domingo, 16 de setembro de 2012

Arquitectura


Anos de entrenamento para o dominio do compás, lustros de aprendizaxes en cálculos de resistencias imposibles, vidas enteiras de planficación para deseñar harmoniosos entornos que non manquen a mirada. 
Todo ese esforzo grandioso para que despois chegue unha jabata con deportivas de goma e gafas de pasta, que supere tan doadamente anos de estudo do volume cunha pose que non oculta a súa esvelta arquitectura; simplemente pousando o seu cu morno na pedra dura.
Con tales distraccións a ver quen carallo atende ao estudo do urbanismo!

Foto: Agardando en A Guarda

martes, 11 de setembro de 2012

Recreo

Soan trompetas e claríns. Afíanse lápices e búscanse rotuladores novos para debuxar vellos corazóns de plastilina.
En tendedeiros cargadiños de Mimosín ondean mandilóns azuis de cadriños brancos, dispostos para impartir pedagoxías con tizas de cores.
E, no medio do fragor da batalla, os nenos de Primaria debatémonos entre o bulebule de saber se á mestra do ano pasado lle medrou a coleta, ou o temor por se tamén  nos van amolar cun recorte no recreo.

Foto: Entrenando para o recreo.

sábado, 1 de setembro de 2012

Oración

Riciño noso que estás na cabeza, 
encaracolado sexa o teu nome.
Veña a nós esa feitura;
e fágase a túa espiral, tanto á dereita como á esquerda.
Perdoa as nosas ansias por acariñarte,
como nós che perdoamos as cóxegas que nos provocas.
Déixanos caer na tentación de admirarte, 
e líbranos dos alisamentos.
Amén.

Foto: Nena dos rizos.

domingo, 26 de agosto de 2012

Alimento

Indispensable sintetizar as proteinas, vitaminas e outras substancias que -case de xeito exclusivo- extraemos dos alimentos que manducamos por vía oral, con posterior evacuación dos resíduos polas canles destinadas aos efectos.
Pero deslizarse a canchapernas dun cabaliño do demo que nos leva -en galope silente- entre o ar maino de agosto, para contemplar xuntos postais vivintes coma a que mirades...tamén alimenta, incluso por vía cutánea. Neste caso absórvese todiño. Non hai resíduos. Enerxía limpa!

Foto: Cabaliño do demo (inclinado), e máis eu (sobre a pedra); recargándonos.

luns, 20 de agosto de 2012

Remoer

Adoptamos maneiras para gustar, xeitos de caer ben; posturas para resultar sexis, condutas para semellar intelixentes, agradables, interesantes e atraíntes. Vestímonos con fíos tecidos nos teares máis existosos da aldea globalizada. Refregamos os pelexos propios en augas alleas para sorprender pituitarias con recendos excitantes. Facemos así coma quen que non cagamos nin botamos peidos,  non temos cera nas orellas, bosta nos miolos nin cagallas na intención...
Para inmortalizar ese babel das fantasías, retratámonos coa nosa mellor sonrisa profidén. E facémolo unicamente para impresionar;  pois o que nos pide o corpo é -simplemente- remoer.

Foto: O soño da miña dentista.

domingo, 12 de agosto de 2012

Sinfonía

Tensando cordas, quentando mans, axeitando mentes, coutando salaios,  buscando equilibrios. Establecendo pautas, termando pentagramas, relaxando pensamentos, afinando ideas.
Todo está listo para percibir, dende o mellor escenario, o concerto da natureza que interpreta a sinfonía do verde. 

Foto: Música de cámara en Antas de Ulla

mércores, 1 de agosto de 2012

Vacacións

Sempre considerei unha crueldade eses programas baseados en acoller nenos (maioritariamente) africanos durante unhas cantas semanas, para despois devolvelos para sempre á crua realidade do seu mundo sin medios nin posibilidades. Defendía eu (inxenuo) que a proposta ideal era enviar aos nosos infantes a aquelas latitudes para que aprendesen a valorar o que aquí menosprezan.
Pero agora veño caendo na conta que iso que fan cos miúdos africanos lévano facendo con nós durante toda a vida. Déixannos atisbar durante unhas semaniñas o que é realmente a vida, para despois espetarnos na realidade sin cocer. Ao noso programa, en troques de acollida, chámanlle vacacións.

Foto: Estado natural do ser humán

sábado, 14 de xullo de 2012

Collón

Hai singulares que nunca van sós. Un necesario complemento para acadar identidade. Un singular pluralizado que enche a frase, anega o suxeito e matiza o predicado; case prescindindo do verbo, e sin necesidade de cualificativos acada significado.
Presunción de tamaño como símbolo de valentía; sinalar ubicación como mostra de poderío; a simple alusión pretende un alarde de forza e supremacía.
O vulgo dilles collóns, pero a elitista clase política chámalle maioría absoluta.
En base a ela, mentras cuspen aplausos coas extremidades superiores, entre dentes musitan con cara de noxo: que se fodan os esmagados. Ademáis de poñer de manifesto a escasa educación do hemiciclo, queda claro que lles importamos un collón.

Foto: Zoco grande.

domingo, 8 de xullo de 2012

Perendengues

Un exército de economistas aflorou da facultade das alcantarillas para interpretar balances, analizar contas de resultados e pronosticar quebras.
Fuchican nas feridas nunha sorte de sadismo baduador que avanza en xeométrica progresión. Non veñen prescribir (que non saben), tan só diagnostican pavor sen límites e abismos ilimitados.
O asunto non ten pinta de parar até que alguén colla polos colares á estupidez reinante e se aplique a darlle un bo apretón nos perendengues. Mentras non apareza ese atisbo de cordura apreixadora, continuaremos neste magnífico estado de acolloamento xeneralizado.
Foto: Un par.

domingo, 1 de xullo de 2012

Remuíño

Viaxamos acotados pola angostura do leito que nos leva, inexorábel, cara o mar no que todos os manriques desembocamos ("a estas alturas do regato xa todos sabemos que os catro puntos cardinais son tres: norte e sur")
Claro que durante a viaxe podemos permitirnos curriscar entre unha beira e maila outra, provocando burbulliñas; ou incluso, ás veces, logramos encaracolarnos nun riciño acuoso que nos mergulla en sutís mareos de dulzura. A esa cabriola das ledicias, na que moemos de xeito reiterado as ilusións e mailas intencións de voltar río arriba, chamámoslle -garimosamente- remuíño.

Foto: Remuiño a carón do muíño, en O Corgo (Antas de Ulla)

mércores, 27 de xuño de 2012

Falaremos



Da gusto poder dar parabéns. Pero hai ocasións nas que un parabenízase con só mirar...Ogallá que estas virguerías tan ben feitas non fiquen unicamente niso: en virguerías.

martes, 12 de xuño de 2012

Respecto

Non vén nada mal atopar mensaxes que nos couten o irrespectuoso mal rollo, e que poñan freo a tanta xenreira perenne que poboa mentes e ánimos.
Acotar a dimensión das realidades para non fender máis leña da que precise o noso allar, semella un vieiro a reconsiderar. Que ultimamente cúspese en demasía nas mesmas caras; e case todas as caras merecen algún respecto.

Foto: Mensaxe da árbore. Lisboa

xoves, 7 de xuño de 2012

Tolemia

Na cascada de desvaríos, que entre todos fomos construindo, baleiramos de contido o esencial para encharcarnos no supérfluo. Fixemos do inciso teorema, do relativo absolutismo e as calmas trocámolas por premuras.
E asi, no medio de tanta infección de tolemias, ficamos alumando nos montes,  mentres agora temos as aulas a escuras...

Foto: Iluminaria da tolemia. 

venres, 1 de xuño de 2012

Mimo

Dar mimos vainos reportar a moi grata confusión de non saber con claridade se os damos ou os recibimos.
Cando o mero feito contemplativo se troca en pura ledicia, resulta sumamente complexo discernir se quen acaricia non é  realmente o acariciado.

Foto: Acariñando mimos


sábado, 26 de maio de 2012

Ameaza

Interpretando o barullo cotiá que se escoita en tertulias radiotelevisivas ou titulares de xornal, queda clariño que somos a infantería desarmada dunha terceira guerra non declarada. 
Xa sei que non se ven tanques esmagadores nin metralletas cuspindo plomo; pero que alguén me diga se non é unha crueldade vivir o día a día con milleiros de ameazadoras tizonas damoclianas suspendidas do arco celeste; mentras baixo os pés suben a temperatura para que nos vaiamos fritindo na nosa propia ensulla.

Foto: Ameaza escrita.Inculta, pero efectiva.

xoves, 17 de maio de 2012

Vixía

Vía das mensaxes, canle de pensamentos, pentagrama fonético de dulzuras intercaladas, reflexo do sentir, soporte da tenrura pronunciada, atril de aloumiños imaxinados. A ti apelo cando imaxino, en ti acougo cando me alporizo, de ti me sirvo para chorar, ler, dicir, calar... Lingua que brincas na lingua, mentras me salpicas de frescura, abrígame na amorosiña pronuncia de salaios que se albiscan na túa semántica e permite que argallemos como ser á vez viaxantes e vixiantes da túa propia existencia. (Día das Letras Galegas, 2012).

Post-edición: Días despois da publicación, unhas amizades do blogomillo musicalizaron este texto desta maneira.

Foto: Reflexo. A Picouta (Antas de Ulla)

domingo, 13 de maio de 2012

Reciclaxe

Os dereitos laborais conquistados pola clase traballadora despois de moitos anos de loita negociada; estanse indo ao carallo semana a semana, en menos do que canta un ministro.
Escudándose en argumentos de escasa validez pero de crúa efectividade, fusilan servizos, segan salarios e tronzan postos de traballo. Paralelamente, e a golpe de decreto, argallan novas cargas impositivas coa mesma  dilixencia coa que incrementan as existentes.
E, por riba, teñen a dureza de face suficiente como para pretender facernos ver que cada vez que nos amolan (hoxe veño eu amorosiño coa sintaxe), unicamente nos están brindando a magnífica oportunidade dunha reciclaxe.

Foto: Oficinista reciclado por Decreto real.

domingo, 6 de maio de 2012

Caldo

Da forza calórica que agatuña dende o ras da lareira, fungan milleiros de muxicas cara a cambota; para rematar en ringleiras de charamelas paracaidistas que tinxen de prateado o allar. Do recanto xurde -maxestuosa- a angarela, lucindo gramalleira tintineante e reixa. Prisioneiras mudas e recatadas, gardan loito perenne por centos de cepos e rachos sacrificados sobre a pedra maior en longas noites de xeada...
Pero tanta enxeñería ficaría infrautilizada se non fósemos capaces de descubrir as marabillas da mestura, nadando na superficialidade de cocer solo patacas; cando -coa mesma enerxía e base tecnolóxicas- podemos acadar o cumio culinario facendo un excelente, saboroso e completo caldo. Con unto incluido.

Foto: Argallando mesturas musicais. Con cachondeo incluido.

martes, 1 de maio de 2012

Choio

Cando o ferreiro da forma a un labor de forxa; calcula, mide, quenta e moldea. O froito do seu traballo ten un prezo ao que hai que engadir os custes de produción e mailos de materia prima. Sumados impostos (aquí todo cristo sabe mamar) o ferregancho atopa dono que o adicará á tarefa para a que foi concebido.
E ata que o ferro fenda a súa historia económica remata.
Remata se o ferreiro non se nos mete na SGAE; que nese caso, cada vez que alguén nos arrole a aldraba virán detrás os sgaeiros a tocarnos as bisagras e arrolarnos a carteira. É como se o ferreiro tivera produción única pero cobros en cadea (seguir mamando aeternum). Isto sí que é un choio e non angazar na folla!

Foto: Armela inocente.

luns, 23 de abril de 2012

Políglotas

Moito se afanaba don Victoriano en facernos ver as vantaxes de coñecer idiomas. Por iso nos facía rezar en francés ao comezo de cada clase (de xurar en arameo xa nos encargabamos nós cando poñía as notas). 
Axiña soubemos que o inglés tiña máis futuro; xusto cando nos decatamos que o chinés viña pisando forte...
Con este galimatías, menos mal que nos queda a sabiduría popular para permitirnos ser políglotas. Incluso eludindo o pago de sobretaxa universitaria.

Foto: Fonética aplicada. Lección 1

venres, 20 de abril de 2012

Brinde

Nestes tempos de eufemismos baratos que nos falan de reformas, cando en realidade o que acometen son machetazos na liña de flotación do sistemas educativo, sanitario, laboral... Tempos de palabras lenes e baleiras pronunciadas por políticos de carteiras cheas e caras pétreas. Tempos nos que os cidadáns de a pé temos que cobrar menos, traballar máis, pagar mais impostos, recibir menos servizos sociais e -para coroar a monarquía do absurdo- coa calderilla que nos quede, debemos aplicala a reactivar a economía. 
E mentras chove polas nosas cabezas, eles seguen protexidos cos paraugas das exencións e parapetados cos impermeables dos privilexios...
Chegados a este punto, para envainar ánimos e acougar intencións; propoño un brinde co elixir da imaxe. Pero como eu vou estar ocupado traballando, pagando e reactivando...que brinden eles!

Foto: Licor para políticos nefastos.

mércores, 11 de abril de 2012

Ulla

Por máis que o Ministerio de Fomento diga, presuposte ou predique; Machado tiña razón: os camiños fanse ao andar. Noutro caso solo son cicatrices de alquitrán sobre a sensible codia terráquea.
Nesa mesma verdade do mestre tamén cabe o feito de que en Antas todos os camiños, carreiros e atallos -semánticos e xeográficos- desembocan, por forza, no Ulla. De xeito e maneira que case podemos afirmar que en Antas non poderás entrar sin o Ulla ter que cruzar (ou pronunciar).

Foto: Tanto ten.

venres, 6 de abril de 2012

Librando

E cando a luz abre en canal a realidade nada minimiza as intensidades nin acouga salaios. Todo o contrario. As arritmias toman cariz de normalidade e o corazón multiplícase en sístoles de xenerosidade para dar resposta a tanta demanda.
As pálpebras bagoan e non aturan; pero aturan e bagoan.
Namentras , na retina, un millón de mensaxes van e veñen en puro desenfreno demostrativo da batalla que dentro dos miolos se está librando.

Foto: Abril tamén.

domingo, 1 de abril de 2012

Libando

Entre acougos e salaios arrincamos follas a un almanaque de docilidades e asperezas; a través do que continuaremos na procura das ledicias agochadas en curvas perigosas con ángulos cegos e círculos viciosos.
Unha vez franqueado o pórtico; coas pálpebras entornadas, ficaremos nunha quietude inqueda, sentíndonos acollidos por columnatas de pétalos e alimentados por pistilos de dulzura que provocan tremores inmedibles por escalas coñecidas, sementando confusión sobre quen liba e quen expele...

Foto: Libando en abril.

sábado, 24 de marzo de 2012

Convicción

Devoción na mirada, interés na expresión, cercanía na postura e calidez  alevosa no rictus facial...
A linguaxe corporal tamén comunica moitísimo; así que en ocasións resulta axeitado desplegar ese recurso silente para  acadar obxectivos moi ambiciosos.
Claramente interpretado o código é cando o receptor da mensaxe empeza a musgar os ollos e distender a mente, ficando únicamente coa firme convicción de que o único que pode ser mellor que un bico...son dous!

Foto: Por partida doble, en Caldelas (Antas de Ulla)