coa mesma  dilixencia coa que incrementan as existentes.
E, por riba, teñen a dureza de face suficiente como para pretender facernos ver que cada vez que nos amolan (hoxe veño eu amorosiño coa sintaxe), unicamente nos están brindando a magnífica oportunidade dunha reciclaxe.

Foto: Oficinista reciclado por Decreto real.

domingo, 6 de maio de 2012

Caldo

Da forza calórica que agatuña dende o ras da lareira, fungan milleiros de muxicas cara a cambota; para rematar en ringleiras de charamelas paracaidistas que tinxen de prateado o allar. Do recanto xurde -maxestuosa- a angarela, lucindo gramalleira tintineante e reixa. Prisioneiras mudas e recatadas, gardan loito perenne por centos de cepos e rachos sacrificados sobre a pedra maior en longas noites de xeada...
Pero tanta enxeñería ficaría infrautilizada se non fósemos capaces de descubrir as marabillas da mestura, nadando na superficialidade de cocer solo patacas; cando -coa mesma enerxía e base tecnolóxicas- podemos acadar o cumio culinario facendo un excelente, saboroso e completo caldo. Con unto incluido.

Foto: Argallando mesturas musicais. Con cachondeo incluido.