martes, 23 de abril de 2013

Eficacia

Insistir con exceso de vehemencia na teoría de que a liña recta marca a distancia máis curta entre dous puntos, unicamente nos pode levar a ser altamente eficaces, si; pero en desfacernos os fuciños.

Foto: Faro de Punta Candieira (a dúas horas e pico de Antas).

domingo, 14 de abril de 2013

Man

Útil de aloumiños, comandante das ferramentas, prolongación da intención, aceno de simpatías, estandarte da expresividade, doutora de infinitos males,  mestra da comunicación, educadora de condutas, vehículo de simpatías, marca identitaria,  presidenta do ser, directora xeneral de picardías...

Foto: Flor de Abril na man.

domingo, 7 de abril de 2013

Maiúscula

Existe comunicación cando emisor e receptor comparten un mesmo código.
Pode este ser xestual, sonoro, gráfico ou incluso telepático. 
E pode o receptor ver cos ollos pechados ou falar o emisor coa boca cerrada. Considérase que a mensaxe chega cando fica convenientemente interpretada.
É posible transmitir florituras, acenos ou chiscadelas; agochados con símbolos menores debuxados en maiúscula.

Foto: Ancoriña. Código de Mariñeiros.

luns, 1 de abril de 2013

Burbulla

Emplazamento pouco axeitado. Rede viaria imposible. Dudosa calidade de materiais. Vistas limitadas. Húmida. Distribución nada afortunada e deseño de puta pena. Non ten auga corrente nin luz eléctrica.Carece cuarto de baño e hai impedimentos físicos e legais para dotala del. Servizos públicos inexistentes. Dificultades rexistrais que complicarían posible financiación bancaria.
Non se vende.
Foto: Burbulla Inmobiliaria.

domingo, 24 de marzo de 2013

Tren

Dicir dinnos que somos libres. Pero lévannos en vagóns con capacidade limitada, sempre ensamblados na mesma vía, sempre xunguidos da mesma catenaria.
Cóntannos que podemos elixir, pero se así fose a condutora da miña vagoneta non había ter barba e polo carallo había ser zarabeta.
De todo canto nos contan, a metade son mentiras e o resto non son verdade. E así imos de estación en estación (cada 4 anos) continuamente enganados. 
Entre tanta vicisitude algo propicio tiñamos que atopar; así que o mellor deste tren, sen dúbida, é o chacachá.

Foto: Tren-vía.

martes, 19 de marzo de 2013

Ronsel

Mírasme e confirmas a miña propia existencia.
Puro equilibrio de grandiosidade minúscula que calceta fibras nimias en teares superiores.
Diástoles hiperbólicas que son grandiosas semellando menores.
 Por cada pestanexo teu, un brinco deste lado.
Así de complexo,  así de doado. 
 Fusión sen fisuras, que explica como un corazón pode bulir noutro peito sen ser transplantado.
Sentir que se ti me miras na noite, o ceo enteiro está iluminado.
Descubrindo, nena da branquiña mirada, que deixas no meu ser un indeleble ronsel tupidamente calcetado;
cosendo ledicias sen fíos nin dedal  para un pai absolutamente entregado.
Así de sinxelo, así de complicado.

Foto: Ollada da filla. Día do pai.

sábado, 9 de marzo de 2013

Imperio

Construiron leguas de autoestradas que conduciron a paraxes desolados. Hectómetros de papeis lexislados, para seren profusa e sistematicamente conculcados.
Teceron unha maraña de sortilexios habilmente salpicados coa liturxia do engano, incitándonos a crer que a podremia era unha constatación de madurez...
E así, pensando que iamos cara un paraíso de marabillas, vímonos -de súpeto- espetados no cumio dun imperio de tarados.

Foto: Parece, pero non é.

venres, 1 de marzo de 2013

Cúpula

Vai de sinxela pola gramática aínda que xoga na primeira división da arquitectura semántica. Fai así coma quen que non ten importancia, pero sen ela as frases quedan coxas.  Disfrázase de conxunción ou destápase coma verbo; une suxeitos, remarca atributos...
Agóchase pianiño, esvara lene, pronúnciase suave; mesmo semella non estar; pero que sería de nós sen a cópula?

Foto: Cúpula de San Pedro en Roma, a 2250 km ao Leste de Antas.

domingo, 24 de febreiro de 2013

Furado

De pouco serve un peine caralludo, se non hai quen se decate de que indo espeluzado está menos guapiño.
Esa técnica de crear primeiro o produto e despois a necesidade semella complexa; pero unha vez instaurada na cadea do pensamento, xa vai todo rodado. Ata o punto que poderás fabricar ferreganchos que dirás que son para meter na pel, e acabarán pedindo que lles fagas o furado para introducilos.
Tiñan partidos políticos e dixéronnos que eran necesarios para a democracia...

Foto: Hai que ter boas orellas para meter esas bandexas

sábado, 16 de febreiro de 2013

Ferro

Seica corren malos tempos para a lírica. Pero se botamos unha ollada ao que deixaron escrito os nosos avós axiña observamos que as realidades de cada presente sempre estiveron encetadas de eivas, complexidades e atrancos.
Vivimos atravesados polas lanzas das preocupacións que, se non existen, axiña nos ocupamos en crealas; xa que o ser humán non sabe vivir unicamente de ledicias. 
Por tal motivo gústanos enzoufarnos nas desgrazas e prestar oído á trifulca de mediocres que disparan balas de tinta coa única intención de alimentar os seus petos á conta dos nosos medos. Sempre se viviu mellor vendendo miserias que catapultando éxitos. 
Deberíamos coidarnos máis dese ruido mediático e protexer os nosos corpiños delicados. Que non somos de ferro, carallo!

Foto: Home de parafusos. Baiona

domingo, 10 de febreiro de 2013

Moteira

Dominio do espazo nun galope rectilíneo, montando no ar, fustrigando no vento; deitándose nas curvas, erguéndose no rasante, trotando polos carrís. Estrito sentido do equilibrio, con afinación na marcha e atinado tempero de cadrís.
Acougo de vontades, termando coa man o desboque da fera; acariñandoa co pe, animándoa coa mirada; sempre con tino, agarimo, traza...
Non vos hai dúbida. Quen o probou xa o sabe: os moteiros somos outra raza!

Foto: Amazona montando a pelo.

venres, 1 de febreiro de 2013

Filloas

Os tempos son chegados para que don Carnal tome posesión do almanaque gastronómico. Nestes días o escudo do país muta, dende o cáliz coa hostia e mailas sete cruces,  a un lacón flanqueado por unha ducia de chourizos engarzados en folliñas de grelos. Aquí  haberá quen diga que, en realidade, son nabizas.
Non vai ser nada doado calcular os milleiros de  tixolas que pousarán o seu cu negro no minimalista trespés, dispostas á cocción dunha masa branca a base de fariña, ovos e auga ou leite. E mentras se dilucida se son filloas, freixós, chulas, fritos, follados ou filloces; sempre haberá algún picafollas que dirá que el prefire churros.

Foto: Dúas picafollas. Entroido na Arousa.

domingo, 27 de xaneiro de 2013

I+D+i

Claro que o corpo pedía ficar sentados no tallo arredor da lareira, ceibando peidos e retendo líquidos. Claro que resultaba máis doado deixarse levar pola laxa e reiterada contemplación das muxicas metamorfoseando a charamelas.
Pero houbo que mover o cu e facer andar as neuronas para trancar a porta. Todo cun mínimo de eficacia, máximo deseño e co menor custe posible.
Na corte da Gallarda naceu o I+D+i. E diso vai unha tempada xa. Seguimos no tallo peideando?

Foto: Tarabelo versión 2.0

venres, 18 de xaneiro de 2013

Pasarela

Sobre un camiño transparente, suspendidos no firme das inestabilidades;  díxolle a vertixe ao equilibrio: 
- Á que non me tiras?
E asomándose a un peitoril de fíos amagaron empurróns coas pupilas dilatadas. 
Despois saltaron xuntos ao abismo das recíprocas miradas, mentras lle berraban ao vento:
- Á que non nos paras?

Foto: Pasarela do Xirimbao

domingo, 13 de xaneiro de 2013

Enlarafuzados

Resulta un tanto curioso recoñecer que unha das imaxes con máis electróns do cinema vén sendo aquela na que a Demi Moore fica coas mans no barro mentras o Patrick Swayze anda coas súas no cazoliño da rapaza. 
Ben sei que a melodía tamén axuda; e moi probablemente a iluminación resulta axeitada, así como a posición da actriz a canchapernas do torno ou os tríceps suados do galán...Pero xa vai sendo hora de que recoñezamos a predisposición mental que supón sentirse totalmente enlarafuzados para desencadear melodías de sete estalos.

Foto: Cantas veces vimos Ghost?

martes, 1 de xaneiro de 2013

Costa

Co sabor dos langostinos no pensamento, resulta moito máis complexo catar o bouquet do raigrás mesturado con xaramagos. A sensación narcotizante de tanta panxoliña fíxonos pensar que todos eramos bos e xenerosos, esquecendo que os mesmos capullos do ano pasado seguen poboando o apastadeiro.
De xeito que, para subir as costas das vindeiras semanas hai que tensar as frebas da faciana, apretar o pensamento; e cando sexa preciso relaxar esfínteres... facelo sen perder o glamour.

Foto: A Gallarda, feliz no 2013

venres, 28 de decembro de 2012

Valados

Tivo que ser a Deputación de Lugo a que lle puxo o rabo ás cereixas acometendo unha iniciativa pioneira na conservación e posta en valor do patrimonio.
Na comisión de Goberno desta noitiña pasada vén de pór en marcha un plan de coidados e adecentamento xeral de toda expresión arquitectónica popular e tradicional galega. Atinadamente empezarase polos valados.
O Organismo supramunicipal habilitará unha partida orzamentaria destinada á concesión de axudas para adquisición de ferramentas e apeiros de limpeza das cercas. Os receptores das subvencións espetarán -en lugar ben visible- cada trinta-corenta pasos, estacas de formigón que sosterán unha chapa galvanizada co logotipo do citado Organismo (se o Concello de turno colabora, poderase espetar tamén outra estaca máis pequena co escudo municipal e incluso co nome do alcalde).

Foto: Apeiros da Excelentísima Deputación Provincial

martes, 25 de decembro de 2012

Ilícito

"A miña vida estivo chea de desgrazas, moitas das cales xamais sucederon"
(René Descartes)
 
Que a propia existencia se encha de ledicias (das lícitas e ilícitas tamén), aínda que algunhas acontezan unicamente na imaxinación, pode constituirse nun obxectivo sumamente interesante para non chegar a porto excesivamente lastrados.
Bo Nadal para toda a tripulación desta nave tan tola como esférica.

Foto: Autorretrato. Muiño do Corgo (Antas de Ulla)

domingo, 16 de decembro de 2012

Tabardo

O ruido das queixas polos tempos que corren parece que pretende afogar o murmurio das panxoliñas. Pero non vos é nada. A maquinaria da ilusión infantil (lembrade que eu son un neno) xa se puxo en marcha e, paseniñamente, van chegando as datas da maxia pendurada en acivros ou portaliños en miniatura.
E fixádevos se anda a cousa cerquiña, que xa pillei a Papá Noel probando o que de seguro será un agasallo. Ben sei que non o parece, pero iso é porque está de medio lado, non lle escoitades a súa risa de mandar parar as vacas; e -ademais- fáltalle poñer por riba o seu tabardo vermello.

Foto: E se cadra chámase Noel-ia.

domingo, 9 de decembro de 2012

Follaxe

Achegándose a invernía, a natureza xoga con noites de branco satén.
Deslízase suaviña entre as herbas finas nunha caricia dulce, paseniña, sutil e penetrante; para interpretar unha melodía de friaxes con mil e un matices que arrincarán suspiros e provocarán salaios. 
Dos desmáns urdidos coa luz da lúa, unicamente nos deixan restos dun fermoso encaixe perdido entre a follaxe...

Foto: Folla xeada.

sábado, 1 de decembro de 2012

Albarda

Eramos pura sangue de alto copete correndo en hipódromos fachendosos. Tiñamos cortellos cheos de comodidades con pesebres ateigados de herba seca. Ás veces deixábannos rebechar polo curral, nun alarde de liberdade. E pregúntábannos aos poucos se queríamos mellor levar hostias coa fusta ou que nos espetasen a espora nas frebas. Tiñamos unha fluida comunicación entre o arre e mailo xo!.
E mira ti por onde fóisenos xear a mirada cando nos decatamos que aquela prenda que  vestíamos tan garbosamente non era unha lucida capa; senón unha simple albarda.

Foto: Reflexionando no prado.

luns, 26 de novembro de 2012

Axexar

Estou en condicións de afirmar que os Neandertais xa utilizaban os buratiños e reganduxas das cavernas para fisgar. E seino simplemente por pura observación comportamental dos seus parentes actuais, que seguimos mantendo viva aquela vella teima de fisgar e axexar. 
Houbo un tempo no que consideraba que tal querencia  espreitadora viña dada por unha especial atracción cromosómica polos buratos; pero esa hipótese escarallóuseme cando observei o trunfo do facebook.

Foto: Furado de medio punto. Muiño do Corgo (Antas de Ulla)

sábado, 17 de novembro de 2012

Pateira

Da sementeira á meda, despois á tulla, transformación no muiño para vir levedar na artesa.  O zea mays, secale cereale ou o triticum aestivum chegaban á mesa pasando polas mesmas mans; demostrando que nosos avós, carentes de altas tecnoloxías, manexaban unha autosuficiencia que hoxe poría os pelos de punta ás grandes cadeas de alimentación.
En todo aquel alarde das capacidades, acadaban a excelencia coa xestión dos resíduos. Nada era lixo, todo resultaba útil. Para o aproveitamento da palla facían palleiros; e para manter o forno coma unha patena, dotábanos de pateira.
Moito ruido debe facer a tecnoloxía para permitirnos esquecer tanta sabiduría en tan pouco espazo de tempo.

Foto: Factoría panificadora. Alvidrón de Outeiro (Antas de Ulla)

xoves, 8 de novembro de 2012

Maquía

Pódense calcetar nobelos de fantasía con espitas de mentira; fiar con fusos de pedra liño nunca sementado. Pódense moer fanegas de gran sen madurar en muiños de fume; cocer pan sen amasar en artesas que xamais foron construídas. Vender quen non ten a quen non pode pagar; cobrar futuros en tempos pretéritos, enfiar agullas sen punta con fíos de charamela para coser mandís de ar...
Deber non se debía, pero facer fíxose; así que agora toca pagar ferrado por maquía. 

Foto: Bebé castiñeiro. Nacendo e aprendendo.

xoves, 1 de novembro de 2012

Zarrotes

Paseniñamente, sin facer ruido, buscando sitio entre as folliñas mortas que lles dan acubillo, van agromando caladiños dende o chan pardo e vivo. 
Mestúranse descaradamente co verde en alardes de poderío, mentras salpican a corredoira con puntos de picardía.
Bodoquiños brancos, figuras arbóreas en miniatura; son, en realidade, ideas da natureza con casca mamiña.

Foto: Zarrotiños en Alvidrón de Outeiro (Antas de Ulla)