mércores, 29 de outubro de 2008

Proposta

Dentro da vertente social que teñen os blogs, e tan so dende o ánimo cívico que habita no meu interior, veño hoxe en propoñer ás Administracións públicas unha idea para minimizar o impacto da crise nos seus presupostos.
E como vexo aos políticos tan sumamente orientados a aportar ideas cara o aforro das familias na parte do custo da vivenda e matizando ese aforro principalmente non na reducción no prezo básico dos impostos sobre o chan, as taxas sobre a construcción, etc, senón na simple reducción do tamaño da vivenda; tomo nota da sua amigable iniciativa e devolvo a miña co mesmo cariño e vehemencia.
Propoño que utilicen como sedes ministeriais ou das diferentes consellerías, así como das delegacións provincias e outras dependencias públicas, construccións do tipo da fotografía (tomada dunha alvariza en Antas de Ulla)
Ademáis de lograr unha considerable reducción dos custos orzamentarios, tanto de construcción como de mantenemento, acadaríase así unha moi axeitada integración medioambiental con un mínimo impacto no mesmo e liberaríanse os recursos precisos para adicar á atención social, educativa, sanitaria, infraestructuras...

Foto: Proposta de sede do Ministerio da Vivenda

xoves, 23 de outubro de 2008

Equilibrio

Medramos na chousa global, acotados polos valados das fronteiras e periódicamente trocamos os froitos das nosas entrañas a cambio da moeda de esterco que nos volve fertilizar e de cuxa necesidade somos únicos autores.
E en cada ciclo estacional repítese a mesma sinfonía sin necesidade de mudar de pentagrama nin de batutas que a dirixan nin oidos que a escoiten.
Ata que un día, feridos pola macheta do estrés e asfixiados polo adival das premuras, ficamos tronzados enriba do noso propio pe .

Foto: Equilibrio inerte

sábado, 18 de outubro de 2008

Canchapernas

Que se negro, que se branco. De dereitas ou de esquerda. Grande ou pequeno. Gordo ou fraco. Lonxano ou de perto. Áxil ou torpe. Bo ou malo. Manso ou bravo. Seco ou mollado. Que se doce, que se amargo. Que se vivo, que se morto. Que se esto, que se aquelo...
Pois tamén pode ser nin sí nin non, senón todo o contrario. Nin subindo nin baixando, nin de a pe nin dacabalo.
A canchapernas entre os dous lados e facendo forza no pe que mellor conveña en cada intre ou asentado nos dous por igual. Todo elo sen perder a verticalidade nin a compostura: galego; por riba de todo.

Foto: A canchapernas do Ulla no seu berce

sábado, 11 de outubro de 2008

Simplicidade

Sesudos estudosos da economía licúan estes días os seus miolos para tentar asesorar axeitadamente aos responsables políticos de como atallar unha situación que se torna máis complicada cada día que pasa.
Semella que a fortaleza de antonte non era tanto e hoxe todo se torna peligrosamente delicado. Mesmo parece que se tambalean as estructuras nas que se sustentan as necesidades creadas ó abeiro dunha pseudoprosperidade sumamente dependente do consumismo atroz e dirixido.
Resulta que ninguén se decata de que todo isto tiñámolo solucionado dende fai moito.
Auga e alimento. Todo nun entorno ledo, acolledor e atrainte. Sin presas. Sin beber máis auga da que se da tragado e sin meter máis millo do que cabe no hórreo.
Naquela simplicidade de antano tamén se recreaba todo un arte que hoxe so é materia de estudo da antropoloxía; cando debería ser toda unha asignatura conceptual para entender a macroeconomía.

Foto: Bolsa de San Martiño de Vilapoupre (Antas de Ulla). Hora punta.

domingo, 5 de outubro de 2008

Lugo

Seguramente que nun día coma hoxe a imaxe de Lugo é un caldeiro de polbo cocéndose ao carón das casetas do parque de Rosalía. As festas do San Froilán teñen un marcado carácter gastronómico, parte lúdica na que pondera dun xeito relevante o cefalópodo servido ó denominado "estilo feira".

Pero non hai duda de que a imaxe característica de Lugo, en festas ou fora delas, é a muralla. Pondera de xeito importante, de entre as imaxes perimétricas do romano monumento, este cubo con fiestras perto da Porta de San Pedro, coñedido por "A Mosqueira".

Foto: Non todo vai ser Antas

domingo, 28 de setembro de 2008

Osadía

Contan que a ignorancia é moi osada, seguramente por non ser quén de analizar as consecuencias nin o alcance dos actos que realiza.
Sin deixar de recomendar prudencia e mesura, tamén compre recoñecer que sin arroutes de osadía de cando en vez...deixaríamos de percibir unha boa parte do que nos rodea.

Andaba eu na procura dunha foto do insecto, agardando que se pousase nunha folla de mazaira e...voilà; mira ti onde se veu meter!

Foto: Algunha manicura na sala?

domingo, 21 de setembro de 2008

Técnica

Nos entornos pedagóxicos do márketing dise que o experto nesa materia non necesariamente ten que ser un comercial, pero que ámbolos dous profesionais se complementan.
O experto en márketing non vende; simplemente entretén e distrae ó cliente para que o comercial lle coloque o producto. As técnicas empregadas para esa distracción poden ser múltiples e moi variadamente inxeniosas.
Que vos parece se vos digo que na farmacia do escaparate fotografiado querían impulsar a venda dunha marca de alimentos infantís? . Como "dano colateral" se incrementan as vendas de caixiñas azuis...tampouco pasa nada!

Foto: Moreas (non mareas) de condóns en Burela (Cedida por V. da B. )

venres, 12 de setembro de 2008

Mesura

Agora todo o mundo recoñece que o ciclo económico nos está levando pola senda do retroceso e das dificultades.
Antonte todo eran chamadas a consumir, incluso por riba das propias posibilidades; onte falaban de moderación e cautela e hoxe aluden claramente á necesidade de controlar os gastos, incluso os necesarios.
Semella que estabamos nunha festa con xoldra e algarabía e metémonos nun sepelio de córpore in sepulto
Ultimamente parece que non hai termo medio.
Unha verdadeira mágoa, pois se sachamos un chisco no nabal da nosa memoria, axiña lembraremos que a mesura debía presidir cada unha das nosas accións.
Por iso hai que ter tino coas solucións, para que éstas non acaben por ser o problema.

Foto: Xa non temos ratos!

sábado, 6 de setembro de 2008

Discreción

Nunca vin a unha femia de lagarto alegre de cascos.
Abundando máis na observación, eu diría que son exemplo de discreción e recato. E por riba disque son animais de sangue fría; o cal lles debería aportar ainda máis cobertura nese plano.
Por iso non atino a comprender a teima humana de guindar sambenitos con marcados matices de caracter sexual, baseados nos animais.
Debería ser unha virtude que a alguén lle chamasen lagarta. Debería ter o sentido de muller áxil de movementos, silenciosa no desplazamento e absolutamente integrada no hábitat sin buscar o realce. Xustiño o contrario do que se pretende a quen tal calificativo se lle outorga (agás tal vez a alusión de "movemento áxil", pero non precisamente usado para o desprazamento...)

Foto: Unha lagarta de Antas de Ulla

luns, 1 de setembro de 2008

Intensidade

En ocasións sufrimos deslumbramentos frontais de tal magnitude, que nos deixan cos ollos lostregando por un anaco, sin que o nervio óptico sexa capaz de enviar sinais coherentes ó cerebro.
Unha morea de sempre renovadas e algunas veces case descoñecidas sensacións bolborotea por algures, resultando imposible precisar a ubicación.
Coa intensidade in crescendo, inúndanos un entusiasmado afán de embelesamento, atracción e desexo de seguir mirando para os pétalos abertos e deslumbrantes.
Ainda sin esquecer que ten raices, pode ser sublime a contemplación da flor.
E mentras me asbstraio nese estado, case ascético-místico, da contemplación pregúntome; qué pensará a flor?

Foto: Flor de agosto en Antas de Ulla

xoves, 28 de agosto de 2008

Profilaxe

Púxose de moda en certas empresas a creación das eufemísticamente chamadas plataformas telefónicas, que no fondo non son máis que un xeito de non dar a cara cun establecemento físico.
Armémonos de paciencia se temos que chamar a unha destas para reclamar (ultimamente parece que todo quisque empaqueta trapalladas). Resulta ben complicado rematar con éxito unha destas xestións. Mesmo semella que non entenden o idioma, son lentos, pouco dilixentes e por riba...pagas ti a chamada. Hai que joderse co telediario!.
Un xa non sabe se o verdadeiro negocio da empresa é vender un producto tarado ou que chames despois para reclamar e terte colgado do teléfono escoitando o último LP de Perico dos Palotes, mentras eles -unha e outra vez- "verifican los datos" . Por máis conciliador que inicies a xestión, resulta moi habitual rematala cos nervios aterecidos...
Diante destas agresións que ese entorno tan sumamente hostil nos prodiga, dan ganas de, tomando unhas axeitadas medidas de profilaxe, lles deamos o seu merecido!!!
(Ou, neste caso, sería máis eficaz chuzárllelo sin él? ...)

Foto: Toxo con condón na beirarúa de Alvidrón (Antas de Ulla)

domingo, 24 de agosto de 2008

Casualidade

Resulta que con paciencia, e sin necesidade de Prozac por vía oral, chega a solución estética capilar. Con prezos de oportunidade e rótulos rechamantes. ¿Imos?

(Quen vería á perruqueira ourensá, a onde corresponde esta foto, se ve entrar pola porta á percheroa de Cutián coas suas guedellas enmarañadas con restos de palla e toxos!)

Necesidade

Pódese presumir incluso das necesidades, e lucilas amosando certo estoicismo na pose, que ninguén debe confundir con resignación; pois -ben mirado- achégase doadamente á idea de esbeltez.
Erguerse sempre das patas de diante carréxanos tensións e estresantes momentos, que irremediablemente acaban por conducirnos á consulta do siquiatra; así que -de cando en vez- paga a pena relaxarse e agardar a que os acontecementos vaian xurdindo...

Foto: Egua guedelluda en Cutián (Antas de Ulla)

xoves, 21 de agosto de 2008

Minúsculo

Non hai xeito a comprender tanto en tan pouco tempo. Un so segundo e todo muda, todo doe, todo remata. Tantas inquedanzas e tantas ilusións, misturadas con dificultades e con preocupacións; conformando vida.
E de súpeto os planos mudan e todo perde relevancia. Nada era importante se lle sustraemos o único importante: a vida.

Non hai xeito para comprender que tantas persoas perdan a vida así. Por máis avións que se estrellen, non hai xeito ata comprender que somente somos un gran de area.
Terán que pasar estas tremendas desgracias para que nos percatemos de que somos minúsculos?

domingo, 17 de agosto de 2008

Quentura

Non sei como a xente racha tantas vestiduras cando contempla expresións de amor (*) entre dous homes ou duas mulleres, xa que na realidade da vida diaria rural foi algo que aconteceu a cotío entre os animais. Eles amosaron sempre as suas quenturas sen rubores nin tapullos, na intimidade do prado pechado ou da corte aberta.
E non se trata de establecer diferencias entre humáns e animais, no que repecta ó control dos instintos básicos; se non da mera constatación da existencia destes.
[No caso concreto das vacas, eu sempre pensei que son bisexuais; xa que despois destas cabalgaduras a "montadora" acababa sendo cuberta polo boi; pero non podo deixar de matizar a paixón coa que sube aos lomos da sua compañeira e, de xeito recíproco , o decidido somentemento da "montada". Todo un tratado de filosofía animal.]
(*) Quixen dicir sexo

Foto: "¿E ti que miras?". Peibás (Antas de Ulla)

sábado, 9 de agosto de 2008

Vigor

Dicíamos onte... que a fraxilidade vital resulta tamén un exemplo de vigor e de superación, ainda nas dificultades máis insospeitadas.
Estar ou non no sitio axeitado á hora precisa, pode significar o ser ou o non ser. Esa delicadísima razón que se consolida nos cementos do puro azar, acaba por resultar un feito determinante e sen paliativos para que escribamos unha soa liña ou varios tomos da estantería da vida.

Está claro que Silva miañou na silveira de Antas á hora precisa para que poidéramos escoitar a sua chamada de auxilio o pasado 26 de abril.
Entre o ser e o non ser somente media un miañar...

Foto: Silva , o gatiño da silveira de Antas

domingo, 3 de agosto de 2008

Abellón

Tan so dez días median entre estas duas imaxes.
Unicamente duascentas corenta horas -e un abellón- establecen as diferencias. É o mesmo allo na mesma leira e dende a mesma perspectiva.
A cámara e mailo fotógrafo son os mesmos.
O allo seguiu o seu ciclo vital e abriuse.

Un abellón seguiu o seu ciclo vital e, dez días despois, viuse atraido pola flor do allo.

Estarémonos abrindo para que un abellón perguiceiro nos veña zugar as entrañas dentro de dez días?

(Se zuga con arte...)

Fotos: Máis listo que un allo (de Antas, claro)

xoves, 31 de xullo de 2008

Derrega

Resulta curioso que nun país no que a auga sempre veu do ceo, sin moita máis complicación, acaeceran liortas de moitísima relevancia polos dereitos de rego. Complicados turnos non sempre acotados polos días ou meses, se non polas lúas, unidos ás sucesivas partixas sobre predios cada vez máis pequenos e minifundistas, teñen rematado en verdadeiras traxedias entre consanguíneos, colaterias, veciños e Administracións.
Avogados e asimilados levaron as suas talladas por mediar en conflictos de augas e deslindes nun país no que, unha vasta extensión, estaba a comaróns , valados, sebes e silveiras.
Pero hoxe siguen vixentes os marcos que colocaron a pulso homes que non coñeceron o descanso, que se guiaban pola altura do sol para delimitar os seus horarios vitais e que, cando levaban o seus corpos cansos a cear detrás da lareira unha cunca de leite con pan de millo, a terra que labraban cada xornada seguía pegada ós seus zocos, á pana dos seus pantalóns , ó texido epitelial das suas mans e perimetralmente presente nas suas mentes.
Resulta curioso, pero comprensible, que as derregas fosen a fronteira a defender diante do invasor, xa fose irmán, cuñado, veciño ou brazo administrativo.

Foto: Derrega entre Pontevedra e Lugo no Marco-Ludeiro (Antas de Ulla)

luns, 28 de xullo de 2008

Civismo

Lembro que nas primeiras nocións de informática de programación que escoitei, decíase que o ordenador era un auténtico burranzán ó que era preciso ir dando todas as instruccións pasiño a pasiño de xeito que soupera executalas correctamente.
De tal sorte que non se podía dar unha orde que supuxese un mínimo avance na acción, sen que antes non se lle dese a inmediatamente anterior, so pena de caer nun bucle ou simplemente que a acción non se realizase.
Algo de pailáns nos debe quedar aos humanos no córtex, cando compre seguir lembrándonos as normas mínimas de convivencia e de civismo. O que non sei é como sabemos conducir audis e bemeuves sin que anteriormente nos ensinaran a lavarnos os dentes...

Foto: Hai que ghardala e mexar na intimidade oh

venres, 25 de xullo de 2008

Patria


Coa fachenda de sentirnos fillos da Galicia nai que hoxe celebra o seu día e percibindo que o azul e o branco son as verdadeiras cores dos nosos corazóns, quero expresar unha vez máis a miña ledicia de sentirme galego. Hoxe e tamén os outros 364 días de cada ano!


--oOo--

En pé! Irmáns!

En pé, sereos,

a limpa frente erguida,

envoltos na brancura

da luz que cai de riba,

o corazón aberto

a toda verba amiga,

e nunha man a fouce

e noutra man a oliva,

arredor da bandeira azul e branca,

arredor da bandeira de Galicia,

cantémo-lo dereito a libre nova vida!

Validos de treidores

a noite da Frouseira

á patria escravizaron

uns reises de Castela.

Comestas polo tempo,

xa afloxan as cadeas…

Irmáns asoballados

de xentes extranxeiras,

ergámo-la bandeira azul e branca!

e ó pé da enseña da nazón galega

cantémo-lo dereito a libertar a Terra!

Irmáns no amor á Suevia

de lexendaria historia,

en pé! en pé dispostos

a non morrer sin loita!

O día do Medulio

con sangue quente e roxa

mercámo-lo dereito

á libre honrada chouza!

Xa está ó vento a bandeira azul e branca!

A oliva nunha man, a fouce noutra,

berremos alto e forte:

“A nosa terra é nosa!”


Ramón Cabanillas

Foto. As miñas bandeiras: Antas de Galicia

martes, 22 de xullo de 2008

Misturas

A pasada fin de semana lin un artigo nun diario galego que, baixo o mesmo epígrafe, falaba dunha ponencia-marco sobre a regulación dos órganos de goberno das Caixas de Aforro galegas e tamén sobre a necesidade de darlle un marco legal á prostitución.
Cando un periodista consagrado fusiona eses dous temas é que seguramente hai conexión entre eles. Será que considera que os Consellos de Administración das Caixas teñen certos matices en común coas casas nas que se exerce o oficio máis vello do mundo?; ou cecais estima que nos chamados clubes de carretera podería prestarse un servizo adicional relacionado coa dispensación de efectivo?
Pasados uns días ainda persisto en debullar as motivacións de tal mistura. Se cadra tamén foi debido a unha simple confusión do rótulo dun caixeiro automático co neón azulado do último bar de copas...

Foto: Ou arre ou xo. Sinais en Santa Cristina de Areas (Antas de Ulla)

sábado, 12 de xullo de 2008

Optimismo

O mundo empresarial estuda con recalcitrante énfase o xeito de optimizar os seus recursos coa fin de acadar mellores resultados e rendibilidades sen acometer novas inversións e reducindo os custes.
É como se co mesmo paquete de deterxente pretendésemos lavar máis roupa moito máis sucia en menos tempo e reducindo o consumo de auga.
Solución: meterlle caña á lavadora.
Os traballadores somos a lavadora das empresas. Agora, para minimizar o impacto da crisis nas suas contas de resultados, falan de poñernos a lavar durante 65 horas semanais. Sin engadir deterxente nin suavizante e coa esixencia dun centrifugado máis intenso.
Parecía que todo ía ben e mira ti; para que logo digan que hai que ser optimistas.

Foto: Profecía ou advertencia?

sábado, 5 de xullo de 2008

Trivialidades

Gozamos de tantos privilexios e rodéannos tantos agasallos que ás veces esquécenos disfrutalos co vigor e coa entrega que sería aconsellable.
Ocupámonos en demasía na construcción da ponte e despois non temos tempo de cruzar por ela, de asomarnos ao peitoril para contemplar como a auga flue paseniña baixo os nosos pes secos.
Trabucamos con terca reiteración cales son as finalidades e cales os medios para acadalas. Valoramos en exceso a moeda de curso legal mentras simultaneamos a devaluación do realmente importante.
Deberíamos mergullarnos con máis asiduidade nas cuestións sinxelas que, curiosamente, adoitan ser de balde e cecais por elo non acadan o aprecio que se lles debe na nosa escala. Consideradas triviais; esas pequenas cousas son as que nos cargan de enerxía e reinventan cada día o noso motivo vital.

Foto: O son da auga. Sinfonía gratuita

sábado, 28 de xuño de 2008

Académicos

Xa teño falado da osadía das comparanzas; pero despois de sentada esa premisa hai ocasións nas que o método comparativo permite establecer baremacións entre duas ou mais cuestións ás que se lles supón algo en común. Ainda que se diga que non se deben xuntar churras con merinas, semella lexítimo discernir as propiedades cualitativas da lá ou as cuantitativas de leite de cada unha delas...
Chegado a este punto pregúntome con teimuda vehemencia cal será o motivo polo cal o Diccionario da RAE comete un clarísimo vilipendio cando define o termo "gallego" , na sua acepción de idioma . Tal menosprezo percíbese axiña se o comparamos coa definición atribuida a "catalán".
Seica o galego non é unha "lingua romance vernácula"?. Acaso os galegos que falan en castelán están tamén falando en galego? (gallego: lengua de los gallegos)
Deberíamos axudar aos Académicos da lingua española a limpar, fixar e dar esplendor a unha lingua, sen menoscabo doutra.

Foto: Un capulliño marelo de Antas para os académicos españois

xoves, 19 de xuño de 2008

Estímulos

Millóns de conexións neuronais transmiten centos de impulsos que o noso cerebro asimila cada milésima de segundo e que obteñen unha resposta que non sempre resulta perceptible ao individuo, quedando en meros impulsos ou simples respostas reflexas.
Cada estímulo, xa sexa sensorial ou nun plano que comporta aditamentos máis emocionais, desencadea unha serie de reaccións químicas que supoñen un considerable consumo enerxético da masa cerebral.
Ainda con esas, a mente humana é capaz de interpretar unha cantidade inxente de información de xeito simultáneo, permitindo afirmar que somos multitarea. (Din algunhas mulleres que os varóns temos esa capacidade menos desenvolvida, pero eu penso que o din con coña...).
Pero, claro; como son tantísimas e tan variadas as mensaxes que recibimos a cotío, non sempre somos quén de procesalas todas coa idoneidade axeitada. Así hai veces que non nos percatamos da tonalidade cromática do semáforo da nosa vida e...saltámolo en vermello!

Imaxe: Escaneado de pétalos de Antas. (Resío virtual da noite de S. Xoán)