sábado, 28 de xuño de 2008

Académicos

Xa teño falado da osadía das comparanzas; pero despois de sentada esa premisa hai ocasións nas que o método comparativo permite establecer baremacións entre duas ou mais cuestións ás que se lles supón algo en común. Ainda que se diga que non se deben xuntar churras con merinas, semella lexítimo discernir as propiedades cualitativas da lá ou as cuantitativas de leite de cada unha delas...
Chegado a este punto pregúntome con teimuda vehemencia cal será o motivo polo cal o Diccionario da RAE comete un clarísimo vilipendio cando define o termo "gallego" , na sua acepción de idioma . Tal menosprezo percíbese axiña se o comparamos coa definición atribuida a "catalán".
Seica o galego non é unha "lingua romance vernácula"?. Acaso os galegos que falan en castelán están tamén falando en galego? (gallego: lengua de los gallegos)
Deberíamos axudar aos Académicos da lingua española a limpar, fixar e dar esplendor a unha lingua, sen menoscabo doutra.

Foto: Un capulliño marelo de Antas para os académicos españois

xoves, 19 de xuño de 2008

Estímulos

Millóns de conexións neuronais transmiten centos de impulsos que o noso cerebro asimila cada milésima de segundo e que obteñen unha resposta que non sempre resulta perceptible ao individuo, quedando en meros impulsos ou simples respostas reflexas.
Cada estímulo, xa sexa sensorial ou nun plano que comporta aditamentos máis emocionais, desencadea unha serie de reaccións químicas que supoñen un considerable consumo enerxético da masa cerebral.
Ainda con esas, a mente humana é capaz de interpretar unha cantidade inxente de información de xeito simultáneo, permitindo afirmar que somos multitarea. (Din algunhas mulleres que os varóns temos esa capacidade menos desenvolvida, pero eu penso que o din con coña...).
Pero, claro; como son tantísimas e tan variadas as mensaxes que recibimos a cotío, non sempre somos quén de procesalas todas coa idoneidade axeitada. Así hai veces que non nos percatamos da tonalidade cromática do semáforo da nosa vida e...saltámolo en vermello!

Imaxe: Escaneado de pétalos de Antas. (Resío virtual da noite de S. Xoán)

venres, 13 de xuño de 2008

Venres

Comparar case sempre comporta odiosos resultados. A reivindicación do único e do diferente resulta faciliño de defender e de sentencia doadamente favorable.
Unicamente as licencias poéticas permiten alegatos de confrontación semántica con un mínimo de posibilidade exitosa. Por elo hoxe revélome coa osadía necesaria para poñerlle imaxe a un día da semán.
Que prodixiosa resulta a natureza, que ainda con folgas, crises, desaceleracións e dificultades de abastecemento, é capaz de agasallarnos os sentidos con tanta voluptuosidade, colorido e suma beleza!.

Foto: Venres en Antas. (Que ben escoltado está o capullo)

martes, 10 de xuño de 2008

Instruccións

Non rompas a roupa. Coida as botas novas, que non imos mercar outras este inverno. Non corras, mira por onde vas. Para un pouco. Come ben. Lávate as mans. Obedece. Non te levantes da mesa.
Estudia. Non te manches. Non te manques. Non bebas.
A ver con quen vas. Volve cedo.
Canta retórica gastamos e cantas instruccións reiteradas. O mundo móvese, entre outras lerias, a base de repetir e repetir. E ainda así pasa o que pasa... (a ver a quén carallo se lle ocurría dicirlle que non se tatuase!!)
E despois teñen medo para ir donar. Hai que joderse co telediario!

Foto: Danos colaterais .

xoves, 5 de xuño de 2008

Listura

Hainos que carrexan os recibos da hipoteca vital con tanto donaire, que mesmo semellan satisfeitos da sua carga financieira.
Dese xeito presumen diante dos seus endeudados familiares e amigos de ser os mellores negociadores a este lado da aldea e, por mor dese innato coñecemento macroeconómico, gábanse de soportar unha TAE de euríbor menos varios puntos.
O director da sua sucursal consúltalles diariamente a paridade Euro/Dólar/Yen antes de que marchen impartir cursiños de renta variábel no corriño que se fai arredor da pista de petanca cada tarde; onde alardean de ter vendido os seus calcetíns usados no mercado de futuros de economías emerxentes...
E cando sae o sol amosan os seus corniños retráctiles mentras arrastran a listura polas babas da sua hipotecada cónchega calcárea e gris.

Foto: Caracoliño

luns, 2 de xuño de 2008

Agolada

As ducias de obxectivos fotográficos que captaron miles de imaxes en Agolada o pasado sábado non son nadiña comparadas coas gratísimas sensacións que vivimos nesa xornada lúdica, emocionante e moi enriquecedora.
Agolada ten un patrimonio de incalculable valor etnográfico configurado polo entorno dos Pendellos e unha paisaxe absolutamente emocionante arredor do Arnego; pero o día 31 tamén confirmamos que o patrimonio máis valioso sodes vos mesmos, os aqualatenses que soupestes poñer en valor coa erudición do saber, perfectamente aderezada coa paixón do amor polo voso pobo. Graciñas a todos e a todas.
Foi un pracer coñecer aos blogueiros e blogueiras que compartiron a experiencia (a mesa e o mantel e tamén os sudores no sobreiral).
E do mesmo xeito que tratamos, non sin dificultade, escoller unha imaxe do día; eu quero reseñar un intre máxico: escoitar a Xosé Vázquez Pintor recitando os seus propios versos no sobreiral do Arnego. Un absoluto privilexio.

Foto: "Auga captada"

martes, 27 de maio de 2008

Garbo

Resulta imposible imaxinar un país sin funcionarios.
Nada funcionaría. Os nenos non aprenderían a ler, non teríamos sanitarios atentos á nosa saúde, non se administraría xustiza, non se recadarían impostos, non habería orde público, ninguén vixiaría aos presos, non se xestionarían as pensións...
A sociedade en xeneral apuntálase na existencia dos funcionarios. Debo engadir que o meu propio círculo de amistades e familiar quedaría drasticamente mermado se decretasen a extinción da "raza" funcionarial.
O carallo é que algúns destes consideran que, despois da durísima oposición que pasaron fai tres quinquenios e das inhumanas probas que supuxeron as promocións internas superadas, xa cumpliron o seu cometido laboral. Estes son os que, cando te achegas ao seu centro de traballo, mírante con garbo e altanería. Tamén son os culpables de que a todos se lles colgue o sambenito de perguiceiros, ineficaces e totalmente prescindibles.

Foto: Marela. A vaca funcionaria do Anxeliño

xoves, 22 de maio de 2008

Altruismo

Hoxe traio unha historia que me transmitiu a blogueira de Barreiro (Portugal), Elvira Carvalho, e que me provocou unha fonda reflexión sobre canto nos pode ensinar a inocencia dun meniño. Para non mermar a intensidade orixinal do relato, transcriboo en portugués:

"Há muitos anos atrás quando eu trabalhava no hospital de Stanford, conheci uma menina chamada Liz, que sofria de uma estranha enfermidade, cuja única esperança de salvação era uma transfusão de sangue de seu irmão, de cinco anos que idade, que milagrosamente havia sobrevivido à mesma doença e tinha desenvolvido anticorpos necessários para combatê-la. O doutor explicou a situação ao menino e lhe perguntou se estaria disposto a doar sangue a sua irmã. Eu o vi duvidar apenas por um momento, antes de dizer com um suspiro:

- Sim eu o farei se isso salva a Liz.

Enquanto durava a transfusão, o menino estava recostado numa cama ao lado da de sua irmã, olhando sorridente enquanto nós assistíamos a ele e a sua irmã, enquanto víamos as cores voltarem ás faces da menina. Então o menino empalideceu e perguntou com voz temerosa ao médico:

-Doutor, a que horas vou começar a morrer?

Tendo apenas 5 anos ele não compreendera o médico. Pensava que para salvar a irmã teria que dar todo o seu sangue e morrer. Mesmo assim ele lho dava."

Con vontades tan decididas non resulta doado comprender cal é a razón pola que os adultos de Galiza non acadamos a recomendación da OMS de 40-60 doazóns por cada mil habitantes/ano. En Antas temos ocasión de amosar a nosa tasa de solidariedade e altruismo o vindeiro sábado. Se queredes vir...vémonos a carón da Unidade Móbil.

Foto: Doazón en Antas de Ulla. Cartel

sábado, 17 de maio de 2008

Galego


(Letras Galegas 2008)

DEITADO FRENTE Ó MAR...

Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño...

Celso Emilio Ferreiro. Longa Noite de Pedra

sábado, 10 de maio de 2008

Tamaños

Dise que non acada os cumios de felicidade o que máis ten, se non o que menos precisa. Así poderíamos ir deducindo que o reinado da ledicia rebecha nos campos da ignorancia e asómase dende a solaina da incultura coa osadía do non saber; pero hai moito atino na afirmación daquel dito.
Ainda que o verbo "conformar" non ten doada conxugación para os humanos -virtude que propiciou avances, progreso e tecnoloxía-; sin nomear agora as contras de tanta civilización, compre discernir con claridade que non fai falla ser grande para amosar grandeza.

Foto: Feira do dez en Antas de Ulla. Camión da cervexa

domingo, 4 de maio de 2008

Propiedade

Por máis que nos ensalcemos como defensores do ben tribal e da nosa colectividade, queda clariño que "somos o que facemos" (o que comemos axúdanos a seguir sendo).
Ainda que se postulen defensas a ultranza do ben común, o postulante acaba por poñerlle alambradas ó monte, valos á leira e setos á aira.
Con estes vimbios construimos o cesto da nosa exigua propiedade fincable, sin alporizar tan siquera o máis mínimo sentido do ridículo.

Foto: O carballo: un membro máis da unidade familiar.

domingo, 27 de abril de 2008

Fraxilidade

Nada hai que suscite tanta grandiosidade como o feito vital. Ese mecanismo mediante o cal os seres vivos constituen máquinas perfectas que paulatinamente van adquirindo -con inusitada semellanza- pautas e vicios.
Do calor e suavidade uterinas, que nos reporta alimento e vida, pasamos á silveira punzante e fría que nos prodigará ledicias e placeres; pero tamén algunha que outra ferida.
Sorprende a vigorosa fraxilidade coa que iniciamos ese percorrido.

Foto: gatiño recén nado nunha silveira de Antas de Ulla

mércores, 16 de abril de 2008

Elevación

O novo goberno do estado español está constituido, por vez primeira na sua historia, por o mesmo número de mulleres que de homes. Fartámonos de recoñecer nestes días que pouco importa o sexo de quenes ostenten o poder, concordando todos en que o máis relevante vai ser a eficacia na sua xestión e o atino na execución.
Ilusionémonos coa mesura axeitada, sin botar as campás todas ao vento.
A neglixencia, canto máis elevada se poña, o único que vai lograr será unha exacerbación da sua propia evidencia. E, nin homes nin mulleres, estamos libres de ser doctores da ineficacia.

Foto: Máis cerca de Dios por mor dunha "paleadora"

xoves, 10 de abril de 2008

Insultos

Existe unha teima nos humanos por insultar aos conxéneres mediante o emprego de nomes de animais. Decir que "eres un animal" non adoita ser un piropo. Se a intelixencia non acompaña din que "eres un burro" , cando resultas pesado dinche "mosca cojonera" , se eres moi malvado apélante de "víbora", e se fas o parvo chámante á orde decindo que "non fagas o mono".
No lado discriminatorio femenino non quero tocar o tema de cando a algunha a comparan coas parellas do zorro ou do galo...
Vivimos rodeados de animais, os cales resultan as víctimas propiciatorias de moitísimas "humanadas". E eles calan mirándonos mentras, de seguro, pensan: "estades como cabras", por moi sapiens que sexades!

Foto: Cabuxiña con axóuxere nun prado de Vilanuñe (Antas de Ulla)

sábado, 5 de abril de 2008

Espido

Miles de millóns se invisten cada minuto en deseños para vestir os esqueletos, e non so coa fin de protexer dos elementos, se non perseguindo a mellora estética da tan valorada "imaxe".
Resulta imposible afirmar que non logran ese obxectivo (con uns modelos téñeno máis doado que con outros...), como tamén resultaría carente de certeza se digo que non me teño rendido a algunhas "tendencias"; pero ben é certo que a miña ferramenta preferida para relacionarme sempre foi a palabra; ou mellor dito: a conversa (feixe de palabras).
Sin adornos nin adicións tamén podemos ser atraíntes. Somente coa cara lavada, mostrando as interioridades e sin agochar segredos baixo peles sintéticas.

Foto: Hórreo espido no lugar de Outoniño (Antas de Ulla)

luns, 31 de marzo de 2008

Conmutación

Un proverbio árabe reza algo así como que somente hai tres cousas que non deixan pegada: un paxaro no ceo, un peixe no mar e un home nunha muller...
Pois vai ser que non se cumple a propiedade conmutativa nestas aseveracións.
Se resulta incomprensible non poder enmarcar o voo dun paxaro na liberdade do ceo e se inimaxinable semella un peixe sin o seu mar; que dicir do libro branco que somos os homes antes de que nas nosas follas escriba unha mulller?.

Foto: Illa de Arousa. Incluso visto parcialmente...deixa pegada!

luns, 24 de marzo de 2008

Velocidade

Din que o tren de alta velocidade chegará a Galiza un lustro destes. Boeno, está moi ben iso. Unhas boas comunicacións seica son augurio de progreso, desenvolvemento e civilización.
Hoxe todo ten que ser con presas, se non xa semella que non ten mérito nin valía. E, pola contra, no disfrute persoal sempre perseguimos aquelo que podemos facer de vagariño.
Compre que atopemos ese equilibrio no que as premuras e maila inmediatez se dobleguen diante da calma e o sosego. A mente dos nenos de aldea coma min, non sei se saben viaxar con alta velocidade.

Foto: Tráfico desconxestionado na "peaxe" de Vilapoupre (Antas de Ulla)

sábado, 22 de marzo de 2008

Mamá

Ti viches como eu, alimentado de ti e por ti, chegaba a este mundo rollizo e forte. Eu, impotente, so puiden contemplar como o ías abandonando débil e paseniñamente.

Nas tuas mans respirei as primeiras bocanadas dun aire vital. Nas miñas exhalaches os últimos suspiros do teu corpo canso. No teu colo dormín sonos profundos e mamei tantos mimos como fun capaz de succionar. Xenerosa ti, que satisfacías con ternura os meus egoismos.
O terrible deterioro que te foi consumindo como unha veliña non será quen de borrar todo canto me deches neses abrazos inmenos, naqueles bicos guturais, nas miradas dos teus olliños pequenos de mirada ancha, nos salaios das carencias de antano e na fachenda brillante da tua mirada por verme medrar...
Ti, acolledora sempre, segues co teu seno aberto para min. Protéxeme como sempre fixeches, mamá.

mércores, 12 de marzo de 2008

Utilidade

Cada vez con máis énfase os partidos políticos maioritarios fan pivotar o seu márketing coa recurrida suxerencia do “voto útil”. Detrás desa cortina escóndese unha monumental agresión á esencia da democracia representativa. Para quen é útil o voto?

Baixo o argumento de que cada provincia elixe aos seus representantes, en función de criterios supostamente poboacionais, finalmente acádanse paradoxas no Parlamento como que unha forza política que obtén 652.000 votos tiña 8 deputados e outra con 1.284.000 contase somente con 5. Seica son inútiles máis de medio millón de votantes desta última formación?.

E por se fose pouco aqueles representantes provinciais elexidos sométense durante catro anos á “disciplina de partido”, sen distinguirse á hora de votar se son de Lugo, de Cáceres ou de Murcia, diferenciándose unicamente se están sentados á dereita ou á esquerda do hemiciclo. Faime esto entrar nunha severa dúbida de cales votos son máis inútiles…

Compriría unha modificación do sistema electoral que contemple as listas abertas -primando así a valía persoal diante do poder partidario- e maila adecuación representativa dos votos obtidos.

Será preciso para elo unha importante presión social, xa que o establishment bipolarizador no que estamos entrando favorece precisamente aos que terían que abordar dita reforma.

Unha persoa, un voto. Sempre útil.

Foto:" Parlamento forestal" en Vilapoupre. Un espazo, un pino...

sábado, 8 de marzo de 2008

Sangue

O sangue derramado salpícanos a todos. Nada podemos entender nesa sinrazón que so atina a poñer cadáveres enriba da mesa como argumento. Sangramos todos por esa ferida que nos drena o líquido vital e que lles drena aos asasinos a pouca materia gris que se lles podía supoñer.
Quen na súa mínima cordura pode considerar viable que acadará o seu máximo obxectivo segando vidas, non pode ter o respeto de ningún dos momentáneos supervivintes (todos estamos no seu punto de mira, tan so por non pensar coma eles, non fai falla ser exconcelleiro, nin garda civil nin militar).
Con cada asasinato caban máis fonda a sua propia tumba. Con cada tumba reabren unha ferida que os alonxa e que nos anoxa, se cabe, máis do que xa nos tiñan.

Foto: Carballo tronzado

venres, 29 de febreiro de 2008

Maternal

Nada supera en ledicia e agarimo ao acollemento maternal. Ese xeito de brindar un protectorado de absoluta ternura e de constitucional entrega, non atopa posible comparanza no Universo.
Incontestable exemplo de amor sin condición. Incondicional mostra de ternura sin contestación.
Mamar mimos é unha das accións máis nutritivas para a mente en crecemento [e incluso xa ben medradiña tamén]. Ese alimento intanxible pero palpable e sabedeiro, é o xoromelo da sensibilidade plantada no noso ser dende o peito maternal.

(Dise que unha nai coida oito fillos e que, ás veces, oito fillos non son quén de coidar dunha nai. Incongruencias da natureza humán!)

Foto: Añiños mamando mimos en Santa Cristina de Areas (Antas de Ulla)

mércores, 27 de febreiro de 2008

Agudeza

Clasificar en base aos éxitos ou como consecuencia de fracasos son duas formas tendenciosamente perversas de catalogar ás persoas.
Seguramente as intencionalidades, xunto coa metodoloxía empregada para acadar aquelas intencións, son máis xustas para valorar con eficacia.
Pero no mundo actual, de primacía exclusiva dos resultados, non abondan as vontades. Cómpre saber transmitir ideas, comunicar tendencias , xestionar recursos, vender productos...
Se a ese cóctel lle engadimos a premura da inmediatez, podemos obter unha estresante espiral de insatisfaccións que nos levarán a cometer abultados erros, incluso visuais.

Foto: Pseudolagarto anicado a carón do valo en Caldelas (Antas de Ulla)

mércores, 20 de febreiro de 2008

Raigame

Nacemos na indefensión máis absoluta e "maduramos" coa lentitude vertixinosa do progreso.
Pasamos do babeiro á garabata sin saber usar correctamente a servilleta; do triciclo á berlina antes de coñecer os pasos que poden dar os nosos talóns; da libreta de doble pauta ao teclado inalámbrico sin aprender o que é a caligrafía; da corredoira suficiente á circunvalación saturada...
Pendurados no Cosmos transitamos pola vida coa fortaleza dun carballo e, de xeito simultáneo, coa fraxilidade dunha herba.
Sería moi desexable que, cando menos, nunca perdamos a lembranza da nosa propia raigame.

Foto: Raices en Caldelas , na parroquia de San Xurxo, en Antas de Ulla

sábado, 16 de febreiro de 2008

Profesionalidade

Chámase "ir de flor en flor" ao feito de ter moitas noivas (ou noivos), sin quedarse con unha en concreto. Socialmente non está nada ben visto (...), e tampouco responde a un patrón conductual para a tan buscada estabilidade emocional na que seica andamos á procura.
En consecuencia poderíamos concluir que o balance da felicidade quedaría descadrado se este método fose o empregado no libro Maior da nosa vida.
Pola contra, as abellas trocaron en profesión o que para algúns podería resultar unha arela. E non suscitan celos entre as flores libadas nin provocan dor cando van á seguinte na procura da sua esencia. Por se todo isto fose pouco, colateralmente, posibilitan a polinización. Pódese pedir máis profesionalidade?
Gústame o mel.

Foto: Febreiro florido. Xardín do C.E.I.P. de Antas de Ulla

mércores, 13 de febreiro de 2008

Camiños

Hoxe a tecnoloxía repórtanos, en pantallas de cristal líquido e mediante conexión vía satélite, o itinerario a seguir polo roteiro máis curto. Incluso estima o consumo máis favorable ou o tempo a utilizar no percorrido.
Acompáñase de voz -case sempre femenina- que, con asintonía monocorde e gutural, reporta de xeito anticipado os precisos matices a seguir.
De seguro que continuarán "perfeccionando" os mecanismos para que, con tan so entrar no habitáculo, saiba a onde queremos (ou debemos) ir.
E quedarán para os museos os instintos, as voluntades... e mailos sinais de dirección...

Foto: Estrada Agolada-Melide (e despois din que tódolos camiños levan a Roma...)