
Coa fachenda de sentirnos fillos da Galicia nai que hoxe celebra o seu día e percibindo que o azul e o branco son as verdadeiras cores dos nosos corazóns, quero expresar unha vez máis a miña ledicia de sentirme galego. Hoxe e tamén os outros 364 días de cada ano!
En pé! Irmáns!
En pé, sereos,
a limpa frente erguida,
envoltos na brancura
da luz que cai de riba,
o corazón aberto
a toda verba amiga,
e nunha man a fouce
e noutra man a oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia,
cantémo-lo dereito a libre nova vida!
Validos de treidores
a noite da Frouseira
á patria escravizaron
uns reises de Castela.
Comestas polo tempo,
xa afloxan as cadeas…
Irmáns asoballados
de xentes extranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
e ó pé da enseña da nazón galega
cantémo-lo dereito a libertar a Terra!
Irmáns no amor á Suevia
de lexendaria historia,
en pé! en pé dispostos
a non morrer sin loita!
O día do Medulio
con sangue quente e roxa
mercámo-lo dereito
á libre honrada chouza!
Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
A oliva nunha man, a fouce noutra,
berremos alto e forte:
“A nosa terra é nosa!”
Ramón Cabanillas
Foto. As miñas bandeiras: Antas de Galicia