sábado, 29 de marzo de 2014

Regaña

Fendedura eterna de imantadas polaridades, cráter infinito de todo tipo de lavas.
Redonceces duplicadas en debuxo de semicirculares figuras; que amosan á vez que agochan, que potencian ao tempo que disimulan; que turran, incitan e provocan. Xenuíno esbozo mamario.
Nobre retagarda epidérmica que non se cita pero que a todos atrae. Fina separación que polos ollos clama, delicada greta que por mans alleas continuamente chama.
Domicilio do cu. Buzón do perineo: excelentísima regaña!

Foto: Fende-dura

sábado, 22 de marzo de 2014

Idoneidade

Un individuo só está ben; aínda que axiña resulta triste, pobre, escaso, anódino. 
A parella empeza con bo pé, pero remata zugando a individualidade de cada un dos compoñentes para arrincarlles a esencia propia.
O grupo familiar acubilla, protexe, coida e dá calor; ata que se incorporan obrigas imposibles envoltas en fastos baleiros de contido que, por riba, tes que pagar.
Os amigos son un refuxio marabilloso mentres non cansas de levalos á casa borrachos coma calazas, carentes de esencia propia, tristes e anódinos; enfermos de soidade dende que romperon coa súa ex por non dar aturado fastos sen contido...
Cómpre un complexo proceso evolutivo para decatarse de que a idoneidade radica no trío.

Foto: Relación triangular no prado. Lambendo a perfección.

venres, 14 de marzo de 2014

Ladaíña

Regalía cutánea, ceboliña dos desexos, manancial da exuberancia, cumio de escaladas, destino das olladas, garavanzo do pracer, xema das luminosidades, devezo exquisito, ansia infinita, encaixe epitelial, punto singular, diérese sublime, matiz da convexidade, incandescencia solapada, bodoquiño excelso, devoción carnal , belisco perenne, galano visual, ledicia de amantes, gloria de lactantes, cúpula sensual...Ora pro nobis!
Ladaíña ás mamilas.

 Foto: Mamila cameliana (Somente a camelia aceptou posar...)

domingo, 9 de marzo de 2014

Espello

Hai días nos que é mellor non mirarse ao espello. Ese cabrón cristalino é capaz de amosarche a crúa realidade sen que lle estalen as fibras dunha diplomacia da que carece. E despois do impacto el queda tan longamente ancho pendurado na parede, encastrado no marco que un día lle puxeron. Sen inmutarse e mutando a novas imaxes. Sen fender aínda que ofenda. 
Logo de deixarte na máis fonda das miserias, el  é capaz de rír co río mentras xogan a ver quen reflicte con máis nitidez a superficialidade...

Foto: Autofoto no espello [Selfie]. Juapo juapo non son; pero teño un musjazo...

sábado, 1 de marzo de 2014

Extraterrestres

Tan grande capacidade de síntese posue o saber popular que é capaz de condensar en pouquiñas palabras o que podería ser un extenso tratado:
"Catro cousas quere o amo do criado que o serve: tarde á cama, erguerse cedo; comer pouco e estar alegre".
Vendo o que se dicía e o que acontece, queda clariño que a vixencia dese saber non ten data de caducidade. Os amos pensaban e pensan que os traballadores somos auténticos extaterrestres!

Foto: Zapato terrícola e máis E.T.
 

sábado, 22 de febreiro de 2014

Pingueira

Unha teima calada que ninguén ve e todo o mundo disimula, fainos mudar os marcos da serenidade e derrubar os valos que cinguen o comportamento.
Unha sorte de código xenético oculto, criado unicamente para conculcar leis, burlar decretos e vulnerar estatutos...
Unha porfía vehemente por brincar sucos propios para sementar en cales alleas; obviando as derregas, alterando os lindes; pacer herbas doutros predios, mallar mollos doutras medas... 
Trátase dunha necesidade imperiosa que combina a intensidade voluptuosa dunha fervenza co sixilo sensual dunha pingueira.

Foto: Fervenza en miniatura.

sábado, 15 de febreiro de 2014

Salpicar

A présa coa que vivimos non nos deixa disfrutar,
gastando o presente cavilando
no que o futuro vai deparar.
Apurados como andamos non temos tempo para reflexionar
o duras que son as pedras, que nin poden chorar.
Correndo como imos non paramos a pensar
o alonxados que estan o picho e maila pía, 
que somente se poden salpicar.

Foto: Verde salpicado.

sábado, 8 de febreiro de 2014

Brazado

Na escola ensináronnos a discernir entre unidades de volume e de superficie. Non sen esforzo por parte da mestra, fomos capaces de comprender que era un desperdicio botar o viño nunha hectárea; ou que non tiña xeito medir en hectolitros o nabal do agro.
Sentadas aquelas bases, axiña aprendemos a calcular áreas de leiras imposibles e volumes de caldeiros inexistentes.
Pero tantas horas lectivas riscando coa tiza no encerado, non nos axudaron a saber calcular  cantos bicos caben nun cuartillo nin canta paixón se pode conter  nun brazado...

Foto: Recreo. Mutacións volumétricas en superficie axardiñada.

sábado, 1 de febreiro de 2014

Satén

Baixa das alturas coa premura da necesidade. Acouga no leito do val debuxando un camiño de sonoridade. Facéndose grande aínda sendo cativa, deslízase con mestría, avanzando sensual e provocativa. Paseniña nas tostas, barulleira nas costas; hidroxenando as beiras, osixenando as ribeiras. Lambendo as herbas con vehemencia descarada, bicando as pedras con dulzura reiterada, facendo apoloxía de que vai mollada...
E, mentras pinta de verde o escenario que a contén; ela, acuosa, rizada e presumida, adobíase -lasciva- con encaixes de satén.

Foto: Encaixe de moléculas hidroxenadas.

domingo, 26 de xaneiro de 2014

Presuntos


Chegamos a un punto no que aqueles que semellaban ser referentes da nosa sociedade, móvense unicamente en dúas cordas: ou presuntos ou presuntuosos! 
E o máis fodido desta leria é que aos primeiros pagámoslles nós o avogado e aos segundos corrémoslles cos gastos suntuarios.
Se non fora porque nos dá a risa, era para chorar.

Foto: Xogando a ser pino. Alardeando no pinar.

sábado, 18 de xaneiro de 2014

Óxido

Comandantes con bigotiño pariron zarabetos que aluman ministros de xustiza con trazas de adiantados, pero que se destapan cangrexos cerebrais.
Colectivos oligárquicos que rouban ilusións a cara descuberta, trafican con dereitos e ocultan as pegadas con luvas brancas; mentras fuxen escoltados por tricornios acharoados.
Instituciós prostituidas e santuarios profanados, donos dunha rulada de ovos sen galadura...
Está claro: oxidóusenos a democracia.
Cando empezamos co esmeril?

Foto: Evidencia corrosiva.

domingo, 12 de xaneiro de 2014

Mando

Ser seica somos vivíparos; pero ultimamente reproducímonos de maneira tan esporádica que un xa pensa se esa querencia humana por estomballarse continuamente no sofá non terá algo que ver coa incubación...
E mentras no Seregueti continúa a loita encarnizada e asasina pola transmisión xenética; este menda, alleo ao mundo, sábese dominante unicamente porque manda no mando.

Foto: Último grito. Inclue tecla de reproducción.

mércores, 1 de xaneiro de 2014

Sedela

Aínda sentindo os ruídos de copas que estalan, do tecleo reiterado de palabras doces acompañadas de imaxes picantes, de uvas vasectomizadas devoradas ao son metálico de badaladas que non chamaban á misa; voltamos  aos aparellos da normalidade. 
Volverá ser o mar bravo o que nos chimpe na cara salpicaduras de realidades e haberá algún anzol rebuldeiro que se nos espete nos dedos.
Iso si; seguiremos percibindo a ledicia cada vez que sintamos que se nos tensa a sedela.

Foto: Peixaría con barra libre. Boa pesca para o 2014!

sábado, 28 de decembro de 2013

Cándidos

Gustábamos escoitar aqueles contos de paxaros que podían co zorro e de ranchiños que burlaban a astucia do lobo. Medramos no medio de ratiños de apelido patronímico que pagaba con agasallos a perda dos nosos dentes de leite.
Fomos admiradores dunha nena con carapuchiña vermella, quixemos ser príncipes azuis para bicar rapunzeis durmintes en xardíns fermosísimos e soñamos cun país de marabillas no que todo sempre remataba en felicidade, a non ser que foses perdiz...
Tivo que ser a política da democracia a que nos arrincase toda aquela candidez dicíndonos que, en realidade, Bambi non era máis que un castrón.

Foto: Castrón en Castrillón (Vilapoupre, Antas de Ulla)

xoves, 19 de decembro de 2013

Ornamento


Aproveitando que a mazaira da Lurdes de Salvador decidiu ficar  este ano como improvisado ornamento do Nadal da miña rúa, veño pousar ao seu pé os meus desexos de ledicias para estas datas do almanaque.
Demostrado que o mellor sitio para gardar ben as mazás é a mazaira, non esqueza ninguén que a mellor gardaría para os bós desexos non é a verbalización dos mesmos; senón o propio corazón. Alí teño os meus para vós.
Feliz Nadal para toda a flota estelar que pasa pola Chousa. E á que non pasa, dádelle o recado, por favor.

Foto: Mazaira da Lurdes de Salvador.Nadal 2013

domingo, 15 de decembro de 2013

Semellanzas

Calquera frase que escriba ao carón desta imaxe pode clasificarme o blogue nunha letra máis aló do "V".
De modo que tentarei conter a miña berborrea fonética para non aludir a semellanzas nin establecer comparacións. Desta vez vou facer un posteo asubiado. 
Somente podo asegurarvos que o bidueiro estaba alí, co seu toro ben plantado (stricto sensu) e as pólas ben abertas (sensu amplo); eu, simplemente, pasaba polo lugar asubiando...

Foto: Bidueiro. Potencial modelo para Oysho?

sábado, 7 de decembro de 2013

Foi

Foi o vento que tantas cousas dicía,
preguntándolle á terra se lle gustaba como a lambía.
Foi o mar cuspindo pingas de fantasía,
bicándose cos cantís en perenne algarabía.
Foi unha árbore que xa non vivía
a que enmarcaba canto alí acontecía.
Pero non foi ata que ti miraches o que eu vía, 
cando a lúa deixou de ser astro para tornarse poesía.

Foto: Estaca de Bares. Poesía visual.

domingo, 1 de decembro de 2013

Parolar

Aquelo que nos contaron na escola de que o corpo humano constaba de tronco, extremidades e cabeza era unha definición incompleta. Agora xa todos sabemos que tamén consta de teléfono móbil. 
Este artiluxio, que ten a capacidade simultánea de poñernos en contacto coas persoas que estan lonxe á vez que nos illa por completo das que temos ao noso carón,  ven a deixar constancia de que -por moi pouquiño que teñamos que dicir- moito nos gusta parolar (á do pelo vermello guasapear).

Foto: Paroladoras de diferente pelaxe.

domingo, 24 de novembro de 2013

Diacrítico

Que me guste a fotografía non garantiza en absoluto que faga boas fotos. Eu ver véxoas; pero despois, cando interpoño entre o ollo e maila realidade o obxectivo da cámara, aparecen as complicacións.
Non sei manter as distancias focais, abuso de velocidades de obturación, fago mal os contrastes e apreto con lixeireza o disparador.
Claro que, entre tantas que fago, hai algunha á que non se lle pode poñer ningunha péga. Aínda que eu tivera un día crítico...

Foto: Pega sen péga. Outono urbán.

domingo, 17 de novembro de 2013

Transxénese

Era visto. Tanto voto á dereita tiña que ter consecuencias.  
Xa se vían vir machetazos cara os pupitres, navalladas cara os fonendoscopios e ráfagas de plomo cara os avances na xustiza e nos dereitos sociolaborais.
Contábase co incremento notable de rosarios e letanías, si; pero non pensabamos que tivesen o valor de mutar tanto as células desta sociedade, ata o punto de lograr que as mazairas desen froitos tan raros...

Foto: Mazá transxénica

domingo, 10 de novembro de 2013

Cursiva

Cando os elementos subliñan tempestades en capas altas da atmosfera e precipitan  treboadas a rente do chan, non resulta fácil manter o equilibrio sobre o papel.
Coa climatoloxía complicando a escrita non hai bolígrafo que sexa capaz de debuxar fonemas cun mínimo de sentido.
A única valente diante de tanta isóbara cabreada volve ser a natureza; que -sen mestra nin mostra- é capaz de rotular virguerías maiúsculas. E incluso adornarse coa cursiva.

Foto: Fonemas da outonía

venres, 1 de novembro de 2013

Ananos

Por ser capaces de fabricar mastodónticos pensamentos e por nueclearizar a imaxinación, construimos escalas baseadas en idearios de grandeza.
Ese xigantismo imaxinativo levaríanos a unha feliz desembocadura se fósemos quen de canalizalo polo rego da xustiza; pero os banzados artificiais non son capaces de conter as ambicións individuais; que desbordan éticas e sentidos comúns, asolagando paciencias, escandalizando conciencias e afogando ánimos colectivos (omito exemplos por manter a brevedade chousiana. Que cada cal pense no Bárcenas que lle pete ou no Urdangarín que lle dea a gana).
Vémonos como presuntos xigantes pero ser somos absolutos liliputianos.

Foto: Azafrán xigante.Outono presente.
(Romance de Novembro - Lough Erin Shore)

domingo, 27 de outubro de 2013

Nádegas

A ver se co aforro enerxético tan importantísimo que imos lograr por mor destes absurdos cambios horarios, podo permitirme volver pagar catrocentos cincuenta céntimos (tres mil reás) por unha caña no Gijón.
Que me atenda o camareiro de chaqueta branca con galóns de almirante e andar tranquilo de avezado grumete.
Ben sei que nin hábito  nin abadía fan ao fraile; pero a min aquel lugar inspírame. Non sei se polo ar que fala en pretérito, se polas litografías con nádegas ben debuxadas dunha femia que me volven ao presente. O certo é que no futuro quero volver.

Foto: O meu primeiro libro. Busco editor

mércores, 23 de outubro de 2013

Perspectiva

Un amigo mestre adoita contar unha historia protagonizada por un alumno ao que lle encomendaron facer un exercicio de expresión escrita sobre a vaca.
O rapaz despachou a tarefa dicindo que a vaca é un animal que ten catro lados. E numerábaos así: diante, detrás, esquerda e dereita.
Cando ía entregar tan exiguo traballo, o mestre mirouno e inquisitivamente preguntoulle: - Namáis?. O rapaz, con xesto decidido,  retomou o labor riscando onde puxera "catro" e escribindo "seis". Completou o retocado engandindo na relación "o de riba e mailo de embaixo".
Está claro que o pupilo presenta unhas notables carencias de coñecemento sobre a vaca, pero amosa ter moi claro que o espazo é un escenario multidimensional que se pode observar sempre dende moi variadas perspectivas.

Foto: Pupila centrada nunha soa perspectiva. 

domingo, 13 de outubro de 2013

Adwertencia

O afán capador de certos políticos cara as linguas minoritarias do Estado é tan notorio como ignominioso.
Avisan do seu paso co chifre do BOE e capan coa afiada coitela da Lei Orgánica; simulando desinfectar con abundante artillería demagóxica que se ampara en trilingüismos falaces.
Parece que sufren (tamén) de alopecia neuronal ao non decatarse que con dúas linguas no cerebro é posible falar perfectamente.
Iso sí; cando non hai maneira de articular palabra a xeito é tendo as dúas na boca.

Foto: Dándolle ás linguas