luns, 26 de xaneiro de 2009

Altura

Hai que respetar sempre as sinais de tráfico. Se non o facemos podemos poñer en risco a nosa integridade física e tamén a dos outros usuarios. Así que -ainda que nos pareza esaxerada a moderación que se nos indica- faise preciso mentalizarnos de que é necesario cumplir a indicación.
E non vale decirlle despois ó Guardia "e que non a vin", " o sinal estaba tapado polas silvas". Nada. Despois pagar e calar e, sobre todo, moito respeto co Guardiaciví, que él so cumple co seu deber (foderte); e ainda che deixa claro que che perdoa a vida, que o debuxo desas rodas de diante...non sei eu (é dicir, que cha podía meter máis fonda ainda).
O deber, no resto dos humanos, é unha obriga moral. Nos que van de verde é o resultado dunha gravación xenética na cadea do ADN , supostamente feita nos quirófanos da sastrería onde lles confeccionan o uniforme. Por iso é un deber de moita máis altura.

Foto: Sinal alta. Embalse baixo (Portomarín)

domingo, 25 de xaneiro de 2009

MemeLibro

É a segunda vez que fago un meme destes. Non me chistan un carallo; pero sempre hai razóns para facer algo que non gusta. Desta vez as miñas razóns son:
1. Proponme LM (a quen lle adico a foto do pan de Antas)
2. Sortean un libro entre os participantes (Un libro é un libro).

Alá imos coa trama do meme. Hai postear sobre o asunto do sorteo do libro "El Fuego" asinado pola autora, Katherine Neville; despois hai que deixar un comentario no blog do iniciador (Mezclado, no agitado). E finalmente, claro, liar a outros tres blogueir@s para que a pólvora continue. (Cajonatós, un día destes iniciarei eu un, que vos hei facer dar pinchacarneiros durante media hora!!!). Agora quedaría ben se non elixo a ninguén; pero como son tan malo como os demáis, vou elexir. E empezarei por rigurosa orde alfabética. Pero ó revés (que era cando no cole me pillaban a min sempre!! jajajaja). Xa pensaban que se ían librar, ademáis dame o corpo que lles gustan tan pouco como a min os memes...
Zeltia, xa que os memes son o máis antagonista ao exhibicionismo emocional (un cameo para empezar pode ir ben)
Vermella, para que non esteña tan caladiña, e nos brinde unhas palabriñas máis a miudo.
Vakastolas , que dende que abriu sucursal anda moi perguiceira, e xa vai sendo hora de que diga algo.

(Os comennts de cabreo e reclamacións, poden deixarse no anterior post)

xoves, 22 de xaneiro de 2009

Ataduras

A estas alturas da competición xa temos visto gañar medallas na modalidade de brilé a atletas moi afortunados, e tamén a entrenadísimos deportistas de billarda marchar para a casa de baleiro.
Horas e horas de adicación, física e mental, para que despois -nun minuto desafortunado- pises a raia e acabes descalificado por un xuiz a sueldo da organización.
Así se cocen as cousas na olimpiada de cada día; na que, ainda por riba, ás veces hai que facer os cen metros vallas á perna lanqueta por mor de ataduras impostas e sabendo de antemán que corres sen opción de podio.

Foto: A Xata, en vixilancia penitenciaria.

domingo, 18 de xaneiro de 2009

Tino

En xeneral os humanos nacemos con moito coidadiño, circulamos polo raíl da nosa vida con suma precaución e descarrilamos paseniñamente cando a vía remata.
Durante o traxecto compre que teñamos tino con case todo, xa que por máis depredadores que sexamos, tamén resultamos sumamente vulnerables a un amplísimo espectro de riscos.
Ter tino co frío, coa calor, coa velocidade, co exceso de lentitude, co lume, coa auga...
Semella que todo nos agrede, incluido o propio entorno. Virus, bacterias e un sinfín de males ameazan cada segundo con invadirnos nunha abordaxe sen previa advertencia.
Habería que sinalizarlles a todos eses elementos que sexan eles quen teñan tino, que pasamos nós. Ou qué carallo!

Foto: Sinalización ou advertencia?

Cen

A do día 10, a da rapaza fresquiña con vaqueiros bonitos e de marca relucida, foi a entrada número cen deste blog. Unha centena de posteos xa parece cousa seria, ainda que o "posteador" semelle que o toma todo a chufla.
Hai que abordar as cousas con certa trivialidade, que as serias xa nos mudan o rictus elas por sí solas; de xeito e maneira que, mentras nos quede un gurruchiño de licor no vaso, brindemos sempre pola ledicia, o cachondeo e maila retranca.

Como non podía ser doutro xeito (e xa era hora), efectivamente esa foto levaba unha trampiña. Sí, os que desconfiaban de corno queimado tiñan razón. Todo era real, agás que busquei un sitio que me pareceu moi axeitadiño para asinar a fotografía...Pero non me negaredes que lle quedan que nin pintados!

sábado, 10 de xaneiro de 2009

Feira

Cada día 10 hai feira en Antas. Según os vendedores ambulantes, cando cae a sábado ou domingo non é o mellor día para que eles fagan moitas transaccións. Disque a xente non acude tanto á vila en xornadas non laborables, aproveitando mellor os días de diario para facer de paso outras xestións.
Así e todo sempre se dixo que "non hai feira mala", xa que cando non é boa para un, sempre ha ter contrapartida positiva para outro; cadrándose así o balance entre o debe e mailo haber.
Eu hoxe merquei unhas tixeiras de podar, que xa está vindo o tempo e as que tiña era hora de concederlles a xubilación.
O que me pregunto é se a moza que estaba na feira non tería frío desa guisa que lucía así de lozana na praza do Concello. Quixen preguntarlle onde mercara os vaqueros, que teñen unha marca ben interesante, pero como son moi tímido, apretei as miñas tixeiras de poda, e voltei coas ganas de preguntar na idea e coa imaxe da feiranta fresquiña, na memoria da miña cámara.

Foto: Debe haber calor, carallo!

martes, 6 de xaneiro de 2009

Realidade

Reiteradamente emiten mensaxes para que pensemos que somos a elite do mundo, que sabemos como se chega á Lúa, que estamos a piques de chegar a Marte e que o código xenético da mosca non ten misterios para nós.
E agasállannos para os ollos moitas luces de cores, debuxan unha autoestrada debaixo dos nosos pés e proporciónannos a ilusión de ser posuidores dun vehículo cunha potencia motriz capaz de acadar metas absolutamente incribles...
O carallo é cando hai que pagar un combustible monopolizado, a luz que non gastamos, a peaxe que xa vén imposta e mailo arrendamento financieiro do medio de transporte proporcionado.
Entón decatámonos de que, en realidade non nos movéramos do sitio, e coa vértixe da suposta velocidade atopámonos cun mareo considerábel, agarrados a un fueiro do carro que nos venderan coa etiqueta "Fórmula I". E a realidade esbóuranos nos fuciños con intensa e arrítmica musicalidade.

Foto: Entre onte e mañán.

xoves, 1 de xaneiro de 2009

Pudor

A vida diaria precisa de accións que, pola sua cotidianidade, poden semellar irrelevantes; pero que requiren o desenvolvemento dunha serie de habilidades, así como un estimativo consumo de recursos, tanto enerxéticos como intelectuais.
Porén ás veces nos sentimos cansos, ainda sin ter realizado unha tarefa especialmente relevante dende os puntos de vista físico ou mental. Tales situacións vense maximizadas en épocas como estas datas nas que, aparentemente, todo son festas e algarabías, e en ocasións precisamos dun descansiño, un aloumiño ou unha cariciña.
E se non temos quen nos proporcione esas doses de combustible etéreo para que o carburador da nosa vitalidade siga movendo as poleas do inxenio; pois non queda outra que ser autocomplacentes, e agasallarnos a nos mesmos esa pequena licencia dun lametón alí onde máis o precisemos...
Claro que para facelo coa chulería coa que o fai a Gallarda, compre saber aparcar moi ben o pudor na cuneta da indiferencia.

Foto: A Gallarda. (Xa o dicía Mecano: "lame aquí, lame allá...")

domingo, 28 de decembro de 2008

Inocente

Conta unha vella historia que cando Deus configurou os paises decidiu conceder duas virtudes a cada nacionalidade. Así acordou que os franceses fosen refinados e coidadosos, os británicos puntuais e datallistas, os alemáns traballadores e meticulosos…

Cando ceibou as virtudes dos galegos dispuxo que fosen Inocentes, intelixentes e mais do PP. Un arcanxo (penso que foi San Gabriel, que sempre se mete en todo) díxolle:

- Señor, a todos lles das somente duas virtudes e, pola contra aos galegos estás a concederlles tres; non consideras que é inxusto?

O Todopoderoso mirouno e, decatándose do seu (suposto) desliz, matizou:

- Tes razón. Por elo decido que das tres concedidas, somente poderan concordar nunha mesma persoa duas. A escoller e de xeito excluinte…


(Como podedes observar, manteño a mesma liña editorial despois de transcurrido un ano. Cando menos no que respecta ás imaxes e tamén ao lugar de nacemento dos protagonistas... Abonda con botar unha ollada ó post do 28-12-2007 para cerciorarse de elo)

Foto: Chousa fai uns anos. Obsérvese na miña inocente mirada o atisbo da intelixencia...

luns, 22 de decembro de 2008

NaViDááááá!!!

Ben sei que hai moita xente a quen esta etapa do ano lle produce rexeite, tristura e outras cousas ainda peores. A min gústame o Nadal. Si, moito terá que ver o feito de que na miña casa hai unha personiña capaz de describir estes días do xeito que leva por título este post.
Seguramente todos, cando eramos nenos a disfrutábamos doutro xeito, e hoxe todos temos que botar a alguén de menos... (ou de máis, vai ti saber!!).
Pero sexa como fose, quero -dende este ventanuquiño pequeno- transmitirvos os mellores desexos para todos e cada un dos días que faltan ata que volos volva a transmitir.

E non me sexades malpensad@s, que o añiño da foto non vai presidir a miña mesa. Simplemente foi a imaxe que máis me gustou, e que me inspira a ternura e, tamén, ese "espíritu navideño" do que ás veces se fala. Evidentemente, como non podía ser doutro xeito, é un añiño de Antas. Solo ten unha semana, pero tiñades que velo rebechar arredor da sua nai xunto cos seus tres irmáns: a encarnación da felicidade mesma.

sábado, 20 de decembro de 2008

Adrede

A pesares da miña promesa de non reincidir no xa dito (recuncar somente presta noutros menesteres que non preciso citar...), retomo parte da filosofía do post anterior no senso de que non todo se merca con cartos. Todos confluimos nesa aseveración e , en maior ou menor grao, amosamos ledicia por tal conclusión. Non sei se como forma de espelirnos a alta dependencia que deles temos, ou como rexeite do elevado índice adictivo que os cartos provocan en nos.
Certas xeneracións -nas que me vou incluir- fomos criados na austeridade duns tempos menos tecnolóxicos que, dado o caso, se fose preciso volver saberíamos (con "mono", pero saberíamos) enraizar de novo naquel xeito de vida.
Pero témonos establecido na solaina de certas comodidades con tal ensimismamento, que me pregunto se fomos capaces de transmitirlles aos nosos cachorros aquela filosofía.
Deixémonos de landainas: non o fixemos. E sería debido a que nos arrastrou a corrente ou foi adrede?

Foto: O mesmo tronco, pero diferentes pólas. Mazaira xeada de Antas

sábado, 13 de decembro de 2008

Gavelas

Teóricamente tense considerado como innecesario pero a sua vileza proporciona ao ser humano a capacidade de loita máis encarnizada nas sociedades "modernas". Máis que o amor, tanto como o sexo...(que manda carallo!). Polo que representa téñense dado soadas traizóns, cruentos asasinatos e mil xeitos de prostitución. Con él seica se poden mercar intencións, calidades, cualidades e ata pensamentos.

Gavelas de seres teñen perdido a dignidade por unha presa de moedas. Presas de moedas, fluidamente aboadas en conta corrente téñennos prendidos na canga vital da nosa cotidianidade.

Xa sei, hai cousas que non se mercan nin se pagan con diñeiro; máis cada día que pasa a canga metálica apreta con renovada enerxía os nosos febles pescozos e profundiza a nosa dependente adicción polas gavelas de billetes finamente acuñados e precariamente distribuidos.

Foto: Simplemente cartos

sábado, 6 de decembro de 2008

Lapso

Con canta sabiduría e aparente sinxela arquitectura acomete a natureza as solucións para as inclemencias da intemperie. Cal galiña de alas protectoras que acobilla á sua niñada, as follas da camelia fan de teito dos xoromeliños que un día han ser flor.
Todo está previsto e non hai lapso cando das plantas se trata.
Do outro lado estamos os humanos que imos brincando dende o lapsus calami ata o lapsus memoriae pasando polo lapsus linguae cometendo tropelías na fala (olliño, e non malinterpretar aquí).

E non vou citar o lapsus carnis; posto que nese caso poda que haxa máis intención premeditadamente alevosa...(olliño, e malinterpretar -para atinar- aquí).

Foto: Os capullos seguen intactos despois da nevada en Antas

luns, 1 de decembro de 2008

Buratos

Parécenos que precisamos dos cinco sentidos e cando os temos todos a pleno rendemento, sempre obviamos algún. A capacidade imaxinativa, xunto cos datos almacenados no disco duro que todos levamos enriba dos hombreiros, permítennos ver onde os ollos non chegan e intuir o que ignoramos.
E así nos vai. Que a realidade ás veces non ten nada que ver co imaxinado e outras veces... ainda é peor.
Con todo, ninguén de nós renunciaría a esa poderosísima ferramenta que nos permite ver máis aló dos buratos que a vida nos brinda para ollar dende a nosa quietude. Ainda sabendo que acumulamos erros, ninguén prescindiría da marabillosa capacidade humana de equivocarse.

Foto: Tragaluz, ventanuco ou buratiño?

xoves, 27 de novembro de 2008

Incrible

Mentras xantamos sobre os nosos platos acugulos de proteinas, as televisións sirvennos a ensalada áceda das crises, das fames, das noxentas batallas por cuartillos de terra estéril, preñada de casquillos de 9 milímetros e aderezada co sangue inútil de miles de mártires dunha causa que non é a súa. E de postre unha de corrupción e duas de anoréxicas desfilando nunha pasarela de alto estanding.
Para a cea téñennos preparadas risas enlatadas ou broncas de realitis increiblemente concebidos para amosar -supostamente- as vilezas humanas visionadas nunha caixa de zapatos...
Semella absolutamente incrible que, a pesares de todo elo, siga poñéndose o sol polo oeste sobre o tranquilo mar de Oia nunha tarde de novembro.

Foto: Pantalla vital. Imaxe real. Canal de balde sin precisar sintonizador

domingo, 23 de novembro de 2008

Soportes

Os espazos destinados como soporte publicitario son escollidos por profesionais do márketing e do mundo da imaxe con profundidades insospeitadas. Vimos de asistir á campaña das eleccións americanas, onde todo se mide: cada frase, cada sonrisa, cada movemento.
Pois o mesmo se fai para seleccionar o lugar sobre o que se vai sustentar a imaxe ou a frase que se quere transmitir, para que ésta chegue con claridade meridiana á maior parte posible do público obxectivo.
Pero cando o importante é a mensaxe, todas as relevancias mudan; e nese caso o soporte pasa a ser secundario. Calquera que sosteña as grafías é válido. E non por un recóndito soporte a frase perde o seu valor comunicativo nin a verdade enunciativa. E o resto son landainas!

Foto: Un parque en Santiago (Esta vez hai que clicar nela para ver a mensaxe)
Alguén está en desacordo co enunciado?

martes, 18 de novembro de 2008

Faladores

Na actualidade resulta totalmente normal ver á xente camiñando polas ruas das cidades co móbil pegado á orella. E falan pola mañán e badúan polas tardes, e interrumpen comidas e falan polos pasos de cebra e xesticulan diante dos semáforos e incluso rin diante dun escaparate de chucherías...
Tanto temos que dicir agora?. Tanto calabamos antes?
Millóns de conversas innecesarias sucédense cada día (e factúranse cada mes).
Imaxino que estes faladores paseantes, cando chegan ás suas casas coas propias baterías esgotadas, enchufaranse no cargador do silencio para poder continuar na conversa inacabable ao día seguinte. Acaso terá máis mérito falar cos non presentes que cos de perto?
Por algún estraño motivo, esto faime lembrar cando chegou a radio á casa de meu avó. Sempre que a "acendía" mandábame calar para oir o "parte". Co tempo aprendemos a ter o "arradio" encendido simplemente para que baduase...

Foto: Mobilfalante de antano (case volvo dicir Antas)

venres, 14 de novembro de 2008

Reflexo

A perspectiva é a nai de todas as interpretacións. Depende dende onde mires para sacar conclusións tan diversas como contrapostas. Incluso a perspectiva contextual incide na conclusión final.

E o mellor de todo é que non hai lado bo nin lado malo (Julio Iglesias non sei se suscribirá esta afirmación); senón que todo depende de quen te mire e dos obxectivos desa mirada.

Se cadra vai resultar que a verdadeira imaxe, a máis nidia, a mellor, a pura, a real, a única...é so un reflexo e o resto...pura imaxinación.

Foto: Reflexo dende o muiño de Frádegas (Antas de Ulla)

domingo, 9 de novembro de 2008

Mutacións

Somos tan sumamente semellantes que nas facultades de medicina estudan sobre un patrón que serve para todos e cada un de nos. Aquel músculo que se trenza por alí, aqueloutra arteria que se esconde por acolá, un óso que se engarza nestoutro...
Pero e cando falla a catalogación previa do individuo analizado?. Un estudo correctísimo pode concluir nun diagnóstico tremendamente errático de consecuencias prescriptivas tan fatais como desastrosas.
Porén hai materias nas que nin siquera vale aquelo de que "se non é boi é vaca"; senón que compre unha adicación analítica previa o suficientemente metódica como para que a catalogación resulte axeitada.
E non se trata de simples mutacións do mesmo ser, non. Simplemente se trata doutro ser absolutamente diferente aos seus semellantes na sua total igualdade para con eles...

Foto: Se me queres ligar como unha pera vas levar calabazas, porque son unha pataca!

martes, 4 de novembro de 2008

Saúde

En certa ocasión un neno acompañaba a seu pai na feira de Antas, cando pasaron a carón dun burro que tiña o seu órgano sexual extendido en toda a sua lonxitude. O rapaz, sorprendido pola visión, e cargado coas dudas da sua candidez infantil, preguntou:
- Papá, e que lle pasa ao burro?
O pai, que non gustaba de verse en camisas de once varas, tentou sair da situación como mellor puido e respostou
- Nada neniño, o burro está enfermo.
O día rematou, cargado de anécdotas para o rapaz, e pasados varios días dende o 10 (que é o da feira de Antas), ía o neno camiñando para a escola -esta vez na compaña de sua nai- cando avistaron un burriño na mesma situación co detallado anteriormente. O neno, amosando sabiduría, dille á sua nai:
- Mira mamá, ise burro está enfermo.
- Enfermo?, e quen che dixo a ti tal cousa?
- Seino eu, porque mo dixo o papá.
A nai, enrugando o fuciño, axeitando a postura do mandil sobre o lombo e mirando cara o frente cun levísimo sorriso de resignación, respostou:
- Xa quixera teu pai ter a metade da saúde do burro!

E xa que estes días haberá tinta abondo corrida sobre as eleccións americanas; este é o meu humilde tributo a tal evento.

Foto: Burro saudable en Santa Cristina de Areas (Antas de Ulla)

mércores, 29 de outubro de 2008

Proposta

Dentro da vertente social que teñen os blogs, e tan so dende o ánimo cívico que habita no meu interior, veño hoxe en propoñer ás Administracións públicas unha idea para minimizar o impacto da crise nos seus presupostos.
E como vexo aos políticos tan sumamente orientados a aportar ideas cara o aforro das familias na parte do custo da vivenda e matizando ese aforro principalmente non na reducción no prezo básico dos impostos sobre o chan, as taxas sobre a construcción, etc, senón na simple reducción do tamaño da vivenda; tomo nota da sua amigable iniciativa e devolvo a miña co mesmo cariño e vehemencia.
Propoño que utilicen como sedes ministeriais ou das diferentes consellerías, así como das delegacións provincias e outras dependencias públicas, construccións do tipo da fotografía (tomada dunha alvariza en Antas de Ulla)
Ademáis de lograr unha considerable reducción dos custos orzamentarios, tanto de construcción como de mantenemento, acadaríase así unha moi axeitada integración medioambiental con un mínimo impacto no mesmo e liberaríanse os recursos precisos para adicar á atención social, educativa, sanitaria, infraestructuras...

Foto: Proposta de sede do Ministerio da Vivenda

xoves, 23 de outubro de 2008

Equilibrio

Medramos na chousa global, acotados polos valados das fronteiras e periódicamente trocamos os froitos das nosas entrañas a cambio da moeda de esterco que nos volve fertilizar e de cuxa necesidade somos únicos autores.
E en cada ciclo estacional repítese a mesma sinfonía sin necesidade de mudar de pentagrama nin de batutas que a dirixan nin oidos que a escoiten.
Ata que un día, feridos pola macheta do estrés e asfixiados polo adival das premuras, ficamos tronzados enriba do noso propio pe .

Foto: Equilibrio inerte

sábado, 18 de outubro de 2008

Canchapernas

Que se negro, que se branco. De dereitas ou de esquerda. Grande ou pequeno. Gordo ou fraco. Lonxano ou de perto. Áxil ou torpe. Bo ou malo. Manso ou bravo. Seco ou mollado. Que se doce, que se amargo. Que se vivo, que se morto. Que se esto, que se aquelo...
Pois tamén pode ser nin sí nin non, senón todo o contrario. Nin subindo nin baixando, nin de a pe nin dacabalo.
A canchapernas entre os dous lados e facendo forza no pe que mellor conveña en cada intre ou asentado nos dous por igual. Todo elo sen perder a verticalidade nin a compostura: galego; por riba de todo.

Foto: A canchapernas do Ulla no seu berce

sábado, 11 de outubro de 2008

Simplicidade

Sesudos estudosos da economía licúan estes días os seus miolos para tentar asesorar axeitadamente aos responsables políticos de como atallar unha situación que se torna máis complicada cada día que pasa.
Semella que a fortaleza de antonte non era tanto e hoxe todo se torna peligrosamente delicado. Mesmo parece que se tambalean as estructuras nas que se sustentan as necesidades creadas ó abeiro dunha pseudoprosperidade sumamente dependente do consumismo atroz e dirixido.
Resulta que ninguén se decata de que todo isto tiñámolo solucionado dende fai moito.
Auga e alimento. Todo nun entorno ledo, acolledor e atrainte. Sin presas. Sin beber máis auga da que se da tragado e sin meter máis millo do que cabe no hórreo.
Naquela simplicidade de antano tamén se recreaba todo un arte que hoxe so é materia de estudo da antropoloxía; cando debería ser toda unha asignatura conceptual para entender a macroeconomía.

Foto: Bolsa de San Martiño de Vilapoupre (Antas de Ulla). Hora punta.

domingo, 5 de outubro de 2008

Lugo

Seguramente que nun día coma hoxe a imaxe de Lugo é un caldeiro de polbo cocéndose ao carón das casetas do parque de Rosalía. As festas do San Froilán teñen un marcado carácter gastronómico, parte lúdica na que pondera dun xeito relevante o cefalópodo servido ó denominado "estilo feira".

Pero non hai duda de que a imaxe característica de Lugo, en festas ou fora delas, é a muralla. Pondera de xeito importante, de entre as imaxes perimétricas do romano monumento, este cubo con fiestras perto da Porta de San Pedro, coñedido por "A Mosqueira".

Foto: Non todo vai ser Antas