venres, 12 de xuño de 2009

Fertilidade

Doctas mentes traballan en laboratorios, profusamente equipados, na procura de fórmulas alternativas de producción máis rendibles e abondosas.
Agresións nimias estragan grandes e cuantiosos proxectos que producen vértixe ollando os seus orzamentos ( conste que non estou a falar de Florentino Pérez e os seus galácticos)
E de súpeto, chega a natureza e amósanos o paradigma da fertilidade logrando con éxito que a semente xermole nunha pedra. Enxeñería xenética de pasmosa arquitectura.
Manda carallo!

Foto: Antas de Ulla, onde ata as pedras son fértiles

domingo, 7 de xuño de 2009

Valor

A idea de valor que temos das cousas está sempre vencellada a unha serie de variables de moi diversa índole. Establecer os métodos axeitados e unanimemente aceptados para acotar contías e baremar calidades é unha das tarefas relevantes á hora de poder establecer un prezo.
Nada -por nimio que poida semellar- é despreciable segundo o ránking de necesidades que un grupo de consumo poida ter. Todo está catalogado con precisión milimétrica.
Establecida a equivalencia, xa so nos queda protexer o ben en función da contía; cuestión que pode resultar espiñosa e complicada. Ás veces en caixas fortes, outras baixo sete candados e algunhas cunha advertencia.

Foto: Olliño cos toxos de Laxe, que teñen dono.

mércores, 3 de xuño de 2009

Desencanto

Non deixa de resultar reincidente o escaso interés que suscitan as eleccións europeas na cidadanía. Por máis que os políticos se empeñan en facernos entender que moitas das decisións que nos afectan a cotío se toman en Bruxelas ou Estrasburgo; a sensación de lonxanía desas Institucións mistúranse coa percepción do minúsculo que pode resultar o noso voto no grandioso vincallo de urnas que se espallarán pola vasta e variopinta Europa o primeiro domingo de xuño.
Certamente para un elector de Nugallás (Centro Xeográfico de Galicia), motivarse para ir o domingo a votar, precisa algo máis que navalladas dialécticas nunha pantalla televisiva pola que van pasando cada día elefantes políticos cara o seu cimiterio particular...
A cousa ven de lonxe, pero no contexto actual o desencanto percíbese con moita máis nitidez ainda. Así e todo, votemos. O pobo que vota desunido, cecais un día, permanecerá unido.

Foto: Ficción fotográfica. Calquera semellanza coa realidade é un puro casual

domingo, 31 de maio de 2009

Esbozo

Insinuando xestos pasamos unha boa parte da vida. Cecais para ocultar outras poses menos fotoxénicas no mundo da expresividade corporal.
Deso saben moito os asesores de imaxe, que se gañan unha pasta por descubrir cal é o lado bo de cada quén, e así poder enlatar o produto para o seu consumo masivo en forma de papeleta electoral.
Mentras tanto, eu sigo considerando que todo canto nos ofrecen son meros esbozos dunha realidade inacabada, pendentes sempre do matiz final e coas imprecisións precisas para agochar o que non gusta que sexa visto. Alevosía en estado puro!

Foto: Esbozo de Chousa.

mércores, 27 de maio de 2009

Duda

Neste intre e nesta hora, mentras medio mundo está pendente dunha esfera de coiro perseguida por vintedous machotes millonarios en Roma, outro medio mundo está pensando que carallo comerá mañán. Vivimos nun mundo cargado de decisións e cheiño de dudas.
Seguramente as duas posicións son relevantes e ambas teñen unha repercusión moi sobresaínte. Non sabería cuantificar a preponderancia económica dunha e da outra; pero seguramente andarán abondosamente descompensadas. E moi probablemente non do lado que deberían, pero quen fixo as regras da economía non se lle esixía que entendese de xustiza.
(Un ano destes hei propoñer que a final da Champions League se xogue en Antas. Cando teñamos Ave en Galiza, igual tamén podemos ter un estadio futbolero que a poida albergar...)

Foto: Dudas existenciais (se tés cartos)

venres, 22 de maio de 2009

Peidiño

Acicalámonos para que nos vexan ben e, dese xeito, amosar máis seguridade; co cal verannos mellor. Un círculo vicioso que día a día tentamos manter enfundando aquela camisa que nos engaiola moito e mergullándonos no perfume que namora as propias pituitarias.
É así como saimos da casa pisando forte, coa cabeza erguida e a vista ó frente. Gastando axiña a camisa bonita e facéndonos resistentes a esa colonia que xa non somos capaces de ulir.
Pero ainda coa gravata centrada e os zapatos relucintes, seguimos a ser sabedores sempre que, de cando en vez, non hai como botar un peidiño para liberar tensións e deixarnos o corpo -por un segundo- sumamente relaxado.
E que, de tanto falar, acabamos todos padecendo aerofaxias que compre liberar. Ou non?

Foto: Canalizacións residuais non radiactivas [creo].( Antas de Ulla)

domingo, 17 de maio de 2009

Mañán

E mañán, 18 de maio, empezan os días das letras galegas. Expresión escrita dun xeito de falar, de sentir, de vivir...Dunha maneira que nos identifica e nos une, e nos fai pobo, cultura viva e sentimento firme.

En cada intre da vida cotiá, en cada badalada da imaxinación i en cada pálpito do corazón, circulará polas veas do noso pensamento e voltará polas arterias da expresión escrita, da falada, da pensada...

Foto: Letras galegas da vida cotiá

martes, 12 de maio de 2009

Marca

Inapropiados hábitos gastronómicos, conductas vitais seguramente pouco axeitadas e compoñentes esóxenos que se misturan con ineludibles predisposicións xenéticas ; van perfilando o que vai ser o noso camiño por esta cúpula vexetal que sostén o noso texto.
A cotío tentamos regatear males e agresións, disparos semánticos e sodomías cerebrais; coa finalidade única de proseguir naquel camiñar, tentanto fagocitar -se fose preciso- os atrancos que se van poñendo diante do propio vieiro.
Pero, por macabro que poida semellar, con toda probabilidade levamos na frente a marca que porá o punto final da nosa liña e que tronzará de súpeto o nexo que nos une á terra. So hai que saber interpretala.

Foto: Metro de Antas. Tramo Antas-Alvidrón (Antas de Ulla)

sábado, 9 de maio de 2009

Sorteo

O blog amigo Sempre en Galicia, do incansable Julio Cougil, vén de pór en marcha un magnífico Concurso no que podemos participar tod@s e levarnos "pola cara" unha estadía dunha fin de semana nunha casa ou hotel rural galego.
Participar é tan sinxelo como dar unha característica ou servizo que ofrecen as casas que se relacionan nesta entrada enviándolle un mail a semprengalicia@gmail.com. No caso do lote de produtos compre indicar algunha característica da explotación que os oferta. A cambio so hai que sementar en outros 5 blogs a iniciativa e falar do sorteo nos nósos.
Dado que tamén se participará a través do programa de radio que emite Radio Cornellà cada sábado de 18:00 a 20:00 horas; podemos dicir que este é o Primeiro Concurso no que se da unha maridaxe entre o mundo das ondas hertzianas e mailas ondas "internéuticas" do blogomillo e da blogosfera enteira.
A que raio esperas?. Podes participar ata en 7 sorteos!!
Post-Edición. Ultima hora: Unha nova Casa Rural únese á iniciativa. Julio, dende o seu blog, dará cumprida información de como a imos incorporar aos sorteos; que agora xa van ser oito!!!
- Cada período de tempo irei engadindo algunha característica das casas participantes na marxe dereita do blog-

venres, 1 de maio de 2009

Engruñados

Somos rariños de carallo (ollo, non confundir a preposición coa contracción...; que tamén podería ser): non traballamos no "día do traballo" e un bichiño microscópico mutado e de nome mutante tamén, pón en xaque a toda unha organización de saúde que seica é mundial.
Téndese a magnificar todo. O que antes eran dous días de nevaradas, trátanse de temporal; e sete acatarrados esbirrando definen unha posible pandemia mundial. O que antes se trataba cun "Jasús María!!!", hoxe require toneladas de reservas en antivirais.
Sexa aviar ou porcina, nova ou vella; o certo é que estas noticias téñennos sempre engruñados mentras nos sentamos diante dos nosos platos cheos de comida e vemos no telexornal cantos novos casos hai hoxe esbirrando na aldea global. Pola contra medio mundo segue a ter que estarricarse para lograr un anaquiño de pan que levarse ás súas bocas caladas...
E coa afonía que nos produce o pavor, observamos como a vida continúa a desenvolver as súas follas novas, enchendo os campos de arrecendo primaveral. Coma se nada pasase.

Foto: Feto de fento en A Cervela (Antas de Ulla)

domingo, 26 de abril de 2009

Reinventar

Pisamos con seguridade (ás veces ata con chulería) os terreos dominados polo noso suposto coñecemento. E baduamos sin parar, dando clases maxistrais de ignorancia a un auditorio ateigado de sabiondos dispostos a crucificarnos cos seus adxectivos inválidos e verbos mal conxugados.
E pensamos que o sabemos todo e que sin nós no mundo non habería centrípetas forzas para unir ideas e que todo o universo estalaría centrifugado cara ningures.
E so con puntuais excepcións -coma o camiñar esplendoroso e magnífico da moza loira de verde que se ve ao fondo- temos abondosos fallos de configuración na nosa óptica inmediata; ata o punto de confundir ideas tan básicas como a escala de valores que, con mimo, un día nos inculcaron. Seremos capaces de reinventarnos para volver poñer no seu sitio a amálgama de erros que fomos acumulando ultimamente?

Foto: Farola encadeada a máis de 1.400 Km de Antas de Ulla.
(Zoom potente o da miña cámara!)

xoves, 23 de abril de 2009

Vertical

Aterido pola xeada da noite e doblegado coa saraibada persistente dos tempos, coas veas sesgadas dunha poda agresiva, fendido coas raiolas do sol e rebentado polos envites dos ventos do nordés; aquí sigo: comandando o agro verdecente e amosando o señorío e a compostura. Marcando derrega e linde entre propiedades. Dando sombra a un formigueiro e chamando a atención dende o nabal.
E se voltades mañán, aquí me teredes. Vertical e intrépido. Amosando as medallas dunha guerra que non gañei e lucindo un uniforme do que antonte caían landras a esgalla.
Que ninguén se atreva a chamarme carnocho. Eu sigo sendo o carballo da leira!

Foto: Carballo da leira en Vilapoupre (Antas de Ulla)

domingo, 19 de abril de 2009

Ruta

Canta satisfacción produce deixarse perder por vieiros pouco transitados e cos ruidos impropios da cotidianidade. Resulta dificilmente medible en decibelios de dulzura o canto namorado dos xílgaros que se mistura co arrecendo das chorimas .
Pero alguén ten que coñecer o camiño de volta. Alguén debe saber que os paxaros polas noites non cantan (!) e que tra-los pétalos marelos ocúltanse afiadas agullas leñosas que se ensartan nos dedos na procura de sangue; e , por moi ben que ula, non deixa de ser un toxo.
Para eses que dende mañán lles toca a misión de trazar a ruta dende o toxal santiagués de San Caetano, que saiban sempre interpretar as sinais que lles permitan non trocar o arrecendo floral polo alcatreo ácedo das follas secas; e que lembren -xa de paso- que un toxo de Antas -nin a golpe de decreto- vai endexamais a ser un tojo...

Foto: Sinalización forestal. Agora seica toca cara a dereita.

domingo, 12 de abril de 2009

Airear

Decían de certa cidade europea polo feito de ter moitos visitantes, que se enriquecía con tanta variedade de persoas e culturas que, pouco a pouco, ían deixando parcialmente as suas improntas nela.
Queda claro que quenes a cidade visitaban levaban tamén nas súas valixas mentais anaquiños do vivido alí. Dábase así un claro caso de mutualismo cultural que permite ás duas partes enriquecer o espíritu, -que é un dos máis complicados de enriquecer; xa que ainda que para él ben sendo aceptada todo tipo de moeda, resulta difícil atopar bancos e caixas que che abran contas ao espíritu. Basicamente debido a que ainda non artellaron os sistemas que lles permitan cobrar comisións de mantenemento por elas...-.
Por razóns similares resulta moi conveniente airear os nosos cuartos. Tanto polo que ten de bo que entra (aire fresco e renovado), como polo que sae (ácaros e outras lindezas que tamén convén compartir, para que logo non se diga que non temos unha boa razón de veciñanza).
Ainda que en ocasións non se sabe moi ben se hai intención aireadora, ou simplemente están jodidas as caravillas...

Foto: Aireando en Amarante (Antas de Ulla)

mércores, 8 de abril de 2009

Ministros

E se cadra a realidade non existe, e todo depende dun conxunto de lentes atravesadas e perspectivas interesadas coas que miramos.
E vai ti saber se a beleza non so é relativa, senón tamén imposible.
Ata podería ser que as cores fosen so froito dunha malformación na retina que envía sinais erróneas a un cerebro ávido de, simplemente, querer ver.
Fai pouquiños días creo que a miña cámara estivo na Fervenza do Toxa e penso que a sua beleza caía impudicamente núa, contaminando as pedras co seu cromatismo incoloro.
E alí, incrustado no fondo da natureza agreste, pura, cargada de arrecendos florais húmedos e coa súa cúpula arbórea virxe e impenetrable; pensei que, se cadra...todo é froito da miña imaxinación. Despois pensei que Magadalena Álvarez ainda era Ministra; seguidamente, nun ramalazo machadiano, soñei que soñaba...
Real ou non, é un bo sitio para celebrar un Consello de Ministros!, para enfriar ideas alí e para quentar músculos ó volver subir...(Vale, a Magdalena Álvarez e a Solbes deixámolos ir tamén esta vez. Como penitencia ou como tributo. Ao gusto de cada quén).

Foto: Fervenza do Toxa (probablemente)

sábado, 4 de abril de 2009

Agromando

Despois do vaivén imposto polos ventos da invernía, e os consabidos roces póla con póla, despois das refregas promovidas polas mañáns de xeada; de xeito súbito todo esboura nunha sucesión de gromos. Abríndose, grelando, enchendo a ar dos arrecendos do seu propio e multilateral pracer.
Unha explosión de orgasmos vexetais esbouran cos seus silentes laios agochados polo tumulto do río que baixa con algarabía mollando os talos.
Sen alardes nin reclamos publicitarios, a natureza esperta mollándose no seu propio pracer, fervendo no seu interno ardor e parindo -dunha suposta castidade leñosa- a suntuosidade até agora agochada... Y lo que te rondaré morena!, que a partires de agora empeza a festa da natureza.

Foto: Estalos de pracer no berce do Ulla (e o Euríbor en mínimos históricos!)

sábado, 28 de marzo de 2009

Postularse

De igual xeito que fan os políticos para ocupar diferentes postos dentro da Administración, así vimos facendo no teatro vital todos e cada un de nos.
De todas as esceas nas que se divide a representación, a procura das conquistas amorosas (e cando digo "amor", tamén podía dicir "o outro") é onde máis énfase poñemos á hora amosar cualidades e de desenvolver habilidades. Podemos dicir que o automárketing cobra unha especialísima relevancia para acadar os obxectivos.
Lóxicamente, nesta arte non imos pór de relevo os vicios e mediocridades, non; neste caso todos temos que parecer bos, bonitos e -sobre todo- bueniños(*).
Ainda que en algunhas ocasións, de igual xeito que os políticos, ás veces o único que hai que facer é postularse para ter opcións de conquerir o desexado(*).

(*) Onde poño "o", tamén vale "a" . Foto: Márketing textil en Melide

martes, 24 de marzo de 2009

Vivenda

Sen polémicas sobre as situacións dos mercados inmobiliarios, sen dificultades na negociación hipotecaria e a curva do euríbor e sen riscos especulativos sobre o chan; o mundo ornitolóxico está adicándose á construcción dos seus niños nestes días.
Carentes de luxos e sibaritismos innecesarios, pero dotados da seguridade precisa para a consecución da fin para a que son creadas, estas casiñas unicamente precisan dos seus piquiños de enxeñeiros para conquerir a cédula de habitabilidade que lles confire a testemuña de que -ano tras ano- van sacando adiante os seus poliños. Sen tasacións nin interés variábel, sen comisións de apertura nin de cancelación anticipada. E non precisan inscripción rexistral nin teñen gastos de notaría...

Foto: Casa das pegas, sin hipoteca, en Antas de Ulla

sábado, 21 de marzo de 2009

Motor-izado

Había que saber transformar correctamente a inxente cantidade de enerxía que producimos mentalmente. Sobre todo cando barrenamos dándolle mil voltas ás cousas que, precisamente, so teñen unha volta...
Adoita acontecer nas noites de insomnio. Luz apagada e corpo quedo. Entón todos os novelos de ideas enzarapállanse no disco duro que levamos enriba dos hombreiros, conformando unha madeixa que remata nun bucle estéril que unicamente consegue un espertar cansino.
Por iso, e mentras non se invente o acumulador para esa fonte de enerxía renovábel (digo eu que o será), vai ser preciso lembrar que a cama serve para moitas cousas; pero non para poñer a motora en marcha!

Foto: Peza cerebral nocturna de Chousa

martes, 17 de marzo de 2009

Enzoufados

Ainda coñecendo ben o medio no que nos desenvolvemos a diario, adoitan engadirse condicionantes -esóxenos i endóxenos- que fan variar os equilibrios sobre a kanoa na que habitualmente nos movemos por ese río que -decía Manrique- nos leva inevitablemente ao mar.
Un levísimo movemento pélvico (cheee, non se me vaian do fío da navegación) pode doadamente poñernos boca abaixo tan axiña como baixamos un rápido. Un paleo fora de tempo produciría un escoramento indebido contra as afiadas rochas das beiras. Un aumento da presión na corrente que non tiñamos previsto poden espetarnos no leito areoso facendo un pinchacarneiros non medido e de consecuencias imprevistas, por máis casco que levemos...
Con todo, segue a ser trascendental saber mover ben o remo e, ainda enzoufados na espuma branca da corrente, sexamos capaces de ter o astrolabio da calma fixado no azul do ceo que nos permitirá saber que seguimos na posición correcta e co rumbo axeitado: río abaixo e cabeza enriba.

Foto: Kaiak extremo no Ulla, pertiño de Frádegas (Antas de Ulla)

xoves, 12 de marzo de 2009

Amodiño

Aprender a andar resulta unha tarefa complicada para o ser humán. Con suma torpeza e reiterados golpes imos perfeccionando unha técnica que, co tempo, acaba por ser inconscente; pero que costa caldeiros de bágoas e que tan so consiste en poñer un pe diante do outro mentras mantemos o equilibrio. Nada máis e nada menos.
Despos, co tempo outra vez, imos lograr a soltura e o donaire no movemento (algunhas, incluso moito máis que iso...).
Acadamos a ciencia da velocidade e doutorámonos en salvar obstáculos que non podemos saltar coa pértiga da audacia inventando pontes.
Pero, igualiño que cando aprendemos a poñer os pes un diante do outro mantendo a verticalidade, o éxito de todas as carreiras de fondo, sempre consiste en saber correr amodiño. Nada máis e nada menos.

Foto: No Kilómetro cero. A 270 Hm de Antas de Ulla

sábado, 7 de marzo de 2009

Cambios

As variacións de rexedores que os sistemas democráticos nos deparan traen consigo ledicias (ou xoldras) nas casas duns e bágoas (ou decepción) nas dos outros. Os cambios é o que teñen: imposible congratular a todos.
Pero uns e outros temos o mesmo denominador común: somos cidadáns. Persoas que, mediante a nosa contribución económica vía impostos, aportamos os medios precisos para que traballen por e para o noso benestar, e xestionen os bens comúns.
Sentadas esas premisas, a todo quisque lle debería quedar ben claro que tampouco hai que renumerar todas as casas cada vez que cambia o carteiro; senón á volta duns anos corremos o serio risco de ter moita numeración en troques dun portalón.

Foto: Casa re-numerada en Regadío (Antas de Ulla)

domingo, 1 de marzo de 2009

Observar

Dende a atalaia da imaxinación podemos adiviñar visións que nunca existiron e que nos ofrecen unha perspectiva, tan subxectiva como real, do entorno que nos acolle.
Asolagados polas nosas propias bágoas, enfermos de asistolias en corazóns concebidos para latexar indemnes día a día, ano a ano, vida a vida, perdemos minutos e horas en...simplemente respirar.
Namentras, o río flue diante dos nosos ollos cegos. E isa gota ínfima non ha volver pasar nunca máis.
Compre buscar un bo punto para deterse e observar coa vista da intelixencia en sintonía con aquela imaxinación empoleirada.
Con calma, con serenidade. Decatándonos de que non importa tanto o que miramos. O realmente relevante é o que vemos.

-Eu son moito de Riberas del Duero. Tampouco é que lle faga noxos a un bo Rioja, que tiven unha educación moi tolerante-

Foto: Vista privilexiada do Ulla (Antas de Ulla)

sábado, 28 de febreiro de 2009

Sorteo


Pois como algúns e algunhas xa poidestes escoitar a través da radio, a gañadora do meu sorteo foi Artabria ; de xeito e maneira que me porei en contacto con ela para establecer a loxística de envio do Pan e do Queixo de Antas. (Ten en conta que vas degustar dous dos manxares máis propios do...Centro Xeográfico de Galicia!!!!, que ben sei que é unha denominación de Antas que che gusta moito :-) )
Sigo atento aos sorteos pendentes, que eu tamén quero que me toque algo!

sábado, 21 de febreiro de 2009

Landainas

Os medios de comunicación comentan a acusada abstención que se da en Galiza en todos os chamamentos electorais. Non lembro as cifras, pero fálase de porcentaxes relevantes que, de participar e votar todos á mesma forza política, sin duda porían goberno.
Os sociólogos non chegan a un acordo para dilucidar os motivos que, de xeito maioritario, inducen a este "pasotismo" democrático.
Hai quen di que ten que ver coa orografía, coa idiosincrasia particular dos habitantes desta terra ou incluso opinan que se debe a unha escasa cultura democrática.

Eu diría, sobre todo a éstes últimos, que tamén pode ser que os cidadáns deste país empezamos a estar fartos de escoitar e ver sempre as mesmas landainas, mudando unicamente a tonalidade de quen as di ou de quen as executa.

Foto: A Toura -en dúas patas-, pedíndolle o voto á Gallarda