domingo, 27 de abril de 2008

Fraxilidade

Nada hai que suscite tanta grandiosidade como o feito vital. Ese mecanismo mediante o cal os seres vivos constituen máquinas perfectas que paulatinamente van adquirindo -con inusitada semellanza- pautas e vicios.
Do calor e suavidade uterinas, que nos reporta alimento e vida, pasamos á silveira punzante e fría que nos prodigará ledicias e placeres; pero tamén algunha que outra ferida.
Sorprende a vigorosa fraxilidade coa que iniciamos ese percorrido.

Foto: gatiño recén nado nunha silveira de Antas de Ulla

mércores, 16 de abril de 2008

Elevación

O novo goberno do estado español está constituido, por vez primeira na sua historia, por o mesmo número de mulleres que de homes. Fartámonos de recoñecer nestes días que pouco importa o sexo de quenes ostenten o poder, concordando todos en que o máis relevante vai ser a eficacia na sua xestión e o atino na execución.
Ilusionémonos coa mesura axeitada, sin botar as campás todas ao vento.
A neglixencia, canto máis elevada se poña, o único que vai lograr será unha exacerbación da sua propia evidencia. E, nin homes nin mulleres, estamos libres de ser doctores da ineficacia.

Foto: Máis cerca de Dios por mor dunha "paleadora"

xoves, 10 de abril de 2008

Insultos

Existe unha teima nos humanos por insultar aos conxéneres mediante o emprego de nomes de animais. Decir que "eres un animal" non adoita ser un piropo. Se a intelixencia non acompaña din que "eres un burro" , cando resultas pesado dinche "mosca cojonera" , se eres moi malvado apélante de "víbora", e se fas o parvo chámante á orde decindo que "non fagas o mono".
No lado discriminatorio femenino non quero tocar o tema de cando a algunha a comparan coas parellas do zorro ou do galo...
Vivimos rodeados de animais, os cales resultan as víctimas propiciatorias de moitísimas "humanadas". E eles calan mirándonos mentras, de seguro, pensan: "estades como cabras", por moi sapiens que sexades!

Foto: Cabuxiña con axóuxere nun prado de Vilanuñe (Antas de Ulla)

sábado, 5 de abril de 2008

Espido

Miles de millóns se invisten cada minuto en deseños para vestir os esqueletos, e non so coa fin de protexer dos elementos, se non perseguindo a mellora estética da tan valorada "imaxe".
Resulta imposible afirmar que non logran ese obxectivo (con uns modelos téñeno máis doado que con outros...), como tamén resultaría carente de certeza se digo que non me teño rendido a algunhas "tendencias"; pero ben é certo que a miña ferramenta preferida para relacionarme sempre foi a palabra; ou mellor dito: a conversa (feixe de palabras).
Sin adornos nin adicións tamén podemos ser atraíntes. Somente coa cara lavada, mostrando as interioridades e sin agochar segredos baixo peles sintéticas.

Foto: Hórreo espido no lugar de Outoniño (Antas de Ulla)

luns, 31 de marzo de 2008

Conmutación

Un proverbio árabe reza algo así como que somente hai tres cousas que non deixan pegada: un paxaro no ceo, un peixe no mar e un home nunha muller...
Pois vai ser que non se cumple a propiedade conmutativa nestas aseveracións.
Se resulta incomprensible non poder enmarcar o voo dun paxaro na liberdade do ceo e se inimaxinable semella un peixe sin o seu mar; que dicir do libro branco que somos os homes antes de que nas nosas follas escriba unha mulller?.

Foto: Illa de Arousa. Incluso visto parcialmente...deixa pegada!

luns, 24 de marzo de 2008

Velocidade

Din que o tren de alta velocidade chegará a Galiza un lustro destes. Boeno, está moi ben iso. Unhas boas comunicacións seica son augurio de progreso, desenvolvemento e civilización.
Hoxe todo ten que ser con presas, se non xa semella que non ten mérito nin valía. E, pola contra, no disfrute persoal sempre perseguimos aquelo que podemos facer de vagariño.
Compre que atopemos ese equilibrio no que as premuras e maila inmediatez se dobleguen diante da calma e o sosego. A mente dos nenos de aldea coma min, non sei se saben viaxar con alta velocidade.

Foto: Tráfico desconxestionado na "peaxe" de Vilapoupre (Antas de Ulla)

sábado, 22 de marzo de 2008

Mamá

Ti viches como eu, alimentado de ti e por ti, chegaba a este mundo rollizo e forte. Eu, impotente, so puiden contemplar como o ías abandonando débil e paseniñamente.

Nas tuas mans respirei as primeiras bocanadas dun aire vital. Nas miñas exhalaches os últimos suspiros do teu corpo canso. No teu colo dormín sonos profundos e mamei tantos mimos como fun capaz de succionar. Xenerosa ti, que satisfacías con ternura os meus egoismos.
O terrible deterioro que te foi consumindo como unha veliña non será quen de borrar todo canto me deches neses abrazos inmenos, naqueles bicos guturais, nas miradas dos teus olliños pequenos de mirada ancha, nos salaios das carencias de antano e na fachenda brillante da tua mirada por verme medrar...
Ti, acolledora sempre, segues co teu seno aberto para min. Protéxeme como sempre fixeches, mamá.

mércores, 12 de marzo de 2008

Utilidade

Cada vez con máis énfase os partidos políticos maioritarios fan pivotar o seu márketing coa recurrida suxerencia do “voto útil”. Detrás desa cortina escóndese unha monumental agresión á esencia da democracia representativa. Para quen é útil o voto?

Baixo o argumento de que cada provincia elixe aos seus representantes, en función de criterios supostamente poboacionais, finalmente acádanse paradoxas no Parlamento como que unha forza política que obtén 652.000 votos tiña 8 deputados e outra con 1.284.000 contase somente con 5. Seica son inútiles máis de medio millón de votantes desta última formación?.

E por se fose pouco aqueles representantes provinciais elexidos sométense durante catro anos á “disciplina de partido”, sen distinguirse á hora de votar se son de Lugo, de Cáceres ou de Murcia, diferenciándose unicamente se están sentados á dereita ou á esquerda do hemiciclo. Faime esto entrar nunha severa dúbida de cales votos son máis inútiles…

Compriría unha modificación do sistema electoral que contemple as listas abertas -primando así a valía persoal diante do poder partidario- e maila adecuación representativa dos votos obtidos.

Será preciso para elo unha importante presión social, xa que o establishment bipolarizador no que estamos entrando favorece precisamente aos que terían que abordar dita reforma.

Unha persoa, un voto. Sempre útil.

Foto:" Parlamento forestal" en Vilapoupre. Un espazo, un pino...

sábado, 8 de marzo de 2008

Sangue

O sangue derramado salpícanos a todos. Nada podemos entender nesa sinrazón que so atina a poñer cadáveres enriba da mesa como argumento. Sangramos todos por esa ferida que nos drena o líquido vital e que lles drena aos asasinos a pouca materia gris que se lles podía supoñer.
Quen na súa mínima cordura pode considerar viable que acadará o seu máximo obxectivo segando vidas, non pode ter o respeto de ningún dos momentáneos supervivintes (todos estamos no seu punto de mira, tan so por non pensar coma eles, non fai falla ser exconcelleiro, nin garda civil nin militar).
Con cada asasinato caban máis fonda a sua propia tumba. Con cada tumba reabren unha ferida que os alonxa e que nos anoxa, se cabe, máis do que xa nos tiñan.

Foto: Carballo tronzado

venres, 29 de febreiro de 2008

Maternal

Nada supera en ledicia e agarimo ao acollemento maternal. Ese xeito de brindar un protectorado de absoluta ternura e de constitucional entrega, non atopa posible comparanza no Universo.
Incontestable exemplo de amor sin condición. Incondicional mostra de ternura sin contestación.
Mamar mimos é unha das accións máis nutritivas para a mente en crecemento [e incluso xa ben medradiña tamén]. Ese alimento intanxible pero palpable e sabedeiro, é o xoromelo da sensibilidade plantada no noso ser dende o peito maternal.

(Dise que unha nai coida oito fillos e que, ás veces, oito fillos non son quén de coidar dunha nai. Incongruencias da natureza humán!)

Foto: Añiños mamando mimos en Santa Cristina de Areas (Antas de Ulla)

mércores, 27 de febreiro de 2008

Agudeza

Clasificar en base aos éxitos ou como consecuencia de fracasos son duas formas tendenciosamente perversas de catalogar ás persoas.
Seguramente as intencionalidades, xunto coa metodoloxía empregada para acadar aquelas intencións, son máis xustas para valorar con eficacia.
Pero no mundo actual, de primacía exclusiva dos resultados, non abondan as vontades. Cómpre saber transmitir ideas, comunicar tendencias , xestionar recursos, vender productos...
Se a ese cóctel lle engadimos a premura da inmediatez, podemos obter unha estresante espiral de insatisfaccións que nos levarán a cometer abultados erros, incluso visuais.

Foto: Pseudolagarto anicado a carón do valo en Caldelas (Antas de Ulla)

mércores, 20 de febreiro de 2008

Raigame

Nacemos na indefensión máis absoluta e "maduramos" coa lentitude vertixinosa do progreso.
Pasamos do babeiro á garabata sin saber usar correctamente a servilleta; do triciclo á berlina antes de coñecer os pasos que poden dar os nosos talóns; da libreta de doble pauta ao teclado inalámbrico sin aprender o que é a caligrafía; da corredoira suficiente á circunvalación saturada...
Pendurados no Cosmos transitamos pola vida coa fortaleza dun carballo e, de xeito simultáneo, coa fraxilidade dunha herba.
Sería moi desexable que, cando menos, nunca perdamos a lembranza da nosa propia raigame.

Foto: Raices en Caldelas , na parroquia de San Xurxo, en Antas de Ulla

sábado, 16 de febreiro de 2008

Profesionalidade

Chámase "ir de flor en flor" ao feito de ter moitas noivas (ou noivos), sin quedarse con unha en concreto. Socialmente non está nada ben visto (...), e tampouco responde a un patrón conductual para a tan buscada estabilidade emocional na que seica andamos á procura.
En consecuencia poderíamos concluir que o balance da felicidade quedaría descadrado se este método fose o empregado no libro Maior da nosa vida.
Pola contra, as abellas trocaron en profesión o que para algúns podería resultar unha arela. E non suscitan celos entre as flores libadas nin provocan dor cando van á seguinte na procura da sua esencia. Por se todo isto fose pouco, colateralmente, posibilitan a polinización. Pódese pedir máis profesionalidade?
Gústame o mel.

Foto: Febreiro florido. Xardín do C.E.I.P. de Antas de Ulla

mércores, 13 de febreiro de 2008

Camiños

Hoxe a tecnoloxía repórtanos, en pantallas de cristal líquido e mediante conexión vía satélite, o itinerario a seguir polo roteiro máis curto. Incluso estima o consumo máis favorable ou o tempo a utilizar no percorrido.
Acompáñase de voz -case sempre femenina- que, con asintonía monocorde e gutural, reporta de xeito anticipado os precisos matices a seguir.
De seguro que continuarán "perfeccionando" os mecanismos para que, con tan so entrar no habitáculo, saiba a onde queremos (ou debemos) ir.
E quedarán para os museos os instintos, as voluntades... e mailos sinais de dirección...

Foto: Estrada Agolada-Melide (e despois din que tódolos camiños levan a Roma...)

sábado, 9 de febreiro de 2008

Sinais

A tendencia humana por deixar constancia da sua impronta acabou en moitos casos por considerarse como arte. Gracias a esa teima podemos hoxe interpretar moitos detalles daquel pasado no que as nosas inquedanzas eran máis vitais que artísticas.
Pregúntome se algunhas manifestacións consideradas na actualidade como artísticas, e pretendidas así polos seus autores, non serán algún día menosprezadas, vituperadas e sinxelamente consideradas como unha pura trapallada.
Tamén pode ser que se nos conceda o título de trapalleiros por non protexer coa mesura, capacidade e mínima dotación de recursos que merecen algunhas pezas únicas, mentras protexemos baixo mil candados e sofisticados sistemas de seguridade outras pedras chamadas "preciosas".
Somos así.

Foto: Petroglifos no monte de San Fiz (Antas de Ulla)

domingo, 3 de febreiro de 2008

Amantes

Despois dunha treboada gústame observar as bágoas que caen das pólas, golpeando con inusitada bravura nas follas secas do chan. Os carballos nús, húmidos e aparentemente inertes, beben na sazón que percorre o carón das suas raices. Se escoitas, ata podes oilos tragar con avidez...
E no medio do prado dous amantes esconden reciprocamente os seus pudores nun abrazo vertical, profundo, lascivo e perenne. Se miras, ata podes ver o vaivén da sua paixón...
De maneira sensual entrelazan os seus dedos elevados cara as nubes preñadas de auga que seguirá regando o seu desexo. O enrabietado aire do nordés pon a melodía a este cadro, zoando entre as xestas, erguendo as follas, musitando notas e acordes que esbaran no pentagrama cóncavo da cúpula celeste.
Se sintes, ata podes percibir como gozan no seu estático movemento...

Foto: Carballos abrazados no Cruceiro

mércores, 30 de xaneiro de 2008

Temporalidade

De xeito constante e coa precisión máis reiterada, a vida vai pasando. Un día segue a outro coa parsimoniosa rapidez dun lóstrego ralentizado.
A relatividade na duración do tempo circunscríbese en múltiples factores que teñen que ver con infinidade de puntos de vista e de acotación dese propio espazo temporal.
Así, cando somos nenos un simple curso escolar semella unha eternidade; e, pola contra, na medida en que imos cumplindo anos, percibimos como pasan pola parede da nosa vida os sucesivos calendarios con pasmosa rapidez, do mesmo xeito que as horas de pracer fuxen temerariamente raudas, contra os minutos de dor que semellan non ter fin. Acortar éstes e alongar aquelas é unha habilidade que deberíamos entrenar con máis constancia.

Foto: Perspectiva da posta de sol de xaneiro dende unha verza de Antas

venres, 25 de xaneiro de 2008

Miradas

Cantas cousas podemos expresar con unha sola mirada! . Todo un mundo comunicativo é susceptible de xurdir coa complicada sinxeleza dun xeito de mirar.
Se a elo engadimos unha escenografía e maila contextualización axeitadas, seríamos capaces de obter todo un tratado de emocións, sutilezas, desexos, inquedanzas...
É ben certo que resulta doado, incluso innato, ver (expresar); máis non sempre temos as mesmas habilidades cando se trata de mirar (interpretar).

Foto: "Gallarda" e carballo (Gallardía e fortaleza)

domingo, 20 de xaneiro de 2008

Cicatrizar

A madurez que, co paso dos anos, imos acadando configúrase non somente co devir do tempo; concorren e adiciónanse feitos, circunstancias e aprendizaxes que somatizamos de xeitos moi diferentes, que van imprimindo no folio do carácter as grafías da experiencia.
Lembramos e interiorizamos eventos positivos e felices; pero aqueles que nos resultaron negativos ou traumáticos son os que máis acaban por marcar a nosa persoalidade frente á vida.
É como se tivésemos que pasalo mal para medrar mentalmente.
Superar dificultades fainos máis fortes; ainda que tales fatalidades, en ocasións, nos deixen cicatrices.

Foto: Un carballo da parroquia de Dorra

domingo, 13 de xaneiro de 2008

Fertilidade

Cada gota de auga dos abundantes trobóns destes días é como un bico garimoso á sedenta terra que, como unha amante cargada de lascivia, déixase penetrar con alevoso frenesí.
Resulta impresionante ver a sutil ledicia das árbores de folla perenne, que en tan poucos encontros amorosos, xa locen a tonalidade verde da satisfacción.
E mentras o doce vaivén da choiva percorre en miles de caricias as follas dos acivros, do seu talo brotan ducias de orgasmos vermellos e redondiños que mañán han ser a semente que volva poboar a terra con centos de novas plantas.
Empeza a festa da fertilidade nos nosos campos.

Foto: Acivro nun xardín de Antas

mércores, 9 de xaneiro de 2008

Bágoas

Fálase de que as persoas debemos controlar (eufemismo de reprimir) non somente os instintos; se non tamén determinadas emocións. Sobre todo publicamente, seica non se debe amosar a reacción máis íntima do ser humán a través de linguaxe corporal e/ou expresivo diante de circunstancias e acontecementos que nos afectan.
Non quero entrar en valoracións de xénero, pero como exemplo ilustrativo pode valer aquelo de que "os homes non choran". Pois vaia carallada!.
Negar ese magnífico recurso de dar fluidez a emisión de sensacións emocionais mediante as bágoas é tanto como negar a natureza do ser en sí mesmo.
Ata os toxos, que no xaneiro ocultan as suas punzantes espiñas co intenso marelear da chorima, cando lles peta choran; como non vou bagoar eu que son tremendamente máis doce que un toxo!

Foto: Entre Vilapoupre en Antas, pola carretera de Alvidrón.

sábado, 5 de xaneiro de 2008

Pasarelas

O grao de sofisticación que acadou a nosa sociedade abrangue tantos ámbitos como actividades desenvolvemos. Semella que xa temos suficientemente cubertas tantas necesidades que adicámonos a rizar rizos coma quén cardaba no liño.
Pero nun dos "artes" que máis despuntamos -ó meu xuizo chegando a límites do absurdo que nin a Ionesco se lle ocurrirían- é no denominado mundo da pasarela. Famosísimas persoas que responden a uns canons da beleza enlatados e fabricados polos gurús da moda, pasean unhas creacións absolutamente ridículas e das que todos nos preguntamos; "e quen raio poñerá iso?".
E amósano en Paris, en Milán ou en Madrid diante do seu anonadado público coa mesma gallardía que fai o galo da foto na palleira de Vilasión diante das pitas do seu harem.
Manda carallo!

luns, 31 de decembro de 2007

Brindar

Dende o pudor máis absoluto que en todos aniña, cada certo tempo amosamos unha parte do noso sentir e do entorno -máis ou menos íntimo- deste xeito tan vangardista como innovador.
Encaixa á perfección neste mundo que hoxe vivimos no que respecta á inmediatez. Resulta un recurso ás veces pouco entendido e incluso en ocasións repudiado; pero ó que ninguén lle pode negar a portentosa capacidade comunicativa que ostenta.
Doutro xeito nunca tería eu a oportunidade de facer un brinde co universo enteiro como hoxe fago.
Saúde!
Foto: Resultado de deixarlle a cámara a unha fotógrafa de 9 anos o día de noitevella

venres, 28 de decembro de 2007

Inocencia

Cáese reiteradamente no erro de confundir a inocencia coa escasez de intelixencia. Nada máis lonxe.
A candidez alude á ausencia de dano e de malicia, poda que en ocasións sexa un malabarismo persoal sobre a corda da inxenuidade; pero en modo algún expresa irracionalidade ou ignorancia.
Gusto moito de facer algunha broma polo día de hoxe. Ben artellada e construida. E este ano non foi menos.
Que me perdoen as miñas víctimas, pero hai tradicións que me sinto na necesidade de manter...
A todas e cada unha delas adícolles a mimosa e intelixente mirada de Marante, o burriño do Caminero de Alvidrón.

sábado, 22 de decembro de 2007

Abundancia

Resúltame un chisco paradóxico o feito de asimilar un corno coa fortuna ou coa abundancia -en sentido positivo-. Máis ben antóxaseme relativo á forza ou á defensa, por non entrar en outro tipo de consideracións "decorativas" que ninguén desexa...
Cando as pitas de miña nai "perdían" o ovo (que non era outra cousa que non poñían no niño), seguíamolas para atoparlles a rulada de ovos; así que de casualidades pouco había.
A fortuna tampouco entende de necesidades e arrímase coa audacia, de modo que o azar nada tería que ver con ela; de xeito e maneira que teremos que seguir pensando que o mellor é ter saúde (e mirar as pedreas).
Así e todo este ano seica arrimou algún premio da Lotaría no país, polo que felicito aos agraciados ó tempo que me derreto coa envexa de non terme tocado a min a rulada de euros!.

Foto: Detalle do "Nacemento" instalado na Praza do Concello de Antas de Ulla