
Somos rariños de carallo (ollo, non confundir a preposición coa contracción...; que tamén podería ser): non traballamos no "día do traballo" e un bichiño microscópico mutado e de nome mutante tamén, pón en xaque a toda unha organización de saúde que seica é mundial.
Téndese a magnificar todo. O que antes eran dous días de nevaradas, trátanse de temporal; e sete acatarrados esbirrando definen unha posible pandemia mundial. O que antes se trataba cun "
Jasús María!!!", hoxe require toneladas de reservas en antivirais.
Sexa aviar ou porcina, nova ou vella; o certo é que estas noticias téñennos sempre engruñados mentras nos sentamos diante dos nosos platos cheos de comida e vemos no telexornal cantos novos casos hai hoxe esbirrando na aldea global. Pola contra medio mundo segue a ter que estarricarse para lograr un anaquiño de pan que levarse ás súas bocas caladas...
E coa afonía que nos produce o pavor, observamos como a vida continúa a desenvolver as súas follas novas, enchendo os campos de arrecendo primaveral. Coma se nada pasase.
Foto: Feto de fento en A Cervela (Antas de Ulla)